Saltar ao contido

Incretina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
GLP-1 e inhibidores DPP-4.

As incretinas son un grupo de hormonas gastrointestinais que causan un incremento na liberación de insulina por parte das células beta dos illotes de Langerhans despois dunha comida, mesmo cando os niveis de glicosa sanguínea aumentaron. Tamén fan máis lento o grao de absorción de nutrientes ao sangue ao reduciren o baleiramento gástrico e poden reducir directamente o consumo de comida ao causaren saciedade. Tamén inhiben a liberación de glicagón nas células alfa dos illotes de Langerhans. As dúas moléculas principais que cumpren plenamente os requisitos para ser consideradas incretinas son o péptido similar ao glicagón 1 (GLP-1) e o péptido inhibidor gástrico (GIP, tamén chamado polipéptido insulinotrópico dependente da glicosa). Tanto o GLP-1 coma o GIP son inactivados rapidamente polo encima dipeptidil peptidase-4 (DPP-4).

As incretinas foron probadas para o tratamento da diabete. O GLP-1 (7-36) amida non é moi útil para o tratamento da diabetes mellitus tipo 2, xa que debe ser administrado por infusión subcutánea continua. Foron desenvolvidos varios análogos de maior duración no corpo con actividade insulinotrópica para uso terapéutico. A principal desvantaxe destes análogos do GLP-1 é que deben administrarse por inxección subcutánea.

Outra aproximación terapéutica é inhibir o encima DPP-4 que inactiva o GLP-1 e GIP. Foron desenvolvidos varios inhibidores do DPP-4 que se poden tomar por vía oral.

En 1902, Bayliss e Starling propuxeron que a mucosa intestinal contén unha hormona, a secretina, que estimula a secreción exócrina do páncreas.

Porén, a administración oral de extractos da mucosa intestinal non foron útiles no tratamento da diabetes tipo 1. En 1932, La Barre propuxo o nome de incretina para unha hormona extraída da mucosa do intestino superior, que causaba hipoglicemia, e propuxeron unha posible terapia para a diabete. En 1939–1940, Leow et al. tiraron a conclusión que a existencia das incretinas era "cuestionable". Non se fixeron máis investigacións nesta área ata uns 30 anos máis tarde.

Investigacións máis recentes

[editar | editar a fonte]

En 1970, illouse e secuenciouse o GIP da mucosa intestinal (JC Brown). Chamouselle orixinalmente péptido inhibidor gástrico, despois, en 1973, o GIP foi renomeado péptido insulinotrópico dependente da glicosa despois de que Brown e Dupre mostrasen que o GIP estimulaba a secreción de insulina. Porén, as investigacións iniciais non puideron establecer a súa utilidade como tratamento da diabete. Do péptido proglicagón deriva o o GLP-1. O proglicagón do peixe sapo foi secuenciado en 1982 por Lund et al. O xene do proglicagón humano foi clonado en 1983 por G. Bell et al., e a secuencia do proglicagón humano foi deducida seguidamente. Porén, a molécula de GLP-1 completa non ten efecto sobre os niveis de insulina. Só unha fragmento de secuencia específico do GLP-1 ten efecto insulinotrópico: a GLP-1 (7-36) amida. É inactivado rapidamente pola DPP-4 orixinándose GLP-1 (9-36) e ten unha vida media no plasma de só 1–2 minutos. O GIP é tamén inactivado rapidamente pola DPP-4 formándose GIP (3-42).

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]