Matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España
O matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España é legal dende o 3 de xullo de 2005. No ano 2004, o novo goberno do PSOE liderado polo presidente José Luis Rodríguez Zapatero comezou unha campaña a prol da súa legalización, incluíndo o dereito de adopción para as parellas do mesmo sexo.[1] Tras unha serie de debates, aprobouse a lei correspondente nas Cortes Xerais o 30 de xuño de 2005, publicándose o 2 de xullo dese mesmo ano. A lei pasou a ter efecto ó día seguinte da súa publicación,[2] convertendo a España no terceiro país do mundo en permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo en todo o seu territorio, tralos Países Baixos e Bélxica, e 17 días antes de que este dereito se estendese por todo o territorio do Canadá.
Malia que as enquisas indicaban que tiña un apoio dun 66% da poboación do país, a ratificación desta lei non estivo exenta de conflitos.[3] Varias autoridades da Igrexa católica opuxéronse firmemente á mesma, criticando o que eles consideraban unha debilitación do significado do matrimonio,[4] e outras asociacións conservadoras expresaron preocupación pola posibilidade de que os gays e lesbianas puidesen adoptar nenos.[5] Houbo manifestacións a favor e en contra da lei que reuniron a miles de persoas por todo o país, e trala súa aprobación o Partido Popular presentou unha moción da lei perante o Tribunal Constitucional.[6]
Durante o primeiro ano de vixencia da lei casaron aproximadamente unhas 4500 parellas do mesmo sexo en España.[7] Ó pouco de aprobarse a lei xurdiron dúbidas sobre o status legal destes casamentos para aqueles estranxeiros dos que os seus países de orixe non permitían o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, e unha sentenza do Ministerio de Xustiza afirmou que a lei permitía que un cidadán español casase cun estranxeiro sen importar se o país de orixe deste recoñecía a relación ou non.[8] Tamén se confirmou que un dos dous membros da parella debería ser cidadán español para poder casar, malia que dous cidadáns estranxeiros poderían casar tamén se ambos tiñan a residencia permanente en España.
Tralas eleccións xerais de 2011 nas que o Partido Popular gañou con maioría absoluta, o seu líder Mariano Rajoy afirmou que se opoñía ó matrimonio entre persoas do mesmo sexo, pero que calquera decisión sobre a derrogación da lei só podería facerse tras unha sentenza do Tribunal Constitucional.[9][10][11] O 6 de novembro de 2012 o Tribunal ratificou a lei con 8 votos a favor e 3 en contra,[12][13][14] e o entón ministro de xustiza Alberto Ruiz-Gallardón anunciou que o goberno acataría esta sentenza e non derrogaría a lei.[15][16][17]
Antecedentes
[editar | editar a fonte]Dende a elección de José Luis Rodríguez Zapatero como secretario xeral do Partido Socialista Obrero Español, a posibilidade de legalizar o matrimonio entre persoas do mesmo sexo empezou a ser debatida. No ano 2002 unha entrevista concedida á revista Zero levaba como titular Matrimonio, sí. Adopción, ya veremos[18].
Itinerario xurídico
[editar | editar a fonte]No ano 2004 o PSOE presentouse ás eleccións xerais cun programa que incluía un compromiso de "permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo e o que o exercicio destes dereitos implica. Tras a vitoria socialista nas eleccións e na formación do goberno, e tras moito debate, o 30 de xuño de 2005 foi aprobada a lei pola que se modificaba o Código Civil. Permitíase así o matrimonio entre persoas do mesmo sexo e, como resultado, os dereitos de adopción conxunta, herdanza e pensión. A proposición de lei, sometida a votación no Congreso dos Deputados, aprobouse con 187 votos a favor, 147 en contra e 4 abstencións. A modificación afectou ó artigo 44 do Código Civil, que dende ese día dicía:
{{cita|El matrimonio tendrá los mismos requisitos y efectos cuando ambos contrayentes sean del mismo o diferente sexo[19].
A lei foi publicada o 2 de xullo do 2005 e o matrimonio entre persoas do mesmo sexo era legal en España oficialmente a partir do 3 de xullo do mesmo ano.[20]
Reacción
[editar | editar a fonte]Fronte á iniciativa lexislativa para permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo iniciáronse campañas en contra. Foron especialmente activas a xerarquía da Igrexa Católica e institucións ligadas a ela, como o Foro Español da Familia, ademais de certos medios de comunicación de dereitas e partidos políticos conservadores.
Medios de comunicación
[editar | editar a fonte]Algunhas das cadeas de radio e xornais españois de orientación conservadora tomaron posición en contra do recoñecemento do matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Así Federico Jiménez Losantos, dende a cadea COPE, afirmaba que "el gobierno español sólo habla con terroristas, homosexuales y catalanes, a ver cuándo se decide a hablar con gente normal".[21]
Igrexa católica
[editar | editar a fonte]Representantes da Igrexa expresaron en reiteradas ocasións o seu rexeitamento ó recoñecemento das unións de persoas do mesmo sexo baixo a figura xurídica do matrimonio. Así, en xaneiro do 2006, monseñor Blázquez dicía que "la Iglesia opina que el matrimonio es la unión estable por amor, no por conveniencia, entre un home y una mujer para la mutua complementariedad y para la reproducción". En marzo do mesmo ano o mesmo Blázquez opinaba que "la extensión del matrimonio entre personas del mismo sexo y el reconocimiento de la capacidad legal de estas parejas para la adopción forma parte “de la desestructuración de la familia". Pola súa parte, o bispo de Palencia, o donostiarra José Ignacio Munilla Agirre, afirmou:
No hay otro camino de liberación para las personas homosexuales que la lucha por corregir sus propias tendencias desviadas. La rendición a esa neurosis sexual, la búsqueda de contactos y relaciones, inestables y frustrantes por su propia naturaleza, desemboca a la larga en una profunda insatisfacción, por mucho que se disfrace de ruidosa alegría aparente.
A Conferencia Episcopal Española evitou en todo momento facer declaracións oficiais deste teor.
Alén das tomas de posición dos membros da xerarquía, en múltiples ocasións déronse casos de incidentes protagonizados polo clero local e por membros seculares da Igrexa. É o caso dunha muller lesbiana que foi expulsada polo bispado de Cidade Real dunha confraría tras casar coa súa parella[22]. Tamén a modo de exemplo, o párroco de Sangonera la Verde, na rexión de Murcia, afirmou nunha homilía que "los gays son personas que no deben estar en el mundo y deberían quitarse de en medio. No deben entrar en el reino de Dios porque son viciosos y mala gente"[23].
Casa Real
[editar | editar a fonte]En outubro do ano 2008 a escritora Pilar Urbano publicou o libro La Reina muy de cerca, que contiña conversacións coa raíña de España, Sofía de Grecia. Nunha destas conversas a raíña expresaba o seu rexeitamento á denominación de matrimonio que se lle deu á unión conxugal entre persoas do mesmo sexo. Segundo a raíña, "si estas personas quieren vivir juntas, vestirse de novios y casarse, pueden estar en su derecho, o no, según las leyes de su país: pero que a eso no le llamen matrimonio, porque no lo es"[24].
Foro da Familia
[editar | editar a fonte]O Foro da Familia iniciou unha campaña de recollida de sinaturas e convocou manifestacións e concentracións en diferentes cidades do territorio estatal. Poucos días antes da aprobación da lei, o 18 de xuño, celebrouse unha manifestación convocada polo Foro á que, segundo os organizadores, asistiu un millón e medio de persoas, que segundo a delegación do goberno en Madrid superaban escasamente os 166.000, algo máis da décima parte. Asistiron a ela o secretario xeral do Partido Popular, Ángel Acebes, o voceiro do mesmo partido no Congreso, Eduardo Zaplana, o eurodeputado Jaime Mayor Oreja, os exministros Federico Trillo, Ana Pastor e Miguel Arias Cañete e o voceiro parlamentario Vicente Martínez Pujalte. Asemade, asistiron á manifestación o arcebispo de Toledo e vicepresidente da Conferencia Episcopal, Antonio Cañizares, o arcebispo de Granada, Javier Martínez, os arcebispos de Castelló, Juan Antonio Reig, e Jaca, Rafael Higuero, e o voceiro episcopal, Juan Antonio Martínez Camino. Tamén outros representantes de organizacións católicas, como o fundador do Camino Neocatecumenal, Kiko Argüello, o presidente da Universidade Católica de Murcia, José Luis Mendoza, e o presidente da Fundación San Pablo CEU, Alfonso Coronel de Palma[25].
Outros colectivos
[editar | editar a fonte]Ó mesmo tempo, medios como a páxina www.hazteoir.org proporcionaban frecuentemente noticias sobre as actividades dun suposto lobby gai na vida política española e na doutros países. HazteOir.org publicou un informe elaborado por profesores das universidades Francisco de Vitoria e San Pablo CEU titulado No es igual, no que se alertaba dos supostos efectos negativos que podería ter sobre un cativo ser adoptado por unha parella de homosexuais[26].
Incidencia
[editar | editar a fonte]Durante o ano 2007 celebráronse en España 3.250 matrimonios homosexuais, case un 29% menos que no ano 2006. Deles, celebráronse 77 en Galicia, 52 entre homes e 25 entre mulleres, o que representa unha das taxas máis baixas de España.[27][28] Aínda así, estímase que arredor de 18.000 parellas do mesmo sexo casaron en España entre o ano 2005 e o 2009, das cales un 64,8% estaban formadas por homes e un 35,2% por mulleres.[29] No ano 2009 en España celebráronse 175.952 casamentos, e deles 172.540 foron entre persoas de distinto sexo (21.482 menos que no 2008), mentres que 3.412 (o 1’94%) foron entre persoas do mesmo sexo (218 máis que no 2008). Destes últimos, 2.212 foron matrimonios entre homes, mentres que 1.200 foron matrimonios entre mulleres.[30]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Spain's new government to legalize gay marriage". SignonSanDiego.com. Reuters. 15 de abril de 2004. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2009. Consultado o 14 de decembro de 2009.
- ↑ "Spain approves liberal gay marriage law". St. Petersburg Times. 2005-07-01. Consultado o 2007-01-08.
- ↑ Giles, Ciaran (2005-04-21). "Spain: Gay marriage bill clears hurdle". Planetout.com. Arquivado dende o orixinal o 27 de decembro de 2007. Consultado o 2006-12-22.
- ↑ "Spanish bishops decry legislation weakening marriage". Catholic World News. 2005-07-20. Consultado o 2007-01-11.
- ↑ "Manifiesto del Foro de la Familia" (en castelán). 20 Minutos.es. 2005-06-18. Consultado o 2007-01-12.
- ↑ Thornberry, Malcolm (2005-10-28). "Spain's Highest Court Agrees To Hear Gay Marriage Challenge". 365gay.com. Arquivado dende o orixinal o 31/10/2005. Consultado o 2007-01-25.
- ↑ "Conservative mayor presides over gay wedding". Euronews. 2006-07-30. Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2011. Consultado o 2009-10-13.
- ↑ "Spain's same-sex marriage law applies to foreigners". Advocate.com. Reuters. 2005-08-09. Consultado o 2006-12-22.
- ↑ "Spain gay rights and abortion activists fear backlash". BBC. 2011-11-25. Consultado o 2011-11-28.
- ↑ "Factbox: Policies of Spain's People's Party". Reuters. 2011-11-20. Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2011. Consultado o 2011-11-28.
- ↑ "Mariano Rajoy, New Spain Prime Minister, Opposes Same-Sex Marriage Law". Huffington Post. 2011-11-28. Consultado o 2011-11-28.
- ↑ "Same-sex marriage upheld by Spain's highest court". Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2015. Consultado o 05 de maio de 2017.
- ↑ Amplio respaldo del Tribunal Constitucional al matrimonio homosexual
- ↑ "SENTENCIA" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de novembro de 2012. Consultado o 05 de maio de 2017.
- ↑ Gallardón no tocará la ley vigente
- ↑ Gallardón: El Gobierno "no modificará" la ley de matrimonio homosexual
- ↑ El Gobierno mantendrá el matrimonio homosexual tal y como lo ha validado el TC
- ↑ www.elmundo.es, ed. (28/06/2005). "Zapatero asegura en la revista Zero que el matrimonio entre parejas gays 'beneficiará a toda la sociedad'". Consultado o 13/03/2011. (en castelán)
- ↑ "LEY 13/2005, de 1 de julio, por la que se modifica el Código Civil en materia de derecho a contraer matrimonio" (Pdf). 02/07/2005. Consultado o 12/06/2010. (en castelán)
- ↑ "El Congreso aprueba el matrimonio homosexual con mayoría absoluta". 20 minutos. 30/06/2005. Consultado o 05/04/2011. (en castelán)
- ↑ Cadea COPE, programa La mañana (13/06/2005) (en castelán)
- ↑ www.elpais.com, ed. (05/04/2008). "El obispado de Ciudad Real logra la expulsión de una mujer de una cofradía por lesbiana". Consultado o 13/03/2011. (en castelán)
- ↑ "Los gays son personas que no deben estar en este mundo". 20 minutos. 16/062006. Consultado o 05-04-2011. (en castelán)
- ↑ www.elmundo.es, ed. (30/10/2008). "Indignación entre colectivos gays por las palabras de la Reina sobre homosexuales". Consultado o 23/03/2016. (en castelán)
- ↑ ARROYO, M. (20/06/2005). www.elmundo.es, ed. "Una multitud pide que se retire la ley del matrimonio homosexual". Consultado o 13/03/2011. (en castelán)
- ↑ www.hazteoir.org, ed. (10/06/2005). "Entrevista con el coordinador del Informe 'No es igual' de HazteOir.org sobre adopción por homosexuales". Arquivado dende o orixinal o 10/08/2020. Consultado o 13/03/2011. (en castelán)
- ↑ La Voz de Galicia, 05/07/2008. (en castelán)
- ↑ La Voz de Galicia, ed. (4/07/2008). "Galicia está entre las comunidades con la tasa más baja de matrimonios de homosexuales". Arquivado dende o orixinal o 13/03/2016. Consultado o 05/04/2011.(en castelán)
- ↑ "Más de 18.000 matrimonios contabilizados entre personas del mismo sexo". lesbian-lips.com (en castelán). Consultado o 2020-04-02.
- ↑ INE (22/06/2010). www.ine.es, ed. "Movimiento Natural de la Población e Indicadores Demográficos Básicos. Año 2009. Datos provisionales." (Pdf). Consultado o 24/06/2010.(en castelán)