Saltar ao contido

Koolasuchus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Koolasuchus
Rango fósil: Cretáceo Inferior

Koolasuchus cleelandi depredando o dinosauro Leaellynasaura.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Superclase: Tetrapoda
Orde: Temnospondyli
Suborde: Stereospondyli
Infraorde: Trematosauria
Superfamilia: Brachyopoidea
Familia: Chigutisauridae
Xénero: Koolasuchus
Warren et al., 1997
Especie tipo
'Koolasuchus cleelandi'
Warren et al., 1997

Koolasuchus é un xénero extinto de temnospóndilo que viviu no que hoxe é Australia. Coñécese unha especie deste xénero, K. cleelandi. Viviu aproximadamente hai 120 millóns de anos, a principios do período Cretáceo, no Barremiense. É un dos anfibios máis grandes xamais descubertos e un dos maiores depredadores coñecidos do Mesozoico australiano. Koolasuchus foi nomeado en 1997 do Grupo Strzelecki do período Aptiense na formación Wonthaggi en Victoria.[1] É coñecido a partir de catro fragmentos da mandíbula inferior e varios ósos postcraneais, incluíndo costelas, vértebras, unha fíbula, e partes da cintura escapular. Foi descuberto en 1989 pola paleontóloga Lesley Kool e o xeólogo Mike Cleeland, sobre a base dos cales se nomeou a especie tipo Koolasuchus cleelandi. O nome do xénero significa "crocodilo de Kool" en grego e tamén fai un xogo de palabras coa palabra "cool" (frío, en inglés) en referencia ó clima frío do seu ambiente.[2] Os seus restos, dous fragmentos de mandíbula enterrados a 80 centímetros de profundidade, foron achados en Strzelechi Range, ó sur de Melbourne e preto de San Remo, Victoria.

Supervivencia

[editar | editar a fonte]

Koolasuchus pertencía ao grupo Chigutisauridae. Viviu na zona rift onde o sur de Australia comezaba a escindirse da Antártida, quizais en ámbolos dous lugares. Isto, ademais, é notable porque foi un dos maiores temnospóndilos e sobreviviu longo tempo despois de que todas as especies emparentadas con el se extinguiran.

Recreación artística e comparación de tamaño.

Crese que a competición con fitosauros durante o Triásico superior, e, despois, cos crocodilos, contribuíron ó declive xeral dos temnospóndilos. Nesta época, Australia estaba dentro do círculo polar antártico, onde había un clima demasiado frío para os crocodilos, protexendo a estes anfibios da súa competencia. Koolasuchus puido sobrevivir neste clima frío porque, como as modernas píntegas, crese que puido hibernar durante os meses de inverno. Aínda que os crocodilos eran comúns durante o Cretáceo Inferior, estes estaban ausentes no sur de Australia hai 120 millóns de anos, posiblemente debido ó clima frío. Hai 110 millóns de anos, as temperaturas volvéronse máis cálidas, como se desprende das análises das rochas na localidade fósil de Dinosaur Cove, e os crocodilianos regresaron á área. Estes crocodilianos probablemente desprazaron a Koolasuchus, conducindo á súa desaparición nas rochas máis recentes.[2]

  1. Warren A.A.; Rich, P.V.; and Rich, T.H. "The last, last labyrinthodonts?" 247. 
  2. 2,0 2,1 Rich T.H.V. and Rich, P.V. Dinosaurs of Darkness. Bloomington: Indiana University Press. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]