Lydia Cabrera
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2019.) |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 20 de maio de 1899 A Habana, Cuba |
Morte | 19 de setembro de 1991 (92 anos) Miami, Estados Unidos de América |
Educación | Escola do Louvre |
Actividade | |
Campo de traballo | Anthropological research (en) e relixión |
Ocupación | antropóloga, poetisa, escritora, etnólogo |
Influencias | |
Obra | |
Arquivos en | |
Familia | |
Pai | Raimundo Cabrera |
Cronoloxía | |
1960 | emigración |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Latinas in the United States: A Historical Encyclopedia (en) Dictionary of Caribbean and Afro–Latin American Biography (en) Latin American Women Writers: an Encyclopedia (en) |
Lydia Cabrera, nada na Habana o 20 de maio de 1899 e finada en Miami o 19 de setembro de 1991, foi unha etnóloga, investigadora e narradora cubana. Os seus estudos sobre a presenza e pegadas da cultura africana na illa nos seus aspectos lingüísticos e antropolóxicos son de ineludible consulta.[1]
Biografía
[editar | editar a fonte]Filla do historiador cubano Raimundo Cabrera, naceu e educouse na Habana. Como era de saúde delicada creceu na casa, entre nanas africanas (que era o persoal de servidume daqueles tempos) das que recolleu moitos contos, mitos e lendas, iniciándose así no folclore afrocubano.
En 1913 comezou a escribir a crónica social da revista Cuba y América baixo o pseudónimo de Nena.[2]
En 1927 pasou a residir en París, onde publicou -traducidos ao francés por Francis de Miomandre- os seus Contes nègres de Cuba (París, Gallimard, 1936), baseados en relatos ouvidos de viva voz, que constitúen tanto un achegue ao coñecemento do folclore negro como unha recreación poética.[3] É moi coñecida a frase de Lydia Cabrera na que expresa que descubriu a Cuba a orillas do Sena. Ao parecer, os once anos que pasou en París foron decisivos para atoparse a si mesma e marcar os seus obxectivos vitais.[4] Era, sen dúbida algunha, unha muller cunha capacidade excepcional. Estudou en Francia na universidade, onde se especializou en Costumes, correntes e civilizacións orientais. El Monte, libro publicado en 1954 é considerado a súa obra mestra, ten un rigor propio da metodoloxía francesa, que os seus colegas admiraban e asumían como propio do estilo dela. Os seus contos e relatos están cheos de sincretismo, é dicir, a fusión das razas e culturas negra e branca, tal como se conforma a sociedade cubana: situándoos na época colonial, nas facendas e os barracóns, onde dá vida aos seus personaxes.[1]
De regreso a Cuba continuou neste labor que cada vez se foi afastando máis da ficción literaria para derivar cara a un estudo da cultura afro-cubana, nos seus aspectos lingüísticos e antropolóxicos.
Foi unha pioneira na gravación discográfica, recollendo, in situ, todo o que existía de música ritual, cantos e danzas afrocubanas. Tivo a valentía de dedicarse a estudar os costumes afrocubanas nunha sociedade na que se achaban totalmente proscritos. E tamén foi quen de ter, durante o período republicano, unha parella do mesmo sexo.[2]
Foi asesora da Xunta do Instituto Nacional de Cultura baixo a ditadura de Batista. Traballos seus foron publicados nas revistas francesas Cahiers du Sud, Revue de Paris e Les Nouvelles Litteraires, e nas cubanas Revista Orígenes (1945-1954), Revista Bimestre Cubana (1947), Lyceum (1949), Lunes de Revolución, Bohemia.[3]
Desta época son os seus libros: Por qué... cuentos negros de Cuba -que foi tamén traducido ao francés por Francis de Miomandre (París, Gallimard, 1954)-, El Monte (1954) - dedicado por completo a estudar as orixes da Santería, nacida da mestura das deidades de Yoruba cos santos católicos-, Anago:Vocabulario Lucumi -que é un estudo da linguaxe Lucumi e a súa adaptación ao español-, e a súa recompilación de Refranes de negros viejos (A Habana, Eds. CR, 1955). Nos seus primeiros libros etnolóxicos, publicados entre 1954 e 1958, comezando con El Monte, a autora recolle os máis importantes fundamentos antropolóxicos, relixiosos e culturais do legado afrocubano. Para iso ten que gañarse a confianza dos seus informantes, os cales gardan celosamente o segredo dos seus rituais, mitos e costumes. Por outra banda, tivo que desenvolver unha profunda investigación de campo que a levou a moverse por numerosos pobos e cidades, sobre todo da Habana, Trinidad, Las Villas e Matanzas. Para ela, o importante consistía en desentrañar "a pegada profunda e viva que deixaron nesta illa, os conceptos máxicos e relixiosos, as crenzas e prácticas dos negros importados de África durante varios séculos de trata ininterrompida".[3]
A obra de Lydia Cabrera é unha obra sobre a maxia presente nas diferentes ramas da cultura afrocubana, e esa noción de maxia non só está contida no pensamento cosmogónico, senón que forma parte da cultura cubana en xeral, traspasando os límites rituais para manifestarse en grandes parcelas da vida cotiá. Polo que a valoración final da súa obra ten que ver co descubrimento e a aceptación da realidade cultural de Cuba como expresión non só dun entramado europeo e africano —español e yoruba, principalmente—, senón dun mito orixinario, ampliado e enriquecido con múltiples signos que caracterizan os nosos arquetipos, grazas a que, a pesar da ignominiosa escravitude colonial, as culturas africanas chegadas á illa puideron expresarse xustamente nos momentos de formación da nacionalidade crioula. A influencia destas culturas negras nunca alcanzaría tanto peso de non ter sido porque incidiron na incipente nacionalidade cubana a través de mitos máxico-relixiosos.
Lydia non teorizou ao respecto: rescatou a metáfora. María Zambrano chamouna "poeta" nun memorable artigo:
Lydia Cabrera se destaca entre todos los poetas cubanos por una forma de poesía en que conocimientos y fantasía se hermanan hasta el punto de no ser ya cosas diferentes, hasta constituir eso que se llama "conocimiento poético".Lydia Cabrera destaca entre todos os poetas cubanos por unha forma de poesía na que se irmandan coñecementos e fantasía até o punto de non ser xa cousas distintas, até constituír iso que se denomina "coñecemento poético".
Ao triunfo da Revolución, Lydia marchou do país e nunca regresou. Saíu como exiliada, primeiro foi a Madrid e logo estableceuse en Miami, onde permaneceu ata o seu falecemento aos 92 anos.
Lydia Cabrera recibiu varios doutorados honorarios. Ela describe os seus contos como “transposicións”, pero chegan moito máis lonxe que simples relatos, xa que recreou e alterou elementos, personaxes, e temas da cultura africana, á que incorporou detalles e costumes dos séculos XIX e XX.
Os últimos anos da súa vida, traballou na edición e publicación dun gran número de notas que recompilou en máis de trinta anos de investigación en Cuba.
Algúns dos seus últimos libros son Refranes de negros viejos (1955), Otán Iyebiye, las piedras preciosas, Ayapá, cuentos de jicotea (1971), La lengua sagrada de los ñáñigos (1988) etc.[5]
Traxectoria académica
[editar | editar a fonte]Portavoz da cultura afrocubana, convértese nunha fiel rescatadora de todas as crenzas e prácticas relixiosas presentes en Cuba.
Na súa infancia non puido ir á escola por problemas de enfermidade e na casa é educada libremente por titores. O bacharelato tamén transcorre no seu fogar e posteriormente toma cursos de posgrao.
En 1927 viaxa a París, estuda en l'École du Louvre na que se gradúa tres anos máis tarde. Lydia comeza a investigar para os seus escritos en 1928 e despois de dous meses en Cuba regresa a París, e comeza a escribir contos negros, que aparecen publicados en Cahiers du Sud, Revue de Paris, e Lles Nouvelles Littéraires. Estes son traducidos ao francés, e a editoral Gallimard publícaos en París, en 1936, baixo o nome de Contes nègres de Cuba. En 1940, publícase a primeira edición en español de Contos negros de Cuba. En 1930, nunha visita que Federico García Lorca realizou a Cuba, Lydia conduciu ao poeta a unha cerimonia secreta afrocubana que o fascinou.
Pola súa dedicación ao seu traballo gañouse a confianza dos afrocubanos, o que lle permitiu en 1950 percorrer todo o país e recompilar moita información sobre rituais e mitos que eran coñecidos por poucos. O seu libro O Monte é considerado unha biblia das relixións afrocubanas.
Os seus relatos abordan diversos temas: a orixe do universo africano, animais personificados, os deuses africanos, os animais e as plantas, o seu destino e os quefaceres da vida.
Lydia Cabrera morre o 19 de setembro de 1991, aos noventa e dous anos de idade.[3]
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cuentos negros de Cuba
- ¿Por qué? Cuentos negros de Cuba
- El Monte
- Refranes de negros viejos
- Anagó, vocabulario lucumí
- La sociedad secreta Abakuá, narrada por viejos adeptos.
- Otán Iyebiyé, las piedras preciosas.
- Ayapá: Cuentos de Jicotea
- La laguna sagrada de San Joaquín
- Yemayá y Ochún
- Anaforuana: ritual y símbolos de la iniciación en la sociedad secreta Abakuá
- Francisco y Francisca: chascarrillos de negros viejos
- Itinerarios del Insomnio: Trinidad de Cuba
- Reglas de Congo: Palo Monte Mayombe
- Koeko iyawó, aprende novicia: pequeño tratado de regla lucumí
- Cuentos para adultos, niños y retrasados mentales
- La Regla Kimbisa del Santo Cristo del Buen Viaje
- Páginas Sueltas[3]
Revistas cubanas onde realizou as súas publicacións
[editar | editar a fonte]- Orígenes 1945- 1954
- Revista Bimestre Cubana 1947
- Lyceum 1949
- Lunes de Revolución y Bohemia.
- En 1942 publicou unha tradución súa de Cahier d'un retour au pays natal, de Aimé Césaire (Regreso al país natal), ilustrada con debuxos de Wifredo Lam.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Ilecara (2011-01-27). "MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS: Siglo XX - Lydia Cabrera". MUJERES QUE HACEN LA HISTORIA - BREVES BIOGRAFIAS. Consultado o 2019-10-23.
- ↑ 2,0 2,1 Mater, Alma (2019-05-21). "La inmortal Habana de Lydia Cabrera". Medium (en inglés). Consultado o 2019-10-23.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 afrocubana, Lydia CabreraExcelente portavoz de la cultura; Cuba, convirtiéndose en una fiel rescatadora de todas las creencias y prácticas religiosas presentes en Cuba Nacimiento20 de mayo de 1899La HabanaFallecimiento19 de septiembre de1991MiamiPadresRaimundo CabreraObras destacadasCuentos negros de; Monte, El; Ochún, Yemayá y. "Lydia Cabrera - EcuRed". www.ecured.cu (en castelán). Consultado o 2019-10-23.
- ↑ 4,0 4,1 Moro, Lilliam. "En memoria de Lydia Cabrera, a los 118 años de su nacimiento". 14ymedio (en castelán). Consultado o 2019-10-23.
- ↑ "Lydia Cabrera". Mujeres para pensar (en castelán). 2018-06-25. Consultado o 2019-10-23.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Dicionario da literatura cubana Arquivado 25 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., (en castelán).
- Lydia Cabrera. Día das escritoras, (en castelán).