A Liga de Campións da UEFA 2000-01 foi a edición número 46 na historia desta competición. Disputouse entre xullo de 2000 e maio de 2001, coa participación inicial de 72 equipos, representantes de 48 federacións nacionais diferentes.
A primeira fase de grupos da competición deu comezo en setembro de 2000, con 32 equipos, e a segunda fase de grupos comezou en novembro de 2000 con 16 equipos. O campión final do torneo foi o Bayern Múnic, que bateu nos penaltis ó Valencia CF logo de rematar o encontro con empate a 1. A final disputouse no estadio de San Siro en Milán o 23 de maio de 2001. Era a 3ª ocasión na que a final da máxima competición continental se disputaba neste recinto, tralas finais de 1965 e 1970. Para o Bayern Múnic esta vitoria supuxo a súa cuarta conquista da máxima competición europea.
Nesta primeira fase de grupos competiron 32 equipos. A metade deles xa estaban clasificados directamente para esta fase polas boas participacións nas súas competicións nacionais na anterior tempada. Os outros 16 equipos participantes nesta primeira fase de grupos tiveron que pasar polas roldas previas de clasificación, (entre 1 e 3 roldas previas segundo o nivel da liga de cada equipo). Algúns dos equipos que tiveron que pasar polas roldas previas foron o AC Milán, Valencia CF, Olympique Lyon, Hamburgo SV, Panathinaikos, Dynamo de Kíiv, RSC Anderlecht, Galatasaray SK etc. Esta fase disputouse entre setembro e novembro.
No grupo C houbo un empate a puntos entre Olympique Lyon e Olympiakos. En Lión o resultado fora 1-0, e en Pireo 2-1, polo que foi o equipo francés o que pasou á segunda fase de grupos polo valor dobre dos goles acadados fora da casa. No caso do grupo D, houbo outro empate a puntos, entre Galatasaray SK e Rangers FC. En Glasgow quedaron 0-0, e en Istambul quedaron 3-2, de xeito que foron os turcos os que pasaron á segunda fase de grupos.
No caso do grupo C, houbo un empate a puntos entre Arsenal FC e Olympique Lyon. En Lión o resultado fora 0-1, e en Londres 1-1, así que o equipo que pasou a cuartos de final foi o Arsenal FC.
Os equipos que a disputaron foron o Bayern Múnic e o Valencia CF. Para o Bayern Múnic esta era a súa 7ª presenza na final da máxima competición continental, e a 2ª en tres anos, despois de perder a final do ano 1999 no derradeiro minuto fronte ó Manchester United no Camp Nou de Barcelona. Para o Valencia CF esta era a súa 2ª final seguida, xa que era o actual subcampión de Europa. O Bayern Múnic tiña xa 3 Copas de Europa no seu palmarés, por ningunha do Valencia CF.
O colexiado que arbitrou a final foi o holandés Dick Jol.
O encontro comezou cunha xogada na que o colexiado holandés pitou penalti na área do Bayern Múnic a prol do Valencia CF por mor dunha man do defensor Patrick Andersson. O xogador vasco Gaizka Mendieta lanzou o penalti e marcou o primeiro gol da final no minuto 2 do encontro. Tan só uns minutos despois, o defensor francés Jocelyn Amglomá derrubou ó capitán do Bayern Múnic na área do Valencia CF e o colexiado holandés pitou un novo penalti. Nesta ocasión o xogador alemán Mehmet Scholl lanzou o penalti pero o porteiro Santiago Cañizares detivo o balón. A primeira metade do encontro chegou ó remate co resultado de 1-0 a prol do Valencia CF.
Na segunda metade do encontro o colexiado holandés Dick Jol pitou o 3º penalti da final por unha xogada na que o defensor italiano do Valencia CF Amedeo Carboni tocou o balón coas mans na súa área. Nesta oportunidade foi o capitán xermano Stefan Effenberg quen fixo o lanzamento dende os 11 metros, batendo ó porteiro. Co resultado de empate a 1, o encontro chegou ó seu remate. Na prórroga tampouco houbo mais goles, de xeito que houbo que ir ós lanzamentos de penaltis para decidir que equipo era o campión de Europa. Cada equipo fixo 5 lanzamentos, e cada equipo marrou 2 deles e marcou os outros 3. Na 6ª rolda de lanzamentos non houbo erros, pero na 7ª o defensor arxentino do Valencia CF, Mauricio Pellegrino, errou no seu lanzamento, e o Bayern Múnic fíxose con título.
Era a cuarta vez que o Bayern Múnic gañaba o título de campión de Europa.