Ivar o Desosado
Nome orixinal | (da) Ivar Ragnarsson |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | século IX Dinamarca |
Morte | 870 ↔ 878 Inglaterra, Reino Unido |
Monarca | |
Actividade | |
Ocupación | Berserker |
Familia | |
Familia | Casa de Munsö (pt) |
Pais | Ragnar Lodbrok e Aslaug |
Irmáns | Ubba Ragnarsson Halfdan Ragnarsson Biorno Ragnarsson Hvitserk Sigurd Ragnarsson |
Ivar Ragnarsson, tamén coñecido como Ivar o Desosado (en nórdico antigo Ívarr inn Beinlausi), nado o 787 e finado en 873? ou 878, era un caudillo escandinavo durante a Era viquinga con reputación de berserker[1][2]. Ivar Ragnarsson era un dos fillos de Ragnar Lodbrok, quen xunto cos seus irmáns Björn e Ubbe dirixiron o Grande exército pagán[3].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]A fins do século IX dicíase que «o máis cruel deles (fillos de Ragnar) era Ingvar, fillo de Lodbrok, que en calquera lugar torturaba aos cristiáns até a morte», sendo caudillo dunha área que comprende partes da moderna Dinamarca e Suecia[4][5].
Grande exército pagán
[editar | editar a fonte]No outono de 865, xunto cos seus irmáns Bjorn e Ubbe, Ivar acaudillou o grande exército pagán na invasión de Inglaterra desde a costa de Anglia Oriental. O seu primeiro asentamento foi rápido e militarmente respondido polos anglos orientais. Ao ano seguinte, Ivar levou ao seu exército por terra cara ao norte e conquistou facilmente York (os daneses chamábana Jórvik), xa que os habitantes de Northumbria estaban naquel tempo inmersos nunha guerra civil.
Ivar e os seus daneses conseguiron manter baixo o seu poder York contra os vans intentos de liberar a cidade en 867[6].
A Ivar atribúeselle o asasinato do rei de Anglia Oriental, Eadmund Mártir, no ano 869. A primeira referencia da historia procede da paixón do rei Eadmund de mans de Abón de Fleury e a adaptación en inglés antigo de Aelfric de Eynsham. Polas citas, sabemos que o rei Eadmund se negou á vasalaxe baixo dominio pagán e foi executado de forma similar a San Sebastián. A fonte máis fiábel fala de que foi atado a unha árbore e os viquingos lle dispararon frechas até a morte[7]. Outras fontes falan de que foi executado no altar dunha igrexa, posibelmente co ritual da aguia de sangue[6].
Nalgún momento de 869 Ivar comandou o grande exército pagán dos daneses en Inglaterra cos seus irmáns Halfdan e Ubbe. Parece que, mesmo, emigrou a Dublín (ou segundo outras fontes regresou de Irlanda tras gobernar un período de tempo).
Uí Ímair
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Ivar de Dublín.
A Ivar impútaselle a fundación da Casa de Ivar ou Uí Ímair, unha dinastía que desde mediados do século IX até o século X gobernou Northumbria desde a capital de York (Jórvik) e dominou a rexión do Mar de Irlanda desde o reino de Dublín.
Os seus presuntos descendentes, a Casa de Godred Crovan, gobernaron como reis de Mann e outros territorios viquingos das Illas do Norte desde o século XI até o XIII, aínda que actuaron como vasalos dos reis de Noruega a maior parte do tempo.
Morte
[editar | editar a fonte]Ivar desaparece de todos os rexistros históricos no ano 870. O seu último destino é incerto, aínda que se supón que Ivar é o mesmo Ímar, o primeiro rei da dinastía dos Uí Ímair, cuxa morte se cita nos Anais de Ulster en 873:
Ímar, rei dos homes do norte e toda Irlanda e Bretaña, terminou a súa vida.
A morte de Ímar tamén se atopa nos Anais fragmentarios de Irlanda[8] no ano 873:[9]
O rei de Lochlainn, Godofredo, morreu dunha horríbel enfermidade repentina. Así compraceu a Deus.
A identificación de Godofredo como rei de Lochlainn engadiuse por un copista no século XVII. No manuscrito orixinal do século XI simplemente cítase ao "righ Lochlann" (rei de Lochlann), que se pode referir máis concretamente a Ímar, cuxa morte non se menciona nos anais fragmentados[10][11]. Sobre a morte do rei, citado expresamente como horríbel e repentina, non se menciona en ningunha outra fonte, sendo unha forma do nórdico antigo para definir unha enfermidade descoñecida que o prostrou incapacitado para o resto dos seus días; de todos os xeitos, as enfermidades horríbeis e repentinas eran a causa máis común de mortalidade no século IX.
Tamén a crónica anglosaxoa fai mención da súa morte ao redor do ano 878:
E no inverno deste mesmo ano Ivar e Halfdan desembarcaron en Wessex, en Devonshire, con 23 barcos, e alí foi morto, e 840 homes do seu exército con el. Tamén se tomou a bandeira de guerra (guðfani), que eles chamaban "Corvo".Crónica anglosaxoa
Fontes escandinavas
[editar | editar a fonte]Segundo Ragnars saga oðbrókar, Ivar o Desosado era o fillo máis novo de Ragnar e Aslaug. Dise que era xusto, grande e forte, e un dos homes máis sabios que nunca antes existiron. Ívar era, sen dúbida, o asesor dos seus irmáns Björn, Ubbe, Sigurd e Halfdan.
A historia outórgalle o papel de vingador da morte do seu pai a mans de Ælla de Northumbria, lanzándoo a un pozo de serpes velenosas, pero aparentemente sen éxito ata que apareceu fronte a Ælla coa escusa de buscar unha reconciliación. Ivar só pediu a terra que puidese conseguir co arado dun boi e a cambio xurou non entrar en guerra co seu reino. Entón Ivar cortou o xugo en láminas tan finas que podía cubrir un espazo onde podería construír no seu interior unha enorme fortaleza (nalgunhas antigas sagas falan de York e outras máis recentes de Londres) que podería reclamar como propiedade.
Ivar era coñecido por ser o máis xeneroso dos homes. Atraeu a moitísimos guerreiros que mantivo ao seu lado cando o rei Ælla foi atacado polos viquingos dos seus irmáns por segunda vez e capturado. Os irmáns decidiron ceder a Ívar a custodia do rei e que decidise o seu xusto castigo. Ivar era devoto de Odín e suxeriu o sacrificio da aguia de sangue. De acordo coa crenza popular, significaba abrir as costas do rei, levantar as costelas desde a espiña dorsal e mostrar os seus pulmóns en forma de ás.
Na saga de Ragnar Lodbrok, existe unha precuela interesante á batalla de Hastings: dise que antes de que Ivar morrese en Inglaterra, ordenou que o seu corpo fose sepultado nun montículo na beira inglesa, de forma que mentres os seus ósos gardasen aquela costa, ningún inimigo podería invadir a illa con éxito. Esta profecía mantívose, segundo a saga, ata que Guillerme o Conquistador pisou terra inglesa, chegou ao montículo do enterro e, tras profanar a súa tumba e decatarse de que o corpo do viquingo estaba intacto, mandou levantar unha pira e queimar o cadáver. A partir de aí Guillerme lanzou as súas forzas desde o continente e conseguiu a vitoria[6].
O alcume
[editar | editar a fonte]Desosado
[editar | editar a fonte]Os historiadores non se poñen de acordo polo motivo do alcume Desosado (inn Beinlausi) nas sagas. Algúns suxiren que era un eufemismo pola súa impotencia ou unha metáfora da serpe (de feito tiña un irmán co alcume Serpe no ollo). Podía referirse a unha incríbel flexibilidade física; Ivar era un respectado guerreiro e posibelmente os seus dotes déronlle unha imaxe popular como "desosado". O poema Háttalykill inn forni descríbeo como sen un só óso.
Doutra banda, a palabra inglesa "bone" é cognado doutra xermánica, "bein", que significa perna. As fontes escandinavas describen a Ivar o Desosado como caudillo transportado nun escudo polos seus guerreiros. Uns especularon que era porque el non podía andar e quizais o seu epíteto simplemente significaba "cego" - quizais literalmente ou quizais simplemente porque era coxo. Con todo outras fontes a partir deste período da historia mencionan a caudillos levados sobre os escudos dos seus inimigos tras a vitoria, non precisamente debido a unha enfermidade.
Enfermidade xenética
[editar | editar a fonte]Outra interpretación do seu alcume tamén citada en fontes escandinavas, descríbeno ou interprétase como vítima dunha forma de osteoxénese imperfecta, tamén coñecida como "ósos de cristal". En 1949, o danés Knud Seedorf escribiu:
Sobre personaxes históricos que o autor coñece ou de quen ten unha vaga impresión que sufría de osteoxénese imperfecta, podemos nomear a Ivar Benløs, o fillo máis vello do lendario rei danés Ragnar Lodbrog. Coñécense citas que falan das súas pernas de cartilaxe (falta de ósos) que o incapacitaba para camiñar e debía ser transportado enriba dun escudo.
Hai casos menos extremos da enfermidade que non impiden ao individuo usar as súas pernas, normal noutras circunstancias, e puido ser o caso de Ivar o Desosado.
En 2003 Nabil Shaban, un avogado polos dereitos dos incapacitados, no documental The Strangest Viking ("o estraño viquingo") do programa da Canle 4 de TV Secretos da Historia (Secret History), explora a posibilidade de que Ivar o Desosado sufrise osteoxénese imperfecta, a mesma condición que el mesmo. Demostrou que a súa condición non era impedimento para que usase un arco e frechas e participar en batallas, como a sociedade viquinga tería esperado que fixese un caudillo. Pero é unha teoría moi improbábel, xa que a mesma sociedade practicaba o infanticidio en nenos con taras físicas, baseaba a súa educación desde a infancia na virilidade e a guerra nunhas rudas condicións do século IX, polo que fai máis plausíbel unha interpretación máis simple do alcume[12].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ivar Ragnarsson (revisado o 4 de maio de 2007)
- ↑ Segundo a crónica anglosaxoa en 878 aínda estaba vivo cando el e os seus irmáns combateron nas preliminares da batalla de Cynwit.
- ↑ Ragnar Lodbrok (Nordisk familjebok)
- ↑ Escrito na Gesta dos francos. Adán de Bremen, Gesta Hammaburgensis Ecclesiae Pontificum I xxxvii (§ 39), tr. Francis J. Tschan, History of the Archbishops of Hamburg–Bremen, New York, 1959.
- ↑ Gallica, versión latina da Gesta en liña na biblioteca dixital da Biblioteca Nacional de Francia
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "The Vikings," Frank. R. Donovan, author; Sir Thomas D. Kendrick, consultant; Horizan Caravel Books, by the editors of Horizan Magazine, Fourth Edition, American Heritage Publishing Co.: New York, 1964, LCC# 64-17106, p. 44–45; 145, 148.
- ↑ Abón de Fleury, Passio Sancti Eadmundi Regis et Martyris, ed. Michael Winterbottom, Three Lives of English Saints. Toronto Medieval Latin Texts. Toronto 1972. 65–87; Ælfric, Life of St Edmund, ed. and tr. W.W. Skeat, Ælfric’s Lives of Saints. 2 vols.: vol. 1. Oxford, 1881–1900. 314–34.
- ↑ The Fragmentary Annals of Ireland (O'Donovan's edition)
- ↑ "Fragmentary Annals of Ireland 409". CELT.
- ↑ John O'Donovan, editou os Anais fragmentados de Irlanda en 1860 , entendeu a cita como referíndose a Ímar. No inicio dos mesmos anais, cita a Ímar e o seui irmán Amlaíb e mencínoaos como na righ Lochlann, ou "os reis de Lochlainn".
- ↑ The Vikings in Scotland and Ireland in the Ninth Century §40
- ↑ Vol. 82 No. 317 Pg.671-685 J.H. Barrett, What caused the Viking Age?
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Ivar sen Ósos: un guerreiro viquingo que transformou en forza a súa debilidade.
- History files: In the Footsteps of Ivarr the Boneless.
- The Tale of Ragnar's Sons.
- Páxina de Nabil Shaban sobre Ivar o Desosado.
- Arquivo de discusión sobre Ívar o Desosado e a osteoxénese imperfecta.
- A History of the Vikings (Northvegr Foundation).