Jacob Clemens non Papa
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1510 (Gregoriano) Middelburg, Países Baixos |
Morte | 1555 (Gregoriano) (44/45 anos) Diksmuide, Bélxica |
Actividade | |
Ocupación | compositor |
Período de actividade | 1549 (Gregoriano) - |
Movemento | Escola franco-flamenga |
Descrito pola fonte | Dicionario Musical Riemann (1901–1904) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Allgemeine Deutsche Biographie |
Jacob Clemens non Papa (tamén coñecido como Jacques Clément ou Jacobus Clemens non Papa), nado entre 1510 e 1515, e finado en 1555 ou 1556), foi un compositor francoflamengo do Renacemento que viviu a maior parte da súa vida en Flandres. Foi un compositor prolífico en moitos dos estilos da súa época e especialmente famoso polas súas composicións polifónicas sobre os salmos en neerlandés, coñecidas como Souterliedekens.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Non se coñecen datos acerca da súa mocidade e mesmo os detalles dos seus anos de madureza artística son pouco precisos. É probable que nacese en Middelburg, Zelandia, aínda que os indicios son contraditorios. En todo caso, era oriúndo dalgunha parte do que hoxe é Bélxica ou os Países Baixos. A primeira referencia inequívoca a este autor data de finais da década de 1530, cando Pierre Attaingnant publica unha colección das súas cancións en París. Entre marzo de 1544 e xuño de 1545 ocupa o posto de mestre de capela (succentor) na catedral de Bruxas e pouco despois comeza unha relación comercial con Tielman Susato, o editor de Anveres, que durará ata a fin da súa vida. Entre 1545 e 1549 é probable que fose mestre de coro do duque de Aerschot, un dos maiores xenerais de Carlos V. En 1550 estaba empregado como cantante e compositor na confraría mariana en 's-Hertogenbosch. Tamén hai indicios de que viviu e traballou en Ieper e en Leiden.
Hai varias teorías respecto á orixe do epíteto "non Papa". Unha delas sostén que llo engadiu humoristicamente o seu editor, Susato, para o distinguir do papa Clemente VII. Outra teoría indica que sería para o distinguir de Jacobus Papa, un poeta de Ieper. Con todo, tendo en conta que o papa Clemente VII morreu en 1534, antes de que se publicase ningunha obra de Clemens, e que a confusión co poeta era improbable, xa que os apelidos eran bastante diferentes, é admisible que o alcume fose creado como brincadeira máis que por razóns prácticas.
Os detalles da súa morte son descoñecidos, pero probablemente teña sucedido en 1555 ou 1556. O texto de 1558 Continuo lacrimas, da deploration da morte de Clemens por Jacobus Vaet, suxire que tivo un final violento pero, mesmo se así fose, non se explican as circunstancias. Segundo unha fonte de 1644, Clemens foi soterrado en Diksmuide, preto de Ieper, na actual Bélxica.[2]
Obra, estilo e influencia
[editar | editar a fonte]De xeito diferente a case todos os seus contemporáneos, Clemens parece que non viaxou nunca a Italia, motivo polo cal a influencia italiana non está presente na súa música. Representa o dialecto nordeuropeo do estilo francoflamengo.[3] Clemens foi un dos principais representantes da xeración entre Josquin des Prés e Palestrina e Orlando di Lasso.[4] Foi sobre todo un compositor de música sacra. De feito, a súa produción musical abrangue aproximadamente un 80 % de música sacra, ben litúrxica ou ben para uso privado. Dos seus aproximadamente 233 motetes, só tres conteñen textos profanos en forma de himnos de encomio á música. Con todo, compuxo tamén algo máis de 100 obras profanas, que atinxen todo o espectro de xéneros poéticos usados polos compositores da súa xeración. Tendo en conta que a súa carreira como compositor durou apenas dúas décadas, Clemens foi un compositor extraordinariamente prolífico:
- 15 misas, 14 delas de imitación, coñecidas como misa-parodia (a maioría das cales foron publicadas entre 1555 e 1570 por Pierre Phalèse en Lovaina), e outras dúas incompletas (un kyrie e un credo).[5]
- 15 magnificats.[6]
- Arredor de 233 motetes.
- Pouco máis de 100 pezas profanas, o que abrangue 89 cancións francesas (das cales só 77 se consideran auténticas e se inclúen na edición completa das súas obras), oito cancións holandesas, oito pezas sen texto, dúas cancións intabuladas e un canon instrumental (de atribución dubidosa).[7]
- 159 souterliedekens ou versións en holandés dos salmos, usando melodías de cancións populares como cantus firmus.
De todas estas obras, os souterliedekens quizais fosen as máis coñecidas e influentes; publicounas entre 1556 e 1557 Tielman Susato nos seus Musyck Boexken ("Libros de música") IV-VII e abranguen a única música protestante en holandés do Renacemento.[8][9] Baseándose nun volume anterior dos souterliedekens imprimido por Symon Cock, que contiña versións monofónicas dos salmos en holandés, os de Clemens pasaron a ser as primeiras versións completas polifónicas dos 150 salmos en holandés.[10]
As versións de Clemens son xeralmente simples e pensadas para seren cantadas pola xente na casa. O autor utilizou como cantus firmus algunhas melodías profanas ben coñecidas que se imprimiron na edición de Cock, que incluían cancións de taberna, de amor, baladas e outras cancións populares do seu tempo. A maioría son versións con tres partes e hai 26 combinacións diferentes destas voces. Algúns dos souterliedekens baséanse en cancións de baile e son claramente homofónicas e homorrítmicas, mentres que outros usan a imitación. Resulta salientable que estas pezas sobrevivisen á prohibición de 1569, cando o goberno do Duque de Alba censurou todos os libros que se consideraban heréticos.[11]
Logo da súa morte, as súas obras distribuíronse por Alemaña, Francia, España e mesmo en varios círculos en Inglaterra. A influencia de Clemens foi especialmente importante en Alemaña; Orlando di Lasso, en particular, coñecía ben a súa música e incluíu nas súas obras elementos do estilo de Clemens.
Obras
[editar | editar a fonte]As obras completas de Clemens non Papa foron compendiadas por Karel Philippus Bernet Kempers na obra de 21 volumes Opera omnia, CMM, iv/1-21, 1951-1976, [K i-xxi]. O Instituto Americano de Musicoloxía, dentro do seu Corpus mensurabilis musicae, ofrece unha listaxe das obras do compositor tomando como referencia o compendio de Bernet Kempers.[12]
Discografía
[editar | editar a fonte]- Clemens non Papa, Priest And Bon-vivant. Capilla Flamenca xunto con La Caccia, Joris Verdin e Jan Van Outryve. 2005. (KTC 1287)
- Jacob Clement, Huelgas Ensemble, baixo a direcciónn de Paul van Nevel. 2012. (Deutsche Harmonia Mundi).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Knighton, Tess; Fallows, David (eds). Companion to Medieval and Renaissance Music. Berkeley. University of California Press. 1992. Páxina 385. [ISBN 978-0-520-21081-3]
- ↑ Elders, Willem; Forney, Kristine; Planchart, Alejandro (sa). Macy, L. (ed). Jacobus Clemens non Papa Arquivado 13 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine.. En Grove Music Online.
- ↑ Atlas, Allan W. Renaissance Music: Music in Western Europe, 1400-1600. Nova York. W.W. Norton & Company. 1998. Páxina 398. [ISBN 978-0-393-97169-9]
- ↑ Taruskin, Richard. The Oxford History of Western Music. 1: The Earliest Notations to the Sixteenth Century. Oxford. Oxford University Press. 2005. Páxina 593. [ISBN 978-0-19-516979-0]
- ↑ Reese, Gustave. Music in the Renaissance. Nova York. W.W. Norton & Co. 1954. Páxina 351. [ISBN 0-393-09530-4]
- ↑ Brown, Howard M.; Stein, Louise K. Music in the Renaissance (2ª edición). Upper Saddle River, NJ. Prentice Hall. 1999. Páxina 182. [ISBN 978-0-13-400045-9]
- ↑ Perkins, Leeman L. Music in the Age of the Renaissance. Nova York. W.W. Norton. 1999. Páxina 635. [ISBN 978-0-393-04608-3]
- ↑ Reese (1954). Páxina 355.
- ↑ Raeburn, Michael; Kendall, Alan (eds). Heritage of Music 1. Oxford. Oxford University Press. 1990. Páxina 66. [ISBN 978-0-19-520493-3]
- ↑ Perkins (1999). Páxina 743.
- ↑ Reese (1954). Páxina 357.
- ↑ "Jacobus Clemens non Papa Arquivado 04 de marzo de 2017 en Wayback Machine.". En Corpus mensurabilis musicae. The American Institute of Musicology.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Albrecht, Hans. "Lupus Hellinck und Clemens non Papa". En Zeitschrift für Musikwissenschaft, 1930-1931. Volume XIII. Páxinas 157-158.
- Beebe, Ellen Scott. "Text and Mode as Genarators of Musical structure in Clemens non Papa's Accessarunt ad Jesum". En Studies in the History of Music, 1983. Volume I. Páxinas 79-94.
- Beebe, Ellen Scott. "Why Clemens non Papa did not Need a Secret Chromatic Art". En Baker, Kovaleff Nancy; Barbara Russano Haning (dir.). Musical Humanism and its Legacy: Essays in Honor of Claude V. Palisca. Hillsdale (Nova York). Pendragon Press, 1992. Páxinas 213-240.
- Bernet Kempers, Karel Philippus. "Bibliography of the Sacred Works of Jacobus Clemens non Papa: A Classified List, with a Notice on his Life". Musica Disciplina, 1964. Volume XVIII. Páxinas 85-150.
- Bernet Kempers, Karel Philippus. "Jacobus Clemens non Papa's Chansons in their Chronological Order". En Musica Disciplina, 1961. XV. Páxinas 187-197.
- Grijp, Louis Peter. EThe Souterliedekens by Gherardus Mes (1561): An enigmatic pupil of Clemens non Papa, and popular song of the mid-sixteenth century". En Clement, Albert; Eric Jas (dir.). From Ciconia to Sweelinck: donum natalicium Willem Elders, Amsterdam / Atlanta, Ga. Ropodi, 1994. Páxinas 245-254.
- Jas, Eric (ed). Beyond Contemporary Fame. Reassessing the Art of Clemens non Papa and Thomas Crecquillon. Turnhout. Brepols. 2005. [ISBN 2-503-51884-2]
- Lowinsky, Edward Elias. "Two Motets Wrongly Ascribed to Clemens non Papa". En Revue belge de musicologie, 1947-1948. Volume II. Páxinas 21-30.
- Vanhulst, Henri. ""Musiciens, regardez devant vous" de Clemens non Papa : essai de reconstitution de la chanson à partir de la verson pour le luth (1571)". En Luths et luthistes en Occident : actes du colloque organisé par la Cité de la musique, 13-15 mai 1998. París, Cité de la Musique / Musée de la Musique, 1999. Páxinas 103-111.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Partituras de Jacob Clemens non Papa en Choral Public Domain Library.
- Partituras de Jacob Clemens non Papa en International Music Score Library Project.
- Clemens 500. Sitio web conmemorativo do quinto centenario en 2012.