Lilioceris lilii
Lilioceris lilii | |||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Apareamento, en Oxfordshire, Reino Unido | |||||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||||
|
Lilioceris lilii é unha especie de escaravello da familia dos crisomélidos que come follas, taliños, gromos e flores de Lilium, Fritillaria e outras plantas da familia Liliaceae. Pon os seus ovos normalmente en especies de Lilium e Fritillaria. En ausencia destas especies, poñen menos ovos e a taxa de supervivencia de ovos e larvas é reducida.[2] Agora converteuse nunha praga na maioría dos climas temperados onde se cultivan lirios ou azucenas.
Descrición
[editar | editar a fonte]Este escaravello pertence á familia Chrysomelidae. O adulto mide de 6 a 9 mm de lonxitude, ten patas e antenas relativamente longas. Os seus élitros son de cor escarlata viva e brillantes. A parte ventral, patas, ollos, antenas e cabeza son completamente negros. Ten ollos grandes, un tórax delgado e un abdome ancho.[3] Cada antena está constituída por 11 segmentos. Os ollos teñen unha amosega e presenta dúas fendas no tórax.[4]
Pode confundirse co escaravello Pyrochroa serraticornis, que tamén ten élitros vermellos e ventre negro. Os élitros teñen pequenas depresións e son máis brillantes e máis redondeados que os do P. serraticornis, que é relativamente mate e máis estreito, máis aplanado e alongado e con antenas con forma de peite.[5] L. lilii é herbívoro, mentres que P. serraticornis depreda insectos.[6] Tamén se pode confundir con maruxiñas sen puntos, pero ten unha forma máis estreita.[3]
Distribución
[editar | editar a fonte]É unha especie indíxena de partes de Europa e Asia. Pénsase que foi introducida en América do Norte pola importación de bulbos de plantas en 1943.[7] Observouse primeiro en Montreal, espallouse polo Canadá e apareceu en Massachusetts en 1992, e en 2012 estaba presente nos seis estados de Nova Inglaterra e tamén nos estados de Nova York e en Washington. No Canadá atópase desde as Provincias Marítimas cara ao oeste ata Manitoba.[4][7] En 2001 espallárase cara ao oeste chegando a Alberta e en 2017 informáronse de infestacións tan ao norte como Edmonton. Estableceuse como especie invasora no Reino Unido desde que foi detectada por primeira vez en 1839, aínda que a primeira colonia non se conseguiu establecer ata 1939 e non se espallou ata a década de 1980.[8][9] Agora está espallada por Inglaterra, Escocia e Irlanda.[8] Tamén se encontra no Próximo Oriente e no norte de África.[7]
Ciclo vital
[editar | editar a fonte]Pasa o inverno no solo e emerxe a principios de primavera. O adulto atópase xeralmente en ambientes húmidos e fríos.[10] Sae en primavera para alimentarse e aparearse.[3] A femia pode poñer ata 450 ovos cada tempada en lotes duns 12 nos envés das follas. Coloca os ovos de cor laranxa-vermella a marrón en liñas estreitas irregulares ao longo do nervio central da folla, onde están máis agochados. Os ovos fan eclosión en 1-2 semanas e deles saen larvas amarelas, marróns ou laranxas.[7]
As larvas aliméntanse durante uns 24 días, empezando por debaixo das follas e despois seguindo polo resto da planta e causan a maior parte do dano. O seu lugar preferido para alimentarse é no envés das follas ou no nó onde a folla sae do talo. Despois entérranse no chan para pupar nun casulo de terra pegada con saliva. En 20 días saen da pupa os adultos e continúan alimentándose ata o inverno. Nun ano pode haber máis dun ciclo.[11][7]
Comportamento
[editar | editar a fonte]Con frecuencia a primeira evidencia dunha infestación por este escaravello é a presenza de moreas de residuos de excrementos marróns pegañentos que conteñen larvas sobre follas. As larvas permanecen nestes residuos para protexerse do sol e dos predadores. Porén, o escudo fecal non é unha proteción efectiva contra parasitoides, e mesmo pode facilitar a localización das larvas por avespas parasitoides como Lemophagus pulcher.[12]
Un adulto que sente o perigo exhibe un mecanismo de defensa chamado tanatose, quedando quieto, recollendo os seus apéndices e caendo mostrando as súas partes negras, o que axuda a camuflarse co chan e a escapar. Se non pode escapar, tamén pode ‘chiar’, ao facer un ruído fretando dúas partes do seu corpo, o cal pode usarse para asustar ao atacante. [13] Este proceso chámase estridulación e pode incluso afectar un paxaro ou outro depredador que os ataque.[3]
As azucenas ou lirios poden mostrar evidencias de buratos comidos nas follas e se as deixan sen tratar isto rapidamente progresa a un ennegrecemento e a perda total da folla, da que só queda o pecíolo. Os adultos e as larvas poden tamén vivir e devorar os gromos das flores en desenvolvemento. A invasión ocorre pouco despois de que nazan do chan as plantas novas, especialmente se hai nas proximidades exemplares de Fritillaria que nacen antes que as Lilium. Aínda que Lilium e Fritillaria se ven afectadas, Hemerocallis non. Poden ser afectados todos os tipos de lirios, pero os asiáticos son os máis vulnerables, mentres que algúns lirios orientais poden ser máis resistentes. Os tipos resistentes son Lilium henryi 'Madame Butterfly', Lilium speciosum 'Uchida', e Lilium 'Black Beauty'. Outras plantas de xardín afectadas son Convallaria majalis, Polygonatum, patacas (Solanum tuberosum), tabaco en flor (Nicotiana), Alcea e Hosta.[7]
Como praga
[editar | editar a fonte]Os espécimes de Fritillaria e Lilium nos xardíns canadenses, especialmente arredor de Halifax, Nova Escocia están significativamente afectados por este escaravello. Un xardín de Waverley, Nova Escocia indicou un declive das especies de lirio e de cultivares desde 50 en 1996 a só un en 2006.[14]
Control
[editar | editar a fonte]A estratexia máis infalible para impedir a infestación de calquera praga é en primeiro lugar evitar plantar plantas susceptibles, pero cos lirios isto necesita evitar moitos cultivares de Lilium moi aprezados, polo que se adoitan preferir outras estratexias. A recollida manual e destrución de ovos, larvas e adultos é efectiva aínda que laboriosa. Os insecticidas modernos rexistrados para un control xeral de escaravellos que conteñen carbaril, metoxiclor, malatión e rotenona son tamén útiles para controlar as poboacións.[4] Porén, o malatión e o carbaril, que son efectivos sobre adultos e larvas, son tóxicos para as abellas e outros insectos, respectivamente.[15] Os produtos baseados no neem son útiles para matar as larvas moi novas e repeler os adultos sen danos comparables sobre outros insectos, aínda que esta opción é quizais menos efectiva que a recollida manual. Os produtos de neem deberían aplicarse cada 5 a 7 días despois da eclosión do ovo. O Thiacloprid tamén é efectivo.[15] A cobertura das ringleiras plantadas (cunha funda de plástico) flotante foi tamén efectivo para impedir que os adultos se alimenten e poñan ovos en primavera.[16][17]
Control biolóxico
[editar | editar a fonte]En Europa a taxa de parasitismo total no último estadio ou ínstar é como media dun 90% en Lilium martagon silvestre, do 75% en xardíns e do 60% en campos de lirios cultivados. A maioría dos parasitoides deste escaravello son avespas que poñen ovos dentro do hóspede e matan todos os individuos infectados. Diaparsis jucunda (Ichneumonidae: Tersilochinae), domina cun 90% das infeccións parasitoides en L. lilii. Porén, en xardíns e campos comerciais, Tetrastichus setifer (Eulophidae: Tetrastichinae) e Lemophagus pulcher (Eulophidae: Campopleginae) son os parasitoides dominantes ao final da tempada.[18]
Non hai predadores naturais ou parasitos deste escaravello en América do Norte. En 1996, a Universidade de Rhode Island empezou a comprobar a efectividade do control biolóxico de L. lilii usando seis parasitoides naturais procedentes de Europa. CAB International Bioscience Switzerland Center tamén participou neste proxecto desde 1998 a 2001.[18] A avespa parasitoide europea Tetrastichus setifer utilizouse en Massachusetts de 1999 a 2001; o experimento mostrou unha redución da poboación do escaravello. Tamén se observou un declive da poboación noutro sitio experimental en Rhode Island.[19] En 2003 liberouse outro parasitoide, Lemophagus errabundus, en Massachusetts e agora está establecido na rexión.[14] Fixéronse liberacións similares de parasitoides na zona de Boston con resultados positivos.[20]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Scopoli, I.A. (1763). Entomologia carniolica exhibens insecta carnioliae indigena et distributa in ordines, genera, species, varietates. Methodo Linnæana. Vindobonae [= Vienna]: Trattner. pp. [30] 420 pp. Consultado o 23 de xuño de 2021.
- ↑ Ernst, Crystal; Cappuccino, Naomi; Arnason, John Thor (2007). "Potential novel hosts for the lily leaf beetle Lilioceris lilii Scopoli (Coleoptera: Chrysomelidae) in eastern North America". Ecological Entomology 32: 45–52. doi:10.1111/j.1365-2311.2006.00834.x.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Ernst, C. The Lily Leaf Beetle (Lilioceris lilii): an unwelcome invader. 2005 NALS Yearbook. North American Lily Society. pp. 29-34. Consultado o 2012-08-21.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 "University of Guelph. Pest Diagnostic Clinic. Ian Smith: The Leaf Lily Beetle, 2003". Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2012. Consultado o 2012-08-21.
- ↑ "UK Safari. Lily Beetles". Consultado o 2012-08-21.
- ↑ "Royal Horticultural Society. Red-headed cardinal beetle - Pyrochroa serraticornis". Consultado o 2012-08-21.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Ann Whitman. Controlling Lily Leaf Beetles. Gardeners' Supply Company
- ↑ 8,0 8,1 "Lilioceris lilii (Scopoli, 1763) | BEETLES and BEETLE RECORDING in GREAT BRITAIN". www.coleoptera.org.uk. Consultado o 2016-01-18.
- ↑ "Learn more about lily beetle and how to help the RHS with research / RHS Gardening". www.rhs.org.uk. Consultado o 2016-01-18.
- ↑ Lily Leaf Beetle Lilioceris lilii. Arquivado 16 de xuño de 2013 en Wayback Machine. University of Rhode Island Landscape Horticulture Program Factsheets. 2002. Consultado o 2012-08-21.
- ↑ Shand 2008.
- ↑ Schaffner, U. and C. Muller. 2001. Exploitation of the fecal shield of the lily leaf beetle, Lilioceris lilii (Coleoptera: Chrysomelidae), by the specialist parasitoid Lemophagus pulcher (Hymenoptera: Ichneumonidae). Journal of Insect Behavior 14(6): 739-57.
- ↑ Biology of Leaf Beetles. Jolivet, P. Verma, K.K. 2002. Intercept. ISBN 9781898298861
- ↑ 14,0 14,1 Majka, C. G.; LeSage L. (2008). "Introduced leaf beetles of the Maritime Provinces, 5: the lily leaf beetle, Lilioceris lilii (Scopoli) (Coleoptera: Chrysomelidae)" (PDF). Proceedings of the Entomological Society of Washington 110 (1): 186–195. doi:10.4289/0013-8797-110.1.186. Consultado o 16 de marzo de 2014.
- ↑ 15,0 15,1 "Manitoba Regional Lily Society". Arquivado dende o orixinal o 6 de outubro de 2006. Consultado o 2009-02-21.
- ↑ "Montréal Botanical Garden - Criocère du lis". Arquivado dende o orixinal o 15 de xuño de 2011. Consultado o 2009-02-21.
- ↑ "Gary Westlake. Lily Leaf Beetle. Peterborough Examiner.". Consultado o 2012-08-21.
- ↑ 18,0 18,1 "Kenis, M., Haye, T., Casagrande, R. A., Gold, M. S., and Tewksbury, L. A. Unspecified. Selection and importation of European parasitoids for the biological control of the lily leaf beetle in North America, and prospects for control in Europe. 1st International Symposium on Biological Control of Arthropods 1: 416-419." (PDF). Consultado o 2009-02-21.
- ↑ ""Biology and Control of the Lily Leaf Beetle." News & Views for New Hampshire's Green Industry. University of New Hampshire Cooperative Extension. Abril-xuño de 2005." (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2008-09-05. Consultado o 2009-02-21.
- ↑ "BBC - h2g2 - The Lily Leaf Beetle, 2007". Consultado o 2009-02-21.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- "Have You Seen the Red Lily Beetle?". Shand Greenhouse. 2008. Arquivado dende o orixinal o 2008-07-29. Consultado o 2012-08-21.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lilioceris lilii |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Lilioceris lilii |