Jesús Cora Lira
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Jesús de Cora y Lira 1890 Lugo, España |
Morte | 8 de abril de 1969 (78/79 anos) Viveiro, España |
Actividade | |
Ocupación | xurista, avogado, xuíz, político, militar, xornalista |
Pseudónimo literario | Goiriz Incógnito Leal J. de Arco |
Carreira militar | |
Rango militar | Xeneral |
Familia | |
Pai | Jesús Cora Cora |
Jesús Cora Lira, nado en Viveiro en 1890 e finado na mesma vila o 8 de abril de 1969[1], foi un avogado, militar, político e xornalista tradicionalista galego, dirixente da facción do carlismo coñecida como carloctavismo.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo de Jesús de Cora Cora. Avogado. Tradicionalista e maurista. Foi presidente da Juventud Antoniana de Lugo[2]. Foi redactor-xefe (1916-1918)[3] e logo director de La Voz de la Verdad no que fixo campaña polo cooperativismo agrario, e correspondente en Lugo de El Ideal Gallego[4]. Fundou o Sindicato Católico Obrero de Lugo[5]. Nas eleccións a Cortes de 1918 foi candidato rexionalista polo distrito de Lugo[6], pero non foi elixido.
Entrou no Corpo Xurídico da Armada e foi secretario da Asesoría Xurídica do Ministerio de Mariña, e posteriormente fiscal da Escuadra e Auditor do Departamento de Ferrol e da Xurisdición Central.[7]
En 1930 era xuíz municipal do distrito do Hospicio de Madrid[8]. Ese ano fundou en Madrid o Secretariado de Galicia e foi redactor de El Cruzado Español. Pola súa lealdade a don Jaime, foi nomeado cabaleiro da Orde de la Legitimidad Proscrita. En 1931 foi nomeado xefe provincial en Madrid da Comuñón Tradicionalista[9]. Debido á súa negativa a aceptar que a sucesión da dinastía carlista puidera recaer na rama afonsina e á súa actitude de rebeldía, en 1932 foron expulsados do partido os redactores de El Cruzado Español que se autotitularon o Núcleo da Lealdade. Jesús Cora publicou o folleto Estudios jurídicos, históricos y políticos. El futuro Caudillo de la Tradición española[10], no que sostiña que o sucesor de Alfonso Carlos debía ser adicto ao programa político e relixioso da Comuñón Tradicionalista, afirmando que aínda que no Regulamento de sucesión de 1713 se preferían as liñas masculinas, as femininas non quedaban totalmente excluídas, polo que os dereitos á coroa de España recaían no fillo de Blanca de Borbón y Borbón-Parma, filla de Carlos VII, último monarca reinante segundo os carlistas[11].
Anunciou a súa candidatura ás eleccións a Cortes de 1933[12], pero despois de realizar unha viaxe a Madrid para ultimar a candidatura, fixo pública unha carta na que explicou que a Unión de Derechas y Agrarios de Lugo vetaba a súa presenza na lista da coalición, e optou por retirar a súa candidatura[13]. En 1936 reintegrouse na Comuñón Tradicionalista, pero separouse de novo da rexencia de Javier de Borbón-Parma en 1943, sendo xefe do carloctavismo,[7] cuxa estrutura organizativa sería denominada Comunión Carlista o Comunión Católico-Monárquica.
Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi nomeado conselleiro togado do Consello Supremo de Xustiza Militar (1942), foi ascendido a coronel[14] e posteriormente a xeneral auditor do Corpo Xurídico Militar da Armada[15]. En 1947 foille concedida a Gran Cruz da Orde do Mérito Militar[16].
En 1943 encabezou o grupo herdeiro do Núcleo da Lealdade (ou carlo-octavistas) que, con certo apoio dentro do réxime franquista, recoñeceu a Carlos de Habsburgo-Lorena como rei co nome de Carlos VIII. Participou no Primeiro Congreso de Estudos Tradicionalistas celebrado en 1964 en Madrid polo Centro de Estudios Históricos y Políticos General Zumalacárregui, que foi unha das bases do libro ¿Qué es el Carlismo?[17].
Faleceu en 1969 en Viveiro, onde residía dende o seu retiro[1][5].
Obras
[editar | editar a fonte]- Estudios jurídicos, históricos y políticos. El futuro Caudillo de la Tradición española (1932)[18]
- Carlos VIII. Monarca tradicionalista. Pensamiento religioso e ideario político y social del actual representante de la Dinastía Legítima española. Su visión de los grandes problemas de nuestra Patria (1953)[19].
Artigos
[editar | editar a fonte]- Benditas sean (1916) en El Progreso
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Necrológicas: Don Jesús de Cora y Lira". ABC: 55. 9 de abril de 1969.
- ↑ El Progreso, 19-2-1916, p. 2.
- ↑ El Norte de Galicia, 26-11-1917, p. 2.
- ↑ El Progreso, 4-4-1917, p. 4.
- ↑ 5,0 5,1 "Vivero (Lugo): Sepelio de los restos mortales del general don Jesús Cora y Lira". La Vanguardia Española: 9. 9 de abril de 1969. Consultado o 12 de xaneiro de 2016.
- ↑ El Progreso, 24-2-1918, p. 1.
- ↑ 7,0 7,1 Ferrer, Melchor. Historia del Tradicionalismo Español, tomo XXX, vol. I. Editorial Católica Española. p. 37.
- ↑ "Hospicio. Edicto". Boletín Oficial de la Provincia de Madrid: 4. 3 de xaneiro de 1930.
- ↑ "Nuevo jefe provincial tradicionalista de Madrid". El Siglo Futuro: 1. 16 de decembro de 1931.
- ↑ Unamuno, Miguel (3 de abril de 1932). "Comentario. Sobre el pleito dinástico". El Sol: 1.
- ↑ Galindo Herrero, Santiago (1954). Historia de los partidos monárquicos bajo la Segunda República. p. 69.
- ↑ El Progreso, 19-10-1933.
- ↑ El Progreso, 12-11-1933.
- ↑ "Los condiscípulos del Caudillo en Ferrol le dedican un álbum". El Progreso: 4. 2 de xuño de 1940.
- ↑ "Pontifical en el altar de la plaza de Pío XII. Llegada del gobierno y otras personalidades". Hoja Oficial de la Provincia de Barcelona: 2. 2 de xuño de 1952.
- ↑ "Referéndum para la Ley de Sucesión de la Jefatura del Estado". Hoja Oficial del lunes: 3. 6 de xuño de 1947.
- ↑ ¿Qué es el Carlismo? (PDF). Escelicer. 1971. p. 3. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de febreiro de 2016. Consultado o 12 de xaneiro de 2016.
- ↑ Galindo Herrero, Santiago (1954). Historia de los partidos monárquicos bajo la Segunda República. p. 183.
- ↑ MacClancy, Jeremy (2000). The Decline of Carlism. University of Nevada Press. p. 324. Arquivado dende o orixinal o 06 de marzo de 2016. Consultado o 12 de xaneiro de 2016.