Mozi
Nome orixinal | (zh) 墨子 |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 470 a. C. Reino de Lu, Dinastía Zhou |
Morte | 391 a. C. (78/79 anos) |
Residencia | Estado de Song |
Actividade | |
Campo de traballo | Ética, filosofía social, filosofía política, lóxica e epistemoloxía |
Ocupación | filósofo, enxeñeiro militar, enxeñeiro |
Período de actividade | (Con vida en: 400 a. C. ) |
Alumnos | Qin Guli e Tian Jiu |
Descrito pola fonte | Gujin Tushu Jicheng (pt) Registos do Historiador (pt) Enciclopedia soviética armenia, volume 8, (p.59) |
Mozi (chinés tradicional e simplificado: 墨子; pinyin: Mòzǐ; Wade-Giles: Mo4-tzu3; xaponés: Bokushi; lit. "Mestre Mo"), nome de nacemento Mo Di 墨翟, nado cara o -470 e finado arredor do -391, foi un filósofo e lóxico chinés do período dos Reinos Combatentes, fundador do Moísmo, unha das Cen Escolas de Pensamento.[1] O texto antigo titulado Mozi 墨子 ("Mestre Mo") contén materiais atribuídos a Mozi e os seus discípulos.[1]
Mozi fundou o moísmo, unha escola en aberta polémica tanto co confucianismo coma co daoísmo.[1] A filosofía de Mozi poñía a énfase no amor universal, a orde social, a vontade do ceo, a colaboración e o mérito. Durante o período dos Reinos Combatentes, os moístas estiveron activos en diversos reinos, mais entraron en declive co ascenso ao poder da dinastía Qin no -221, xa que o emperador Qin Shi Huang favorecía á escola lexista. Durante esta época, moitos dos textos clásicos moístas foron destruídos na chamada queima dos libros e enterramento dos eruditos. O moísmo continuou a perder importancia cando o confucianismo se converteu na doutrina oficial da dinastía Han, chegando a desaparecer case completamente ao remate da dinastía Han do Oeste.[2] Mozi é mencionado no Qianzi wen 千字文 ("Clásico dos mil caracteres"), que o describe a súa tristeza ao contemplar a tinguidura dunha tea de seda branca, simbolizando a súa concepción da austeridade como simplicidade e castidade.
O seu concepto de amor ou ai 愛 foi desenvolvido en aberta oposición á idea confuciana do amor benevolente. Mozi intentou superar o que el consideraba un excesivo apego ás estruturas familiares e aos clans, propio da sociedade chinesa, cunha noción de amor universal ou jian'ai 兼愛. Neste sentido, polemizou cos confucianos, para os que preocuparse de distinta maneira polas persoas segundo o seu grao de parentesco, amor ou amizade era o comportamento natural dos seres humanos. Mozi, pola contra, pensaba que deberiamos preocuparnos de todo o mundo por igual, mais que adoptar diferentes actitudes segundo a persoa. O amor debe ser incondicional, outorgado sen agardar reciprocidade, con independencia da nosa relación cos individuos, pois todos somos iguais a ollos do ceo. Xa que logo, o poder debería asignarse segundo un sistema meritocrático, sen importar o parentesco; teñen que gobernar os que son dignos de facelo, a imitación dos reis sabios da antigüidade. Esta noción de amor sería retomada polo budismo chinés, que empregaría o termo ai 愛 para referirse a un dos desexos fundamentais.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]É moi probable que Mozi fose un membro da clase dos artesáns, que logrou ascender a un posto oficial. Naceu no reino de Lu (actual Tengzhou, provincia de Shandong), aínda que durante un tempo desempeñouse como ministro do reino de Song.[3] Do mesmo xeito ca Confucio, Mozi mantivo unha escola para aqueles que desexaban converterse en oficiais de corte dalgún dos Reinos Combatentes.[3]
Mozi foi un renomeado carpinteiro, coñecido pola súa habilidade na construción de artefactos. A pesar de non exercer ningún cargo oficial, moitos gobernantes contrataron os seus sevizos como experto en fortificacións. Malia ser educado no confucianismo durante a mocidade, sempre considerou que as súas doutrinas eran demasiado fatalistas, coa súa énfase nas celebracións e ritos funerarios, que limitaban a vida e a produtividade da xente común. Os seus seguidores, sobre todo técnicos e artesáns, estaban organizados nunha orde disciplinada, e tiñan que estudar os textos de Mozi, tanto filosóficos como técnicos.
Segundo a imaxe tradicional do filósofo, desempeñábase con paixón polo ben da xente, sen preocuparse polas ganancias persoais ou, incluso, pola súa propia vida. As súas contribucións á sociedade foron alabadas por moitos, incluído Mencio, discípulo de Confucio.
Filosofía
[editar | editar a fonte]A filosofía de Mozi enfatiza a introspección, a autoreflexión e a autenticidade fronte á obediencia aos rituais. Segundo a súa experiencia, as persoas adoitan aprender sobre o mundo a través da adversidade. Xa que logo, ao meditar sobre os propios éxitos e fracasos, podemos obter un coñecemento de nós mesmos alleo á conformidade cos rituais. Así, Mozi promoveu unha vida de ascetismo e autocontrol, así como a renuncia aos luxos materiais e espirituais.
Traducións
[editar | editar a fonte]En castelán
[editar | editar a fonte]- Política del amor universal (1987). Tradución directa de Carmelo Elorduy. Tecnos.[4]
- Contra el arte de la guerra (2012). Tradución directa de Fan Yiming. Proteus.[5]
En inglés
[editar | editar a fonte]- The Mozi: A Complete Translation (2010). Tradución directa de Ian Johnston. Columbia University Press.[6]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Mozi - Chinese Philosopher & Founder of Mohism - Britannica". www.britannica.com (en inglés). Consultado o 2024-03-17.
- ↑ Fraser, Chris (2002). Zalta, Edward N.; Nodelman, Uri, eds. Mohism (Winter 2002 ed.). Metaphysics Research Lab, Stanford University.
- ↑ 3,0 3,1 Needham, Joseph; Wang, Ling (1956-01-03). Science and Civilisation in China: Volume 2, History of Scientific Thought (en inglés). Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-05800-1.
- ↑ "Política del amor universal — 墨子 (Mozi) — La literatura china traducida en España". dtieao.uab.cat. Consultado o 2024-03-17.
- ↑ "Contra el arte de la guerra — 墨子 (Mozi) — La literatura china traducida en España". dtieao.uab.cat. Consultado o 2024-03-17.
- ↑ The Mozi: A Complete Translation. Columbia University Press. 2010-02. ISBN 978-0-231-15240-2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Mozi 墨子 (La literatura china traducida en España)
- Mozi 墨子 - Texto completo en chinés clásico e inglés (Chinese Text Project)