Saltar ao contido

Más País

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Más País
Partido político de España
Dirixentes e organización
LíderÍñigo Errejón
Historia
Fundación2019
Posicións políticas
IdeoloxíaProgresismo
Ecoloxismo
Feminismo
Socialdemocracia
Representación
Congreso dos Deputados
3 / 350
Senado
1 / 266
Asemblea de Madrid
20 / 132
Outros datos
SedeMadrid
Na rede
maspais.es
Facebook: MasPaisEs Twitter: MasPais_Es Instagram: maspais_es Editar o valor en Wikidata

Más País[a] é un partido político progresista e ecoloxista español, fundado en 2019.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Más Madrid.

De cara ás eleccións municipais de 2019 en Madrid, a alcaldesa Manuela Carmena (que concorrera ás eleccións municipais de 2015 como cabeza de lista de Ahora Madrid), anunciou en setembro de 2018 a súa vontade de aspirar a un novo mandato, e en novembro de 2018 presentou unha nova plataforma para configurar unha candidatura para estes comicios: Más Madrid.[1] En xaneiro de 2019, Íñigo Errejón, aspirante escollido nas primarias de Podemos para liderar unha lista de Unidos Podemos nas eleccións á Asemblea de Madrid do mesmo ano, anunciou a súa alianza con Carmena.​ Más Madrid foi rexistrado como partido político o 7 de febreiro de 2019. Isto significou a ruptura definitiva con Podemos e Pablo Iglesias.

A candidatura de Más Madrid foi a máis votada nas eleccións municipais de 2019 en Madrid (19 de 57 concelleiros) e a candidatura encabezada por Errejón a cuarta lista máis votada nas eleccións autonómicas madrileñas (20 de 132 deputados). Más Madrid tamén presentou varias listas para as eleccións municipais noutros concellos da comunidade, aínda que con menor éxito.

Más País

[editar | editar a fonte]

O 22 de setembro de 2019 as bases e dirixentes de Más Madrid aprobaron en asemblea a participación nas eleccións xerais de novembro de 2019.[2]

O 25 de setembro, Íñigo Errejón lanzou a plataforma, bautizada coma Más País, nun acto celebrado na sede da UXT de Madrid. A nova iniciativa presentouse como un intento de evitar que unha potencial decepción entre os votantes da esquerda polo fracaso no proceso de formación de goberno entre o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) e Unidos Podemos se puidese transformar nunha maior taxa de abstención nas eleccións de novembro.[3]

Papeleta ás Xerais de novembro de 2019 por Pontevedra.

Durante a presentación da plataforma, Errejón anunciou que, en base a criterios técnicos, Más País non concorrería nas circunscricións máis pequenas (de menos 7 escanos), dado que isto podería prexudicar o conxunto do bloque de esquerda. O 27 de setembro, os líderes de Podemos na Rexión de Murcia, Óscar Urralburu e María Giménez abandonaron Podemos e renunciaron ás súas actas na Asemblea Rexional de Murcia para concorrer ás eleccións xerais con Más País.[4] Más País concorreu en coalición con Compromís nas tres provincias do País Valenciano, coa Chunta Aragonesista en Zaragoza e con Equo no resto (coa excepción de Barcelona e Baleares, onde concorrerá en solitario).[5]

A ex-deputada de Podemos Carolina Bescansa foi designada a candidata na provincia da Coruña, mentres que o tamén ex-militante de Podemos Daniel Liceras Pascual foi o cabeza de lista na provincia de Pontevedra.[6] Varios militantes críticos de Podemos Galicia déronse de baixa do partido para unirse a Más País.[7]

Partidos coaligados nas eleccións xerais do 10 de novembro de 2019

[editar | editar a fonte]
Partidos
Equo (eQuo)
Coalició Compromís (Compromís)
Chunta Aragonesista (CHA)
  1. Tamén estilizado coma «Máis país» o «Más país!». Nomes noutros idiomas:
    Castelán: Más País
    Catalán: Més País
    Asturiano: Más País.
Referencias