Saltar ao contido

Minerva

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaMinerva

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Actividade
Lugar de traballo Roma Antiga Editar o valor en Wikidata
Celebraciónrelixión na Roma antiga Editar o valor en Wikidata
Patrón deArtesán, trade (en) Traducir, poeta e mestre Editar o valor en Wikidata
Familia
Cónxuxesen valor Editar o valor en Wikidata
PaisXúpiter Editar o valor en Wikidata  e Métis Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnciclopedia de Otto
Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Editar o valor en Wikidata

Na mitoloxía romana, Minerva é a deusa da sabedoría, as artes, as técnicas da guerra, ademais da protectora de Roma e a patroa dos artesáns. Correspóndese con Atenea na mitoloxía grega.

Títulos e roles

[editar | editar a fonte]

O nome «Minerva» probablemente vén dos etruscos, que a chamaban Menrva. Os romanos terían confundido facilmente o seu nome estranxeiro coa palabra latina mens, ‘mente’, dado que un dos seus aspectos clave como deusa correspondía non só á guerra senón tamén ao intelecto.

Minerva era filla de Xúpiter, quen tras ter devorado a Metis, a Prudencia, sentiu unha gran dor de cabeza, recorrendo a Vulcano, quen lle abriu a cabeza dun machetazo, xurdindo dela Minerva, armada e cunha idade que lle permitiu axudar ao seu pai na Xigantomaquia (guerra contra os Xigantes), onde se distinguiu pola súa valentía.

Unha das características máis famosas da historia de Minerva é o seu desacordo con Neptuno para dar nome á cidade de Atenas. Doce grandes deuses, escollidos como árbitros, decidiron que quen producira a cousa máis útil para a cidade daríalle o seu nome. Neptuno, dun golpe de tridente, fixo que da terra saíse un cabalo e Minerva fixo crecer un campo de oliveiras, o que lle deu a vitoria.

Na Guerra de Troia Minerva amosouse favorable cos aqueos despois de que Paris a humillase ao preferir a beleza de Venus sobre a de Xuno e a súa propia. A casta Minerva seguiu sendo virxe, o que non lle impediu disputar o premio no Xuízo de Paris. Co fin de triunfar sobre os seus rivais, ofreceulle ao seu xuíz o coñecemento e a virtude, aínda que as súas ofertas foron inútiles e gardou por iso un grande rancor.

Ás veces conduce a Ulises nas súas viaxes, ás veces dígnase a ensinarlle ás fillas de Pandora a arte de destacar nos traballos que implican ás mulleres, a representar flores e combates en obras de tapicería, incluso é ela a que embelece coas súas mans o abrigo de Xuno. Nunha ocasión enfrontouse con Aracne para comprobar cal das dúas tecía máis rápido. Para demostralo, Minerva propúxolle un labor: unha tea magnífica. Cando Minerva veu a superioridade de Aracne, foi vítima de tantos celos que decidiu convertela nunha araña (segundo conta Ovidio en Metamorfoses), feito polo que se coñece a Minerva como unha deusa cruel. Esta escena foi representada por Velázquez no seu lenzo As fiandeiras, actualmente no Museo do Prado (Madrid).

Finalmente, é Minerva quen fai construír a nave dos argonautas segundo o seu debuxo, e quen coloca na súa proa a madeira que fala, cortada no bosque de Dódona, a cal dirixía o seu rumbo, informábaos dos perigos e indicáballes os medios para evitalos. Baixo esta metáfora é fácil recoñecer o temón da nave.

Minerva armándose, Lavinia Fontana (1613), Galería Borghese, Roma.

Ovidio denominaba a Minerva a «deusa das mil obras». Foi adorada por toda Italia, aínda que só en Roma adoptou un carácter belicoso.

Os romanos celebraban as súas festas do 19 ao 23 de marzo, durante o día que se chamaba, en plural feminino, Quinquatria, é o quinto tras o Ides de marzo, o décimo noveno, a festa dos artesáns. Unha versión menor, as Minusculae Quinquatria, celebrábase nos Ides de xuño, 13 de xuño, polos frautistas, que eran particularmente útiles para a relixión. Minerva era adorada no monte Capitolino como parte, xunto con Xuno e Xúpiter, da Tríade Capitolina. Na Roma actual pode visitarse a Piazza della Minerva a carón do Panteón.

En 207 a. C. constituíuse un gremio de poetas e actores para reunirse e facer ofrendas votivas no templo de Minerva no monte Aventino. Entre os seus membros estivo Livio Andrónico. O santuario de Minerva no Aventino seguiu sendo un importante centro moito despois do ecuador da república romana.

Nas Vida de Pericles de Plutarco, Minerva aparéceselle a Pericles nun soño e ordénalle un tratamento concreto para un cidadán de Atenas ferido. O tratamento curou ao home e erixiuse unha estatua de latón na súa honra.

Representacións

[editar | editar a fonte]
Minerva nunha moeda conmemorativa estadounidense (1915).

Nas súas estatuas e imaxes posúe unha beleza simple, descoidada, modesta, un grave aire, impresionando a súa nobreza, forza e maxestade. Acostuma levar un casco na cabeza, unha pica nunha man, un escudo na outra e a éxida sobre o peito. Xeralmente aparece sentada, pero cando está de pé ten sempre, coa actitude resolta dunha guerreira, un aire meditativo e a mirada fixa en altas concepcións.

Animais consagrados

[editar | editar a fonte]

Os animais consagrados a Minerva eran o moucho[1] e o dragón.[2] Facíanselle grandes sacrificios, de forma que nas grandes Panateneas cada tribo do Ática sacrificaba un boi, distribuíndo logo a súa carne entre o pobo. Ás veces tamén se relacionaba a súa astucia e a sutileza da súa beleza coa sagacidade da serpente.

  1. Guillén, Lucía Rodríguez-Noriega (2006). "Intentando socavar una falsa creencia: la identidad del Ave de Atenea". Studium: Revista de humanidades (12): 103–111. ISSN 1137-8417. 
  2. Paula Mellado, Francisco de (1854). Enciclopedia Moderna. Madrid. pp. xxvii.894.