Saltar ao contido

Identificación biométrica do iris

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A biometría pode usar o iris para identificar suxeitos

O escaneo do iris é un dos métodos máis precisos de identificación biométrica. Usando unha pequena cámara, o sistema examina a anatomía do iris. O método aproveita os pequenos detalles que distinguen os iris das distintas persoas. Os iris de dous xemelgos son diferentes, e tamén existen diferenzas entre o ollo esquerdo e o dereito dun mesmo individuo.

Rexistro da identidade dun soldado iraquí antes do seu recrutamento en Faluxa.

O proceso de recoñecemento iniciase coa adquisición dunha fotografía do iris, normalmente obtida utilizando iluminación infra-vermella. Aínda que a luz visible pode ser utilizada para iluminar o ollo, os iris de pigmentación escura revelan maiores detalles baixo a iluminación infra-vermella. A fotografía resultante é analizada empregando algoritmos que localizan o iris e extraen a información necesaria para crear unha mostra biométrica. Cada iris conten máis de 400 características que poden ser usadas para distinguir ao seu propietario[1].

Posteriormente, tomarase unha nova fotografía cada vez que o usuario do sistema necesite ser autenticado. O sistema buscará a mostra almacenada durante a fase de rexistro que coincida coa que acabamos de obter, e determinará a identidade da persoa

O primeiro en suxerir o emprego dos patróns do iris para a identificación persoal foi o oftalmólogo Frank Burch, que o expuxo ante os seus colegas no congreso anual da Academia Americana de Oftalmoloxía de 1936. Medio século despois, dous compañeiros de profesión, Aran Safir e Leonard Flom, patentaron a idea. En 1989 ambos pediron axuda a un profesor da Universidade de Cambridge, John Daugman, para crear os algoritmos para o recoñecemento do iris, que permitiron levalo á práctica. En 1994, Daugman patentaría o algoritmo IrisCode, propiedade de Iridian Technologys, que é a base da maioría dos sistemas actuais de recoñecemento por escaneo de iris.

Fiabilidade

[editar | editar a fonte]

O iris é un dos métodos de identificación biométrica máis fiables da actualidade.

Segundo o fabricante LG, as probabilidades de atopar dous iris iguais, é dunha entre 1078, o que faría practicamente imposible que dúas persoas distintas tivesen iris iguais.[2]

O aeroporto de King Abdul Aziz, en Arabia Saudita, realizou unha proba en febreiro do 2002 para verificar a fiabilidade do sistema. Escolleron a 20.000 pasaxeiros e rexistráronos no sistema. Cando se procedeu a identificalos, soamente ocorreron 17 falsos rechazos, e ningún falso positivo.[3]

Segundo un estudo[4] publicado no 2002 por Biometric Technology, a taxa de erro cruzado[5], é de 1/131.000

Facilidade de uso e aceptación

[editar | editar a fonte]

Un escaneo do iris pode ser levado a cabo a distancias que van dende os 10 até os 60 centímetros, dependendo do dispositivo, polo tanto non ten porque ser un método de identificación biométrica invasivo.

O sistema de recoñecemento do iris non debe ser confundido co sistema baseado no escaneo da retina, outro sistema biométrico anterior, baseado no rexistro do fondo capilar da retina. Ó contrario do recoñecemento de iris, o escaneo de retina require que o ollo do suxeito sexa iluminado intensamente, o que fai que está vella tecnoloxía sexa considerada moito máis invasiva.

O recoñecemento de iris non implica o uso de luces brillantes, nin o contacto directo, nin tampouco o uso de tecnoloxía láser. Simplemente se trata dunha fotografía dixital, que será procesada para convertela nun patrón con información sobre os detalles do iris do individuo. A fotografía non quedaría almacenada no sistema, senón un conxunto de bytes xa procesados.

O feito de que os sistemas de recoñecemento de iris non precisen de contacto físico é unha vantaxe comparativa con respecto a outros sistemas biométricos, como os que usan a xeometría da man ou a pegada dactilar, non só pola comodidade que representa. Ademais, permite que se utilice en contornos onde os usuarios teñen as mans sucias, ou necesitan usar luvas, por exemplo. Nos sistemas de identificación por iris, o usuario nin sequera tería que preocuparse de quitar os anteollos ou as lentes de contacto.

Prevención de ataques

[editar | editar a fonte]

O iris é unha das características biométricas máis difíciles de roubar. Un iris fóra do seu corpo nunca podería enganar ó sistema de identificación. Despois da morte, o iris perde rapidamente a súa textura, e non pasaría a proba de autenticidade. De feito, unha das técnicas empregadas na ciencia forense para determinar a hora da morte dunha persoa consiste en analizar o iris, por ser unha das partes do corpo que máis rápido se deteriora.

Ademais, os sistemas de identificación expoñen ao ollo a distintos graos de luminosidade, para detectar que o ollo está vivo, e tentar evitar posibles fraudes con fotografías. Porén, hai quen afirma que non é tan difícil enganar a algúns sistemas existentes no mercado. En novembro do 2002, a revista alemá C'T publicou un artigo no que afirmaban ter enganado a un sistema de identificación por iris, simplemente empregando unha fotografía de alta resolución, cun burato no medio. Os investigadores puxeron detrás da foto a súa propia pupila, para simular que o iris estaba vivo[6].

Permanencia

[editar | editar a fonte]

Segundo os fabricantes de sistema de recoñecemento de iris, trátase da única característica biométrica que pode ser utilizada dende ós dez meses de vida, e permanece estable durante o resto da vida. Segundo o fabricante LG, fixéronse probas de identificación de iris cunha mostra tomada 30 anos antes e tiveron éxito.

A necesidade de volver a rexistrar a mostra que identifica a un individuo tería lugar unicamente en circunstancias moi especiais, como algunhas enfermidades oculares pouco frecuentes, ou tras algúns tipos de operacións cirúrxicas no ollo.

Tempo de espera

[editar | editar a fonte]

Para rexistrar a mostra inicial, nunca serán necesarios máis de dous minutos. Durante o uso diario do sistema, os tempos de resposta oscilan entre o segundo e os catro segundos, dependendo do dispositivo empregado.

O xeito no que están deseñados os sistemas de recoñecemento fai que o tempo de identificación non dependa do número de usuarios rexistrados, o que converte ó escaneo de iris nun sistema axeitado para traballar con bases de datos moi grandes. Un estudo[7] realizado no 2001 polo UK's National Physical Laboratory afirmaba que o sistema de recoñecemento por iris é capaz de recoñecer case 20 veces máis mostras por minuto que o seu competidor máis próximo.

Os sistemas de identificación baseados no iris seguen sendo dos máis caros de entre todos os sistemas de identificación biométrica.

Un sistema empresarial básico custaría, cando menos, uns 10.000 euros. Nese prezo estaría incluído o servidor para almacenar os datos, o software, e un escáner de iris para situar nunha parede.

Pero poden atoparse sistemas aínda máis modestos, para uso doméstico, a partir de 700-800 euros. Neste caso o único que iría incluído sería a cámara e o software.

Universalidade

[editar | editar a fonte]

Son poucas as persoas que non teñen cando menos un ollo, e polo tanto, a identificación por iris é un sistema bastante universal.

En canto ao uso da tecnoloxía por parte de persoas cegas ou con deficiencias visuais, foron moi poucas as probas realizadas até o momento. Parece ser que en moitos casos, estas persoas poderían usar o sistema, con distintos graos de dificultade.

Exemplos de uso

[editar | editar a fonte]
  • Fronteiras Estanse usando actualmente (2006), sistemas de recoñecemento de iris en aduanas de países como Canadá, Holanda, Singapur ou os Emiratos Arabes Unidos.
  • Aeroportos como o JFK nos Estados Unidos ou o Narita no Xapón, xa están usando en maior ou menor medida o recoñecemento por iris.
  • Centros de datos O centro de datos de British Telecom, un dos máis prestixiosos do mundo, con capacidade para 12.000 servidores, e 300 empregados, decidiu implantar un sistema de identificación baseado no iris, despois dos atentados do 11S.
  • Hospitais O acceso aos datos médicos dos pacientes soamente pode ser realizado tras identificarse no sistema usando o iris, nalgúns hospitais de Washington, D.C., Pennsylvania e Alabama.
  • Campos de refuxiados En outubro do 2002, o Alto Comisionado para os Refuxiados das Nacións Unidas comezou a usar o recoñecemento de iris para rexistrar ós refuxiados afgáns en Peshawar, Pakistan. No proceso de repatriación, cada refuxiado recibiu un paquete de axuda básico, e o sistema de identificación por iris foi o que axudou a evitar fraudes. Garantiuse que a axuda foi repartida de forma equitativa entre toda a poboación, impedindo que a mesma persoa accedese varias veces ao paquete de axuda.
  • Prisións como a de Lancaster, na que o persoal penitenciario e as visitas obteñen acceso utilizando o seu iris, dende maio do 2001.
  • Caixeiros automáticos En 1998, a cidade inglesa de Swindon instalou o primeiro caixeiro automático cun sistema de identificación por iris incorporado.
  • CHILD Project O proxecto CHILD (Children's Identification and Location Database) parte da Nation's Missing Children Organization (NMCO), unha asociación estadounidense que loita contra o problema dos nenos desaparecidos. O proxecto está implantado, ou en proceso de implantación, en boa parte dos estados dos EEUU, e usa o iris como método de identificación biométrica.
  • Verificación da identidade dunha persoa da que temos a fotografía. Como foi o caso da famosa chica afgá, portada da National Geographic, que foi recoñecida 18 anos máis tarde, e á que se lle aplicou o algoritmo IrisCode de John Daugmann para verificar que se trataba da mesma persoa.
  • Nos xogos olímpicos de inverno de Nagano, usáronse escanners de iris para identificar aos participantes da proba de biatlón no momento de recibir os seus rifles.
  1. "Monográfico de TecnoCiencia sobre biometría". Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2006. Consultado o 19 de xuño de 2006. 
  2. "LG Electronics". Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2006. Consultado o 19 de xuño de 2006. 
  3. "Iridian Tech". Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2006. Consultado o 19 de xuño de 2006. 
  4. "Estudo do Bio Tech Inc". Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2006. Consultado o 03 de decembro de 2006. 
  5. A taxa de erro cruzado (Cross-Over Error Rate CER) é a probabilidade de erro dun sistema cando coincide a probabilidade de falsos negativos e falsos positivos
  6. [1]
  7. "Copia arquivada" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de maio de 2006. Consultado o 19 de xuño de 2006. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]