Koldo Gorostiaga
Nome orixinal | (es) Koldo Gorostiaga Atxalandabaso |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 30 de maio de 1940 (84 anos) Bilbao, España |
Eurodeputado | |
Representa: Batasuna 20 de xullo de 1999 – 19 de xullo de 2004 Lexislatura: V lexislatura do Parlamento Europeo Circunscrición electoral: España Electo en: eleccións ao Parlamento Europeo de 1999 | |
Datos persoais | |
Educación | Universidade de Cambridge |
Actividade | |
Lugar de traballo | Estrasburgo Bruxelas Donostia |
Ocupación | político, avogado, economista, catedrático |
Empregador | Universidade do País Vasco |
Partido político | Euskal Herritarrok Batasuna |
Familia | |
Fillos | Hur Gorostiaga |
Premios | |
|
Koldo Gorostiaga Atxalandabaso, nado en Bilbao o 30 de maio de 1940, é un político vasco de ideoloxía nacionalista vasca. Foi deputado no Parlamento Europeo entre 1999 e 2004 en representación de Euskal Herritarrok, a plataforma electoral independentista vasca refundada posteriormente en Batasuna, actualmente ilegal pola súa vinculación con ETA.
Traxectoria académica
[editar | editar a fonte]Gorostiaga naceu en Bilbao. Cursou Dereito nas universidades de Valladolid e Deusto, obtendo a licenciatura en 1963. Doutorouse na Universidade de Barcelona cunha tese sobre Dereito do Traballo en 1966. Traballou como profesor titular nas universidades de Barcelona e Pau. Tamén en Nantes, Bordeus e París. É tamén fundador do Instituto de Dereito Cooperativo e Economía Social da Universidade do País Vasco do que é profesor de Dereito do Traballo.[1]
Traxectoria política
[editar | editar a fonte]Gorostiaga vive dende 1974 no País Vasco Francés. Traballou tamén para a Oficina Europea de Linguas Minoritarias (1995) e foi membro do Consello Económico e Social da comunidade autónoma do País Vasco.[2] Foi a cabeza de lista de Euskal Herritarrok nas eleccións ao Parlamento Europeo de 1999, conseguindo o único eurodeputado obtido por EH.[3] Nestas eleccións, EH obtivo 306.923 votos (1,47%), 225.796 no País Vasco e 45.146 en Navarra. No Parlamento Europeo, Gorostiza permaneceu como deputado non adscrito.
En marzo de 2002, a policía francesa detivo ao entón tesoureiro de Batasuna, Jon Gorrotxategi, tras pasar a Francia desde Bélxica con 200.304 euros en metálico, declarando que se trataba de fondos que Gorostiaga recibira do Parlamento Europeo en concepto de dietas, gastos de viaxes e axudas para a contratación de axudantes. Ante estes feitos, a Mesa do Parlamento Europeo abriu unha investigación concluíndo en 2003 que Gorostiaga non xustificara adecuadamente 176.516 euros, polo que tiña que devolvelos. Gorostiaga devolveu 58.155 euros, pero recorreu xudicialmente a decisión do Parlamento. En 2005, o Tribunal de Primeira Instancia da Unión Europea rexeitou o recurso de Gorostiaga.[4] Aínda que recorreu de novo, o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, desestimou de novo o recurso (febreiro de 2009) e ordenou a Gorostiaga devolver o resto do diñeiro.[5] O Parlamento Europeo tamén votou non prorrogarlle a inmunidade parlamentaria que Gorostiaga reclamara para facer fronte ao proceso xudicial aberto en Francia polo caso, ao ocorrer durante o seu período como deputado.[6]
Tras a súa saída do Parlamento Europeo, Gorostiaga apoiou publicamente diversas iniciativas políticas da contorna de Batasuna: presentación de Herritarren Zerrenda ás eleccións ao Parlamento Europeo de 2004 (a lista foi anulada en aplicación da Lei de Partidos por constituír unha continuación de Batasuna); procura de apoios para as conversacións entre ETA e o Goberno español entre diversas forzas do Parlamento Europeo (2005); a presentación dun ""marco democrático para Euskal Herria" en Pamplona o 3 de marzo de 2007; ou a presentación de Euskal Herriaren Alde para concorrer ás eleccións ao Parlamento Europeo de 2009 en Francia.[7][8][9][10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Web do Instituto de Dereito Cooperativo e Economía Social da Universidade do País Vasco". Arquivado dende o orixinal o 21 de xuño de 2013. Consultado o 10 de novembro de 2016.
- ↑ Nick Jones
- ↑ Resultados oficiais
- ↑ Un tribunal da UE esixe a Koldo Gorostiaga a «devolución» de 118.000 euros[Ligazón morta]
- ↑ Koldo Gorostiaga deberá devolver 118.000 euros ao Parlamento Europeo
- ↑ O Pleno do Parlamento Europeo nega a inmunidade a Koldo[Ligazón morta]
- ↑ Ex líderes de EH apoian unha lista ás europeas
- ↑ Batasuna iniciaría xa contactos políticos con diversas forzas do Parlamento Europeo[Ligazón morta]
- ↑ Garzón di que non prohibirá ‘‘polo momento’’ o acto da esquerda abertzale de mañá en Iruñea[Ligazón morta]
- ↑ Euskal Herriaren Alde présente ses candidats à Bayonne[Ligazón morta]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ficha no Parlamento Europeo Arquivado 11 de setembro de 2019 en Wayback Machine..
- Biografía de Koldo Gorostiaga[Ligazón morta] publicada pola Oficina en España do Parlamento Europeo (1999).
- Fotografía de Koldo Gorostiaga