Javier Mariscal
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Javier Mariscal Errando 9 de febreiro de 1950 (74 anos) Valencia (España) |
Actividade | |
Ocupación | deseñador, pintor, escultor, guionista, artista de banda deseñada, director de cinema |
Participou en | |
20 de decembro de 2018 | manifesto «Que no ens divideixin» |
maio de 2015 | Manifesto de apoio a Barcelona en Comú |
12 de xuño de 1987 | documenta 8 |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Obálky knih, |
Javier Errando Mariscal, nado en Valencia o 9 de febreiro de 1950 é un deseñador gráfico, industrial, de banda deseñada e pintor valenciano que, desde 1970, vive e traballa en Barcelona.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Comezou estudando deseño na escola Elisava de Barcelona, pero pronto deixouna para aprender directamente do medio e para seguir os seus propios impulsos creativos. Os seus primeiros pasos foron no mundo do cómic underground, traballo que axiña comparte coa ilustración, a escultura, o deseño gráfico e o deseño de interiores.
En 1979 deseña o logotipo Bar Cel Ona, un traballo que lle proporcionou popularidade. Ao ano seguinte, abre en Valencia o primeiro bar asinado por Mariscal, xunto a Fernando Salas, o Dúplex, para o que deseña unha das súas máis famosas pezas, o taburete Duplex, auténtica icona dos anos oitenta.
En 1981, o seu traballo como deseñador de mobiliario lévao a participar na exposición Memphis, an International Style, en Milán. En 1987 expón no Centro Georges Pompidou de París e participa na Documenta de Kassel (Alemaña).
Ao longo da década dos oitenta deseña varias coleccións de téxtil para Marieta e Tráfico de Modas, e expón na sala Vinçon de Barcelona. En 1989 Cobi é elixido como mascota para os Xogos Olímpicos de Barcelona 1992. A mascota foi acollida con gran polémica pola súa imaxe de ruptura, aínda que o tempo lle deu a razón ao seu creador, e agora Cobi é recoñecida como a máis rendíbel da historia dos Xogos Olímpicos modernos. Máis adiante viría a serie de animación The Cobi Troupe.
En 1989 funda o Estudo Mariscal, e colabora en diversos proxectos con deseñadores e arquitectos como Arata Isozaki, Alfredo Arribas, Fernando Salas, Fernando Amat ou Pepe Cortés. Entre os seus traballos máis destacados nesta época están os logos para o partido socialista sueco, a emisora de radio Onda Cero, o Zoo de Barcelona, a Universidade de Valencia, o centro de deseño e arquitectura Lighthouse en Glasgow, o centro cultural GranShip (Xapón) ou a empresa de posprodución londiniense Framestore.
En 1995 Twipsy foi elixida mascota da Exposición Universal de Hanóver (Expo 2000). O éxito desta mascota daría lugar á serie Twipsy, na que o protagonista é un mensaxeiro do espazo virtual e a acción se sitúa en Internet. Twipsy vendeuse en máis de cen países. Tamén en 1995 deseña para a produtora italiana Moroso a colección Mobles Amorosos, que inclúe un dos seus móbeis de maior éxito, a butaca Alexandra, cuxas formas orgánicas e o uso que fai da cor comunican o estilo vitalista e extravertido que caracteriza os obxectos de Mariscal.
En 2002, a súa traxectoria multidisciplinar culmina co deseño integral do Gran Hotel Domine Bilbao (GHDB), asomado ao Museo Guggenheim Bilbao e á ría, cuxo concepto creativo baséase en reflectir a historia do deseño do século XX. Mariscal creou desde os uniformes á fachada, pasando pola imaxe gráfica e o seu site. O interiorismo do GHDB fíxoo xunto a Fernando Salas, con quen tamén colaboraría no club Calle 54, un proxecto no que tomou parte Fernando Trueba e que lle deu a Madrid un espazo onde actúan os máis prestixiosos músicos do jazz latino, como Bebo Valdés ou Paquito d’Rivera. Tamén en Madrid está situado o Hotel Porta América, do grupo Silken, un proxecto no que participaron os mellores estudos de arquitectura e deseño do momento. O Estudo Mariscal e Fernando Salas encargáronse do interiorismo da planta once.
Outra mostra da súa vocación interdisciplinar foi o espectáculo audiovisual Colors, estreado en Barcelona en 1999 e protagonizado polo robpt Dimitri, outra das criaturas de Mariscal. O guión de Colors adaptouno para as frecuentes conferencias sobre deseño que realiza por todo o mundo, que máis que conferencias son divertidos espectáculos de humor e tenrura.
En 2005 deseñou varios obxectos para a colección infantil Me Too, de Magis, unha frutuosa colaboración que continúa na actualidade. As imaxes da entidade financeira española Bancaja, da 32ª edición da America’s Cup, da nova marca de bolsos de Camper, Camper Forhands, así como o interiorismo do restaurante de Ikea de Vitoria son algúns dos seus últimos traballos, que segue compartindo coa súa tarefa artística. En 2006 participou en ARCO coa escultura Crash, unha homenaxe ao deseño optimista dos anos 1950.
Principais obras
[editar | editar a fonte]Premios
[editar | editar a fonte]En 1999 recibiu o Premio Nacional de Deseño que concede o Ministerio da Industria español e a Fundación BCD en recoñecemento a toda unha traxectoria profesional.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Javier Mariscal |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Estudio Mariscal
- Mariscal Sketches
- Mariscal Drawing Life - Retrospectiva no Design Museum de Londres
- Javier Mariscal: el artista