Saltar ao contido

Julius Nyerere

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJulius Nyerere

(1975) Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(sw) Julius Kambarage Nyerere Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento13 de abril de 1922 Editar o valor en Wikidata
Butiama (Imperio Británico) Editar o valor en Wikidata
Morte14 de outubro de 1999 Editar o valor en Wikidata (77 anos)
Londres, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Causa da morteleucemia Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaButiama (pt) Traducir
Rexión de Mara Editar o valor en Wikidata
Presidente da Organización para a Unidade Africana
12 de novembro de 1984 – 18 de xullo de 1985
← Mengistu Haile Mariam (pt) TraducirAbdou Diouf ⊟
Presidente da Tanzânia (pt) Traducir
29 de outubro de 1964 – 5 de novembro de 1985
← sen valor – Ali Hassan Mwinyi (pt) Traducir ⊟
President of Tanganyika (en) Traducir
9 de decembro de 1962 – 26 de abril de 1964
Prime Minister of Tanganyika (en) Traducir
1 de maio de 1961 – 22 de xaneiro de 1962 – Rashidi Kawawa (pt) Traducir ⊟
Prime Minister of Tanganyika (en) Traducir
2 de setembro de 1960 – 1 de maio de 1961
← sen valor Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónCatolicismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade de Edimburgo - economía, historia (–1952)
Universidade Makerere - Diploma in Education (en) Traducir (–1947)
Universidade de Fort Hare Editar o valor en Wikidata
Actividade
OcupaciónProfesor, político
Partido políticoPartido da Revolução (pt) Traducir (1977–1999)
União Nacional Africana Tanganica (pt) Traducir (1954–1977) Editar o valor en Wikidata
MovementoUjamaa (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoGuerra Uganda-Tanzânia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa14 de outubro Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeMaria Nyerere (1953–1999) Editar o valor en Wikidata
ParentesBashiru Ally Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteDictionary of African Biography,
Obálky knih,
Africa: An Encyclopedic Reference (en) Traducir, (vol:2) Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1477130 WikiTree: Nyerere-1 Find a Grave: 8056126 Editar o valor en Wikidata

Julius Kambarage Nyerere, nado en Boutiama o 13 de abril de 1922 e finado en Londres o 14 de outubro de 1999, foi un profesor e político tanzano, que exerceu como presidente de Tanganica dende a conversión do país en república o 9 de xuño de 1962, ata a súa unión con Zanzíbar o 29 de outubro de 1964, pasando a ser presidente da nova república de Tanzania ata o 5 de novembro de 1985.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos e educación

[editar | editar a fonte]

Kambarage Nyerere naceu o 13 de abril de 1922 na cidade de Boutiama, en Tanganica, entón parte do Imperio Británico. Foi un dos 26 fillos de Nyerere Burito (1860-1942), xefe dos zanaki. Comezou a escola primaria en Musoma á idade de 12 anos, e entrou na escola secundaria de Tabora en 1937. Máis tarde describiu a escola de Tabora como "tan preto de Eton como é posible en África". En 1943 foi bautizado como católico, tomando o nome de "Julius". Recibiu unha bolsa para ir á Universidade de Makerere en Kampala, Uganda. Alí, Nyerere fundou a Asociación para o Benestar de Tanganica, que co tempo se fusionou coa Asociación Africana de Tanganica, fundada en 1929. Nyerere recibiu o seu diploma de ensino en 1947. Regresou a Tanganica e traballou durante tres anos na Escola Secundaria de Santa María en Tabora, ata que obtivo unha bolsa do goberno británico para asistir á Universidade de Edimburgo. Obtivo unha licenciatura en Economía e Historia en 1952. En Edimburgo coñeceu o movemento fabiano e comezou a desenvolver a súa visión socialista que logo aplicou en Tanzania.

Inicios na política

[editar | editar a fonte]

Ao seu regreso a Tanganica, Nyerere conseguiu un posto como profesor de Historia, Inglés e Kiswahili, en St. Francis College, preto de Dar es Salaam. En 1953 foi elixido presidente da Asociación Africana de Tanganica (TAA polas súas siglas en inglés), unha organización civil liderada por funcionarios públicos coa que Nyerere estivera involucrado cando era estudante na Universidade de Makerere. En 1954 a TAA transformouse na Unión Africana Nacional de Tanganica (TANU), cuxo obxectivo principal era lograr a independencia e soberanía de Tanganica. Organizouse unha campaña para conseguir novos membros, e nun ano a TANU xa se atopaba practicamente como líder da organización política do país.

As actividades de Nyerere atraeron a atención das autoridades e este viuse repentinamente obrigado a escoller entre o seu traballo como educador e as súas novas actividades na política. Máis tarde afirmou que foi "profesor por escolla e político por accidente". Nyerere renunciou ao ensino para dedicarse unicamente á política, e dende entón viaxou por todo o país falándolle á xente común e aos xefes tribais, co fin de convencelos de unirse á organización e recibir apoio para a independencia. Tamén representou posteriormente a TANU ante o Consello de Administración Fiduciaria das Nacións Unidas en Nova York. As súas habilidades de oratoria axudárono a alcanzar a meta de independizar o país sen necesidade de guerras ou derramamento de sangue ningún. A cooperación do entón gobernador xeral Richard Turnbull tamén foi un factor para a independencia tanganica.

Creación da nación tanzana

[editar | editar a fonte]

Nyerere entrou no consello lexislativo colonial tralas primeiras eleccións xerais entre 1958 e 1959 e foi elixido Xefe de Goberno tras unhas novas eleccións ao ano seguinte. O 9 de decembro de 1961, Tanganica obtivo a súa independencia como dominio da Mancomunidade Británica de Nacións e Nyerere converteuse no seu primeiro ministro. O 9 de xullo de 1962, Tanganica converteuse nunha república e Nyerere asumiu como o seu primeiro presidente co 99,2% dos votos. Un mes máis tarde, Nyerere declarou que para promover os intereses da unidade nacional e o desenvolvemento económico, a TANU sería agora o único partido legal do país, convertendo Tanganica nun estado unipartidista, aínda que tecnicamente xa o foi dende a proclamación da República. Para celebrar o primeiro ano de independencia, Nyerere traduciu A traxedia de Xulio César de William Shakespeare ao suahili como agasallo para a súa nación.

O 12 de xaneiro de 1964 tivo lugar a revolución das illas de Zanzíbar e Pemba, que derrocou o sultán Jamshid bin Abdullah e estableceu un réxime republicano. Nyerere foi unha figura clave na unión entre Zanzíbar e Tanganica para formar a República Unida de Tanzania. Inicialmente, John Okello, líder da revolución, pretendía unificar Zanzíbar con Kenya, polo que Nyerere, nervioso por un motín errado do Exército tanganico, se asegurou de que a Okello non se lle permitise volver a Zanzíbar despois dunha visita ao continente.

Presidencia

[editar | editar a fonte]

Política económica

[editar | editar a fonte]
Moeda de 10 centavos de xilin tanzano coa imaxe de Nyerere.
Julius Nyerere en 1969.

Finalmente o 29 de outubro de 1964 creouse a República Unida de Tanzania, con Nyerere como presidente. Unha vez no poder, Nyerere emitiu a "Declaración de Arusha", que pediu a aplicación dun programa económico influenciado nas ideas socialistas africanas. Tamén estableceu estreitos vínculos coa República Popular da China de Mao Tse Tung, e introduciu unha política de colectivización no sistema agrícola do país, coñecida como Ujamaa, palabra suahili para referirse á irmandade ou á familia. Para 1967 as nacionalizacións transformaron o goberno tanzano no maior empregador do país. O Estado expandiuse rapidamente en practicamente todos os sectores. Estaba involucrado en todo, dende o comercio polo miúdo á exportación e importación do comercio. Isto creou un ambiente propicio para a corrupción política.[1]

O sector privado sufriu a multiplicación dos procedementos burocráticos e as taxas de impostos excesivas. Enormes cantidades de fondos públicos foron subtraídos e postos en uso improdutivo. O poder adquisitivo reduciuse a un ritmo sen precedentes e mesmo produtos esenciais deixaron de estar dispoñibles. Un sistema de permisos estatais fíxose necesario para moitas actividades, o que permitiu aos funcionarios recoller grandes subornos a cambio da distribución dos mesmos. As políticas de Nyerere foron fundamento para a corrupción sistemática en décadas posteriores ao seu goberno. Os membros do seu partido foron coñecidos como "Wabenzi" ("Xente dos Benz") en referencia á utilización de automóbiles marca Mercedes-Benz, que se permitían utilizar a pesar da precaria situación económica da nación.

A colectivización acelerouse en 1971. Debido a que gran parte da poboación a rexeitou, Nyerere utilizou as forzas policiais para transferir forzosamente a maioría da poboación a granxas colectivas. As casas foron incendiadas e demolidas, ás veces mesmo coas propiedades das familias dentro. O réxime negou alimentos aos que se resistían. Unha cantidade substancial da riqueza do país (en forma de estruturas e espazos como campos e árbores froiteiras), foron destruídos ou abandonados pola forza. A maior parte da gandaría perdeuse, foi roubada, ou os animais enfermaban e morrían. En 1975, o Goberno emitiu o "Programa Ujamaa" para enviar ao pobo sonjo ao norte de Tanzania dende sitios compactos con pouca auga ata lugares con maior fertilidade onde puidesen traballar. Construíronse novas aldeas para cultivar cultivos e criar gando máis facilmente.

A produción de e cravo converteuse en clave para a subsistencia dos agricultores tanzanos na década de 1970. Dende 1974, os programas Ujamaa e a Asociación para o Desenvolvemento Internacional (AIF) traballaban xuntos. A AIF financiou proxectos para educar os agricultores no cultivo do té. De ter só tres toneladas de té producidas en 1964, foron producidas 2100 toneladas en 1975. Outro exemplo dos maiores cultivos de Tanzania foi o tabaco, converténdose o país no terceiro maior fabricante de tabaco de África en 1976. Con todo, como resultado da centralización do goberno nas producións de té e tabaco, a produción de alimentos caeu en picado, e só a axuda externa evitou a inanición case total da poboación. Tanzania, que até a década de 1970 fora un dos maiores exportadores de alimentos para África e sempre puidera alimentar o seu pobo, converteuse no maior importador de alimentos do continente. Moitos sectores da economía derrubáronse, e certos bens como o dentífrico volvéronse practicamente imposibles de obter.

O déficit de cereais foi de máis dun millón de toneladas entre 1974 e 1977. Unicamente préstamos e doazóns do Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional evitaron que Tanzania fose á creba. Para 1979, as "aldeas Ujamaa" contiñan o 90% da poboación rural do país, pero só producían o 5% da produción agrícola nacional.

Política exterior

[editar | editar a fonte]
Nyerere (centro) co Presidente dos Estados Unidos Jimmy Carter (dereita) e a Primeira Dama Rosalynn Carter, en 1977.
Nyerere co presidente da República Federal Alemá Richard von Weizsäcker en 1985.

A política exterior durante o Goberno de Nyerere fixo fincapé á non aliñación durante a guerra fría e baixo o seu liderado Tanzania gozou de boas relacións coa República Popular da China e a Unión Soviética, así como cos Estados Unidos e os países do bloque occidental, aínda que Nyerere se puxo ao lado da China na rivalidade sino-soviética. Recoñeceu a República de Biafra durante a súa independencia de Nixeria, sendo Tanzania un dos cinco países en recoñecer o efémero estado, xunto a Gabón, Haití, Costa do Marfil, e Zambia. Isto foi motivo de críticas, xa que este feito podería provocar problemas nas súas relacións con Nixeria. Biafra volveu ser parte de Nixeria en 1970, trala guerra de Biafra.

Nyerere, xunto con varios outros líderes panafricanistas, fundou a Organización para a Unidade Africana en 1963. Nyerere apoiou varios grupos militares en países de minoría branca, incluíndo o Congreso Nacional Africano (ANC), e o Congreso Panafricanista (PAC) de Suráfrica, o FRELIMO e o MPLA cando trataban de derrocar o domino portugués sobre Mozambique e Angola respectivamente, e o ZANLA na súa guerra contra o goberno de Ian Smith en Rodesia. A partir de mediados da década de 1970, xunto co presidente Kenneth Kaunda de Zambia, Nyerere foi un dos líderes da Liña da Fronte, que facía campaña en apoio do goberno de maioría negra no sur de África.

Nyerere tamén foi clave no golpe militar de Seychelles en 1977 que depuxo o goberno democrático de James Mancham e instalou un réxime unipartidista de carácter comunista que duraría até 1993, aínda que o país non se democratizou até 2004.[2]

Influencia social

[editar | editar a fonte]

A finais de 1960, Nyerere penalizou formas "decadentes" da cultura, incluíndo a música contestataria, filmes e revistas non aprobadas, minisaias e pantalóns axustados.[3][4] Durante unha entrevista, Nyerere comentou que a homosexualidade era "allea" a África e, polo tanto, os homosexuais alí non podían protexerse da discriminación. Esa parte da entrevista foi posteriormente cortada. Con todo, aínda que os actos sexuais entre persoas do mesmo sexo eran ilegais, a persecución aos homosexuais en Tanzania durante o mandato de Nyerere sucedía moi de cando en cando.[5]

Guerra Uganda-Tanzania

[editar | editar a fonte]

As relacións entre Tanzania e a República de Uganda, independizada en 1962, foran tensas desde a chegada do ditador Idi Amin ao poder en 1971. Nyerere deu refuxio ao presidente ugandés derrocado Milton Obote, así como a varios refuxiados da oposición a Amin.[6][7] Un ano máis tarde, un grupo de refuxiados tentou invadir Uganda dende Tanzania para derrocar a Amin, sen éxito. A principios de outubro de 1978, tropas disidentes emboscaron a Amin na súa residencia presidencial en Kampala, mais escapou coa súa familia en helicóptero.[8] Para entón, os achegados de Amin reducíronse drasticamente.

Idi Amin Dada, ditador de Uganda entre 1971 e 1979.

Cando o xeneral Mustafa Adrisi, vicepresidente de Amin, foi ferido nun accidente de coche sospeitoso, as tropas leais a Adrisi (e outros soldados que estaban descontentos por outras razóns) amotináronse. Amin enviou tropas contra os amotinados (que incluían membros da elite do Batallón Simba), algúns dos cales fuxiran a través da fronteira con Tanzania.[9] A rebelión estendeuse a Tanzania, onde os exiliados comezaron a loita contra as forzas de Amin. En resposta, Amin declarou o estado de guerra a Tanzania, e enviou tropas para anexionar a rexión de Kagera baixo a escusa de que era parte de Uganda.

A Forza Popular para a Defensa de Tanzania (Tanzania People's Defence Force, TPDF) era nesas datas un exército profesional adestrado por oficiais británicos e con equipo británico e do Exército Vermello, aínda que era máis pequeno que o ugandés. Para compensar esta desvantaxe no curso das primeiras semanas engadíronse como reservas policías, xendarmes, gardas nacionais e milicias de voluntarios. Adicionalmente, sumóuselles unha alianza dos ugandeses exiliados en Tanzania, a Fronte Nacional para a Liberación de Uganda (Uganda National Liberation Front, UNLF) e o seu brazo armado, o Exército Nacional para a Liberación de Uganda (Uganda National Liberation Army, UNLA) ao mando de Tito Okello, Yoweri Museveni e Obote. O Exército de Amin estaba debilitado, non só polo motín dos Simba senón tamén polas purgas de oficiais competentes de orixe acholí e lango. As súas tropas estaban mal adestradas, equipadas, vestidas e abastecidas. En moitos lugares as tropas do UPA preferían dedicarse a saquear vilas que a loitar e ao chegar os seus inimigos preferían fuxir. Desta maneira os ugandeses retrocederon ao norte cara a Kampala rapidamente.

O coronel Muamar al-Qadafi de Libia, aliado próximo de Amin, decatouse que o TPDF estaba a avanzar dende o sur cara a Kampala e Entebbe, as maiores cidades de Uganda, e enviou algúns miles de soldados libios a axudar na súa defensa. A fronte estancouse no pantano de Lukaya, unha área de difícil paso; o 10 de marzo de 1979 a 201.ª Brigada do TPDF tentou cruzalo por unha estrada que o pasaba pola zona suroeste pero os libios repelérona. Dous días despois as brigadas 201.ª e 208.ª lanzaron un ataque conxunto que forzou os libios a retroceder. O peor foi que as tropas da UPA dedicáronse a retroceder saqueando as zonas deixando aos libios o traballo de conter o avance tanzano. Tras esta batalla o TPDF avanzou case sen oposición e a inicios de abril tomou Entebbe, illando a Amin na capital. O 10 de abril caeu Kampala e na seguinte xornada Amin logrou fuxir á súa provincia natal do Nilo Occidental supostamente para reunir tropas coas que resistir, aínda que en realidade tras chegar aí escapou a Libia e finalmente a Arabia Saudita, onde se fincou ata a súa morte en 2003.

Actividade pospresidencial e últimos anos

[editar | editar a fonte]

Nyerere anunciou que se retiraría tralas eleccións presidenciais de 1985, deixando o país para entrar nunha era de libre mercado (unha das imposicións do Fondo Monetario Internacional polos préstamos), baixo a dirección de Ali Hassan Mwinyi, o seu sucesor. Nyerere foi fundamental para pór tanto a Mwinyi como a Benjamin Mkapa no poder. Mantívose como presidente do seu partido ata 1990, sendo lembrado como o "pai da nación". Non houbo eleccións multipartidistas en Tanzania ata 1995. Nyerere deixou Tanzania como un dos países máis pobres, menos desenvolvidos e dependente da axuda de países estranxeiros de todo o mundo. Con todo, o desenvolvemento social durante o goberno de Nyerere foi notable. A esperanza de vida subiu de 43 anos en 1960 até 52 en 1985, chegando finalmente a 60 na actualidade. A mortalidade infantil reduciuse. Houbo unha alfabetización do 85% e 3,7 millóns de nenos inscritos na escola primaria.

Durante a celebración das segundas eleccións multipartidistas do país en 1995 (sendo as primeiras as de 1964), Nyerere tivo a suficiente influencia para bloquear o nomeamento de Jakaya Kikwete, citando que era "demasiado novo" para a presidencia do país. Non se opuxo cando o seu partido abandonou o monopolio do poder en 1992. Tamén desempeñou como presidente da Comisión Internacional do Sur Independente (1987-1990). Unha das súas últimas actividades políticas foi ser o principal mediador do conflito de Burundi en 1996.

Faleceu de leucemia o 14 de outubro de 1999 en Londres, á idade de 77 anos.

Beatificación

[editar | editar a fonte]

No ano 2005 a Igrexa católica iniciou os trámites para a súa futura beatificación e canonización. Xa á morte de Nyerere, o cardeal Polycarp Pengo asegurou, na homilía do seu solemne funeral de Estado, que

foi fillo da Igrexa e terá o seu lugar no Paraíso.

Os seus restos repousan na súa localidade natal, Boutiama, próxima ao Lago Vitoria.

O inicio do proceso de beatificación celebrouse o 21 de xaneiro, aniversario do matrimonio entre Julius e Maria Nyerere. O proceso do Servo de Deus está baixo a dirección do bispo de Musoma e o postulador da causa é o pai Wojciech Koscielniak.

O pai John Civille, da Arquidiocese de Cincinnati (Ohio) e o pai Laurenti Magesa son os dous teólogos censores que colaboran no proceso.

Publicacións

[editar | editar a fonte]
  • Freedom and Unity (Uhuru na Umoja): A Selection from Writings & Speeches, 1952–1965 (Oxford University Press, 1967)
  • Freedom and Socialism (Uhuru na Ujama): A Selection from Writings & Speeches, 1965–1967 (Oxford University Press, 1968)
  • Freedom and Development (Uhuru Na Maendeleo): A Selection from the Writings & Speeches, 1968-73 (Oxford University Press, 1974)
  • Ujamaa — Essays on Socialism (1977)
  • Crusade for Liberation (1979)
  • Julius Kaisari (tradución de Julius Caesar de William Shakespeare)
  • Mabepari wa Venisi (tradución de The Merchant of Venice de William Shakespeare)
  1. Stapenhurst, Rick; Kpundeh, Sahr John. Curbing corruption: toward a model for building national integrity. 
  2. Military power and politics in black Africa. Simon Baynham. p. 181
  3. Fashioning Africa: power and the politics of dress. 
  4. Tanzania & Zanzibar. New Holland Publishers. 2005. ISBN 1-86011-216-1. 
  5. Lynch, Michael. Access to History for the IB Diploma: Origins and development of authoritarian and single-party states. Hodder Education. ISBN 978-1-4441-5646-1. 
  6. George Ivan Smith, Ghosts of Kampala: The Rise and Fall of Idi Amin (1980).
  7. G. S. K. Ibingira (1980), African Upheavals since Independence, Westview Press, ISBN 0-89158-585-0
  8. "An Idi-otic Invasion" Arquivado 23 de outubro de 2012 en Wayback Machine., revista TIME, 13 de novembro de 1978.
  9. "Idi Amin and Military Rule". Library of Congress. By mid-March 1979, about 2,000 Libyan troops fighters had joined in the fight to save Amin's regime 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]