Saltar ao contido

Jólabókaflóðið

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Jólabókaflóðið (en galego, «inundación de libros de Jól») é un termo usado en Islandia para describir a publicación masiva de libros novos dende inicios de outubro até o Nadal.[1] Estes adquírense para agasallarse en Noiteboa, o que o converte no galano de Nadal máis popular no país.[2] A tradición esténdese até a noite, cando é común ler os libros novos e tomar chocolate quente.[3]

As novidades publícanse anualmente no Bókatíðindi, un catálogo que se distribúe de balde polas casas. Dita publicación dá comezo á Jólabókaflóðið, que marca o inicio do período de vacacións.[4] A tradición ten a súa orixe na secular historia da literatura islandesa e tamén no estado da economía durante a segunda guerra mundial, cando as estritas restricións monetarias limitaban o número de importacións. Dado que as restricións á importación de papel eran menos severas que as doutros produtos, o libro converteuse no principal agasallo de Nadal.[5]

Contexto histórico

[editar | editar a fonte]

Islandia ten unha longa historia de cultura literaria, con referencias que se remontan á colonización. As primeiras mostras escritas empregaban o alfabeto rúnico, orixinario das culturas nórdicas, as primeiras que poboaron Islandia. Atopáronse runas que datan do século X. Con todo, algunhas referencias noutros textos suxiren a súa existencia xa no século IX.[6] Crese que estas runas eran tamén unha herdanza dos deuses, o que convertía a literatura nun elemento fundamental na orixe da cultura islandesa.[6]

Porén, unha colección de obras coñecida como as Sagas de islandeses desencadeou a fascinación islandesa pola literatura dun xeito diferente ao de calquera outra nación. Estas obras foron escritas entre os séculos XII e XV, aínda que se cre que xa existían como contos de tradición oral.[7] A temática era a das crónicas históricas, que co paso do tempo adquiriron un estilo máis próximo á narrativa.[7] Cuns alicerces de escritura e lectura estabelecidos sobre a base da cultura da nación, instituíuse a tendencia do apego á literatura, que se mantivo co paso dos séculos.

Orixe da tradición

[editar | editar a fonte]

A tradición instituíuse de maneira oficial en 1944, cando se publicou por primeira vez o Bókatíðindi, por causa da situación económica trala segunda guerra mundial.[1] Moitas nacións autoilláronse co fin de reconstruíren as súas economías, sobre todo en Europa occidental. Este feito fixo diminuír o número de importacións procedentes doutras nacións, o que incluíu a maioría de formas de agasallos. As limitacións respecto ao papel non foron tan restritivas, o que fixo aumentar a súa importación durante os anos posteriores á guerra.[5] Debido á súa neutralidade na contenda, Islandia non sufriu o mesmo impacto económico que a maioría dos países europeos, o que lles deixou unha capacidade de gasto superior á media.[4] Durante as vacacións os libros eran, xa que logo, o agasallo máis doado de atopar.

  1. 1,0 1,1 Brandsma, Elliott (5 de maio de 2015). "Too Many Books: Do Icelandic Publishers Need To Chill Out?". The Reykavík Grapevine (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2023. 
  2. UNESCO (outubro de 2011). "10 Things to know about Reykjavik, UNESCO City of Literature". UNESCO Digital Library (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2023. 
  3. Leath, Ashley (30 de novembro de 2021). "Why Icelanders Spend Every Christmas Eve Reading Books and Drinking Cocoa". Country Living (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2023. 
  4. 4,0 4,1 Knútsdóttir, Hildur (14 de decembro de 2009). "The Jólabókaflóð". The Reykavík Grapevine (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2023. 
  5. 5,0 5,1 Teicher, Jordan G. (25 de decembro de 2012). "Literary Iceland Revels In Its Annual 'Christmas Book Flood'". NPR (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2023. 
  6. 6,0 6,1 Bergmann, Salvör. "Icelandic Runes and Staves - The Complete Guide". Guide to Iceland (en inglés). Consultado o 21 de marzo de 2023. 
  7. 7,0 7,1 Clunies Ross, Margaret (14 de agosto de 2016). "Guide to the classics: the Icelandic saga". The Conversation (en inglés). Consultado o 23 de marzo de 2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]