Saltar ao contido

Killing Joke

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Killing Joke
OrixeLondres, Inglaterra Inglaterra
Período1978 - 1996
2002 - presente
Xénero(s)post-punk, new wave, rock gótico, música industrial, rock alternativo, heavy metal, música electrónica, synth-pop, hardcore punk
Selo(s) discográfico(s)Candlelight, Cooking Vinyl, Zuma Recordings, Butterfly, Invisible, E.G., Malicious Damage
MembrosJaz Coleman
Kevin "Geordie" Walker
Martin "Youth" Glover
Paul Ferguson
Reza Udhin
Antigos membrosPaul Raven
Ben Calvert
Geoffrey Dugmore
Nick Holywell-Walker
Martin Atkins
Dave Kovacevic
Ted Parsons
Taif
Dave Grohl
Troy Gregory
Joe Mojica
Artistas relacionadosThe Fireman
Na rede
http://www.killingjoke.com/
IMDB: nm3091465 Facebook: killingjokeofficial Twitter: killingjokeband Instagram: killingjokeband MySpace: killingjokeofficial Youtube: UCBOmtvyWj0cr7TdLsaKhSsQ Spotify: 0Zy4ncr8h1jd7Nzr9946fD iTunes: 14548963 Last fm: Killing Joke Musicbrainz: f5aca88c-e3c1-4bc2-af33-68a9a9f7b56a Songkick: 381151 Discogs: 13408 Allmusic: mn0000081493 Deezer: 3916 Editar o valor en Wikidata

Killing Joke é unha banda inglesa de post-punk formada en outubro de 1978 en Notting Hill, Londres. Os seus fundadores Jaz Coleman (voces, teclados) e Geordie Walker (guitarras) son os únicos membros constantes da banda.

Killing Joke é unha peza clave no xénero do rock industrial,[1] e a música dos seus primeiros anos foi descrita polos críticos Stephen Thomas Erlewine e John Dougan como "quasi-metal [...] bailando ao ritmo da fatalidade e o pesimismo".[2] O seu son foi evolucionando gradualmente cos anos, incorporando elementos da música electrónica, o synthpop e o rock gótico,[3][4] aínda que enfatizando sempre a estridente voz de Coleman. Killing Joke influenciou posteriormente a moitos artistas e bandas, como Metallica, Nine Inch Nails e Soundgarden.

Formación e primeiros álbums

[editar | editar a fonte]

"Big" Paul Ferguson era batería en The Matt Stagger Band canco coñeceu a Jeremy "Jaz" Coleman en Notting Hill, Londres. En outubro de 1978 (segundo outras fontes a principios de 1979), despois de que Coleman fose, durante un breve espazo de tempo, teclista nesa banda, el e Ferguson deixárona para formar Killing Joke. Puxeron un anuncio na prensa musical co cal conseguiron atraer ao guitarrista Kevin "Geordie" Walker e ao baixista Martin "Youth" Glover.

De cara a setembro de 1979, pouco antes da edición do seu EP de estrea, Turn to Red, fundaron o selo Malicious Damage co artista gráfico Mike Coles como unha maneira de facer e vender a súa propia música. Island Records encargouse da distribución ata que Malicious Damage pasou a formar parte de E.G. Records (entón aliada con Virgin Records) en 1980. As cancións dos primeiros sinxelos da banda soaban a un punk rock primitivo ás veces mesturado con música electrónica ("Nervous System" e "Turn to Red"). Turn to Red chamou a atención do lendario DJ John Peel, que se dispuxo a defender o son da banda e lles deu bastante tempo de emisión. Rapidamente o seu son voltouse máis denso, máis agresivo, e máis semellante ao heavy metal, como pode escoitarse nos seus dous primeiros álbums, Killing Joke (1980) e o máis abrasivo What's THIS For...! (1981). O grupo xirou extensamente polo Reino Unido durante ese tempo, e tanto os seareiros do post-punk como os do heavy metal interesáronse por Killing Joke grazas a sinxelos como "Follow the Leaders" (1981).

Killing Joke fíxose famosa en gran parte grazas tamén ás controversias que xurdiron das súas imaxes. Normalmente as imaxes que aparecían nos seus discos e no escenario eran bizarras e sorprendentes ademais de potencialmente inflamatorias. Nun póster promocional aparecía a foto dun sacerdote camiñando entre ringleiras de soldados ofrecéndolle un saúdo fascista, e posteriormente foi usado como portada do álbum recompilatorio Laugh? I Nearly Bought One!. Pouco despois, non se lle permitiu actuar nun concerto en Glasgow. Ao mesmo tempo, algúns xornalistas sospeitaron da imaxe da banda e escribiron que "a música de Killing Joke incluía certas tendencias fascistas...". O grupo chegou a ter varios altercados con algúns xornalistas musicais nesa época.

O terceiro álbum de Killing Joke, Revelations, producíuno Conny Plank e lanzouse en 1982, promocionado por dúas actuacións no programa da BBC Radio The John Peel Show e polos sinxelos "Chop-Chop", "Empire Song" e unha edición non oficial de "We Have Joy". O disco acadou o número 12 na lista de álbums do Reino Unido.

En 1982, membros de Killing Joke, especialmente Coleman, sumerxíronse no ocultismo, particularmente nos traballos do ocultista Aleister Crowley. En febreiro dese ano, Coleman, con Geordie e Youth seguíndoo pouco despois, mudouse a Islandia para sobrevivir á Apocalipse, que Coleman predixera en breve. Mentres estaban alí, Coleman e Geordie traballaron con músicos da banda Þeyr no proxecto Niceland. Despois dus poucos meses, Youth decidiu que non había ningún indicio da Apocalipse, e decidiu regresar a Inglaterra. Youth entón creou a banda Brilliant con Paul Ferguson, pero acabou deixandoa e regresou a Islandia para reunirse con Killing Joke, que tiñan un novo baixista, Paul Raven. Despois de pasar algún tempo en Islandia, Killing Joke regresou a Inglaterra e comezou a xirar e a gravar novamente.

A nova formación produciu, novamente con Conny Plank, o sinxelo "Birds of a Feather/Sun Goes Down/Flock the B-Side" e Ha!, un EP de 6 temas dunha actuación ao vivo gravada en Toronto en agosto.

1983 - 1988

[editar | editar a fonte]

O cuarto álbum de Killing Joke, Fire Dances (1983), contiña música, ao igual que a escoitada no sinxelo "Birds of a Feather", máis artística e relativamente máis tranquila que o anterior, comezando así unha nova etapa da súa carreira. A este disco seguíronlle os sinxelos "Me or You" e "A New Day", o último deles promocionado cun vídeo musical.

Mesturando o seu son cun estilo lixeiramente pop, e con Coleman cantando e non gruñindo, Killing Joke desenvolveu unha variante do new wave no seu quinto álbum, Night Time (1985). Conseguiron o éxito no grande público co sinxelo "Love Like Blood", que acadou o posto 16 no Reino Unido e o 8 nos Países baixos. Night Time tamén inclúe os sinxelos "Eighties" e "Kings and Queens", que acadaron o top 75 británico. O álbum chegaría ata o número 11 no Reino Unido.

A música do sexto álbum de Killing Joke, Brighter than a Thousand Suns (1986), tiña un son e unha actitude semellante á de "Love like Blood". Aínda que non era tan agresivo e pesado que os seus vellos traballos, Brighter Than a Thousand Suns creou bastante controversia a nivel musical entre o público. Neste caso, o desacordo entre a crítica e os seareiros incluían opinións sobre se a banda sucumbira ás presións do selo para realizar unha música máis comercial, ou sobre se os temas se axustaban ao orixe da banda nos inicios do post-punk. Os que aprovaron o álbum considerárono un hito na carreira da banda, un disco intenso e o seu traballo máis consistente ata a data. Editáronse dous sinxelos extraídos do traballo, "Adorations" e "Sanity", e o grupo continuou xirando intensamente con bastante éxito ata finais de ano.

En 1987, Coleman comezou a preparar un disco en solitario, e realizou demos das súas cancións coa axuda de Geordie. O proxecto saíuse dos presuposto así que, pese ás obxecións de Coleman, a discográfica decidiu editalo baixo o nome de "Killing Joke", coa intención de recuperar os gastos. Procurouse incluír unha sección rítmica na banda formada por Raven e Ferguson, pero non funcionou e as tensións que se produciron fixeron que ámbolos dous abandonasen o grupo. O músico de sesión Jimmy Copley foi entón contratado para gravar a batería das cancións, xunto co percusionista Jeff Scantlebury.

O álbum resultante, Outside the Gate (1988), é o álbum máis controvertido de Killing Joke, con opinións que van dende a admiración á desaprobación, debido ao seu son baseado en sintetizadores e ao desacordo sobre a calidade do material. Non tiña o son típico de Killing Joke, sendo contruído sobre teclados orquestrais de Coleman en vez de sobre os distintivos riffs de guitarra de Geordie, que afogaron na mestura final. SE o disco se editase como tería sido mellor recibido, pero foi editado como "Killing Joke", e foi criticado polos críticos e seareiros porque resultaba confuso. Dous sinxelos, "America" e "My Love of This Land", foron extraídos do álbum, pero non melloraron a súa sorte. No vídeo de "America" aparecen Coleman e Geordie co batería Jimmy Copley e o baixista de sesión Jerome Rimson, que realmente nunca gravara coa banda. Non houbo concertos para promocionar o traballo, e a banda pasou gran parte do ano 1988 en batallas legais procurando romper coa súa discográfica e a empresa que a administraba.

O 19 de setembro de 1987 Coleman deu unha conferencia no Courtauld Institute de Londres explicando o significado do aínda non editado Outside the Gate, falando de numeroloxía e ocultismo. Geordie e o percusionista Jeff Scantlebury proporcionaron o fondo musical nese evento. Unha gravación da lectura foi publicada baixo o título The Courtauld Talks a través de Invisible Records en 1989.

1989 - 1991

[editar | editar a fonte]

Cara finais de 1988, Coleman e Geordie decidiron buscar batería e baixista permanentes para tocar novamente como unha banda ao vivo. O primeiro en chegar foi o batería Martin Atkins, que tocara en Public Image Ltd., Ministry e Pigface. Atopar un baixista axeitado resultou ser máis complicado. O antigo membro dos Smiths Andy Rourke foi contratado, pero botárono tres días despois. Despois fixéronse co baixista galés Dave "Taif" Ball, e realizou os seus primeiros concertos en decembro de 1988. Nestas actuacións tocaron os mellores temas da súa etapa entre 1980 e 1985, xunto con algún material novo que lembraba ao son máis duro da banda. Killing Joke continuou tocando cunha xira por Reino Unido, Europa e os Estados Unidos ata agosto de 1989, cando o grupo tomou un descanso para gravar o seu material novo en Alemaña, e para permitir que Jaz Coleman tivese tempo para gravar Songs from the Victorious City con Anne Dudley de Art of Noise, publicado en 1991.

Por razóns non moi claras, deixaron de lado as sesións de Killing Joke en Alemaña e o baixista Taif deixou a banda para ser substituído por Paul Raven. A nova formación comezou a gravar novamente, desta vez en Londres, e o resultado foi o seu oitavo álbum de estudio, o feroz Extremities, Dirt & Various Repressed Emotions, editado a través do selo alemán Noise International en 1990. O disco ten algunha da música máis pesada, ruidosa e áspera d toda a discografía da banda, aínda que o progresivo espírito musical dos dous anteriores discos continuaba. Do disco destacan os temas "Solitude", "Slipstream", "Age of Greed" e o sinxelo "Money Is Not Our God". A banda saíu de xira novamente por Europa e Norteamérica, pero cara mediados de 1991 Coleman emigrou a Nova Zelandia para viivir nunha remota illa do Pacífico, entrando Killing Joke nun período de hiato.

Geordie Walker, Martin Atkins, Paul Ferguson, Paul Raven e o teclista de directo John Bechdel (Ministry, Fear Factory, Prong, Pigface, Abstinence, False Icons, Ascension of the Watchers) engadiron ao vocalista escocés Chris Connelly (Finitribe, Revolting Cocks) e continuron como o grupo de curta vida Murder, Inc., publicando un álbum autotitulado en 1992.

1992 - 1996

[editar | editar a fonte]

En 1992 publicouse unha antoloxía de Killing Joke, Laugh? I Nearly Bought One!; durante a súa produción Geordie reencontrouse con Youth, que suxeriu reformar a banda con el de volta ao baixo. Ese mesmo ano apareceron dous sinxelos (en casete e CD) cos temas da súa primeira época "Change" e "Wardance" en varías versións novas remesturadas por Youth, que nese tempo era un exitoso produtor.

Killing Joke demandou a Nirvana nesa época, alegando que o riff da canción "Come as You Are" foi copiado dun riff do seu tema "Eighties". A demanda foi abandonada tras o suicidio de Kurt Cobain, líder de Nirvana.

A reactivada Killing Joke publicou dous ben recibidos álbums a través do selo de Young Butterfly Recordings, Pandemonium e Democracy, volvendo a banda aos arranxos sinxelos dos seus primeiros traballos. Pandemonium (1994) ten un rutual son metálico con ritmos pogo e loops e proporcionoulle a Killing Joke unha memorable actuación no programa Top of the Pops co sinxelo "Millennium", que foi top 40 no Reino Unido (o propio álbum sería top 20). O tema que lle dá título ao disco tamén foi lanzado como sinxelo e foi top 30. En 1995, a banda gravou a canción "Hollywood Babylon" para a banda sonora da película de Paul Verhoven Showgirls. Democracy (1996) introduciu con éxito a guitarra acústica nos temas da banda, ademais de adoptar un son de "banda ao vivo" novamente. A canción título publicouse como sinxelo e chegou ao top 40. En gran parte de Pandemonium e en todo Democracy aparece o batería de sesión Geoff Dugmore, que tamén tocou en directo coa banda nesa época. Nick Holywell-Walker uniuse cos teclados e programacións durante 11 anos, de 1994 ata 2005, destacando en Democracy e no DVD XXV Gathering. Youth retirouse dos directos ao principio da xira de Democracy sendo substituído por Troy Gregory, que anteriormente tocara en Prong.[4]

Tras a xira de Democracy a banda pasou por un longo hiato. Coleman e Youth produciron unha serie de álbums de rock orquestral baseados na música de lendas como Led Zeppelin, Pink Floyd e The Doors. Coleman converteuse en compositor residente para orquestras sinfónicas de Nova Zelancia e a República Checa.[5]

2002 - 2007

[editar | editar a fonte]

No ano 2002 Coleman, Geordie e Youth gravaron o seu segundo álbum autotitulado con Dave Grohl na batería como convidado. Producido por Andy Gill e publicado con moi boa acollida da crítica en 2003, anunciouse como un poderoso engadido a Extremities e outros álbums viscerais dos 90, e foi considerado un dos seus mellores gravacións. En 2003 a banda tocou no maior festival ao aire libre de Europa, o Przystanek Woodstock en Polonia, con entre 400 000 e 500 000 asistentes cada ano. A guerra contra o terrorismo e a invasión de Iraq foron citados como principais factores na reforma do grupo, e isto reflíctese no contido lírico da meirande parte do álbum, baseado en temas de guerra, control do goberno e Armageddon. Foi o seu disco máis pesado ata a data e do mesmo sacáronse dous sinxelos, "Loose Cannon" (top 25 no Reino Unido) e "Seeing Red". As cancións están acreditadas a Coleman/Geordie/Youth/Gill, aínda que o nome de Raven tamén está na lista de músicos do libreto, sendo o seu regreso á banda despois de máis dunha década. Ao álbum acompañoulle unha xira polos Estados Unidos, Europa e Australia en 2003 e 2004, co ex-batería de Prong Ted Parsons na banda.

En febreiro de 2005, agora co xove batería de Twin Zero e Sack Trick Ben Calvert, Killing Joke realizou dous concertos consecutivos no Shepherds Bush Empire de Londres para celebrar o seu 25º aniversario. As gravacións desas actuacións editáronse en CD e DVD no outono do mesmo ano co nome XXV Gathering: The Band That Preys Together Stays Together. En xuño publicáronse a través do selo Cooking Vinyl edicións remasterizadas e expandidas de Pandemonium e Democracy. A estes seguíronlle en xullo reedicións dos seus catro primeiros álbums (dende Killing Joke ata Ha!) a través de EMI, que entón era dona do catálogo de E.G. Records. O segundo grupo de remasterizacións da EMI non chegaría ata xaneiro de 2008. Ese ano Reza Udhin uniuse á banda como teclista cando apoiaron a Mötley Crüe durante a súa xira británica e posteriormente comezaron a traballar no seu seguinte álbum en Praga. Foi nese tempo cando se recoñeceu a súa contribución á música rock ao ser galardoados co "Lifetime Achievement Award" nos Premios Kerrang de 2005.[6] Optando por simplicidade e enerxía crua, a banda gravou o novo álbum en "Hell", o espazo de ensaio no soto do Studio Faust Records en Praga, facendo tomas ao vivo cun ínimo de overdubs. O resultado foi Hosannas from the Basements of Hell, publicado en abril de 2006 e que sería top 75 no Reino Unido.

Durante unha xira europea, en abril de 2006, Raven marchou abruptamente despois dun feixe de datas da mesma con Ministry, sendo substituído temporalmente por Kneill Brown. No es de outubro anunciouse que Coleman for elixido como compositor residente para a Unión Europea. Neste cargo ´´e o encargado de compoñer música para ocasións especiais.[5]

A principios de 2007 Killing Joke editou tres coleccións de arquivo. A primeira, Inside Extremities, é un dobre CD de material collido da preparación da banda para o álbum Extremities: ensaios, mesturas, e unha canción non editada antes, "The Fanatic", ademais dun concerto enteiro da xira do disco. Seguíronlle os volumes 1 e 2 deBootleg Vinyl Archive, cada un deles formado por 3 CDs con gravacións ao vivo editadas orixinalmente en vinilo nos anos 80, xunto co concerto no Astoria da xira do Pandemonium que sería votado como un dos mellores concertos de todos os tempos por Kerrang.[7]

Discografía

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
Killing Joke 1980 E.G. Records
What's THIS For...! 1981 E.G. Records
Revelations 1982 E.G. Records
Fire Dances 1983 E.G. Records
Night Time 1985 E.G. Records
Brighter than a Thousand Suns 1986 E.G. Records
Outside the Gate 1988 E.G. Records
Extremities, Dirt & Various Repressed Emotions 1990 Noise International
Pandemonium 1994 Butterfly Records
Democracy 1996 Big Life Records
Killing Joke 2003 Zuma
Hosannas from the Basements of Hell 2006 Cooking Vinyl
Absolute Dissent 2010 Spinefarm, Universal
MMXII 2012 Spinefarm, Universal
Pylon 2015 Spinefarm, Universal
  1. Trouser Press (ed.). "Killing Joke". Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2012. Consultado o 15 de abril de 2016. 
  2. Allmusic (ed.). "Kiling Joke". Consultado o 15 de abril de 2016. 
  3. NME (ed.). "Release The Bats - It's The 20 Greatest Goth Tracks". Consultado o 15 de abril de 2016. 
  4. Hightower, Laura; DeRemer, Leigh Ann (2001). Contemporary Musicians. Profiles of the People in Music / Volume 30. Detroit, Michigan: Gale Research. ISBN 0-7876-4641-5. 
  5. 5,0 5,1 Decibel Magazine (ed.). "Killing Joke". Archived from the original on 16 de outubro de 2007. Consultado o 18 de abril de 2016. 
  6. MTV (ed.). "Killing Joke punk outfit revered by Metallica and Grohl". Arquivado dende o orixinal o 27 de abril de 2016. Consultado o 21 de abril de 2016. 
  7. rocklist.net (ed.). "Kerrang! 100 Greatest Gigs Of All Time". Consultado o 23 de abril de 2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]