Mini-Europe
Mini-Europe | |
---|---|
A maqueta da Catedral de Santiago de Compostela en Mini-Europe (vista xeral e detalle). | |
Tipo | Parque temático |
Fundación | 1 de xuño de 1989 |
Localización | Laeken Bruxelas Rexión de Bruxelas Bélxica |
Industria | Lecer e esparexemento |
Na rede | |
https://www.minieurope.com/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Mini-Europe é un parque de Bruxelas, Bélxica, situado ao pé do popular Atomium, que alberga reproducións a escala 1/25 dalgúns dos monumentos máis coñecidos da Unión Europea. A exposición componse duns 350 edificios representativos de 80 cidades.[1]
Descrición
[editar | editar a fonte]Nos seus 24.000 metros cadrados, o parque contén reproducións dos monumentos de máis sona da Unión Europea, a escala 1/25, correspondentes a preto de 80 cidades.
É moi salientable a calidade das súas maquetas, algunhas das cales chegaron a custar ata de 350.000 euros (como a Grand-Place de Bruxelas). O parque contén, ademais, diversas animacións (tren, muíños, a erupción do monte Vesubio, un Airbus, a caída do Muro de Berlín, as góndolas de Venecia, etc.).[2]
Durante a visita, disponse dunha guía impresa que dá información sobre todos os monumentos e, ao seu remate, hai unha exposición interactiva denominada "Espírito de Europa" que presenta a Unión Europea dun xeito lúdico e participativo. A través dos monumentos en miniatura e das escenas da historia de Europa, amósanse os valores europeos (democracia, emprendemento, cultura, prosperidade, espírito de aventura, a herdanza cristiá, a tecnoloxía, o laicismo e o multiculturalismo), así como a súa herdanza (gregos, romanos, viquingos, Idade Media, Renacemento, Ilustración, Revolución Francesa, etc.) e mesmo acontecementos máis conxunturais, como o brexit.[3]
Para todas estas actividades, Mini-Europe conta co apoio da Comisión Europea e do Parlamento Europeo.
Un libro-guía en 11 linguas detalla información, anécdotas e datos curiosos sobre os monumentos, sobre os seus países e sobre a Unión europea.[4][5]
Historia
[editar | editar a fonte]O proxecto e os inicios
[editar | editar a fonte]A idea orixinal do parque correspóndelle a un empresario holandés que concibiu, en 1986, a realización dun parque en miniatura na zona de Heysel e logrou a implicación no proxecto da Sociedade Rexional de Investimentos de Bruxelas, aínda que finalmente o empresario holandés acabou por retirarse, logo de varios fracasos das súas empresas, cando o parque xa estaba deseñado e as primeiras maquetas foran encargadas. As súas accións foron adquiridas polo grupo Walibi, que formalizou a súa participación como socio no proxecto en xuño de 1988. O investimento total para o desenvolvemento do proxecto foi de 10 millóns de euros.[6][7]
O daquela príncipe e posteriormente rei Filipe de Bélxica inaugurou as instalacións o día 1 de xuño de 1989. Durante os primeiros anos, Mini-Europe non se amosou moi rendible, cun volume de negocio de entre 100 e 120 millóns de millóns de francos belgas (entre 2,5 e 3 millóns de euros).
Os primeiros edificios en miniatura que se puideron visitar foron o Mosteiro do Escorial, o Palacio de Westminster, o Nyhavn de Copenhague, a Grand-Place de Bruxelas, o Arco de Triufo de París, a Torre de Pisa, o Partenón de Atenas e a Porta de Brandemburgo, de Berlín.
En 1997 recibía xa 300.000 visitantes e en 2012 subiron a 350.000. Xa con 4 millóns de euros como volume de negocio, o parque Mini-Europe converteuse nunha das primeiras atraccións de Bruxelas.[8]
A construción dos monumentos
[editar | editar a fonte]Os criterios utilizados para a escolla dos monumentos foron a súa calidade arquitectónica e o seu simbolismo europeo. Logo desa primeira selección, houbo unha segunda fase de investigación, cun custo duns 200.000 euros, na que se procuraron planos, fotografías e a maior cantidade posible de diocumentación técnica de cada edificio.
O equipo de creadores e maquetistas que elaboraron os edificios estaba composto por 165 profesionais procedentes de Alemaña, Francia, Bélxica, Portugal, España, os Países Baixos e o Reino Unido. A maioría dos monumentos foron construídos por moldaxe. As pezas elaboráronse a partir de materiais diversos e, a continuación, copiáronse por moldaxe de silicona. As copias finais fixéronse de resina epoxi (posteriormente pasaron a elaborarse en poliéster). No entanto, houbo tres monumentos construídos en mármore: a Torre de Pisa e o Castelo de Chenonceau.
Para o financiamento da construción dalgunhas destas maquetas contouse, en ocasións, coa colaboración económica dos respectivos gobernos locais, rexionais ou nacionais.[9]
Galicia en Mini-Europe
[editar | editar a fonte]O único edificio galego representado no parque Mini-Europe é a Catedral de Santiago de Compostela, cunha detallada maqueta que requiriu máis de 24.000 horas de traballo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Conheça boa parte de Europa no Parque Mini-Europa". En Dicas da Europa (en portugués)
- ↑ "Activities Arquivado 11 de febreiro de 2018 en Wayback Machine.". No sitio web oficial do parque (en inglés)
- ↑ "Spirit of Europe: una iniciativa de Mini-Europe". No sitio web oficial do parque (en castelán)
- ↑ Pódese consultar o libro-guía na súa versión en castelán aquí Arquivado 06/08/2016, en Wayback Machine..
- ↑ "Descripción". Na páxina web oficial do parque (en castelán)
- ↑ Meeùs, Eddy. Hors des sentiers battus : Du Kivu à Walibi. Éditions Clepsydre. 2002 [ISBN 2-930304-07-3] (en francés)
- ↑ "Walibi se tourne". En Le Soir (Belgique). 21 de abril de 1989 (en francés)
- ↑ "Les parcs à thème Arquivado 21 de setembro de 2013 en Wayback Machine.". Agence de Développement et d'Urbanisme. Pays de Montbéliard (en francés)
- ↑ "Le tour d'Europe en 80 minutes". En Le Soir (Belgique). 7 de abril de 1989 (en francés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mini-Europe |