Manuel García Prieto
Manuel García Prieto, nado en Astorga (provincia de León) en 1859 e finado en Donostia o 8 de marzo de 1938,[1] foi un político español. Ocupou o cargo de Presidente do Goberno de España en 1912, 1917 (dúas veces), 1918 e 1922. Como membro da familia sanguínea e política de Eugenio Montero Ríos desempeñou un papel de primeira orde na política galega e española das dúas primeiras décadas do século XX.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Rematados os estudos de Dereito, foi fiscal municipal do Xulgado de Madrid e ingresou no Corpo Xurídico Militar, aínda que permaneceu nel pouco tempo. Formouse no bufete de Montero Ríos, de quen foi xenro. Nas filas do Partido Liberal foi elixido deputado por Astorga en 1887, e despois da man de seu sogro por Santiago de Compostela en 1893. Sería deputado por este distrito durante vinte anos ata que finalmente pasou ó Senado.
En 1897 foi nomeado director xeral do contencioso do Estado e máis tarde subsecretario de Ultramar. En 1905 foi ministro de Gobernación no goberno de Montero Ríos e, ese mesmo ano, de Graza e Xustiza con Segismundo Moret. Deste último ministerio dimitiu ó considerar submisa a postura de Moret en relación co estamento militar.
En 1906 ocupou a carteira de Fomento baixo o goberno do xeneral José López Domínguez e en 1910, a de Estado baixo a presidencia de Canalejas. No desempeño deste cargo conseguiu un éxito notable en política internacional asinando un tratado hispano-marroquí en 1911, negociando con Francia sobre Marrocos en 1912 e logrando que as repúblicas hispanoamericanas tivesen representación no Tribunal Internacional de Xustiza da Haia. Polas súas xestións na preparación do tratado que permitiu a creación do protectorado de Marrocos foi nomeado marqués de Alhucemas.
Cando o 12 de novembro de 1912 asasinaron a Canalejas, García Prieto ocuparía durante dous días a presidencia do Consello de Ministros. Ó se escindir o Partido Liberal en 1913, converteríase no líder do Partido Liberal Democrático,[2] a facción política herdeira de Sagasta que se opoñía a do Conde de Romanones.
Foi designado presidente do Senado en 1914 e en 1917, como consecuencia da crise producida polas Xuntas de Defensa, formou un goberno do que moi en breve se vería obrigado a dimitir. En xullo de 1917 acadou o liderado do Partido Liberal, e en novembro presidiu o primeiro goberno de concentración da monarquía afonsina tras desencadearse a crise de outubro no goberno de Eduardo Dato. En maio de 1918 unha nova crise conduciría a Antonio Maura ó poder desempeñando García Prieto a carteira de Gobernación.
O 9 de novembro dese mesmo ano formou goberno de novo ata decembro, cando o Proxecto da Mancomunidade fixo caer o gabinete. Tras o desastre de Annual, aínda dirixiu en 1922 o último goberno constitucional da monarquía. Tentou sen éxito deter o golpe de Primo de Rivera do 13 de setembro de 1923 pero viuse obrigado a dimitir.
Durante a ditadura, estivo apartado da política, mantendo unha morna oposición ó réxime. Retornaría para formar parte do derradeiro goberno da monarquía de Afonso XIII e ocupar a carteira de Xustiza e Culto, baixo a presidencia de Juan Bautista Aznar-Cabañas.
Na rede clientelar creada por Montero Ríos, García Prieto constitúe non só unha peza fundamental senón que, ademais, foi capaz de establecer unha segunda rede en íntima conexión coa do seu sogro. Ó tempo que asumiu o caciquismo e o poder herdados do político de Lourizán, García Prieto gozou de certo prestixio en medios agrarios galegos pola súa posición redencionista no problema dos foros. Aínda que na súa política sempre tivo en conta o movemento agrario, o seu prestixio entre os agraristas iría a menos a medida que o movemento se foi radicalizando.
Após a proclamación da Segunda República retirouse da vida pública. Faleceu en Donostia o 8 de marzo de 1938.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Na web do Congreso dos Deputados aparece como data da morte o 15 de setembro.
- ↑ Pascual (1999), p. 113.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Manuel García Prieto |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Pascual, Pedro (1999). El compromiso intelectual del político: ministros escritores en la Restauración canovista. Madrid: Editorial de la Torre. ISBN 84-7960-247-3.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Biografía
- Ficha no Congreso dos DeputadosArquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine.
- García Prieto na estrutura caciquil de Montero Ríos
- Presidentes de España
- Ministros de Asuntos Exteriores de España
- Deputados no Congreso dos Deputados
- Senadores de España
- Presidentes do Senado de España
- Nados en 1859
- Finados en 1938
- Historia contemporánea de España
- Século XIX
- Século XX
- Marqueses de España
- Académicos da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas