Jeffrey Lynn
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 16 de febreiro de 1909 Auburn, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 24 de novembro de 1995 (86 anos) Burbank, Estados Unidos de América (pt) |
Lugar de sepultura | Forest Lawn Memorial Park |
Educación | Bates College |
Actividade | |
Campo de traballo | Actuación e Produción de cinema |
Ocupación | mestre, actor de televisión, actor, actor de cinema, actor de teatro, produtor de cinema |
Período de actividade | 1938 - |
Empregador | Warner Bros. |
Carreira militar | |
Rango militar | captain (en) |
Conflito | segunda guerra mundial |
Familia | |
Cónxuxe | Robin Chandler Duke (1946–1958) |
Premios | |
| |
|
Ragnar Godfrey Lind, máis coñecido polo seu nome artístico Jeffrey Lynn, nado o 16 de febreiro de 1909 en Auburn, Massachusetts, e finado o 24 de novembro de 1995, foi un actor estadounidense.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos e primeiros éxitos
[editar | editar a fonte]Antes de se dedicar á actuación, Lynn foi mestre de escola. Comezou a súa carreira cinematográfica en Hollywood debutando na película Out Where the Stars Begin en 1938. Ese mesmo ano acadou un éxito notábel actuando xunto ás Lane Sisters na película Four Daughters, rodando tres secuelas da mesma, dúas en 1939 (Daughters Courageous e Four Wives) e Four Mothers (1941), repetindo papel en todas elas. Tras ese éxito de Four Daughters, Lynn pasou unha proba de cámara para o papel de Ashley Wilkes en Foise co vento (1939). Lynn tiña un grande parecido físico co personaxe da obra e interpretou a Ashley mentres duraban as probas de pantalla para a actriz adecuada para interpretar a Scarlett O'Hara. Porén, David O. Selznick finalmente escolleu o máis famoso e experimentado Leslie Howard.
Tamén en 1939, Lynn protagonizou The Roaring Twenties, obtendo excelentes críticas, O filme reuniuno coa estrela de Four Daughters, Priscilla Lane, xunto a Humphrey Bogart e James Cagney. Ese éxito continuou con películas como The Fighting 69th (1940, na que interpretou ao poeta e soldado Joyce Kilmer), It All Came True (1940), All This and Heaven Too (1940) e Million Dollar Baby (1941).
Parón na Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]A súa carreira cinematográfica viuse interrompida polo comezo da guerra, e cando volveu á pantalla en 1948 xa non puido recuperar a súa antiga condición, aínda que traballou en Carta a tres esposas (1949), con relativo éxito. Porén, na década de 1960 conseguiu actuacións destacadas en Butterfield 8 (1960) e Tony Rome (1967).
Teatro e TV
[editar | editar a fonte]Na pequena pantalla, traballou nos anos cincuenta en series como Robert Montgomery Presents, Your Show of Shows, My Son Jeep (co novo actor Martin Huston ) e Lux Video Theatre. Tamén traballou como actor de teatro, participando en espectáculos do circuíto de Broadway como Lo and Behold! (1952), Any Wednesday (1966) e Dinner at Eight (1967).
Anos finais
[editar | editar a fonte]Tras o inicio do declive da súa carreira artística, particularmente nos anos cincuenta, Lynn dedicouse ao negocio inmobiliario, relegando a súa actividade como actor a un segundo mandato.
A súa última actuación foi como estrela convidada en Murder, She Wrote en 1987, unha secuela televisiva da longametraxe Strange Bargain (1949), na que se reencontraba coa súa antiga compañeira de elenco Martha Scott.
Jeffrey Lynn faleceu en Burbank, California, en 1995, por causas naturais aos 86 anos. Foi enterrado no cemiterio Forest Lawn Memorial Park en Hollywood Hills, California.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "About: Jeffrey Lynn". dbpedia.org (en inglés). Consultado o 2022-07-03.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Jeffrey Lynn |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Jeffrey Lynn na IMDb (en inglés).
- Jeffrey Lynn en Find a Grave (en inglés)