Marcianópolis
Marcianópolis (en grego: Μαρκιανούπολις) foi unha antiga cidade romana da provincia de Tracia. Situada na provincia romana fronteiriza de Moesia, converteuse a finais do século III na capital da segunda Moesia, baixo o ataque dos pobos xermánicos, húnicos e eslavos, que acabaron destruíndoa no século VII. As súas ruínas pódense atopar hoxe no distrito de Réka Dévnya, situado a 2,55 km ao nordeste do centro da cidade de Devnya, Bulgaria.
Historia
[editar | editar a fonte]Época romana
[editar | editar a fonte]A localidade chamábase orixinariamente Partenópolis (a "cidade das virxes" en grego antigo). No 106 -despois da Segunda guerra Dacia- o emperador Traxano transformouna nunha colonia romana na que estableceu moitos veteranos[1][2] e renomeouna en honor da súa irmá máis vella Ulpia Marciana.[3] O historiador Xordanes do século VI deu a seguinte explicación: unha moza do séquito de Ulpia, que se bañaba no río, deixou caer o vaso de ouro que tiña. Este vaso afundiuse no fondo pero reapareceu flotando máis lonxe. Cando soubo do feito, Traxano supuxo que unha divindade habitaba estas augas e fundou unha cidade na que puxo o nome da súa irmá.[4]
Traxano dotou á cidade de construcións emblemáticas propios da cultura romana como un anfiteatro, que está descuberto.[5] Grazas a este establecemento, Marcianópolis marcou o límite oriental do espallamento da lingua latina, mentres que máis ao leste están as colonias gregas na costa do Mar Negro.[6]
Foi un importante centro estratéxico e formou parte da Tracia romana até 187–193 e logo pertenceu á Moesia inferior
Durante o século III, a provincia de Moesia estivo ameazada polas incursións dos sármatas e dos godos e a prosperidade de Marcianópolis baixo a dinastía Severa rematou por mor dunha incursión dos godos no 248–249 e polas posteriores invasións bárbaras desde o norte. Marcianópolis foi tomada e destruída polos godos durante o inverno do 250-251[7] e debeu ser por ese tempo cando se soterrou o tesouro de Reka Devnia, descuberto en 1929, preto de Marcianópolis e no que se atoparon 81.044 denarios.[8] No 267, Marcianópolis foi atacada, de novo, polos godos mais, desta volta, Claudio, ao servizo de Galieno, enfrontounos e conseguiu anicalos a costa de numerosas pelexas nas proximidades da cidade.[9][10]
Durante a reorganización das provincias operadas por Diocleciano, a Baixa Moesia divídese en Moesia Secunda, da que Marcianópolis foi a capital, e en Escitia Minor. Durante o século IV, medrou en importancia á conta da súa proximidade con Odessos (Varna) no século IV e foi un importante centro episcopal e, durante o século XX, atopouse unha basílica daquela época nunhas escavacións.
No 328, o emperador Constantino I estableceu a súa base alí para as súas contraofensivas ao norte do Danubio.[11] Igualmente, entre o 367 e o 370, o emperador Valente, utilizou a cidade, a maior da diocese de Tracia,[12][13] como base para a súa campaña contra os godos de Atanarico, aos que conseguiu impor un tratado de paz e volveu a Constantinopla.[14][15] No 376, os godos cruzaron o Danubio en masa, pedindo o cualidade de federados pero foron mal recibidos polos romanos. O encontro en Marcianópolis do seu líder Fritixerno e o conde de Tracia Lupicino levou a nun enfrontamento a poucos quilómetros da cidade e a unha forte derrota das tropas romanas.[16] Os romanos non puideron evitar o saqueo por parte das bandas góticas das provincias de Moesia e Escitia Minor, ata a conclusión dun tratado no 382 (foedus) que concedeu o establecemento dos godos nestas provincias.[17]
No 447, a cidade foi destruída polos hunos dirixidos por Atila, xusto despois da batalla do río Utus.[18]
Época bizantina
[editar | editar a fonte]O emperador Xustiniano I reconstruiuna e fortificouna mais isto non impediu que, no 587, fose saqueada polo rei dos ávaros para ser, de novo, recuperada polos bizantinos.[19] No 596, serviu como cuartel para o exército bizantino antes de cruzar o Danubio para atacar os ávaros.[20]
Ávaros e eslavos
[editar | editar a fonte]A pesar dos ataques regulares dos bárbaros, Marcianópolis, seguiu sendo un importante centro até que, no 614-615, foi totalmente destruída por unha incursión dos ávaros, na que participaron os eslavos que se instalaron na rexión na primeira metade do século VII e chamaron Devnya ás ruínas da cidade antiga. Así e todo, continuou mencionándose nos mapas até moito máis tarde.
Despois de mediados do século VII, a conquista da rexión polos protobúlgaros e a fundación do primeiro estado búlgaro, as referencias a Marcianópolis desaparecen das crónicas.
Restos arqueolóxicos
[editar | editar a fonte]Os restos arqueolóxicos da antiga Marcianópolis inclúen un anfiteatro de cimentacións elipsoidais e radiadas, varias rúas e os mosaicos da "Casa de Antiope", unha vila de finais do século III ou principios do século IV, no Museo do Mosaico de Devnya con algúns mosaicos visibles in situ.[21][22]
No 1986, descubríronse na necrópole dúas estelas funerarias de gladiadores con epitafios escritos en grego, a do secutor Markianus, que loitou dúas veces, e a doutro secutor, Smaragdos, probablemente un pseudónimo de loitador que evoca unha xoia, Smaragdite, -cor esmeralda- morto no seu vixésimo combate.[23]
-
Maqueta da cidade de Marcianópolis
-
Restos da rúa principal de Marcianópolis
-
Museo dos Mosaicos en Devnya.
-
Outra vista do Museo dos Mosaicos
Numismática
[editar | editar a fonte]Como noutras cidades de Moesia e Tracia, Marcianópolis tiña un taller monetario provincial[24] emitindo un gran número de moedas de bronce que levaban a efixie dos emperadores reinantes con lendas en grego acompañadas do nome do gobernador da provincia.[25] Algunhas destas moedas emitidas localmente testemuñan a existencia dun templo dedicado a Serapis e unha monumental porta da cidade, en forma de arco triunfal.
-
Moeda coa representación da porta da cidade, baixo Macrino (217-218)
-
Moeda de bronce emitida baixo Gordiano III, representado o Templo de Serapis.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Petit 1974, p. 413
- ↑ Milar (1990), p. 210
- ↑ Amiano Marcelino, XXVII, 4, 12
- ↑ Xordanes. "HISTOIRE DES GOTHS". remacle.org (en francés). Consultado o 18 de agosto de 2021.
- ↑ Bouley 1994, p. 44
- ↑ Petit 1974, p. 278
- ↑ Estiot 2010, p. 570
- ↑ Moushmov, Nikola A. (1934). Le trésor numismatique de Réka-Devnia (Marcianopolis) (en francés). Sofía: Éditions du Musée National Bulgare.
- ↑ Historia Augusta, Claudius, 9
- ↑ Zósimo, I, 42
- ↑ Petit 1974, p. 570
- ↑ Amiano Marcelino, XXVII, 5
- ↑ Teófanes el Confesor Chronographia, A. M. 5859, 5860, 5861
- ↑ Amiano Marcelino, Res gestae, XXVII, 5
- ↑ Petit 1974, pp. 629 e 651
- ↑ Amiano Marcelino, Res gestae, XXXI, 5
- ↑ Petit 1974, pp. 651-652
- ↑ Thompson 1999, pp. 101–102
- ↑ Teófanes el Confesor, Chronographia, A. M. 6079
- ↑ Teófanes el Confesor, Chronographia, A. M. 6088
- ↑ Angelov, Anastas. "MUSEUM OF MOSAICS IN DEVNYA" (PDF). devnia.bg (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de xullo de 2011. Consultado o 14 de agosto de 2021.
- ↑ Дамянов, Маргарит (xaneiro de 2008). «История в мозайки» [Unha historia en mosaicos]. National Geographic България (en búlgaro) (София: National Geographic Society) (27): 30-31. ISSN 1312-6571
- ↑ Bouley 1994, pp. 43-45
- ↑ Hennin,1830, p. 103
- ↑ Blanchet 1892, pp. 64-72
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Marcianópolis |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Blanchet, Jules Adrien (1892). Études de numismatique (en francés). París: Chez C. Rollin et Feuardent.
- Bouley, Elisabeth (1994). "La gladiature et la venatio en Mésie Inférieure et en Dacie à partir du règne de Trajan". Dialogues d'histoire ancienne (en francés) (Université de Franche-Comté) 20 (1): 29–53. ISSN 1955-270X. doi:10.3406/dha.1994.2143.
- Estiot, Sylviane (2010). "Iannis P. Touratsoglou, Greece and the Balkans before the end of Antiquity [compte-rendu]". Revue numismatique (166): 568–571.
- Hennin, Michel (1830-1869). Manuel de numismatique ancienne. Vol. II Nomenclature (en francés). París: Merlin Librairie.
- Milar, Fergus (1990). El imperio romano y sus pueblos limítrofes. Colección: Historia Universal Siglo XXI (en castelán) 8 (13ª ed.). Madrid: Editorial Siglo XXI. ISBN 84-323-0169-8.
- Petit, Paul (1974). Histoire générale de l’Empire romain (en francés). París: Éditions du Seuil. ISBN 2-02-002677-5.
- Thompson, E.A. (1999). The Huns. Colección: The People of Europe (en inglés). Gloucester: Wiley-Blackwell. ISBN 0-631-21443-7.