Na Lúa
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2020.) |
Atención: Este artigo ou sección semella conter investigacións orixinais. |
Na Lúa | |
---|---|
Orixe | O Porriño, Galicia |
Período | 1980–2005 |
Xénero(s) | Folk , pop e jazz |
Membros | Xosé Ramón Paz Antón Antón Rodríguez Ricardo Pereiro Xabier Camba Abal Cándido Lorenzo Xabier Devesa |
Na rede | |
Na Lúa é un grupo musical galego de estilo folk, con algúns elementos do pop e o jazz.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu no 1980, co propósito de restabelecer a dignidade da música de Galicia. A crítica definiunos na súa primeira etapa coma "unha ponte harmónica entre a tradición e o futuro". Os seus compoñentes fundadores foron: Xosé Paz Antón, Ricardo Pereiro, Pancho Álvarez, Darío González e Rafa Vega. No ano 81 incorpórase Antón Rodríguez.
Tiñan como referente as raíces da música popular, recorrendo á divulgación do cancioneiro tradicional e tendo esa pegada arcaica como inspiración da nova música composta polo grupo. Ao mesmo tempo, buscábase o encontro desa música de tradición oral coa "aldea global", a sociedade dos medios de comunicación, o futuro, a contemporaneidade, e a contraposición.
Con estas claves o grupo navega durante case dúas décadas por centos de escenarios, platós de televisión e estudios de radio. Viaxaron a Bretaña e ó centro de Francia, Arxentina e Uruguai, Austria, Escocia, o norte de Italia, as Açores e o Portugal Continental. Galicia é o seu centro de operacións, pero é unha das bandas do noroeste con maior proxección a outras comunidades da península.
Ata o momento a súa obra musical gravouse en seis traballos discográficos básicos, nos que aparecen aqueles ingredientes característicos da súa obra: a tradición, a música de Portugal, o jazz no seu primeiro disco, o neotrobadorismo, o celtismo, certo coqueteo co pop, o africanismo, a poesía de Pondal ou a nova poesía que cantaba Uxía Senlle nos anos que permaneceu coa banda.
Cumpridos vinte anos, Na Lúa ten sido dende os seus comezos, un grupo adiantado ós tempos ó concibir a música tradicional e a música folk como elementos inherentes a unha música contemporánea local pero con vocación universal. Ó longo destes anos o grupo estivo presente nos máis significativos eventos musicais dentro e fóra das nosas fronteiras. Recibiron importantes premios e editaron un total de sete discos. O que fai o número sete, intitulado Feitizo, publicado recentemente, é un traballo conceptual dedicado ó mundo do esotérico, das meigas e de todo aquilo que a cultura popular utilizou como guía e fonte de sabedoría ó longo dos tempo. Na Lúa, que sempre foi a cara máis moderna do folk en Galicia, sintetizan neste Feitizo en forma de bebedizo para escoitar aspectos ancestrais da cultura popular, que van dende o máxico e lendario ó real e o musical, co seu innato xeito de entender a música: Con raíces que dende a terra crecen para apuntar á Lúa que é, talvez, orixe destes artistas que sempre contemplaron a música dende un lugar próximo e distante, permanente e actual. Este traballo é o punto de referencia para o seu espectáculo do ano 2000.
Colaboracións
[editar | editar a fonte]Amais desta obra discográfica iniciada no 1985 e constantemente reeditada, Na Lúa participa noutros nove discos de carácter antolóxico ou recompilatorio a carón de artistas coma Capercaille, Alan Stivell, Youssou N'Dour, Clannad e Altan, entre outros.
Realizaron música para cinema, colaboraron con múltiples asociacións non gobernamentais, protagonizaron programas monográficos de televisión e apareceron nas revistas de maior divulgación: Trad Magazine (Francia), Folk Roots (Inglaterra), Rhythm Music Magazine (USA) ou Lira (Suecia).
Compoñentes
[editar | editar a fonte]- Xosé Ramón Paz Antón: guitarra e percusión
- Antón Rodríguez: frautas, saxo soprano e gaita
- Ricardo Pereiro: baixo eléctrico
- Xabier Camba Abal: batería e percusións
- Cándido Lorenzo: clarinete, whistle e gaita tradicional
- Xabier Devesa: acordeón, voz e percusións
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]- Na Lúa (1985)
- A estrela de maio (1987)
- Ondas do mar de Vigo (1988)
- Contradanzas (1991)
- Peliqueiro (1994)
- Os tempos son chegados (1997)
- Feitizo (1999)
EP
[editar | editar a fonte]- As meigas chegan (1999)
Recompilatorios
[editar | editar a fonte]- As fases de Na Lúa (2001)