Juan Antonio Samaranch
Juan Antonio Samaranch i Torrelló, nado en Barcelona o 17 de xullo de 1920 e finado o 21 de abril de 2010,[1] foi un empresario e político catalán e expresidente do Comité Olímpico Internacional.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu no seo dunha familia acomodada. Na mocidade practicou diversos deportes coma o boxeo, a hípica, a vela, o esquí, o golf e particularmente o hóckey a patíns, do que foi adestrador da selección española.
Estudou empresariais no Institut d'Estudis Superiors de l'Empresa e da Escola d'Alts Estudis Mercantils de Barcelona e logo perfeccionou os seus estudos en Inglaterra e os Estados Unidos. Afiliado á Falange Española Tradicionalista y de las JONS dende moi novo, iniciou a súa carreira política no concello barcelonés co cargo de concelleiro de Deportes no ano 1955, cargo que ocupa ata 1962. Foi xornalista deportivo, presidente da Federación Española de Patinaxe e xefe da delegación española en varios Xogos Olímpicos. Entre 1955 e 1962 foi concelleiro de deportes no concello de Barcelona, e organizou nesa cidades os II Xogos do Mediterráneo. En 1964 pasou a ser procurador en Cortes, posto que mantivo ata 1977 e que simultaneou dende 1967 co de delegado nacional de Deportes e presidente do Comité Olímpico Español, e dende 1973 co de presidente da Deputación de Barcelona. Na transición fundou o partido Pacte de Concòrdia Catalana, que nunca chegou a presentarse a unhas eleccións, e en 1977 deixa o Congreso dos Deputados e marcha como embaixador de España na Unión Soviética e Mongolia.
Anteriormente, en 1974, fora nomeado vicepresidente do Comité Olímpico Internacional, posto que ocupou ata 1978. A embaixada na URSS proporcionoulle contactos e relacións nos países de Europa do Leste, necesarios para chegar en 1980 ao posto de presidente do COI.
Presidencia do COI
[editar | editar a fonte]Entre os seus logros está o de rematar cos boicots políticos aos xogos tras os Xogos Olímpicos de 1984, a asunción do profesionalismo, a reestruturación do COI e sanear a economía do COI, grazas aos contratos da televisión e o sistema de patrocinio olímpico. Durante o seu mandato tamén se inaugurou o Museo Olímpico de Lausana.Pero tamén recibiu críticas de atletas, políticos e sobre todo do xornalista británico Andrew Jennings pola súa colaboración co réxime de Franco, acusándoo de autocrático e intolerante coas críticas.
Así mesmo, durante o seu mandato o movemento olímpico asumiu plenamente o profesionalismo dentro do deporte, e permitiuse a participación de atletas profesionais en distintas especialidades, como xogadores de baloncesto. Aumentou grandemente o número de países e deportistas participantes, e comezou o combate contra a dopaxe e contra a corrupción dentro do COI, destapada logo da crise desencadeada coa elección de Salt Lake City como sede dos Xogos de inverno de 2002. Renunciou ao cargo en 2001, logo de ocupalo por vinte e un anos, só superado en duración polo barón Pierre de Coubertin, e foi nomeado presidente de honra do COI.
Galardóns e recoñecementos
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Juan Antonio Samaranch |
- En 1985 recibiu a Medalla de Ouro da Generalitat de Cataluña.
- En 1986 foi nomeado presidente da entidade bancaria La Caixa, coa que xa era conselleiro dende 1984.
- En 1988 concedéuselle o premio Príncipe de Asturias dos Deportes.
- En 1991 o rei Xoán Carlos I de España outorgoulle o título de marqués de Samaranch.
- En 2000 concedéuselle o Colar da Orde de Isabel a Católica, a máis alta distinción do Estado español.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Muere Juan Antonio Samaranch a los 89 años Arquivado 29 de abril de 2010 en Wayback Machine., artigo en Xornal.com o 21/04/2010 (en castelán).
Predecesor: Lord Killanin |
Presidente do COI 1980 - 2001 |
Sucesor: Jacques Rogge |
Predecesor: José Antonio Elola-Olaso |
Presidente do COE 1967 - 1970 |
Sucesor: Juan Gich Bech de Careda |
- Presidentes do Comité Olímpico Internacional
- Presidentes dun Comité Olímpico nacional
- Embaixadores de España na Unión Soviética
- Embaixadores de España en Mongolia
- Procuradores en Cortes
- Premios Princesa de Asturias dos Deportes
- Grandes cruces da Real Orde do Mérito Deportivo
- Nados en Barcelona
- Nados en 1920
- Finados en 2010
- Grandes cruces da Orde do Mérito Civil
- Deputados provinciais