Miku
Miku | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Nicolás Ladislao Fedor Flores | ||
Nacemento | 19 de agosto de 1985 | ||
Lugar de nacemento | Caracas | ||
Altura | 1,85 m. | ||
Posición | Dianteiro | ||
Información de club | |||
Club actual | Metropolitanos | ||
Carreira xuvenil | |||
1989–2001 | Santo Tomás de Villanueva | ||
2001–2004 | Valencia | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2004–2010 | Valencia | 2 | (0) |
2004–2005 | → Alcoyano (cedido) | 21 | (5) |
2005–2006 | → Salamanca (cedido) | 36 | (18) |
2006 | → Ciudad de Murcia (cedido) | 8 | (0) |
2007 | Valencia B | 15 | (1) |
2007–2008 | → Nástic (cedido) | 29 | (2) |
2008–2009 | → Salamanca (cedido) | 6 | (0) |
2010–2013 | Getafe (cedido) | 92 | (26) |
2012–2013 | → Celtic (cedido) | 11 | (2) |
2013–2014 | Al-Gharafa (cedido) | 11 | (2) |
2015–2017 | Rayo Vallecano | 43 | (13) |
2017–2019 | Bengaluru | 32 | (20) |
2019–2020 | Omonia | 9 | (0) |
2020–2022 | Deportivo da Coruña | 50 | (19) |
2022–2023 | Murcia | 15 | (1) |
2023 | Intercity | 8 | (1) |
2023–2024 | Arenteiro | 17 | (5) |
2024 | Puerto Cabello | 13 | (3) |
2024– | Metropolitanos | 11 | (3) |
Selección nacional | |||
2006–2015 | Venezuela | 51 | (11) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 12 de outubro de 2024. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Nicolás Ladislao Fedor Flores, coñecido como Miku, nado en Caracas o 19 de agosto de 1985, é un futbolista venezolano que xoga de dianteiro no Metropolitanos FC da Primeira División de Venezuela.
O seu alcume, Miku, é o diminutivo de Miklós, Nicolás en húngaro.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes e inicios
[editar | editar a fonte]Seu pai, László Fedor, pertence a unha familia húngara que abandonou o seu país despois da segunda guerra mundial para instalarse en Venezuela.[1] Súa nai é a venezolana Maritza Alejandrina Flores. Ten unha irmá máis vella chamada Alicia Alejandrina Fedor Flores.
De 1989 a xuño de 2001 xogou no equipo de fútbol do seu colexio, o Santo Tomás de Villanueva en Caracas. En xullo de 2001 foi de vacacións coa súa familia a España, á localidade valenciana de Sueca, onde vivía seu tío, e para non perder a forma comezou a adestrar todo o verán cos xuvenís da SD Sueca, que estaban a facer a pretempada.[1] Miku destacou de inmediato e suxeríronlle que quedase en España co equipo. Na tempada 2001/02 non puido xogar ao estarse tramitando o seu permiso de residencia, pero adestrouse toda a tempada co Sueca.
Valencia CF
[editar | editar a fonte]Para a tempada 2002/03, aos 16 anos, o Real Madrid e o Valencia CF mostraron interese por el. Probou nos dous equipos e co informe favorable de ambos, optou por quedar no Valencia CF. O club ché cedeuno ao CF Crack's, unha escola de fútbol fundada por ex xogadores do Valencia, xa que debido á súa condición de estranxeiro non podía xogar en ningún equipo da súa idade.
Fixéronlle unha ficha xuvenil no CF Crack, pero xogou a tempada 2002/03 e 2003/04 co primeiro equipo na Rexional Preferente da Comunidade Valenciana. Disputou cos xuvenís a promoción de ascenso á Liga Nacional Xuvenil, conseguindo o ascenso grazas aos seus goles. Durante estas dúas tempadas adestrou un día á semana co Xuvenil do Valencia da División de Honra Xuvenil.
Cesión ao Alcoyano
[editar | editar a fonte]Na tempada 2004/05 estaba previsto que xogase co Valencia Mestalla, pero o equipo descendeu á Terceira División, na que non podían xogar estranxeiros nin con pasaporte europeo. Varios equipos estaban interesados no seu traspaso e foi finalmente cedido ao Club Deportivo Alcoyano de Segunda B, co que xogou 21 partidos e marcou cinco goles.[2]
Cesión ao Salamanca
[editar | editar a fonte]Na tempada 2005/06 xogou cedido na UD Salamanca, o que marcou un punto de inflexión na súa carreira, pois no equipo salmantino explotou como goleador.[3] Obtivo o primeiro posto do grupo II de Segunda B e xogou o play-off de ascenso, contribuíndo con 37 partidos e 22 goles, dous deles nos play-offs. O 25 de xuño do 2006 marcou o gol da vitoria ante o Sevilla Atlético que deu ao club de Salamanca o último ascenso da súa historia.[4]
Cesión ao Ciudad de Murcia
[editar | editar a fonte]O 16 de setembro de 2006 marchou cedido por terceiro ano consecutivo, esta vez ao Ciudad de Murcia. Debutou na Segunda División contra o Lorca, perdendo 1-0 e xogando 29 minutos despois de entrar na segunda metade. Apenas contou con minutos en Murcia, xogando só nove partidos, todos como suplente e sen conseguir anotar ningún gol, polo que rescindiu o seu contrato en xaneiro e volveu ao filial valencianista.[5]
Valencia Mestalla
[editar | editar a fonte]O 4 de febreiro de 2007 debutou co Valencia Mestalla, de novo en Segunda B contra o Orihuela, perdendo 5-0 e xogando os 90 minutos.
Foi convocado por primeira vez polo adestrador do primeiro equipo do Valencia, Quique Sánchez Flores, para un amigable contra os Colorado Rapids da Major League Soccer no estadio de Mestalla, pero o xogador decidiu, de acordo co club, perder o mesmo para poder presentarse ao partido amigable que a selecicón de fútbol venezolana xogaría contra Cuba o 24 de marzo do 2007.
O filial do Valencia rematou a tempada 2006/07 no posto 16, tendo que disputar o play-out, pero perdeu e descendeu á Terceira División.
Gimnástic de Tarragona
[editar | editar a fonte]O 22 de agosto de 2007 foi cedido ao Gimnàstic de Tarragona. Disputou 30 partidos oficiais co club catalán, marcando dous goles e gañou ademais a Copa Cataluña derrotando na final ao FC Barcelona.[6]
Regreso a Salamanca
[editar | editar a fonte]Durante todo o mes de xullo de 2008 xogou partidos de pretempada co Valencia sendo logo cedido de novo á UD Salamanca, onde foi presentado o 26 de agosto de 2008. Entre 2008 e 2009, Miku acumulou 15 goles, sendo o máximo goleador do equipo, o que lle valeu ser convocado de novo pola selección venezolana, despois de meses sen facelo.[7]
Regreso a Valencia
[editar | editar a fonte]En 2009 regresou a Valencia, debutando co primeiro equipo do Valencia na Europa League o 27 de agosto de 2009 contra o Stabæk no estadio de Mestalla, e anotando un hat-trick.[8] Disputou seis partidos máis co Valencia, pero debido ao exceso de dianteiros no equipo, entre eles David Villa, foi vendido en xaneiro de 2010 ao Getafe CF.[3]
Getafe CF
[editar | editar a fonte]En xaneiro de 2010 confirmouse o seu traspaso ao Getafe CF,[9] co que debutou con gol fronte ao Mallorca na Copa do Rei 2009-10. Concluíu o que restaba de tempada cun total de 20 partidos e 6 goles.
Nas seguintes dúas tempadas xogou case todos os partidos do seu equipo, marcando 8 goles na primeira delas e 12 na seguinte.
Cesión ao Celtic
[editar | editar a fonte]O 31 de agosto de 2012, no último día do período de fichaxes, o Getafe anunciou que Miku marcharía a Escocia, cedido por unha tempada con opción de compra ao Celtic Glasgow.[10][11] Debutou co Celtic o 15 de setembro de 2012 contra o St. Johnstone FC. Debutou na Liga de Campións o 19 de setembro contra o Benfica e xogou os 90 minutos. Marcou o seu primeiro gol co equipo escocés o 4 de novembro contra o Dundee United.[12] Acabou conquistando tanto a liga escocesa como a Copa de Escocia, aínda que xogou poucos partidos e mantivo unha mala relación co técnico Neil Lennon.[13][14]
Al-Gharafa
[editar | editar a fonte]En setembro de 2013 asinou co Al-Gharafa da máxima categoría de Qatar.[15] A súa etapa na península qatarí rematou en 2015 cando decidiu rescindir o contrato con Al-Gharafa para regresar á liga española.
Rayo Vallecano
[editar | editar a fonte]En xaneiro de 2015, o xogador venezolano volveu á Primeira División, fichando polo Rayo Vallecano no mercado invernal pola media tempada restante e dúas máis. A súa fichaxe non gustou ao adestrador Paco Jémez, co que xa tivera algún enfrontamento verbal anos atrás.[16][17] O venezolano non foi convocado nas primeiras xornadas e apenas tivo minutos durante esa tempada e a primeira metade da seguinte, pero pouco a pouco foi gañando un posto no equipo e a titularidade. O 20 de febreiro converteuse no primeiro xogador venezolano e no primeiro xogador do Rayo en marcar un gol en 5 partidos consecutivos, superando ao mexicano Hugo Sánchez. Non puido aumentar a xeira na seguinte xornada porque foi substituído ao descanso por unha lesión que o mantería lonxe dos terreos de xogo durante tres semanas. Non obstante, recibiu da Liga o premio ao mellor xogador do mes de febreiro.[18]
Bengaluru FC
[editar | editar a fonte]O 30 de agosto de 2017 fichou polo Bengaluru FC da Superliga da India. Na súa primeira tempada no club de Bangalore marcou 15 goles, sendo o segundo máximo goleador da liga só por detrás de Coro, e contribuíndo ao primeiro posto do equipo na liga regular e o conseguinte pase aos play-offs.[19] O Bengaluru chegou á final, onde Miku marcou un dos dous goles do seu equipo, insuficientes contra os tres do Chennaiyin FC, que acabou gañando o título.[20] Xogou ademais a Super Copa, onde o equipo chegou á final, gañando o título fronte ao East Bengal. Miku anotou cinco goles, incluíndo un triplete no partido de semifinais e un gol na final, sendo elixido mellor xogador do torneo.[21] Na tempada 2018/19 o Bengaluru volveu acabar primeiro na liga e xogou de novo a final, gañando esta vez o título fronte ao FC Goa. Miku marcou cinco goles, un deles na fase final polo título.[22]
Omonia Nicosia
[editar | editar a fonte]O 16 de agosto de 2019 asinou polo Omonia Nicosia ata o 1 de xullo de 2020.[23] Co equipo de Nicosia xogou só oito partidos na liga chipriota e un na Copa.
Deportivo da Coruña
[editar | editar a fonte]O 23 de setembro chegou libre ao Deportivo da Coruña, que acababa de descender á Segunda División B.[13] Cunha baixa forma física na primeira metade da tempada, gozou de só dúas titularidades nas primeiras 15 xornadas de liga, pero o seu rendemento cambiou na parte final da campaña.[24] Na xornada 17 estreou a súa conta goleadora cun triplete en Barreiro fronte ao Celta B, e marcou outros catro goles nos restantes sete partidos, colocándose como o máximo goleador do equipo na tempada.[24]
Durante a tempada 2021/22 foi titular durante a maior parte da liga, e sumou 12 goles, acabando como o segundo mellor goleador do equipo, por detrás de Quiles. Saíu de inicio nos dous partidos da promoción de ascenso en Riazor, onde o equipo fracasou no seu intento de regresar á segunda categoría. Ao remate da tempada o seu contrato non foi renovado, polo que abandonou o club despois dun total de 52 partidos e 19 goles.[25]
Real Murcia
[editar | editar a fonte]O 5 de agosto de 2022 foi anunciado como novo xogador do Real Murcia, tamén da Primeira Federación.[26] No equipo murciano disputou 16 partidos en cinco meses, a metade deles como titular, e marcou un gol ante a SD Logroñés.[27] No mercado invernal rescindiu o seu contrato co Murcia e fichou polo Intercity, equipo da mesma categoría.[28]
Intercity
[editar | editar a fonte]Comezou con mal pé no equipo alacantino, sufrindo un traumatismo no cranio o día do seu debut, aos 6 minutos de saltar ao terreo de xogo do Stadium Gal ante o Real Unión. O golpe produciulle a fractura dos osos próximos ao ollo, precisando dunha intervención cirúrxica.[29] Aínda que se contaba cun prazo de recuperación duns seis ou sete meses, o xogador tardou só 77 días en volver aos terreos de xogo.[3] Completou a campaña cun total de 8 partidos e un gol, anotado de novo diante da SD Logroñés e que serviu ademais para asegurar a permanencia do equipo na categoría.[3]
Arenteiro
[editar | editar a fonte]Para a tempada 2023/24 regresou a Galicia para asinar como novo xogador do Arenteiro, club que viña de conseguir un histórico ascenso á Primeira Federación.[30] Titular indiscutible na dianteira do equipo do Carballiño, disputou 18 partidos, nos que marcou 5 goles, ata que recibiu unha oferta do seu país, onde nunca tiña xogado a nivel profesional. Así, en xaneiro de 2024 converteuse en novo xogador do Academia Puerto Cabello logo de que este club fixese efectiva a cláusula de rescisión do seu contrato.[31]
Puerto Cabello
[editar | editar a fonte]Debutou na Primeira División de Venezuela nun partido ante o Carabobo que rematou con empate a dous goles, marcando el mesmo un dos dous tantos do seu equipo.[32] Uns días despois disputou tamén o seu primeiro encontro na Copa Libertadores, fronte ao Defensor Sporting de Montevideo no Polideportivo Misael Delgado de Valencia, anotando o segundo dos tres goles do seu equipo (3-2).[33] Disputou un total de 20 partidos co club valenciano, co que sumou cinco goles e tres asistencias.
Metropolitanos
[editar | editar a fonte]Rematado o torneo Clausura 2024 regresou ao seu Caracas natal, onde fichou polo Metropolitanos, tamén da máxima categoría venezolana.[34]
Selección nacional
[editar | editar a fonte]Debutou coa selección de Venezuela o 16 de agosto de 2006, nun partido amigable contra Honduras que rematou cun empate sen goles. Despois pasou varios anos sen entrar nunha convocatoria, ata que grazas ás súas actuacións coa UD Salamanca entre 2008 e 2009, converteuse nun importante membro da selección nacional nos partidos de clasificación para o Mundial de 2010. O 3 de marzo de 2009, marcou na vitoria por 2-0 sobre Colombia no CTE Cachamay. Ese mesmo ano anotou dous tantos na vitoria por 3-1 contra o Perú.[35]
Formou parte do equipo que quedou cuarto na Copa América 2011, logrando anotar o segundo gol no empate a 3-3 contra Paraguai. En 2015 integrou o cadro venezolano da Copa América de Chile, marcando un gol no partido contra o Brasil.[36]
Palmarés
[editar | editar a fonte]Gimnàstic de Tarragona
- Copa Cataluña (1): 2007
Celtic de Glasgow
- Liga de Escocia (1): 2012/13
- Copa de Escocia (1): 2012/13
Bengaluru FC
- Superliga da India (1): 2018/19
- Super Copa india (1): 2018
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 ""Nunca paro de correr"". El País (en castelán). 21 de outubro de 2009. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ "Miku, del Alcoyano a estrella del torneo con Venezuela". As (en castelán). 26 de xaneiro de 2005. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Marcos, Pablo (12 de outubro de 2024). "Miku: “¿Por qué lo voy a dejar? Nadie está demostrando más que yo”". Panenka (en castelán). Consultado o 12 de outubro de 2024.
- ↑ "El Salamanca vuelve a la División de Plata a costa del Sevilla B". Marca (en castelán). 25 de xuño de 2006. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ "El venezolano Miku abandona el Ciudad para volver al filial del Valencia" (en castelán). 26 de xaneiro de 2007. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ "El Nástic gana la Copa de Cataluña ante un Barça de canteranos". El Mundo (en castelán). 12 de setembro de 2007. Consultado o 23 de novembro de 2020.
- ↑ "A entrenar sin sus goleadores". Marca (en castelán). 23 de marzo de 2009. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ UEFA Europa League 2009/10 - Historia - Valencia-Stabæk - UEFA.com
- ↑ "El Getafe ficha al delantero venezolano "Miku"". Reuters (en castelán). 14 de xaneiro de 2010. Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2021. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ Miku cedido Arquivado 05 de febreiro de 2013 en Wayback Machine. Sitio web oficial Getafe C.F. S.A.D.
- ↑ Miku se marcha cedido una temporada al Celtic de Glasgow
- ↑ VIDEO | "Miku" marcó gran gol y festejó con los hinchas Arquivado 12 de febreiro de 2021 en Wayback Machine. en Grada Digital
- ↑ 13,0 13,1 "Miku, novo xogador do Dépor 20·21". Deportivo da Coruña. 25 de setembro de 2020. Consultado o 23 de novembro de 2020.
- ↑ "Miku: "Fue un error irme a Escocia"". Mundo Deportivo (en castelán). 1 de abril de 2013. Consultado o 23 de novembro de 2020.
- ↑ "El delantero venezolano Miku se marcha al Al Gharafa de Qatar". Mundo Deportivo (en castelán). 29 de setembro de 2013. Consultado o 23 de novembro de 2020.
- ↑ Pla, Pablo (8 de febreiro de 2015). "Paco Jémez está molesto con la llegada de Miku" (en castelán). Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ "Paco Jémez responde a Miku: «O no ha entendido el mensaje o es tonto»". ABC (en castelán). 9 de novembro de 2011. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ "Miku Fedor es elegido jugador del mes de la Liga Española". Telesur (en castelán). 4 de marzo de 2016. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ "Estadísticas de Goles Super Liga India - 2017-18". ESPN (en castelán). Consultado o 23 de novembro de 2020.
- ↑ "El Chennaiyin de Calderón y Gavilán gana la Superliga india". Marca (en castelán). 17 de marzo de 2018. Consultado o 23 de novembro de 2020.
- ↑ "“Miku” Fedor marcó y se consagró Campeón de la Súpercopa de la India" (en castelán). 20 de abril de 2018. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ "Estadísticas de Goles Super Liga India - 2018-19". ESPN (en castelán). Consultado o 23 de novembro de 2020.
- ↑ "Miku regresa a Europa y ficha por el Omonoia Nicosia" (en castelán). 20 de agosto de 2019. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ 24,0 24,1 De la Cruz, Luis (3 de maio de 2021). "Luces en el Depor: vuelve el gol, Riazor, Miku, la cantera…". As (en castelán). Consultado o 9 de xuño de 2021.
- ↑ "Miku medita su futuro entre el Real Murcia y el extranjero". El Ideal Gallego (en castelán). 3 de agosto de 2022. Consultado o 4 de agosto de 2022.
- ↑ "El Real Murcia anuncia el fichaje de Miku" (en castelán). 5 de agosto de 2022. Consultado o 8 de agosto de 2022.
- ↑ "Miku da la primera alegría en casa al Real Murcia con un gol en el 90 (4-2)" (en castelán). 1 de outubro de 2022. Consultado o 2 de abril de 2023.
- ↑ "Miku cambia de equipo y se unirá a Emre Çolak en el Intercity" (en castelán). 3 de febreiro de 2023. Consultado o 2 de abril de 2023.
- ↑ "El accidentado inicio de dos ex en el Intercity: amago de retirada de Çolak y lesión grave de Miku" (en castelán). 14 de febreiro de 2023. Consultado o 2 de abril de 2023.
- ↑ "Miku, fichaje estrella del Arenterio". COPE (en castelán). 7 de agosto de 2023. Consultado o 2 de setembro de 2023.
- ↑ "Miku non continuará no Arenteiro". 17 de xaneiro de 2024. Consultado o 14 de febreiro de 2024.
- ↑ "Miku Fedor se estrenó con gol en el empate de Carabobo y Puerto Cabello" (en castelán). 3 de febreiro de 2024. Consultado o 14 de febreiro de 2024.
- ↑ "Copa Libertadores, Miku convierte un gol en la victoria de Puerto Cabello" (en castelán). 7 de febreiro de 2024. Consultado o 12 de outubro de 2024.
- ↑ "Miku busca en el estilo de Metropolitanos explotar su potencial goleador" (en castelán). 10 de xullo de 2024. Consultado o 12 de outubro de 2024.
- ↑ "Miku mete a Venezuela en la pelea por la clasificación". Marca (en castelán). 10 de setembro de 2009. Consultado o 24 de novembro de 2020.
- ↑ "Hay vida sin Neymar". Marca (en castelán). 22 de xuño de 2015. Consultado o 24 de novembro de 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Nados en 1985
- Nados en Caracas
- Futbolistas de Venezuela
- Xogadores do Valencia CF
- Xogadores do CD Alcoyano
- Xogadores da UD Salamanca
- Xogadores do CF Ciudad de Murcia
- Xogadores do Valencia CF Mestalla
- Xogadores do Gimnàstic de Tarragona
- Xogadores do Getafe CF
- Xogadores do Celtic FC
- Xogadores do Al-Gharafa Sports Club
- Xogadores do Rayo Vallecano
- Xogadores do Bengaluru FC
- Xogadores do AC Omonia
- Xogadores do Deportivo da Coruña
- Xogadores do Real Murcia
- Xogadores do CF Intercity
- Xogadores do CD Arenteiro
- Xogadores da selección de fútbol de Venezuela