Lago Nahuel Huapi
(es) Lago Nahuel Huapi | ||||
Tipo | lago glacial (pt) | |||
---|---|---|---|---|
Localizado na área protexida | Parque Nacional Nahuel Huapi (pt) | |||
Localización | ||||
País da cunca | Arxentina | |||
División administrativa | Provincia de Río Negro, Arxentina | |||
| ||||
Afluentes | ||||
Efluente do lago | Río Limay | |||
Características | ||||
Altitude | 768 m | |||
Profundidade | 464 m | |||
Dimensións | 10,2 () km | |||
Superficie | 557 km² | |||
Superficie da cunca hidrográfica | 4.260 km² | |||
Categoría II da UICN: Parque Nacional | ||||
Medicións | ||||
Volume físico | 87.449 hm³ | |||
Nahuel Huapi é un lago arxentino de orixe glaciar, de 557 km² de superficie e localizado a uns 700 msnm. Está partillado polas provincias de Río Negro e do Neuquén, na Arxentina, dentro do Parque Nacional Nahuel Huapi.
Destaca pola súa profundidade e as súas sete ramificacións ou brazos: Campanario, de la Tristeza, Blest, Machete, del Rincón, Última Esperanza e Huemul. Relaciónase con outros lagos menos extensos, como o Gutiérrez, o Moreno, o Espejo e o Correntoso. Aliméntase dos desxeos e constitúa a fonte do río Limay. Alcanza 464 m de profundidade máxima. Posúe varias illas, sendo a máis grande e importante pola súa actividade turística a Illa Victoria, de 31 km².
Os primeiros europeos visitárono en 1670: eran misioneiros xesuítas provenientes da residencia de Castro, en Chiloé, e fundaron unha misión na península Huemul para evanxelizar aos nativos. A misión foi abandonada en 1718 debido á matanza de cinco membros da orde.
Case dous séculos despois, o 22 de xaneiro de 1876, o perito Francisco Pascasio Moreno remontou o río Limay chegando até a costa leste do lago.
Toponimia
[editar | editar a fonte]Os mapuches (ou araucanos) déronlle á illa máis importante o nome Nahuel Huapi, que significa en mapudungun "illa do xaguar", referíndose a actual illa Victoria, a máis grande do lago. Crese que este nome alude ao tótem dunha familia puelche que poboou a zona ou quizais á comparación daqueles indíxenas cos xaguares pola súa audacia e valentía.
Desde finais do século XIX non existen xaguares na rexión ao ser estes exterminados, mais os xaguares (nahuel) habitaron a Patagonia Oriental até aproximadamente o río Chubut.
Como os europeos lle chamaban "tigre" ao xaguar, é común encontrar erroneamente traducido o topónimo de orixe mapuche como "Illa do Tigre".
Flora e fauna
[editar | editar a fonte]As beiras do lago están poboadas por especies vexetais de lugares húmidos como os arraiáns e pataguas, árbores semipalustres que forman parte do bosque andino patagónico.
Nos cantís dalgunhas illas do lago Nahuel Huapi existe unha poboación de cormorán imperial, feito curioso xa que se trata dunha especie preferentemente mariña. É frecuente tamén encontrar á exótica gaivota dominicana seguindo as embarcacións.
A pomba araucana (Columba araucana) está categorizada como “ameazada” por ter sido presa dunha enfermidade infecciosa transmitida polas aves domésticas. Crese que actualmente está en recuperación.
As estacións cálidas atraen ao Parque a certas aves de permanencia estacional, como o fío-fío, o ibis de pescozo abrancazado ou os cauquenes.
Unha das especies típicas da fauna da rexión é o huillín, mamífero carnívoro que ten no parque nacional as principais poboacións da Arxentina. Trátase dunha lontra nativa que habita as costas dos lagos, ríos e arroios. O seu corpo alargado está cuberto por unha pelaxe castaña con reflexos alaranxados ou rubios, e posúe patas curtas e cola longa.
Os colonizadores e pioneiros europeos introduciron especies exóticas. A introdución da troita para a pesca fixo retroceder ás especies nativas, como o puyén (Galaxias maculatus), a troita crioula (Percichthys trucha) e o pejerrey patagónico. Por estas razóns, permítese a pesca regrada e autorizada en distintas temporadas pola intendencia do Parque Nacional.
Hidrografía
[editar | editar a fonte]De orixe glaciaria, ten unha superficie aproximada de 557 km² e unha profundidade máxima rexistrada de 464 metros. As costas do Lago Nahuel Huapi son moi sinuosas e presentan importantes penínsulas como Quetrihué, (na rexión nordeste, onde se asenta o Parque Nacional Los Arrayanes), Llao Llao, San Pedro, Huemul, e profundos brazos: Blest, Tristeza, Rincón, Última Esperanza, Machete, Huemul e Campanario.
Varias illas de distintos tamaños salpican o lago: as illas Victoria e Huemul son as máis grandes, pero tamén existen outras pequenas illas como os illotes das Gaivotas (Gaviotas) e das Galiñas (Gallinas) e, sobre todo, o illote Sentinela (Centinela), onde repousan os restos do Dr. Francisco Pascasio Moreno.
Os principais cursos de auga que desembocan no Nahuel Huapi son os ríos Pireco, Bonito e del Machete e os arroios Castillo, Ñireco, Bravo, Frías, Ñirihuau e Chimuraco. Os máis caudalosos proceden á súa vez doutros lagos, tales como o Espejo, Correntoso, Gallardo, Frías, Frey, Moreno e Gutiérrez.
O río Limay constitúe o desaugadoiro do lago Nahuel Huapi cara ao océano Atlántico e polo tanto, de toda a súa conca como así tamén da que corresponde ao lago Traful e aos ríos Collón Curá e os seus afluentes, o río Aluminé e o río Chimehuin.
É importante a actividade económica destas dúas concas, amparadas da erosión polos bosques protexidos por Parques Nacionais.
Ademais de realzar a paisaxe e manter o solo, ditos bosques facilitan a contención das augas pluviais e a súa lenta escorredura, que regula o caudal dos desaugadoiros, principalmente do río Limay, importante tributario do sistema hidroeléctrico dos encoros de Alicurá, Piedra del Águila, El Chocón e do río Negro.
As precipitacións caen abundantemente, cunha diminución progresiva cara ao leste. Así, mentres que sobre a súa orela oeste, na estación de Puerto Blest, cerca da fronteira chilena, percibe precipitacións de até 4.000 mm/por ano, ao leste, na rexión de San Carlos de Bariloche, non recibe máis que 1.500 mm anualmente.
Turismo
[editar | editar a fonte]A navegación e demais actividades acuáticas están permitidas en moitos lagos do Parque. No Nahuel Huapi, varias empresas ofrecen servizos para realizar paseos en barco polo lago, a través de múltiples recorridos. Un dos sitios máis visitados é o bosque de arrayanes, protexido dende a creación do Parque Nacional Los Arrayanes.
A lenda de Nahuelito
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Nahuelito.
Antigas lendas indíxenas aseguraban que o Nahuel Huapi albergaba a unha xigantesca criatura. Coñecíaselle como cuero, por semellarse ao coiro de vaca estendido sobre a auga, formando un lixeiro domo. O mito fíxose popular dende os anos 1920, cando, a partir de supostos avistamentos, o zoolóxico de Bos Aires decidiu organizar unha investigación que tivo repercusión internacional. Avistamentos posteriores suxerían a posibilidade de tratarse dalgunha especie de serpente mariña ou incluso un Plesiosauro, similar a Nessie. Dende os 1980 a criatura coñécese polo nome de Nahuelito.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Quiroz, R.; Delfino, R.; Cuch, S. y Merello, R.;. Diccionario Geográfico de ambientes acuáticos continentales de la República Argentina. Parte I. Ambientes lénticos, Instituto Nacional de Investigación y Desarrollo Pesquero, Departamento Aguas Continentales, 1983.
- De Aparicio, F. y Difrieri, H.; La Argentina. Suma de Geografía, Tomo V, Ediciones Peuser, Buenos Aires, 1960.
- Erize, F.; Canevari,M.; Canevari, P.; Costa,G. y Rumboll, M. "Los Parques Nacionales de la Argentina y otras áreas naturales" Ed. INCAFO. Madrid, 1981.
- Autores Varios. Enciclopedia Visual de la Argentina, Tomo II, Clarín-A.G.E.A.S.A. Buenos Aires, 2002. ISBN 950-782-232-1
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lago Nahuel Huapi |