Saltar ao contido

Manuel Pablo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaManuel Pablo

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento25 de xaneiro de 1976 Editar o valor en Wikidata (48 anos)
Arucas, España Editar o valor en Wikidata
Altura176 cm Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1996 Editar o valor en Wikidata -
Nacionalidade deportivaEspaña Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDefensa Editar o valor en Wikidata
Número deportivo2 Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1994–1996   UD Las Palmas Atlético
1994–1998   UD Las Palmas 57(1)
1998–   Deportivo da Coruña
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1997–1997   España sub-23 2(0)
1997–1997   España sub-21 1(0)
2000–2004   España 13(0)

BNE: XX1758572 FIFA: 179071 Editar o valor en Wikidata

Manuel Pablo García Díaz, nado en Arucas (Gran Canaria) o 25 de xaneiro de 1976, é un exfutbolista e adestrador español, que dende 2024 adestra o Fabril, da Segunda Federación. Futbolista histórico do Deportivo da Coruña, xogaba de lateral dereito e militou durante 18 tempadas no club galego, entre 1998 e 2016, sendo o xogador con máis tempadas na historia da entidade. Disputou un total de 482 partidos coa camiseta do Deportivo, cifra só superada por Fran, e exerceu como capitán do equipo durante 10 anos, dende 2006 ata a súa retirada. Foi internacional coa selección española en 13 ocasións.

Formouse como futbolista na canteira do UD Las Palmas e aos 18 anos debutou co primeiro equipo. En 1998 foi traspasado ao Deportivo da Coruña, onde non tardou en facerse coa titularidade na época de máis éxito da historia do club, co que gañou unha liga (1999–00), unha Copa do Rei (2002) e dúas Supercopas de España (2000 e 2002).

A súa progresión, que o levou a ser considerado como un dos mellores laterais de Europa,[1][2][3] viuse cortada en setembro de 2001, cando fracturou a tibia e o peroné nun derbi contra o Celta de Vigo. Titular ata aquel momento na selección española, perdeu as súas opcións de ir ao Mundial de 2002, e tardou case un ano en regresar aos campos de fútbol. Trala súa recuperación volveu ter protagonismo no Deportivo, sendo un titular habitual durante a seguinte década. Retirouse en 2016, aos 40 anos de idade, sendo o segundo futbolistas máis lonxevo na historia do Deportivo, despois de Donato, e un dos xogadores de máis idade na historia da Primeira División.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Como futbolista

[editar | editar a fonte]

Las Palmas

[editar | editar a fonte]

Naceu o 25 de xaneiro de 1976 en Bañaderos, no municipio grancanario de Arucas. Comezou a xogar ao fútbol cos seus amigos e co seu pai Manuel nas rúas e nos terreos do pobo, e aos 9 anos ingresou na canteira da UD Las Palmas.[4][5] Avanzou por tódalas categorías inferiores do club ata chegar ao equipo xuvenil da División de Honra, e coincidiu con futbolistas como Valerón, Lampón, Ojeda, Marcelino, Jero ou Pedro Cruz.[4]

Na tempada 1994/95 pasou ao filial, o Las Palmas Atlético, que militaba na Terceira División, e ese mesmo ano debutou con 18 anos co primeiro equipo da man do adestrador donostiarra Marco Antonio Boronat. Foi o 18 de setembro de 1994, nun partido da Segunda División B ante o Avilés Industrial no Muro de Zaro, no que foi titular.[6] Disputou un segundo encontro na Copa do Rei tres semanas despois, pero non gustou ao adestrador, que o mandou de volta ao filial como "castigo pedagóxico".[7][8] Co Las Palmas Atlético proclamouse esa mesma tempada campión da Copa Federación, despois de gañar na final ao Balaguer.[9] Continuou no filial durante a tempada 1995/96, na que xogou sen éxito a promoción de ascenso á Segunda B.

Na tempada 1996/97 pasou definitivamente ao primeiro equipo, que viña de ascender á Segunda División na campaña anterior. Xogou o seu primeiro partido na categoría de prata o 15 de decembro de 1996, da man do técnico arxentino Ángel Cappa, nun empate 1-1 ante o Alavés. Xogou completos case todos os partidos restantes da tempada, e en marzo de 1997 marcou o seu único gol coa camiseta amarela, ante o Real Madrid B. Na tempada 1997/98 foi titular indiscutible no lateral do equipo, xogando un total de 43 partidos e acabando a liga na terceira posición. Disputou os dous partidos da promoción de ascenso contra o Oviedo, pero a vitoria foi para o equipo asturiano por un resultado global de 4-3.[10]

Deportivo da Coruña

[editar | editar a fonte]

En 1998 foi traspasado xunto ao seu compañeiro "Turu" Flores ao Deportivo da Coruña, club que pagou polos xogadores uns 1.100 millóns de pesetas, nunha operación na que entrou tamén Renaldo, cedido ao club canario.[11][12] Debutou co Deportivo na final da 53ª edición do Trofeo Teresa Herrera, gañando o torneo ante a Lazio.[3]

O 28 de outubro de 1998 xogou o seu primeiro partido oficial co club galego, nunha vitoria por 1-3 contra o Jerez CF na Copa do Rei. Non debutou na Primeira División ata a 10ª xornada, cando foi titular nun partido contra o Deportivo Alavés en Riazor. Nesa primeira tempada disputou só 19 partidos, aínda que mediada a tempada quitoulle a Armando unha titularidade que xa non abandonaría nos dous anos seguintes.[13][3]

Na tempada 1999/00 foi o xogador de campo con máis minutos do equipo de Javier Irureta, disputando como como titular 37 dos 38 partidos de liga, nunha histórica campaña que culminou coa conquista do título por diante do Barcelona e o Valencia, e na que tivo como compañeiros máis habituais na defensa a Romero, Naybet e Donato.[14]

Durante esa tempada e a seguinte acumulou 110 partidos oficiais co Deportivo, converténdose nun referente da defensa do equipo e sendo considerado un dos mellores laterais dereitos de Europa.[2] Disputou os dous partidos da Supercopa de España que o seu equipo gañou ante o Espanyol e foi titular no primeiro encontro da historia do club na Liga de Campións, o 13 de setembro do ano 2000 no Estadio Spyros Louis de Atenas contra o Panathinaikos.[15] Xogou completos os 14 partidos do club coruñés esa tempada na competición europea, na que caeron eliminados ante o Leeds inglés. O seu alto nivel atraeu o interese do Real Madrid, que chegou a ofrecer por el 7.000 millóns de pesetas e a cesión por dous anos de Iker Casillas, nunha operación na que entraría tamén o traspaso de Molina.[16][3]

A súa rápida progresión, que o facía un dos fixos nas convocatorias de José Antonio Camacho coa selección española, viuse cortada de súpeto pola grave lesión que sufriu o 30 de setembro de 2001 nun derbi contra o Celta de Vigo en Riazor, cando rompeu a tibia e o peroné nun choque co brasileiro Everton Giovanella.[17][14] A lesión afastouno durante case un ano do terreo de xogo e impediulle acudir ao Mundial do Xapón e Corea, ademais de facerlle perder a final da Copa do Rei 2001/02, na que os seus compañeiros conquistaron o título ante o Real Madrid no coñecido como "Centenariazo".[14]

Reapareceu o 11 de setembro de 2002 no estadio Insular, nun partido da Copa do Rei ante o Corralejo. Case un mes despois regresou á liga, nun encontro ante o Racing de Santander, aínda que as consecuencias da lesión só lle permitiron disputar 28 partidos do campionato de liga durante esa tempada e a seguinte (2002/03 e 2003/04). Con todo, participou en importantes partidos da Liga de Campións, como as vitorias sobre o Manchester United ou a Juventus. Na tempada 2003/04 foi titular na histórica remontada dos cuartos de final contra o Milan de Ancelotti, e xogou tamén completos os dous partidos das semifinais diante do Porto de Mourinho.[18][19][3]

Equipo do Deportivo da Coruña antes dun partido da Copa da UEFA ante o CSKA Moscova en 2008. Manuel Pablo no centro, anicado.

Na tempada 2004/05 volveu ser o principal lateral dereito do equipo, por diante de Héctor, disputando 37 partidos, todos eles como titular. Mantivo o seu posto no once inicial na tempada 2005/06, trala marcha de Irureta e a chegada do seu substituto, Joaquín Caparrós. En 2006, trala retirada de Fran e despois dun breve período no que o capitán foi Scaloni, herdou el mesmo o brazalete de capitán, posto que ocuparía durante a seguinte década.[20] Con todo, na tempada 2006/07 non obtivo a mesma confianza de Caparrós e só xogou en 15 partidos de liga, ocupando Álvaro Arbeloa o seu lugar no resto de encontros, chegando a rumorearse a súa saída do club no mercado de inverno.

Na tempada 2007/08 afrontou o seu 10º ano consecutivo en Primeira División e retomou o seu papel protagonista no club, xa con Lotina no banco, disputando 34 partidos de liga, todos saíndo no once titular. Mantívose como principal lateral dereito do equipo durante os seguintes tres anos, por diante de Laure, ata que o conxunto coruñés acabou descendendo ao remate da campaña 2010/11. Poucos días antes do decisivo partido do que dependía a permanencia do Deportivo en Primeira División, Manuel Pablo compareceu ante a prensa xunto ao presidente do club Augusto César Lendoiro para anunciar a renovación do seu contrato por dous anos máis.[21]

Na tempada 2011/12, con José Luis Oltra no banco, o Deportivo proclamouse campión da Segunda División con récord histórico de puntos,[22] aínda que Manuel Pablo apenas tivo protagonismo, ao pasar lesionado boa parte da tempada.[23] Recuperou a titularidade nas seguintes dúas campañas, nas que viviu un novo descenso e outro ascenso e nas que xogou a miúdo como lateral esquerdo, polos problemas dos adestradores para cubrir esa posición. Durante esa época superou a Mauro Silva como o segundo xogador con máis partidos da historia do club, e converteuse no futbolista do Deportivo con máis tempadas na Primeira División, por diante do propio Mauro e de Acuña.

Nas súas dúas últimas campañas como futbolista, con Víctor Fernández e Víctor Sánchez como técnicos, apenas dispuxo de minutos, disputando só 12 partidos entre ambas campañas. Xogou o seu último partido o 14 de maio de 2016, na derradeira xornada de liga da tempada 2015/16, contra o Real Madrid en Riazor, partido que rematou con derrota por 0-2. Os 40 anos e 110 días cos que contaba naquel encontro situárono no seu momento como o sexto futbolista máis lonxevo en xogar na Primeira División, ocupando na actualidade o 10º posto.[24]

En xullo de 2016 anunciou a súa retirada e a súa incorporación á área da dirección deportiva do club.[25] O seu balance como xogador do Deportivo foi de 18 tempadas, 482 partidos oficiais e 3 goles (os cales anotou ante Racing de Santander, Murcia e Mallorca). É o segundo futbolista con máis partidos da historia do club, só superado polos 700 de Fran, e foi o segundo de máis idade en xogar un partido coa camiseta do club, só por detrás de Donato.[26]

Selección española

[editar | editar a fonte]

O 7 de xuño de 1997 xogou un partido coa selección española sub-21 ante a República Checa no estadio de El Plantío de Burgos, substituíndo nos minutos finais a Míchel Salgado.

Tres anos despois, o seu gran rendemento co Deportivo da Coruña fixo que fose convocado pola selección española absoluta, coa que debutou da man do seleccionador José Antonio Camacho o 16 de agosto de 2000 en Hannover contra Alemaña, nun partido amigable que acabou en derrota (4–1). Saltou ao campo tralo descanso como substituto de Velasco.[27] Fíxose axiña coa titularidade no lateral dereito e disputou os seguintes 11 partidos da selección, logrando a clasificación para o Mundial de 2002.[28]

Con todo, unhas semanas despois de clasificarse para a Copa do Mundo sufriu a fractura da tibia e o peroné nun Deportivo-Celta, o que o deixou sen Mundial e o afastou case definitivamente da selección. Volveu vestir a camisola vermella unha soa vez máis, o 28 de abril de 2004, nun amigable contra Italia no que xogou a segunda metade tras substituír a Míchel Salgado.[29] O seu balance coa selección española foi de 13 encontros, 10 deles como titular.

Como adestrador

[editar | editar a fonte]

Trala súa retirada continuou vencellado ao Deportivo da Coruña e formou parte do equipo técnico dos adestradores do Fabril, Rubén Coméndez e Gustavo Munúa.[30] En xaneiro de 2018 obtivo o título de adestrador da UEFA tras asistir ao curso da Federación Española, onde tivo como profesor ao futuro seleccionador e campión da Eurocopa Luis de la Fuente,[31] e en xuño do mesmo ano converteuse no segundo adestrador do Fabril, cuxo técnico principal era Tito Ramallo.[30][32]

En xullo de 2021 fíxose cargo do equipo xuvenil do Deportivo, co que rematou na súa primeira tempada subcampión do grupo I da División de Honra e clasificouse para a Copa de Campións, caendo nos cuartos de final contra o Betis.[33] Na tempada 2022/23 o equipo volveu ser subcampión de liga por detrás do Celta de Vigo, do que se vingou eliminándoo na primeira rolda da Copa do Rei, antes de derrotar tamén a Atlético de Madrid e Villarreal. Acadou así as semifinais por segunda vez na súa historia, pero quedou ás portas da final ao perder contra o Almería por 1-2, por mor dun gol do club andaluz no tempo de desconto.[34]

Na tempada 2023/24, a pesar de non ocupar o liderado en ningunha das 29 xornadas anteriores, o equipo de Manuel Pablo chegou á derradeira xornada da División de Honra con opcións de superar ao líder, o Racing de Santander. A vitoria do club coruñés contra o Val Miñor e a derrota dos cántabros fronte ao Compostela, déronlle o quinto título da súa historia ao Deportivo.[35]

En novembro de 2024 foi anunciado como novo adestrador do Fabril, substituíndo no cargo a Óscar Gilsanz, que á súa vez subiu ao primeiro equipo para ocupar o lugar do destituído Imanol Idiakez.[36] Debutou nun partido da Segunda Federación ante o Real Avilés no estadio Román Suárez Puerta, logrando a vitoria por 0-2, con dous goles de Kevin Sánchez.[37]

Estatísticas

[editar | editar a fonte]
Club Tempada División Liga Copa Liga de Campións Copa da UEFA Outros[N 1] Total
Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles
Las Palmas Atlético 1994/95 Terceira - - - - - -
1995/96 - - - - - -
Las Palmas 1994/95 Segunda B 1 0 1 0 - - - - - - 2 0
1996/97 Segunda 20 1 5 0 - - - - - - 25 1
1997/98 36 0 5 0 - - - - 2 0 43 0
Total club 57 1 11 0 0 0 0 0 2 0 70 1
Deportivo da Coruña 1998/99 Primeira 14 0 5 0 - - - - - - 19 0
1999/00 37 0 2 0 - - 6 0 - - 39 0
2000/01 37 1 2 0 14 0 - - 2 0 55 1
2001/02 5 0 0 0 2 0 - - - - 7 0
2002/03 10 0 8 1 1 0 - - - - 19 1
2003/04 18 0 1 0 8 0 - - - - 27 0
2004/05 30 0 1 0 6 0 - - - - 37 0
2005/06 31 0 5 0 - - - - 7 0 43 0
2006/07 15 0 5 0 - - - - - - 20 0
2007/08 34 0 0 0 - - - - - - 34 0
2008/09 23 0 3 0 - - 4 0 2 0 28 0
2009/10 33 0 3 0 - - - - - - 36 0
2010/11 30 0 3 0 - - - - - - 33 0
2011/12 Segunda 8 0 2 0 - - - - - - 10 0
2012/13 Primeira 24 0 2 1 - - - - - - 26 1
2013/14 Segunda 26 0 1 0 - - - - - - 27 0
2014/15 Primeira 5 0 2 0 - - - - - - 7 0
2015/16 3 0 2 0 - - - - - - 5 0
Total club 383 1 47 2 31 0 10 0 11 0 482 3
Total carreira 440 2 58 2 31 0 10 0 13 0 552 4
  1. Inclúe partidos de promoción de ascenso a Primeira, Supercopa de España e Copa Intertoto.

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Deportivo
  1. "Manuel Pablo, el ‘debutante’". Marca (en castelán). 14 de febreiro de 2015. Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  2. 2,0 2,1 "uefa.com Team of 2001: Right-backs". UEFA (en inglés). 11 de decembro de 2001. Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Rey Veloso, Javier (Setembro de 2013). "Cuando Manuel Pablo era más rentable que Zidane" (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  4. 4,0 4,1 "Manuel Pablo: La locomotora de Bañaderos (2000-2004)". eldiario.es (en castelán). 2 de maio de 2020. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  5. Rodríguez Cudeiro, Juan Luis (12 de febreiro de 2015). "“Creo mucho en el entrenamiento, un ejemplo es Isco”". El País (en castelán). Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  6. "Manuel Pablo ya es historia de la UD y del Deportivo" (en castelán). 7 de xullo de 2016. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  7. "Manuel Pablo, 400 entorchados profesionales" (en castelán). 22 de abril de 2013. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  8. Borrego, Manuel (14 de marzo de 2011). "MANUEL PABLO: "El castigo de Boronat me enseñó que las oportunidades hay que aprovecharlas sea como sea"" (en castelán). Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  9. "La generación del 95 y la Copa Federación" (en castelán). 17 de maio de 2020. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  10. "25-05-1998: Adiós de Turu y Manuel Pablo, a las puertas de Primera" (en castelán). 25 de maio de 2021. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  11. Luengo, M. Jesús (16 de decembro de 2001). "¡Menuda inversión!". As (en castelán). Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  12. "El Deportivo ficha a «Turu» Flores y a Manuel Pablo". El Mundo (en castelán). 8 de xullo de 1998. 
  13. Rodríguez Cudeiro, Juan Luis (19 de agosto de 2012). "La eterna sonrisa del Deportivo". El País (en castelán). Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  14. 14,0 14,1 14,2 Bouzas, Fabián (8 de xullo de 2016). "Manuel Pablo: Del cielo a la estabilidad, pasando por el infierno". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  15. "Un gol de Naybet da al Dépor su primer punto en la «Champions»". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de setembro de 2000. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  16. "El Madrid ofreció 7.000 millones por Manuel Pablo y Molina". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de xullo de 2001. Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  17. "Se cumplen 14 años de la grave lesión de Manuel Pablo". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de outubro de 2015. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  18. "Cuando el EuroDépor humilló al todopoderoso Milan en Riazor" (en castelán). 7 de abril de 2019. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  19. "Deportivo-Milán, la remontada que inspiró a toda Europa". As (en castelán). 7 de abril de 2020. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  20. "Manuel Pablo, el segundo con más antigüedad en el Dépor". El Correo Gallego (en castelán). 15 de xullo de 2006. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  21. "O Deportivo ata a Manuel Pablo para as próximas dúas tempadas"
  22. "El récord de Oltra, intacto". El Ideal Gallego (en castelán). 14 de maio de 2021. Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  23. "Manuel Pablo: "La defensa queda más retratada, pero los fallos son de todos"" (en castelán). 4 de setembro de 2012. Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2022. Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  24. "Ranking Más veterano Primera División". BDFutbol (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  25. "Manuel Pablo anuncia su retirada" (en castelán). 7 de xullo de 2016. Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2022. Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  26. "Xogadores do Deportivo da Coruña". BDFutbol (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  27. Torres, Diego (17 de agosto de 2000). "Alemania resucita a costa de España". El País (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  28. "España gana a Austria y se clasifica para el Mundial 2002" (en castelán). 2 de setembro de 2001. Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  29. Morales, Gabriel (29 de abril de 2004). "España empata con Italia y se llena de confianza". El Mundo (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  30. 30,0 30,1 "Manuel Pablo y Valerón obtienen la licencia de entrenador" (en castelán). 20 de xaneiro de 2018. Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  31. Piñeiro, Sergio (13 de xullo de 2024). "Luis de la Fuente, un maestro para una generación de técnicos deportivistas". Riazor.org (en castelán). Consultado o 19 de xullo de 2024. 
  32. "Manuel Pablo, segundo entrenador del Fabril" (en castelán). 19 de xuño de 2018. Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  33. Antelo, Iván (29 de maio de 2022). "El Deportivo juvenil se despide con la cabeza alta de la Copa de Campeones". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  34. "Cruel adiós del Deportivo al sueño de la Copa" (en castelán). 8 de marzo de 2023. Consultado o 11 de outubro de 2024. 
  35. "El Deportivo gana su grupo sobre la bocina y jugará la Copa de Campeones". DxT Campeón (en castelán). 11 de outubro de 2024. Consultado o 11 de outubro de 2024. 
  36. "Manuel Pablo, nuevo entrenador del Fabril" (en castelán). 5 de novembro de 2024. Consultado o 12 de novembro de 2024. 
  37. Losada, Víctor (10 de novembro de 2024). "Kevin Sánchez firma un doblete y el Fabril se luce en el estreno de Manuel Pablo". Riazor.org (en castelán). Consultado o 12 de novembro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]