Saltar ao contido

Método científico

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Artigo principal: Ciencia.
Este artigo trata dos diversos métodos científicos usados historicamente. Para o uso da palabra en contornas técnicas actuais ver investigación científica.

O método científico constitúe o estudo sistemático, controlado, empírico e crítico de proposicións hipotéticas sobre presuntas relacións entre varios fenómenos naturais e é o mecanismo utilizado nas ciencias experimentais para validar ou invalidar unha teoría, por medio da experimentación ou da observación.

René Descartes, filósofo, matemático e físico francés, considerado pai da filosofía moderna, e un dos nomes máis destacados da revolución científica.

O método científico (do grego: -μετά = cara a, ó longo de- -οδός = camiño-; e do latín scientia = coñecemento; camiño ó coñecemento) é un método de investigación usado de xeito principal na produción de coñecemento nas ciencias. Para chamarse científico, un método de investigación debe basearse no empirismo e na medición, suxeito ós principios específicos das probas de razoamento.[1] O Oxford English Dictionary, di que o método científico é: "un método ou procedemento que ten caracterizado á ciencia natural dende o século XVII, que consiste na observación sistemática, medición e experimentación, e a formulación, análise e modificación das hipóteses."[2]

Segundo James B. Conant, non existe un método científico. O científico usa métodos de definición, métodos de clasificación, métodos estadísticos, métodos hipotético-dedutivos, procedementos de medición, ... polo que referirse a un único método científico é referirse ó conxunto de tácticas empregadas para constituír o coñecemento, suxeitas á contorna histórica, e que de xeito eventual poderían ser outras no futuro.[3] Iso lévanos a tentar sistematizar as distintas pólas no interior do método científico.

Características

[editar | editar a fonte]

Son dous os piares básicos do método científico. O primeiro deles é a reproducibilidade, é dicir, a capacidade de repetir un determinado experimento en calquera lugar e por calquera persoa. Este piar emprega para a súa práctica, esencialmente, a comunicación e a publicidade dos resultados obtidos (por ex. en xeito de artigo científico).

O segundo piar é a falsabilidade. É dicir, que toda proposición científica ten que ter a posibilidade de ser falsada. Isto implica que se poidan deseñar experimentos que no caso de dar resultados distintos ós preditos negarían a hipótese posta a proba. A falsabilidade non é máis que o modus tollendo tollens do método hipotético dedutivo experimental.

Na actualidade os resultados da investigación científica son publicados en revistas científicas especializadas tras críticas ou comentarios doutros expertos, correccións por parte dos autores e aínda verificación dos experimentos por outros equipos de investigación. Asemade, está comezando a ser usual que se publiquen na rede (Internet) ó tempo que nas revistas científicas ou exclusivamente.

Fronte ós límites do azar ou á casualidade que en poucas ocasións provén coñecemento ou sabedoría, -ben coñecemento científico, do ben ou, como indica Aristóteles na súa Ética a Nicómaco, do ben máximo que é a felicidade-, Platón e mesmo Aristóteles advertían da necesidade de seguir un método cun conxunto de regras ou axiomas que debían levar ó fin proposto. Sócrates, Platón e Aristóteles, entre outros grandes filósofos gregos, propuxeron os primeiros métodos de razoamento filosófico, matemático, lóxico e técnico.

Mentres durou a época medieval, foron os filósofos, físicos, matemáticos, astrónomos e médicos do mundo islámico os que fixeron súa, desenvolveron e difundiron a herdanza da filosofía grega -entre outros Alhazen, Al-Biruni e Avicena-. Tamén debe recoñecerse ós que contribuíron á difusión de ditos coñecementos por Europa; figuras como Roberto Grosseteste e Roger Bacon, coa imprescindible labor da Escola de Tradutores de Toledo.

Pero non foi ata a idade moderna cando se consolidou unha nova Filosofía Natural. Descartes (1596-1650) no seu Discurso do método define por primeira vez unhas regras do método para dirixir ben a razón e procurar a verdade nas ciencias.[4] Aínda con diferenzas notables, foron moitos os que defenderon a necesidade dun método que permitira a investigación da verdade.

Dun punto de vista empírico ou científico, como agora o entendemos, débese nomear a precursores do método científico como Leonardo da Vinci (1452-1519), Copérnico (1473-1543), Johannes Kepler (1571-1630) e Galileo (1564-1642), os que aplicaban regras metódicas e sistemáticas para acadar a verdade. Galileo Galilei contribuíu a reforzar a idea de separar o coñecemento científico da autoridade, a tradición e a fe.

Dende a filosofía e a ciencia -daquela o coñecemento aínda era unitario e non estaba dividido- debemos nomear, ademais de a René Descartes, a Francis Bacon (1561-1626) o que consolidou o método indutivo dando paso ó empirismo, a Pascal (1623-1662), Spinoza (1632-1677), Locke (1632-1704), Malebranche (1638-1715), Newton (1643-1727), Leibniz (1646-1716), David Hume (1711-1776), Kant (1724-1804) e Hegel (1770-1831).

A filosofía recoñece moitos métodos, entre eles, o método por definición, demostración, dialéctico, transcendental, intuitivo, fenomenolóxico, semiótico, axiomático, ou o indutivo.[5] A filosofía da ciencia é a que, en conxunto, mellor establece os supostos ontolóxicos e metodolóxicos das ciencias, sinalando a súa evolución na historia da ciencia e os distintos paradigmas que desenvolve.

Tipoloxías

[editar | editar a fonte]

A sistematización dos métodos científicos é complexa. Non existe unha única clasificación, nin aínda que só sexa á hora de considerar cantos métodos distintos existen. Ademais é importante saber que ningún método é un camiño infalible para o coñecemento, todos constitúen unha proposta racional para chegar a el.

Descricións do método científico

[editar | editar a fonte]
Modelo simplificado para o método científico que se segue no MC-14, o método científico en 14 etapas.

Por proceso ou "método científico" enténdense as prácticas usadas e ratificadas pola comunidade científica como válidas á hora de proceder co fin de expoñer e confirmar as súas teorías. As teorías científicas, destinadas a explicar dalgún xeito os fenómenos que observamos, poden basearse ou non en experimentos que certifiquen a súa validez. Mais hai clarexar que só uso de métodos experimentais non pode considerarse sinónimo do uso do método científico. Por iso, Francis Bacon puntualizou os pasos do método científico en xeito:

  1. Observación: Observar é aplicar atentamente os sentidos a un obxecto ou a un fenómeno, para estudalos tal como se presentan na realidade, de xeito ocasional ou causal.
  2. Indución: Acción e efecto de extraer, a partir de determinadas observacións ou experiencias particulares, o principio particular de cada unha das mesmas.
  3. Hipótese: Enunciado, mediante a observación seguindo as normas establecidas polo método científico.
  4. Probar a hipótese por experimentación.
  5. Demostración ou refutación (antítese) da hipótese.
  6. Tese ou teoría científica (conclusións).

Así queda definido o método científico tal e como é entendido en xeral, é dicir, a representación social dominante do mesmo. Esta definición correspóndese non obstante só á visión da ciencia denominada positivismo na súa versión máis primitiva. Non obstante, é evidente que a esixencia da experimentación é imposible de aplicar a áreas de coñecemento como a vulcanoloxía, a astronomía, a física teórica etcétera. Neses casos, é abondo a observación dos fenómenos producidos na natureza, nos que o método científico úsase no estudo (directo ou indirecto) a partir de modelos máis pequenos, ou a partes diste.

Ademais, existen ciencias non incluídas nas ciencias naturais, en particular no caso das ciencias humanas e sociais, nas que os fenómenos non só non se poden repetir de xeito controlado e artificial (que é no que consiste un experimento), senón que son, pola súa esencia, irrepetibles, por exemplo a historia. De xeito que o concepto de método científico ten que ser repensado, achegándose máis a unha definición como: "proceso de coñecemento caracterizado polo uso constante e irrestrito da capacidade crítica da razón, que procura establecer a explicación dun fenómeno co coñecido con antelación, resultando unha explicación completamente congruente cos datos da observación".

Así, por método ou proceso científico enténdense as prácticas usadas e ratificadas pola comunidade científica como válidas á hora de proceder co fin de expoñer e confirmar as súas teorías, como por exemplo os Postulados de Koch para a microbioloxía. As teorías científicas, destinadas a explicar dalgún xeito os fenómenos que observamos, poden fundamentarse ou non en experimentos que certifiquen a súa validez.

  1. "Rules for the study of natural philosophy", Newton 1999, pp 794-6, libro 3, The System of the World.
  2. Oxford English Dictionary - entrada para scientific.
  3. Gregorio Klimovsky, Las desventuras del conocimiento científico. Una introducción a la epistemología, A-Z editora, Bs.As., 1997, ISBN, 950-534-275-6
  4. René Descartes. Discurso do método. Segundo título ou indicación ó título principal: Discours de la methode. Pour bien conduire la raison & chercher
  5. Método en Diccionario de Filosofía J. Ferrater Mora, Ariel, Barcelona, 1994, ISBN 84-344-0500-8, p. 2402

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]