Mamavirus
Mamavirus | |||||
---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||
| |||||
Especies | |||||
Mamavirus |
O mamavirus é un dos virus máis complexos descuberto. Pertence á familia Mimiviridae, á que tamén pertence o mimivirus.[1] Os mimiviridae pertencen ao grupo dos virus de ADN grande nucleocitoplasmáticos (NCLDVs), que comprende aos Poxviridae, Iridoviridae, Asfarviridae, e Phycodnaviridae.[2] O mamavirus é moi grande, supera en tamaño ao tamén xigante mimivirus, e é maior ca moitas bacterias.
Descubrimento
[editar | editar a fonte]Os primeiros informes da existencia do mamavirus son de setembro de 2008. Igual que o mimivirus, o mamavirus foi illado dunha ameba nunha torre de refrixeración. O grande tamaño dos mimiviridae é a razón de que non fosen descubertos ata época tan recente, porque quedaban retidos nos filtros xunto coas bacterias, o que fixo pensar que eran tamén bacterias. O Mimivirus illouse por primeira vez en 1992 cando os científicos estaban a buscar a causa dun estalido de pneumonía en Bradford, Reino Unido. Debido ao seu tamaño, foi denominado “coco de Bradford” e púxose nun conxelador, xa que os científicos pensaban que era unha bacteria.[2] Unha década despois, Claverie e Didier Raoult descubriron que o “coco de Bradford” non era unha bacteria cando trataron de dixerir a súa suposta parede celular sen éxito. Decidiron seguir unha estratexia diferente e examinárono con microscopio electrónico. Sorprendentemente atoparon que o que estaban a ver era similar a un iridovirus xigante, os cales son virus icosaédricos que infectan insectos, peixes e ras, o que fixo que o considerasen un virus, e abriu o camiño para que se descubrisen outros virus xigantes dese tipo como o mamavirus.[3]
O mamavirus foi illado orixinalmente de acantamebas da especie Acanthamoeba polyphaga, pero as investigacións seguintes fixéronse en Acanthamoeba castellanii.[4]
Estrutura e xenoma
[editar | editar a fonte]O mamavirus, como os outros mimiviridae, é icosaédrico cunha cápside central e unha capa de fibras periférica. Contén un xenoma de ADN linear de dobre cadea, que ten unha densidade de codificación moi alta, que é característica de todos os NCLDVs. Os mimiviridae conteñen xenomas moi similares debido a duplicacións xénicas, e gran parte do xenoma está asociado con funcións nunca antes atopadas en virus.[1]
Replicación
[editar | editar a fonte]Os mamavirus posúen a súa propia maquinaria de transcrición, e empaquetan proteínas para a transcrición dentro das súas partículas. A transcrición crese que ocorre na parte central (core) das partículas. Nesa parte libérase o ADN viral e forma unha factoría de replicación citoplasmática na que comeza a replicación do ADN e ten lugar a transcrición dos xenes tardíos. A factoría de replicación fórmase arredor da parte central (core) do virus e expándese ata que ocupa unha gran fracción do volume celular da ameba hóspede. As últimas fases do ciclo de replicación son o empaquetamento do ADN nas procápsides parcialmente ensambladas.[1]
O virófago Sputnik
[editar | editar a fonte]Os mimiviridae son virus de características sorprendentes, pero os mamavirus contiñan aínda outra sorpresa maior. Raoult, observando ao microscopio electrónico o mamavirus, descubriu un segundo virus pequeno estreitamente asociado co mamavirus, ao que se lle deu o nome de virófago Sputnik, que era un virus satélite.[5] Sputnik contén 21 xenes e é moi pequeno en comparación co mamavirus; porén, ten un poderoso efecto sobre o mamavirus. Sputnik non pode replicarse na célula da acantameba sen que haxa simultaneamente unha infección polo mamavirus (ou polo mimivirus), polo que se aproveita da factoría viral que crea o mamavirus para replicar o seu propio xenoma, polo que se considera un virus satélite.[6] A presenza do Sputnik fai que o mamavirus produza menos virus durante a súa replicación e a miúdo estes están deformados e son menos efectivos; hai tamén evidencias dun engrosamento parcial da cápside. O feito de que o virus Sputnik se comporte así suxire que actúa como un parasito viral, polo que foi denominado virófago, o primeiro virófago encontrado. O termo virófago é similar ao termo bacteriófago aplicado aos virus que infectan bacterias, destruíndoas (pero non todos están de acordo en considerar aos virófagos un novo tipo de virus diferente dos satélites[7]). Sputnik contén ADN circular de dobre cadea con 18.343 pares de bases, e ten forma icosaédrica.[8] Dos seus 21 xenes, 8 codifican proteínas ás que se lle encontraron homólogos noutros virus. Desas oito, hai tres que se cre derivan de mamavirus ou mimivirus.[9] Isto indica que Sputnik pode participar en procesos de transferencia horizontal de xenes e mediar esa transferencia entre os virus xigantes.[10]
Implicacións
[editar | editar a fonte]O mamavirus e o mimivirus fixeron que algúns científicos revisen os criterios que definen a vida, e empecen a cuestionarse se os virus son seres vivos, reavivando o debate sobre a orixe dos virus de ADN e o seu posible papel na emerxencia do núcleo eucariótico na evolución.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Van Etten, James L.; Leslie C. Lane, David D. Dunigan (13). "DNA Viruses: The Really Big Ones (Giruses)". Annual Review of Microbiology (Annual Reviewof Microbiology) 64: 83–99. PMC 2936810. PMID 20690825. doi:10.1146/annurev.micro.112408.134338.
- ↑ 2,0 2,1 Claverie, Jean-Michel; Chantal Abergel (2009). "Mimivirus and its Virophage". Annual Review of Genetics. pp. 49–66. Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2019. Consultado o 12 de maio de 2013.
- ↑ Ehrenberg, Rachel (10). "Enter the Virosphere: As evidence of the influence of viruses escalates, appreciation of these master manipulators grows". Science News (Science News) 176 (8): 22–25. doi:10.1002/scin.5591760820.
- ↑ Colson P, Yutin N, Shabalina SA; et al. (2011). "Viruses with more than 1000 genes: Mamavirus, a new Acanthamoeba castellanii mimivirus strain, and reannotation of mimivirus genes". Genome Biol Evol 3: 737–42. PMC 3163472. PMID 21705471. doi:10.1093/gbe/evr048.
- ↑ 5,0 5,1 Pearson, Helen (7). "'Virophage' suggests viruses are alive" (PDF). Nature. p. 677. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de marzo de 2012. Consultado o 12 de maio de 2013.
- ↑ La Scola, Bernard; Christelle Desnues, Isabelle Pagnier, Catherine Robert, Lina Barrassi, Ghislain Fournous, Michele Merchat, Marie Suzan-Monti, Patrick Forterre, Eugene Koonin, Didier Raoult (4). "The virophage as a unique parasite of the giant mimivirus" (PDF). Nature. pp. 100–105. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 22 de marzo de 2012. Consultado o 12 de maio de 2013.
- ↑ Krupovic M, Cvirkaite-Krupovic V. (2012) Sputnik and Mavirus: not more than just satellite viruses. Nat Rev Microbiol. 10(1):78. doi: 10.1038/nrmicro2676-c2 [1]
- ↑ Desnues, C; D. Raoult (15). "Inside the Lifestyle of the Virophage". Intervirology. pp. 293–303.
- ↑ Sun, Siyang; Bernard La Scola, Valorie D. Bownam, Christopher M. Ryan, Julian P. Whitelegge, Didier Raoult, Michael G. Rossmann (2010). "Structural Studies of the Sputnik Virophage". Journal of Virology (Journal of Virology) 84 (2): 894–897. PMC 2798384. PMID 19889775. doi:10.1128/JVI.01957-09.
- ↑ Smallridge, Rachel (2008). "Virology: A Virus gets a Virus". Nature Reviews.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]- Mimivirus
- Sputnik (virus) (virófago)
- Marseillevirus
- Pandoravirus