Saltar ao contido

José de Castro Arines

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaJosé de Castro Arines
Biografía
Nacemento15 de maio de 1911 Editar o valor en Wikidata
Tui, España Editar o valor en Wikidata
Morte16 de novembro de 1997 Editar o valor en Wikidata (86 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupacióncrítico de arte, crítico, escritor, xornalista Editar o valor en Wikidata
Membro de

BNE: XX1082046 BUSC: castro-arines-jose-de-1913-1997 Dialnet: 918765

José de Castro Arines, nado en Tui o 15 de maio de 1911 e finado en Madrid o 16 de novembro de 1997, foi un crítico de arte galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Fillo de ferroviarios, foi o maior de sete irmáns, e o único da prole que vén ao mundo na vila de Tui, onde fixara a familia a súa residencia por ser o avó materno representante da Compañía do Ferrocarril de Medina a Zamora e de Ourense a Vigo para Portugal. Porén, por mor dos destinos do seu proxenitor, a súa infancia transcorreu entre Redondela e Ourense.

Estudou bacharelato en Pontevedra, onde un dos seus profesores foi Castelao, mestre auxiliar de debuxo no instituto da cidade do Lérez desde 1916. Malia a diferenza de idade, Castro Arines iniciou unha amizade co ilustre rianxeiro, quen o asesorou nos inicios da súa creación artística. Co seu mestre e amigo integrouse no mundo da bohemia e do galeguismo, chegando a ser en 1936 director da revista Guieiro da Federación de Mocedades Galeguistas do Partido Galeguista. Co paso dos anos, o círculo de relacións foise ampliando con autores como Gonzalo Torrente Ballester, Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo. Con este último, ademais de escribir La Cerámica de Arcadio Blasco, participou en 1932 na mostra colectiva da Agrupación Ultreya en Santiago de Compostela e en numerosas conferencias, como as impartidas na Galería Sargadelos. En 1934 deseñou a portada do libro Bebedeira de Florencio Delgado Gurriarán.

Tralo bacharelato, trasladouse a Santiago para cursar Filosofía e Letras; estudos que rematou na Complutense de Madrid e complementou nas escola oficiais madrileñas de Xornalismo e de Artes Gráficas. Bolseiro da Deputación de Pontevedra e da Fundación Juan March, foi profesor invitado na Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Porén, a súa traxectoria laboral comezara no Instituto Nacional de Estadística, entregándose máis tarde á crítica de arte e á escenografía.

Fundador da Asociación Española de Críticos de Arte, tamén foi membro numerario da Asociación Internacional de Críticos de Arte e da Comisión de Artes Plásticas da Dirección General de Bellas Artes. Ademais, foi académico correspondente de Belas Artes e non numerario da Real Academia Galega da lingua.

Como crítico, foi correspondente de arte en El Alcázar de Madrid, no Diario de Barcelona, en Les Nouvelles Litéraries, na revista Arte y Letras e, durante máis de tres décadas, responsable da sección de arte, “contador artístico”, como el mesmo dicía, do diario Informaciones. Foi neste medio no que eloxiou en 1954, con motivo dunha exposición, a obra do artista vasco Eduardo Chillida, un recoñecemento temperán e visionario para a época.

Pero á crítica hai que engadir a publicación de varias obras de creación literaria e artística. Así, en 1959 foi galardoado co Premio da Crítica do Colexio de Arquitectos de Madrid; en 1961 recibiu o de Teatro do Ateneo de Madrid, e ao ano seguinte o Nacional de Literatura, dotado con 10.000 pesetas, por Cuatro artículos sobre Arte.

Entre as súas obras, podemos destacar varias monografías centradas en artistas como María Droc, María Victoria de la Fuente Alonso, Francisco de Goya ou Luís Seoane; ou estudos como O Libro das galería galegas; Anuario del arte español, El arte abstracto ou Arquitectura Española en el extranjero, xunto con Adolfo González Amézqueta e Bernardo Ynzenga. Ademais, investigou sobre o traballo de varias mulleres pintoras galegas como Maruxa Mallo, Ana Legido, María Formoso ou Mercedes Ruibal.

Cunha vida centrada na arte e no xornalismo, José de Castro Arines faleceu en Madrid despois dunha dura enfermidade o 16 de novembro de 1997. O Museo Raíña Sofía custodia parte do seu fondo de crítica de arte doado pola familia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]