Manuel Gómez del Valle
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1906 A Habana, Cuba |
Morte | 11 de agosto de 1936 (29/30 anos) Ourense, España |
Causa da morte | pena de morte, ferida por arma de fogo |
Actividade | |
Ocupación | poeta |
Xénero artístico | Poesía |
Familia | |
Nai | María del Valle Lozano |
Manuel Gómez del Valle, nado na Habana en 1906 e finado en Ourense o 11 de agosto de 1936, foi un xornalista, poeta e profesor galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de emigrantes galegos en Cuba, estableceuse en Ourense en 1918 onde estudou o bacharelato. Ao rematalo, volveu a Cuba onde comezou a súa actividade xornalística. Recorreu varios países americanos e foi encarcerado en Venezuela. Novamente en Galicia, foi profesor en Amoeiro e Vilamarín. Foi redactor de La Zarpa,[1] colaborou en El Soviet, El Pueblo Gallego[2] e Escuela del Trabajo.[3] Foi detido con Eduardo Villot Canal, acusados de rebelión; xulgados na Audiencia de Ourense, foron absoltos en marzo de 1933.[4] Participou na campaña para pedir o SI ao Estatuto de Autonomía de Galicia en xuño de 1936.[5] Cando se produciu o golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, xunto ao socialista Fernando Cordón García, funcionario de aduanas en Verín, trasladouse á Gudiña para unirse a quen estivera disposto a facer fronte á sublevación militar. Foron detidos en Xinzo de Limia pola Garda Civil o 21 de xullo e trasladados a Ourense.
Foi sometido a un consello de guerra sumarísimo que o condenou á pena de morte, sendo executado o 11 de agosto no Campamento de San Francisco de Ourense, a pesar das peticións de indulto do daquela sacerdote Fernando Quiroga Palacios, máis tarde cardeal, que asistiu ao fusilamento. A súa nai, María del Valle Lozano, foi detida por ter pedido a conmutación da pena capital, internada no cárcere de Celanova e asasinada en Xinzo de Limia. O seu irmán, Ricardo Gómez del Valle, foi obrigado a participar na guerra como soldado do bando franquista, sendo asasinado cara ao final da mesma, trala toma de Valencia, por un falanxista.
A súa obra está dispersa en distintas publicacións. En prosa na revista Escuela del Trabajo ("Krupp 42"), a poesía (Rebeldía, Poema, Manifiesto pastoril a los niños pobres del campo etc) en Heraldo de Galicia, Cristal e Vieiros.
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Antón Tovar dedicou o conto “A grande ilusión" a Manuel Gómez del Valle e á súa nai María.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. 2005. ISBN 84-87804-88-8.
- Alonso Girgado, Luís. Cristal. pp. 80–81.
- Alonso Montero, Xesús (1999). "Manuel Gómez del Valle, poeta, comunista e mártir (1906-1936)". Madrygal 2: 21–29.
- Alonso Montero, Xesús (2006). Os escritores galegos ante a guerra civil española. Galaxia. ISBN 978-84-8288-979-5.
- Hermida García, Modesto (1987). As revistas literarias en Galicia na Segunda República. Sada: Do Castro. p. 107. ISBN 8474923301.