Saltar ao contido

Merk

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
1/4 thistle merk de Xacobe VI
IACOBVS • D• G • R • SCOTORVM, escudo de armas coroado. REGEM • IOVA • PROTEGIT • 1602, cardo coroado.
Thistle merk. 1602. AG. 21 mm. 1,60 g. [1]

O merk foi unha moeda escocesa de prata que circulou desde finais do século XVI ao século XVII, inicialmente co valor de 13 xilins e 4 peniques escoceses (2/3 da libra escocesa ou medio dólar escocés), aínda que posteriormente adquiriu o valor de 14 xilins.[2][3][4][5]

½ merk (noble) de Xacobe VI (1567-1603)
IACOBVS · 6 · DEI · GRATIA · REX ·SCOTORVM ·. Armas reais coroadas. 6 (xilins) e 8 (peniques) aos lados. · SALVVM · FAC · POPVLVM · TVVM ·DNE ·. Cruz adornada con estrela no centro.
½ merk (noble). 1577. AG. 32 mm. 6,57 g. [6]
Merk de Carlos II (1660-1685)
CAROLVS · II · DEI : GRA ·; busto real cara á dereita. : MAG BRI · FRA ET · HIB REX ·; armas dispostas en cruz e valor no centro.
Merk. 1671. Ceca de Edimburgo. AG. 26 mm. 6,19 g. [7]
1/4 merk (1/16 dólar) de Carlos II
· CAROLUS · II · · DEI · GRA ·; busto real laureado cara á esquerda. SCO · ANG · FRA · ET · HIB · REX ·; cruz de Santo André con coroa no centro.
1/4 merk (1/16 dólar). 1678. AG. 16 mm. 1,61 g. [8]

Xacobe VI (1567-1603)

[editar | editar a fonte]

No estudo da numismática de Xacobe distínguense adoito dous períodos: o primeiro (1567-1603) é o anterior ao seu ascenso ao trono de Inglaterra e o segundo (1603-1625) é xa co título de Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra (neste segundo período non se cuña o merk nin as súas fraccións). No primeiro período considéranse oito series numismáticas diferentes.[4][9]

Foi na segunda destas series de emisións, en 1572, cando se cuñou por vez primeira unha moeda de prata de medio merk, que recibiu tamén o nome de noble de prata. Nos seus anversos amosaba o escudo de Escocia coroado e, a ambos os lados, a indicación do seu valor: 6 - 8 (seis xilins e 8 peniques), todo iso rodeado pola lenda IACOBVS 6 DEI GRATIA REX SCOTORVM. Nos seus reversos representábase unha cruz cunha estrela no centro, e nos seus cuarteis alternaban dúas coroas e dous cardos (un dos símbolos nacionais escoceses), xunto coa lenda SALVVM FAC POPVLVM TVVM DNE[10] e o ano de cuñaxe. Esta moeda cuñouse entre os anos 1572 e 1577, e en 1580.[6] Simultaneamente cuñouse tamén unha moeda de 1/4 merk, chamada tamén medio noble, coa mesma tipoloxía e as mesmas lendas, aínda que coa metade de peso e valor (indicado como 3 - 4), nos anos 1572-1574, 1576-1577 e 1580.[11]

Aínda na segunda serie, en 1578 introducíronse novos tipos coa figura característica dun gran cardo no reverso. O dobre mark (ou dólar) de Xacobe VI repetía no anverso a lenda do primeiro ½ merk, en torno ao escudo coroado de Escocia; o cardo dos reversos represéntase coroado e con follas, coa lenda NEMO ME IMPVNE LACESSET,[12] que foi suxerida polo humanista e poeta escocés George Buchanan (1506-1582).[3][13] Este dobre merk foi cuñado entre 1578 e 1580, xunto co merk, co que compartía a tipoloxía.[14]

Durante a sexta serie de emisións (1591-1593), en 1591 emitiuse novamente o valor de ½ merk, que retoma para os anversos o escudo escocés co león, en tanto que o novo motivo principal dos reversos é agora unha balanza (polo que se coñece como balance half merk), e detrás unha espada, rodeadas pola lenda HIS DIFFERT REGE TYRANNVS.[13] Xunto con esta moeda emitiuse tamén a de 1/4 merk, cos mesmos tipos. A de medio merk cuñouse en 1591-1593, mentres que a dun cuarto só se cuñou en 1591.[15][16][4]

Xa na oitava serie (1601-1604), produciuse a derradeira cuñaxe do merk, xunto coas fraccións de medio, un cuarto e un oitavo, a nome de Xacobe VI. Nesta serie recuperouse como motivo principal do reverso o cardo (o que lle dá o nome de thistle merk), que nesta ocasión estaba rodeado pola lenda REGEM IOVA PROTEGIT ("Xehová protexe o rei").[3][4][17]

Carlos I (1625-1649)

[editar | editar a fonte]

Nun momento en que a Casa da Moeda de Edimburgo comezaba a adaptarse para as primeiras cuñaxes mecanizadas, mediante unha prensa de volante, en 1636 prodúcese unha nova emisión de moedas de medio merk, aínda cuñadas a martelo. Nos seus anversos representábase o busto real cara á esquerda, coa lenda CAROLVS · D · G · SCOT : ANG : FR : & · HIB · R · ("Carlos, pola graza de Deus, rei de Escocia, Inglaterra, Francia e Irlanda") e a marca do valor á dereita do busto, consistente nun monograma composto por VI e 8. No reverso, o escudo real coroado, coas armas de Escocia nos cuarteis I e IV, rodeado pola lenda CHRISTO AUSPICE REGNO ("reino baixo o auspicio de Cristo").[18]

E o ano seguinte iniciouse unha nova serie de emisións no período de Carlos I, para a que xa se xeneralizou o uso da prensa de volante.[19] Con esta nova tecnoloxía de cuñaxe emitiuse novamente a moeda de medio merk, cunha tipoloxía case idéntica á do ano anterior, aínda que cun tamaño algo inferior (24 mm, en lugar dos 28 mm da moeda de 1636).[20]

Carlos II (1660-1685)

[editar | editar a fonte]

Logo do período da Commonwealth de Inglaterra (1649-1660), no que non se produciu cuñaxe ningunha en Escocia, as emisións de moeda de prata a nome de Carlos II retomáronse na ceca de Edimburgo en 1664.[21]

Baixo este reinado producíronse dúas series de emisións. Na primeira (1664-1675) cuñáronse moedas dun merk (anualmente) e de medio merk (só en 1675), ambas cunha tipoloxía semellante: no anverso o busto real cara á dereita, rodeado pola lenda CAROLVS · II · DEI : GRA · ("Carlos II, pola graza de Deus"), e no reverso o escudo coas armas dispostas en cruz, coa letra C en cada cuartel e a marca de valor (XIII 4) no centro, coa lenda MAG BRI · FRA ET · HIB REX · ("Rei de Gran Bretaña, Francia e Irlanda").[22]

A segunda serie (1675-1682) veu marcada pola nova denominación de dólar (dollar) para a cantidade de 4 merks. Aínda que non se cuñou a unidade, si que se emitiron moedas fraccionarias de 1/4 dólar (un merk), de 1/8 dólar (medio merk) e de 1/16 dólar (un cuarto de merk).[23]

  1. "¼ Thistle Merk - James VI". Numista.
  2. "Merk". En Frey, A. R. (1916). Páxina 148.
  3. 3,0 3,1 3,2 Grueber, H. (1899).
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Stewart, I. (1955).
  5. "Scots Money". Pierre-marteau.com
  6. 6,0 6,1 "½ Merk - James VI". Numista.
  7. "1 Merk - Charles II". Numista.
  8. "1/16 Dollar - Charles II". Numista.
  9. Burgess, F. W. (2000). Chats on Old Coins. Asian Educational Services. Nova Deli. Páxina 301.
  10. Salvum fac populum tuum domine ("salva o teu pobo, SSeñor) é un verso do himno cristián Te Deum laudamus.
  11. "¼ Merk - James VI". Numista.
  12. Nemo me impune lacessit ("ninguén pode provocarme impunemente) é o lema da Orde do Cardo.
  13. 13,0 13,1 "Merk Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (1915). Páxina 281.
  14. "Double merk" e "Thistle dollar". En Frey, A. R. (1916). Páxinas 70 e 241.
  15. "Balance ½ Merk - James VI". Numista.
  16. "Balance ¼ Merk - James VI". Numista.
  17. "Thistle Merk", "1/2", "1/4" e "1/8". Numista.
  18. "½ Merk - Charles I 2nd Coinage". Numista.
  19. Stewart, I. (1955). Páxinas 105-111.
  20. "½ Merk - Charles I 3rd Coinage". Numista.
  21. Craig, J. (1953). Páxinas 147-149.
  22. "1 merk" e "½ merk". Numista.
  23. "1/4 dollar", "1/8 dollar" e "1/16 dollar". Numista.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Stewart, I. (1955). The Scottish Coinage. Londres. Spink & Son.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]