Instituto de Cultura Hispánica
O Instituto de Cultura Hispánica foi unha institución destinada a fomentar as relacións entre os pobos hispanoamericanos e España, e a orixe da actual Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo.
Historia
[editar | editar a fonte]O 4 de xullo de 1946, na xornada de clausura do XIX Congreso de Pax Romana, en San Lorenzo de El Escorial, con presenza de case tódalas repúblicas hispanoamericanas (faltaron Costa Rica, Honduras e República Dominicana) oitenta e dous dos congresistas decidiron crear unha institución nova, acorde ás exixencias inmediatas do hispanoamericanismo, e fundaron un Instituto Cultural Iberoamericano, presidido por Pablo Antonio Cuadra. Aos poucos meses ese proxecto era asumido polo Estado Español, e se creaba o Instituto de Cultura Hispánica.[1]
Así, por resolución do goberno español, nace o Instituto de Cultura Hispánica, como unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia, destinada a fomentar as relacións entre os pobos hispanoamericanos e España. Joaquín Ruiz-Giménez Cortés, presidente do XIX Congreso de Pax Romana, sería precisamente o seu primeiro presidente. Entre outros, ocupou a Dirección Xeral do Instituto de Cultura Hispánica (1957-1962) o notario Blas Piñar, quen fomentou as relacións de fraternidade hispanoamericanas e xestionou as bolsas de estudos entre Hispanoamérica e as universidades españolas.
Unha das principais actividades do Instituto de Cultura Hispánica foi o labor editorial. O selo Ediciones Cultura Hispánica tivo grande relevancia no mundo editorial en lingua española. Unha análise exhaustiva de todo este pasado e un catálogo actualizado das publicacións foi recollida en 2003, cando se publicou a obra La huella editorial del Instituto de Cultura Hispánica: Ediciones Cultura Hispánica y otras publicaciones: estudios y catálogo (1944-1980).[2]
Contaba igualmente coa cátedra "Ramiro de Maeztu" na Universidade de Madrid,[3] e, entre outros, o Colexio Maior "Hernán Cortes" en Salamanca.[4]
O 27 de agosto de 1977 pasou a chamarse Centro Iberoamericano de Cooperación; e o 11 de outubro de 1979 créase o Instituto de Cooperación Iberoamericana (ICI). Por RD 1527/1988, de 11 de novembro, o ICI e o Instituto Hispano-Árabe de Cultura intégranse na Agencia Española de Cooperación Internacional, organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación a través da Secretaría de Estado para a Cooperación Internacional e para Iberoamérica, creada por RD 1435/1985, de 28 de agosto. A axencia asume a dirección do ICI sen modificar os seus fins primordiais nin a orientación das súas actividades. En 2007 muda a súa denominación a Agencia Española de Cooperación Internacional para el Desarrollo (AECID).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ XIX Congreso Mundial de Pax Romana, 1946 [1].
- ↑ Publicado pola Fundación Mapfre, ofrécese máis información na páxina institucional [2] Arquivado 24 de xuño de 2013 en Wayback Machine..
- ↑ DECRETO de 27 de diciembre de 1946 por el que se crea en la Universidad de Madrid la cátedra "Ramiro de Maeztu", a cargo del Instituto de Cultura Hispánica. Publicación: 18/01/1947, n.º 18. Ministerio de Asuntos Exteriores.
- ↑ DECRETO conjunto de ambos Ministerios, de 21 de enero de 1950 por el que se crea el Colegio Mayor "Hernán Cortes" en Salamanca, como fundación del Instituto de Cultura Hispánica. Publicación: 02/03/1950, n.º 61. Ministerio de Asuntos Exteriores.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Historia Arquivado 25 de maio de 2019 en Wayback Machine. no sitio wed da AECID (en castelán)