Idade de Pedra
A Idade de Pedra[1] é o período da Prehistoria que abrangue dende que os seres humanos comezaron a elaborar ferramentas e trebellos de pedra ata o descubrimento e uso dos metais. Tamén se utilizaron a madeira, os ósos e mais outros materiais coma corno, coiro, cordas, ou cestos, mais a pedra (en particular diversas rochas de rotura concoide coma o pedernal, o cuarzo, a cuarcita, ou a obsidiana) foi utilizada para fabricar ferramentas e armas, de corte ou de percusión.
Non obstante, esta é unha circunstancia necesaria, pero insuficiente para a definición deste período, xa que tiveron lugar nel fenómenos fundamentais para o que sería o futuro da humanidade: a evolución humana, as grandes adquisicións tecnolóxicas (o lume, as ferramentas ou a vestimenta), a evolución social, os cambios climáticos, a diáspora do ser humano por todo o mundo habitable (ecúmene) dende o seu berce africano, e a revolución económica dende un sistema cazador-colector, ata un sistema parcialmente produtor, entre outras cousas. O rango de tempo que abrangue este período é ambiguo, discutido e variable segundo a rexión da que se trate. Aínda que é posible falar deste período en concreto para o conxunto da humanidade, non hai que esquecer que algúns grupos humanos nunca desenvolveron a tecnoloxía da fundición de metais e polo tanto quedaron sumidos nunha idade de pedra ata que se atoparon con culturas tecnoloxicamente máis desenvolvidas. Non obstante, en xeral, considérase que este período comezou en África hai 2,8 millóns de anos, coa aparición da primeira ferramenta humana, ou quizais prehumana.
A este período seguiulle o Calcolítico ou Idade de Cobre e, sobre todo, a Idade de Bronce, durante a que as ferramentas desta aliaxe chegaron a ser comúns; esta transición aconteceu entre o 6000 a.C. e 2500 a.C. Tradicionalmente divídese a Idade de Pedra en Paleolítico, cun sistema económico de caza-recolección e Neolítico, no que se produce a revolución cara ao sistema económico produtivo agropecuario, a suma da agricultura e maila gandaría.
África
[editar | editar a fonte]África é o berce da humanidade e actualmente o continente con máis pobos primitivos superviventes, disto dedúcese que a Prehistoria de África é a máis longa e complexa de todo o globo.
A diferenza de Eurasia e, incluso, de América, os cambios climáticos ocorridos durante a Prehistoria no continente africano non foron glaciacións, senón períodos de maior humidade, chamados pluviais, alternados con outros de máis aridez, interpluviais, aínda que a súa determinación e cronoloxía son bastante difíciles de delimitar (para algúns os episodios pluviais correspóndense coas glaciacións, para outros, cos interglaciares):[2]
- Kagueriense: sería o pluvial coñecido de maior antigüidade, identificado no val do río Kaguera (Uganda) e coetáneo coa glaciación Günz centroeuropea.
- Kamasiense: ou segundo episodio pluvial, coetáneo coa glaciación Mindel europea. A súa duración e as súas fases son tema de forte controversia.
- Kanjeriense: ou terceiro pluvial, recibe o seu nome dunha pequena localidade de Kenya coñecida como Kanjera, que se atopa á beira do lago Vitoria, onde ademais se localizaron algúns asentamentos olduvaienses. Aínda que o Kanjeriense sería contemporáneo do Riss centroeuropeo, hai quen o considera un estadio subsidiario do Kamasiense.
- Gambliense: Existe unha dúbida sobre se consideralo o terceiro ou o cuarto pluvial africano (dependendo da categoría que se lle dea ao Kanjeriense). En calquera caso, adoita asociarse á última glaciación, o Würm centroeuropeo. Identificouse por primeira vez nos sedimentos da cova de Gamble (Gamble's cave), na localidade de Elmenteita (Kenya), onde Louis Leakey o asociou co Stillbaiense.
- Makaliense: este episodio non é pluvial, senón unha fase húmida; demostrouse a súa existencia nos sedimentos do río Makalia (Kenya). Sucedeu a un período árido coñecido coma Postgambliense e ambos os dous parecen ser contemporáneos do período posglacial europeo. Aparentemente, o Makaliense asóciase estreitamente ao desenvolvemento da cultura Wilton no sur do continente.
Norte de África
[editar | editar a fonte]A África Mediterránea ten durante a Idade de Pedra, unha periodización esencialmente paralela á europea,[3] cando menos ata o Neolítico, pero despois, a influencia da civilización exipcia e a chegada de colonizadores fenicios acelera o ritmo evolutivo en relación a Europa.[4]
O Paleolítico
[editar | editar a fonte]As culturas máis antigas pódense inserir no Olduvaiense, localizado en sitios arqueolóxicos coma Sidi Abderramán en Casablanca (Marrocos), estudado polo profesor Pierre Biberson e datado en preto dun millón de anos, o que puido establecer unha transición gradual desde unha cultura na que predominan os croios tallados, ata outra na que o biface é o fósil director. As industrias de Sidi Abderramán poderían vincularse ao tipo humano atopado por Camille Arambourg en Ternifine (Alxeria), o denominado Atlanthropus mauritanicus (en realidade unha variedade de Homo heidelbergensis).[5]
-
Mandíbula de Ternifine (Atlanthropus mauritanicus)
O Achelense[6] é moi antigo e moi abundante nesta zona; destacan, entre outros, sitios arqueolóxicos coma Sidi Zin (Tunisia), Ain Fritissa (Marrocos), Arka, Erg Tihodaine, Tachengit e Tabelbalá (todos en Alxeria); Abbassieh, Kharga e Gurnah (estes en Exipto). Só en Alxeria foi posible establecer unha secuencia completa do Achelense norteafricano (entre 800.000 e 100.000 anos de antigüidade), especialmente rico en fendedores, amais de bifaces.
O Paleolítico medio norteafricano nace coa chegada dos neandertais, probablemente procedentes de Europa, portando a súa cultura Musteriana. Recentemente reavivouse a controversia sobre o itinerario que seguiron os neandertais entre África e Europa, xa que, aínda que se chegara ao consenso de que foi a través do Próximo Oriente, recentes descubertas parecen demostrar que polo menos houbo comunicación a través do estreito de Xibraltar, probablemente en ambos os dous sentidos.[Cómpre referencia] Porén, o Paleolítico medio norteafricano, tan similar ao europeo ata hai pouco máis de 50.000 anos, inicia un período ocupado por unha industria sen paralelo, denominada cultura Ateriense, que recibe o nome do sitio arqueolóxico de Bir el-Ater, en Alxeria. O Ateriense é moi similar ao musteriano e, de feito, algúns sosteñen que deriva deste, pero se distingue del porque a maior parte dos útiles son pedunculados (raspadeiras, puntas, raedeiras etc.) e pezas foliáceas con retoque cubrinte. Asóciase ao tipo humano de Jebel Irhoud (Marrocos). O Ateriense é moi abundante durante uns 20.000 anos (Bir el-Ater, Taforalt, Temara, Dar-es-Soltan...), pero hai 30.000 anos comeza o seu declinio, aínda que perdura marxinalmente deica o Holoceno, hai 12.000 anos. O Ateriense asóciase a condicións climáticas secas, polo que a súa máxima expansión coincide con períodos de aridez. De feito, sospéitase que as súas raigañas se afunden ata o ano 70.000 a.C.; en troques, o seu ocaso é froito dun clima máis benigno no Sáhara, o que provocou a chegada de pobos máis avanzados, humanos modernos con culturas laminares, fundamentalmente a Iberomaurisiense e outras que se citan a continuación. De todos os xeitos, durante varias decenas de miles de anos as industrias aterienses conviven coas industrias laminares, ocupando nichos ecolóxicos diferentes.
-
Cranio de Jebel Ihroud (Marrocos) -
Punta foliácea propia do Ateriense -
Punta pedunculada típica do Ateriense -
Raspadeira pedunculada característica do Ateriense
O Paleolítico superior tampouco é igual ao europeo, pois o conxunto de culturas que se dan no norte de África é diferente. A máis coñecida é a Iberomaurisiense ou Oraniense, unha facies cultural propia do Magreb que nace algo antes do 30.000 a.C. e mantén unha extensa lonxevidade, pois aínda permanece presente ao comezo do Mesolítico, desaparecendo hai uns 8.000 anos. A súa orixe e características son aínda tema de debate, e de feito teñen sido obxecto de todo tipo de especulacións sobre a súa raigaña ateriense, para uns, traída por inmigrantes da Península Ibérica, segundo os que lle deron o seu nome, e de procedencia oriental (chegada de primitivos modernos) segundo a maioría. É unha cultura leptolítica, isto é, laminar: na que as follas líticas xa son esenciais como soportes para todo tipo de trebellos, obtidos por medio de retoque abrupto, e que co tempo tende á microlitización, documentándose, incluso a técnica do microburil. Asóciase a restos humanos de aspecto cromanoide europeo, coma os de Mecha el-Arbi e Afalou Bou Rummel;[7] pero tamén ten moitas semellanzas con industrias de zonas situadas máis ao leste, sen que se puidese pescudar cal delas é a máis antiga. Isto refírese a culturas coma a Dabbaniense (Libia), a Mochambiense, a Qadense e outras culturas do val do Nilo, dunha antigüidade mínima de 40.000 anos, con numerosas raspadeiras, raedeiras, burís e follas de bordo abatido. O microlitismo aparece moi cedo, contra a 14.000 anos de antigüidade; estas culturas variadas e, ao tempo, semellantes, enlazan co Capsiense epipaleolítico.
O Epipaleolítico
[editar | editar a fonte]A cultura máis importante desta fase é, sen dúbida, a Capsiense, unha cultura bastante serodia, incluso para o Mesolítico e que, de feito, sobreviviu ao Neolítico baixo a denominación de Neolítico de tradición capsiense. De todos os xeitos o Capsiense foi definido por J. de Morgan no sitio arqueolóxico de El-Mekta, preto de Gafsa (Tunisia), pero a súa influencia supera a rexión do Magreb, acadando a Cirenaica e mesmo as ribeiras do val do Nilo. Os sitios arqueolóxicos capsienses adoitan ter unha gran cantidade de cunchas de orixe bromatolóxico, chamados cuncheiros, e unha industria lítica laminar e microlítica, con trapecios e triángulos, á que se suman ovos de avestruz, usados como recipientes, moitas das veces decorados. O Capsiense poderíase asociar aos restos humanos de Ain Dakkara, en Libia, coas impresionantes manifestacións rupestres de Tassili e outros rochedos saharianos.
Neolítico norteafricano
[editar | editar a fonte]- Zona occidental
- O primeiro neolítico do litoral do norte de África pertence ao horizonte de cerámica Cardial, de principios do sétimo milenio (o hábitat principal eran as covas nas que, canda restos de cerámica impresa e probas de pervivencia da caza, atópanse outras que demostran que xa se practicaba a agricultura, a gandaría e o marisqueo). No occidente a cultura de orixe local tamén se sumou ás innovacións, nacendo o chamado Neolítico de tradición capsiense, que predomina na área do Magreb, dende antes do 5000 a.C. ata despois do 2000 a.C. Este neolítico caracterízase por un florecemento nas técnicas de talla do sílex (ao principio predominan os microlitos xeométricos, pero son substituídos por puntas de frecha foliáceas). A gandaría e a caza son as actividades principais, sendo a agricultura algo secundario; a cerámica é groseira e sen decoración e compite coas perfias feitas con ovos de avestruz, algunhas ricamente decoradas.[8]
-
Inhumación Capsiense en posición fetal -
Ovo de avestruz preparado como botella -
Técnica do golpe de microburil -
Escena de pastoreo gravada en Ksar Amar, Marrocos
- Zona central
- Aparece, nun proceso similar ao anterior e unha cronoloxía coetánea, o Neolítico Sáharo-Sudanés, que, aínda que semellante ao Capsiense (ambos os dous son pobos seminómades de pastores e cazadores), e é posible que teña moita relación con el, destaca polo seu maior nivel de desenvolvemento, unha coidada cerámica, profusamente decorada con incisións e impresións, e inhumacións en posición contraída, con ocre e un enxoval con ornamentos de cornalina, amazonita, calcedonia ou almafí. Atribúeselle unha arte rupestre en abrigos e palas repartidas polo deserto.
- Zona do Nilo[9]
- Distínguense dúas zonas de neolitización aparentemente autóctonas: ao sur da zona do Alto Exipto, coa súa cultura máis importante, a Badariense, e ao norte, no Baixo Exipto, onde destaca, xunto ao delta, a cultura de Merimdé e no lago Moeris, nos estratos máis profundos de Faium que se inscriben nas fases neolíticas. En todos estes casos o neolítico nace no V milenio a. C. A comunicación entre as dúas zonas debeu existir ao longo do río, pois no comezo do V milenio a. C. comparten tantos trazos en común que podería falarse dunha mesma cultura, non xa neolítica, senón do Calcolítico, a Geerzense, máis rica ao sur (Nagada II) que ao norte (Maadiense).
- O neolítico de Merimde coñécese por un gran sitio arqueolóxico en pleno delta (Merimdé Beni-Salamé) con graves problemas de conservación debido ao contorno pantanoso que o cingue. Os poboados coñecidos tiñan vivendas de planta oval construídas con esteiras de cana, con lares e silos; a cerámica, aínda que é variada en formas, é groseira, elaborada sen torno e carente de decoración, agás nas últimas fases, en que recibe unha capa de engobe vermello. Tamén modelaron rudimentarias estatuíñas, destacando unha ruda face. Hai restos de fusaiolas e algún fuso, indicando a existencia de teares. Evidénciase un alto grao técnico na industria lítica, con puntas de frecha de base cóncava e pezas bifaciais, ás veces combinando o retoque por presión co puído de pezas, coma as puntas de lanza de feitura asombrosa; tamén hai coitelos, dentes de fouce, e outros trebellos cotiáns coma os machados puídos. En Merimdé apareceron rudimentarias paletas cunha suposta función de mestura de pigmentos (quizais para os tecidos), en materiais diversos e sen formas definidas. Coñécense centos de enterramentos en foxas ovais.
-
Inhumación geerzense con momificación natural -
Cerámica pintada do período Predinástico Primitivo -
Paleta de xisto con forma de peixe -
Estatuíña feminina de marfil de época Amratiense
- O Badariense tamén presenta evidencias de enterramentos en foxa que, polo xeral, están na mesma ribeira do río, o que ten favorecido que os sedimentos as preserven en bastante bo estado: moitas delas están apuntaladas con táboas; os esqueletos e momias naturais teñen posición fetal, con enxoval composto por un cinto de louza fina, cerámica, puntas de frecha e adornos diversos; posteriormente o cadáver cubríase cun pelexo.[10] A cultura material coñécese mellor que no Baixo Exipto, pois semella máis rica, ou, simplemente as condicións ambientais favoreceron a súa conservación. Aparecen espléndidas pezas de sílex (follas, pezas bifaciais, puntas de frecha), paletas de xisto para mesturar colorantes (sen adobíos, pero con siluetas diversas, sobre todo rectangulares e con forma de peixe), pezas de óso e almafí, tecidos e, incluso (ao final), algúns obxectos de cobre. Hai unha arte mobiliaria relativamente desenvolvida, con estatuíñas masculinas, femininas e figuras de animais. A cerámica é delicada, variada, e, ao principio, adoita estar puída con decoración en relevo formando ondulacións; despois xorde a cerámica pintada con motivos xeométricos, vexetais e animais, ata que aparece a figura humana. A agricultura e gandaría están moi ben documentadas e os poboados teñen vivendas de planta cuadrangular construídas con ramallada e adobe. O Badariense semella enlazar, sen solución de continuidade, co período predinástico de Exipto (daquela xa se podería falar de "Historia"). De feito, o Neolítico exipcio é chamado, xeralmente «período predinástico primitivo».
- Os primeiros metais aparecen no Antigo Exipto ao final do predinástico primitivo, e inmediatamente despois invéntase a escritura e xorde a exipcia como gran cultura da Antigüidade, cunha influencia que non só afectará ao Mediterráneo, senón tamén a gran parte do continente africano (dende o IV milenio a. C.). O Magreb, en troques, estáncase; habitado por pobos líbicos mal coñecidos, non é doado falar dunha Idade de Bronce ao xeito do resto do Mediterráneo. De feito son os fenicios os que, ao redor do ano 1000 a.C. en diante, impulsan cambios tales que sacan esta rexión da Idade de Pedra definitivamente.
- Véxase tamén: Expansión afroasiática.
África subsahariana
[editar | editar a fonte]A xeografía da África central e meridional resulta bastante homoxénea comparada coa doutros continentes, debido a que se trata dunha das zonas xeoloxicamente máis antigas do planeta e a erosión eliminou as grandes barreiras naturais. Tan só paga a pena destacar as mesetas e depresións formadas por movementos tectónicos diversos: a conca do Congo e a foxa do Kalahari, arrodeadas por mesetas (xeoloxicamente: escudos e macizos arcaicos) en Angola, Namibia e Zambia, entre outros. As cordilleiras e zonas escarpadas existentes agrúpanse cara ao leste (Drakensberg, os montes Muchinga, os montes Mitumba, os montes Ruwenzori), onde se sitúan os picos Kilimanjaro e monte Kenya e, xa máis ao norte, o macizo Etíope en asociación coa gran falla coñecida coma Gran Val do Rift, unha enorme zona chea de cisallamentos, volcáns, bloques elevados, xigantescos lagos e sobre todo, barrancas. Ten forma de Y e case 5.000 km de lonxitude, xa que nace ao sur de Mozambique e chega deica o Mar Vermello, dende o que continúa, en Asia, deica o val do Xordán. Precisamente o Val do Rift é a zona onde puido comezar a historia do ser humano.
Aínda que na actualidade hai considerables diferenzas climáticas, hidrográficas e ecolóxicas, non é posible aplicar estes parámetros á Idade de Pedra, pois, como xa se viu, houbo cambios ambientais significativos ao longo do seu desenvolvemento. Precisamente foi algún deses cambios, combinado coas transformacións xeolóxicas, a faísca que, posiblemente, propiciou a aparición e evolución dos homínidos. Semella que, hai máis de 20 millóns de anos, os monos primitivos habitaban os mestos bosques de África Oriental. Estes primates (quizais o Propliopithecus-Aegyptopithecus) desprazábanse polas árbores a catro patas. Un presunto movemento tectónico (talvez relacionado dalgún xeito co Rift) fixo que as selvas permanecesen no oeste, pero provocou o desecamento do leste, aparecendo un territorio de sabanas e praderías ás que os novos primates tiveron que se adaptar. Suponse que deste xeito naceron os primeiros antropoides bípedes, que, posiblemente, pertencerían á especie Ardipithecus, que, pola súa banda, deu lugar aos australopitecinos nun momento indeterminado entre hai 6 e 4 millóns de anos.
Non se desbota que algúns australopitecinos avanzados elaborasen ferramentas rudimentarias, pero hai unha forte polémica ao respecto. Crese que son os membros do xénero Homo os primeiros que fabricaron ferramentas previsoramente, isto é, antes de necesitalas, sen improvisar, senón previndo o seu posible uso con antelación. Neste momento comeza a Prehistoria e a Idade de Pedra que, para a África subsahariana adoita dividirse en fases de denominación anglosaxoa:
Idade de Pedra Temperá (ESA)
[editar | editar a fonte]A Idade de Pedra Temperá (ESA polas súas siglas en inglés, Early Stone Age) fai referencia ao período comprendido desde a aparición do primeiro ser humano, hai máis de dous millóns e medio de anos, deica hai uns 200.000 anos. Inclúe, practicamente, todos os grandes pasos da evolución humana (pois os chamados «Primitivos Modernos» deberon xurdir cara ao final deste período), así como importantes avances culturais, dos que apenas se coñecen uns poucos vestixios conservados de pedra e óso. Para o entender mellor adoita dividirse en dúas grandes etapas:
- Artigo principal: Olduvaiense.
- Olduvaiense: Así chamado porque foi identificado no sitio arqueolóxico da Garganta de Olduvai, ademais de exisir outros moitos lugares, case todos eles aliñados co val do Rift. As ferramentas olduvaienses máis antigas poderían ter máis de 2,6 millóns de anos (nos asentamentos do Afar etíope[11]), existindo unha secuencia de achados en toda a África Oriental e Austral dende esa data deica hai 1,5 millóns de anos, sen hiatos nin baleiros, polo que se pode defender que o Olduvaiense perviviu por máis dun millón de anos (e é posible que aínda máis, se se amplía a cronoloxía con certos sitios arqueolóxicos máis serodios). O Olduvaiense divídese nunha fase inicial e outra evolucionada, identificadas a partir dos leitos I e II da garganta de Olduvai, aínda que hai outros moitos asentamentos igual de importantes. Ao principio as ferramentas son de pedra tallada rudamente, sen que se aprecie ningunha estandarización nas tácticas de aproveitamento nin nas formas. Pero pouco a pouco, van cristalizando determinados procedementos e tipos concretos entre os que destacan croios tallados, poliedros, raedeiras e denticulados.
É de supoñer que existiu unha industria en madeira ou en óso, pero non se conservou nas mesmas condicións. Os protagonistas deste amplo complexo cultural foron varias especies do xénero Homo (H. habilis, H. rudolfensis e formas temperás de H. erectus, cientificamente englobadas na especie H. ergaster). Parecen todos eles foron cazadores soamente en raras ocasións, dedicándose, máis ben, á recolección e a preada; coñecían pero non dominaban o lume, e xa se lles atribúen algunhas estruturas construtivas sinxelas para se protexeren.[12]
- O Achelense naceu en África moito antes que en calquera outra parte do mundo, nun momento que semella coincidir coa gran migración humana cara a Eurasia e coa aparición de formas temperás de Homo erectus. Porén, aínda que os bifaces máis antigos foron datados no sitio arqueolóxico etíope de Konso-Gardula en 1,9 millóns de anos, a tecnoloxía achelense non parece saír de África ata máis dun millón de anos máis tarde. Así pois, o Achelense foi patrimonio exclusivo dos africanos (probablemente, das diversas especies humanas que conviviron neste continente por estas datas, só algunhas terían o privilexio desta tecnoloxía), en tanto que no resto do Vello Mundo persistía a tradición olduvaiense. Probablemente o inventor desta nova tecnoloxía foi Homo ergaster, sendo moi representativo o achado dun esqueleto case completo, aínda que infantil, en Nariokotome (KNM-WT 15000), nas beiras do lago Turkana (Kenya).[12]
A ferramenta máis coñecida do Achelense é o biface, pero a variedade tipolóxica se multiplica, aparecendo fendedores, triedros, bolas poliédricas e todo tipo de trebellos sobre lascas retocadas. O Achelense africano tamén é lonxevo, xa que perdura ata hai uns 200.000 anos e, a miúdo é común referirse a el coma Fauresmithiense na zona oriental ou Stellenbosch na zona meridional. Posiblemente a expansión do Achelense fóra de África sería consecuencia dunha segunda vaga colonizadora que desta volta, pola contra, non acadou os lindes de Asia.
O Achelense vai desaparecendo en datas nas que aparecen os humanos modernos primitivos, moito máis intelixentes e cunha tecnoloxía moito máis sofisticada e diversa. Aínda que non pertenza a esta rexión, en Jebel Irhoud, próximo a Marrakech (Marrocos) apareceu unha mandíbula de primitivo moderno con máis de 160.000 anos; data similar teñen os restos de Herto (Etiopía) o que permite marcar o final da Idade de Pedra Temperá en todo o continente.[13]
Idade de Pedra Intermedia (MSA)
[editar | editar a fonte]A Idade de Pedra Intermedia (Middle Stone Age), é o período comprendido entre o final da Idade de Pedra Temperá ou ESA (hai 200.000 anos), ata o inicio da Idade de Pedra Serodia, ou LSA (hai 30.000 anos); podería poñerse en paralelo co Paleolítico medio Europeo, pero existen sensibles diferenzas culturais e antropolóxicas entre ambas as dúas. Para determinados autores, toda a zona ten unhas constantes comúns (técnicas de extracción Levallois ou semellantes, presenza de finas pezas foláceas bifaciais, e evolución cara a técnicas de obtención de follas e folliñas, ao final)[14] e outros aprecian dúas correntes cunha separación que se vai facendo máis sutil a medida que os descubrimentos avanzan e que certos autores atribúen a imposicións da materia prima ou á especialización das ferramentas para hábitats de bosque e de sabana.[15]
- En principio parecen predominar as industrias baseadas en utensilios sobre lasca e macroútiles tipo machado ou aixada sendo unha das culturas máis representativas deste estilo macrolítico a Sangoense seguida da Stillbaiense de África oriental e austral e que nalgúns sitios arqueolóxicos suceden claramente ao Achelense (por exemplo Cave of Hearts), apreciándose dentro desta unha evolución moi clara cara á leptolitización, é dicir, unha proporción cada vez maior de follas líticas. Os bifaces son pequenos e grosos, ao principio, pero se van convertendo en estilizadas e coidadas pezas foliáceas, ás veces sobre lasca, cunha feitura tan fina que lembran ás follas de loureiro europeas; as puntas triangulares tamén son abondosas e o substrato Levallois é algo que semella persistir ao longo do tempo e do espazo nesta cultura. Coñécese tanto no sur coma na zona dos Grandes Lagos Africanos, Zambia e Zimbabwe, por exemplo; non obstante, os lugares máis coñecidos son Pietersburg e Bambata, cun conxunto de ferramentas fundamentalmente baseado nas raedeiras, puntas e lascas laminares; tamén hai Levallois polarizado para lascas alongadas.
- Pola súa banda, a liña máis evoluída, baseada na extracción de follas e incluso na xeneralización de microlitos laminares está moi ben representada nos achados de Howieson's Poort (Gauteng, Suráfrica). Aquí xa aparecen folliñas de bordo abatido e incluso outros microlitos cunha antigüidade de ata 70.000 anos, o que converte esta industria nunha das candidatas a ser antecedente do Paleolítico superior do Vello Mundo. Non obstante, non hai conexións probadas entre ambos (agás, quizais, a cova de Navaisha en Kenya) e esta industria ata o de agora carece así mesmo dunha asociación con resto humano ningún coñecido (talvez se poida relacionar cos restos de primitivos modernos de Border Cave, pero non existe seguridade irrefutable).[16]
Non é doado atribuír grupos humanos a cada unha desas ferramentas; quizais as máis arcaicas correspondan a presapiens, e as máis evolucionadas aos primeiros sapiens ancestrais. En efecto, os Primitivos modernos nacen en África, nesta fase, coma se viu na epígrafe anterior para Jebel Ihroud (Marrocos) e Herto (Kenya); tamén se documentan os seus restos nos asentamentos surafricanos de Border Cave e Klaisies River Mouth.
Idade de Pedra Serodia (LSA)
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Expansión bantú.
A Idade de Pedra Serodia (Late Stone Age) é o último período do Paleolítico da África subsahariana. Desde o primeiro intre (o denominado early Late Stone Age) no sur de África xa hai culturas microlíticas e laminares (leptolíticas) nas que se puido documentar o troco (comercio?) de obsidiana ao longo de rutas que van do val do Rift deica Suráfrica con 32.000 anos.[17] Semellan existir dúas tradicións: unha microlítica, aparentemente derivada da tradición de Howieson's Poort, con culturas coma Robberg ou Wilton, e outra baseada en utensilios sobre lascas vulgares (Tshitoliense, Nachikufiense, Hargeisiense, en África central e oriental ou incluso pezas macrolíticas coma a cultura Albany ou a Magosiense.
- Como representante da industria microlítica destaca a wiltoniense, que se estendeu por todo o extremo sur do continente dende hai uns 8.000 anos deica a expansión bantú, polo que nas súas etapas terminais xa coñecía a cerámica, o puído da pedra e a gandaría e, posiblemente, a agricultura itinerante, podendo considerarse unha cultura parcialmente neolitizada. Un dos asentamentos mellor conservados desta gran cultura de cazadores-colectores é o de Gwisho.
- A tradición macrolítica exemplifícase, inicialmente, no Lupembiense (val do Congo), con ferramentas de aspecto arcaico, pesadas pezas bifaciais similares a machados e aixadas (non obstante tamén hai pezas bifaciais máis finas). Esta tradición semella ter a súa sucesora no Magosiense (así chamado polo sitio arqueolóxico de Magosi, en Uganda), xa máis serodio, aínda que mestura elementos regresivos (núcleos de forte carácter musteroide) con atributos evolucionados (finas pezas foliáceas ou numerosos microlitos); o Magosiense dáse desde hai uns 12.000 anos ata períodos moi recentes, evolucionando cara á microlitización maioritaria das súas ferramentas). Ao Norte do Sahel encóntranse ferramentas avanzadas emparentadas coas da Idade de Pedra Intermedia.
O final da Idade de Pedra Serodia vén acoutado polas brillantes manifestacións da cultura Nok, que se asocia coa introdución da tecnoloxía do ferro a mediados do primeiro milenio da nosa era. Aínda que, en moitas rexións máis illadas, as ferramentas apenas evolucionaron ata a época da colonización europea.
Oriente Medio
[editar | editar a fonte]Úsanse aquí indistintamente as expresións Oriente Medio e Próximo Oriente para denominar a rexión do Oriente máis próxima a Europa. As súas lindes varían segundo quen empregue o termo pero, no seu sentido máis restrinxido, é sinónimo de Asia suroccidental, incluíndo Turquía, Siria, Líbano, Israel, Palestina, Xordania, Iraq, Irán (tamén, Arabia Saudita, Kuwait, Bahrain, Qatar, Emiratos Árabes Unidos, Omán e o Iemen, dos que non se fala no artigo). A miúdo, inclúese Exipto, pero aquí deixarase o val do Nilo para a epígrafe "África"; pola mesma razón reservarase Chipre para o capítulo europeo. En troques, inclúense ocasionalmente zonas do Cáucaso lindeiras con Europa.
En calquera caso, desde o punto de vista histórico e, máis en concreto, prehistórico, o Oriente Medio é o que se denomina unha Zona Nuclear que esparexe continuas innovacións e cambios que inflúen decisivamente no desenvolvemento, non só de zonas lindeiras, senón de Eurasia toda.
Paleolítico en Oriente Medio
[editar | editar a fonte]- Paleolítico inferior: a secuencia inferopaleolítica do Medio Oriente semella moi temperá, téndose comprobado o paso do ser humano pola zona grazas ao achado dos restos de Dmanisi (Xeorxia). Trátase probablemente de Homo ergaster, en concreto, varios cranios de entre 1 850 000 e 1 600 000 anos de antigüidade[18] que van acompañados dunha cultura material moi ruda (lascas, croios tallados e núcleos de extraccións desorganizadas[19]). Trataríase daquela dun Paleolítico inferior arcaico anterior ao Achelense.
-
Cranio de Dmanisi
-
Croio tallado de Dmanisi
-
Biface de Um Qatafa
-
Fendedor de Tabun
- Os primeiros bifaces, bastante rudos, aparecen cara ao sur do lago Tiberiades, en Ubeidiya (Israel), xunto a croios tallados e núcleos rudos. Neste lugar tamén se atoparon restos humanos moi antigos (o Home de Galilea), non tanto coma os de Dmanisi, aínda que teñan máis dun millón de anos, pero son moi escasos.
- Un Achelense máis "típico" é o que se observa en Banat Yacub (Israel), datado en máis de 800.000 anos ou nos sitios arqueolóxicos sirios de Lantamne (Achelense medio cuns 500.000 anos) e Gharmachi (Achelense final). O Achelense final é o máis abondoso e atopámolo tanto en asentamentos costeiros (Ras Beyruth, Líbano), coma do interior, é dicir, no val do Xordán, Um Qatafa, e sobre todo en Mugharet et-Tabun, que marca a transición ao Paleolítico Medio. A devandita transición parece estar nas industrias líticas chamadas Yabrudienses (menos bifaces, máis trebellos de lascas, maior importancia do método Levallois). O Yabrudiense datouse en Mugharet-el-Zuttiyeh con 150.000 anos de antigüidade.
- Paleolítico medio: é moi similar ao de Europa e toda a conca mediterránea, ocupada daquela polos neandertais; a súa cultura material (con numerosas variantes) componse, basicamente, de utensilios musteroides de lascas; a máis antiga é a chamada Tradición Wadi-Mughara, séguelle a coñecida coma Mustero-Levalloisiense, que semella internarse, cando menos, ata Taxiquistán. En todo caso, é raro que pase os montes Zagros (así como en África os restos musteroides nunca baixaron do Sahel). De feito fálase dun Paleolítico medio perimediterráneo.[20] O Medio Oriente ten palas tan emblemáticas coma Shanidar (en Iraq, coa súa célebre tumba do "Home das Flores"); Kebara, Amud e Mugharel et-Tabun (Israel), das que a última ofrece unha secuencia case completa do Paleolítico medio, e varias están asociadas a enterramentos neandertais; Teshik-Tash (Uzbekistán), onde se identificou a tumba dun neno neandertal, Amrit e Dederiyeh (Siria), Ras Beyruth (Líbano) etc., estas últimas sen restos humanos, pero con abondosa industria lítica.
-
Núcleo Levallois típico
-
Raedeira lateral sobre lasca
-
Punta Levallois laminar
-
Buril sobre folla de sílex
- En Mugharet et-Tabun (Monte Carmelo, Israel), as industrias líticas máis antigas son as do Paleolítico inferior (Achelense final e Yabrudiense); nelas aparecen pezas de lascas de Tradición Wadi-Mughara. O nivel que se lle superpón é o de industrias líticas moi modernas, laminares, auriñacoides, pero de tradición Levalloisiense, este tipo de ferramentas ás veces tense denominado Amudiense, pero a súa identidade é controvertida. No cume da secuencia hai típicas industrias musterianas, virtualmente idénticas ás europeas e asociadas a restos neandertalenses.
- En consecuencia, existe unha circunstancia excepcional no Paleolítico medio do Levante do Mediterráneo oriental. E é que as ferramentas musteroides non son as únicas nin as máis antigas da zona. De feito, o val do río Xordán (que, realmente, é unha foxa tectónica hidroloxicamente endorreica) semella ter recibido unha visita temperán de humanos modernos, incluso antes de que aparecesen os neandertais. Os datos, en calquera caso, reflicten a aparición moi cedo dun tipo de ferramentas líticas modernas (similares ás do Paleolítico Superior europeo), a partir do 56.000 a.C. (como mínimo e, se se acepta a existencia do Amudiense a data acada os 70.000 anos, isto é, moito antes que en Europa, emparentada coa tradición Levallois, pero claramente auriñacoide (como xa se mencionou na secuencia de Tabun): ao principio aumenta o número de burís, follas de sílex e raspadeiras, puntas de Châtelperron... (Todos estes artefactos son máis propios do Paleolítico superior ca do Paleolítico medio e, a partir do lascado tipo levallois, vai desenvolvéndose a extracción laminar de follas. Como xa se indicou, estas industrias líticas, a medio camiño entre Levallois e Auriñaciense, foron datadas en Boker Tachtit (Néguev) entre 47.000 e 38.000 anos de antigüidade, pero se insiren estratigraficamente con restos musteroides. O fósil director é a punta do Emireh, en realidade unha variante laminar da punta Levallois. Así aparece a cultura Emiriense, que é unha transición moi temperá ao Paleolítico superior. Este pode considerarse xa instalado no 40.000 a.C., é dicir, dende datas moi temperás. Todo semella suxerir que os seres humanos modernos pasaron polo val do Xordán deixando unha pegada de fondas consecuencias.
-
Primitivo moderno infantil de Qafzeh (Israel), cunha data de 90.000 a.C.
-
Primitivo moderno adulto de Skhül (Israel), de uns 80.000 a.C.
-
Tumba neandertal de Kebara (Israel), datada en 60.000 a.C.
-
Neandertal de Amud (Israel), 50.000 a.C. (véxase o espazo retromolar)
- Respecto dos fósiles humanos, o val do Xordán é particularmente coñecido por unha serie de restos que comparten riscos comúns entre Neandertais clásicos e cromanoides ou humanos modernos. Estes, ás veces, teñen recibido a denominación de Neandertais progresivos, aínda que aquí vaise empregar máis o termo Primitivos modernos. Os máis interesantes, aínda que non os únicos, son os restos case íntegros das covas de Skhül, Qafzeh, Amud e Mugharet-el-Zuttiyeh, cunha antigüIdade detada entre 100.000 e 90.000 anos,[21] aínda que hai quen atrasa a data moito máis[22] (lémbrese que a sepultura neandertal de Kebara ten 60.000 anos como mínimo). Ao contrario que os Neandertais clásicos, estes Primitivos modernos non se extinguiron, senón que enlazaron cos humanos modernos, tanto no aspecto físico, coma culturalmente. A grandes trazos, estes Primitivos modernos distínguense dos Neandertais clásicos en que teñen o rostro moito máis pequeno, menos prominente, sen espazo retromolar no maxilar,[23] a fronte alta e con queixada (aínda que a capacidade cranial é semellante, a estrutura da cabeza, esplacnocranio/neurocranio, é moi diferente).
- O que non está resolto é se estes Primitivos modernos de Oriente Medio son unha avanzada no seu camiño cara a Europa (xa se dixo que hai quen afirma que estes seres humanos modernos chegaron a Oriente Medio antes que os Neandertais[24]). As dúas especies estaban en franca expansión; unha viña de Europa occidental e a outra de África, atopándose aquí, onde os restos achados semellan un híbrido, resultado de relacións físicas e culturais entre ambas as dúas especies.[25] O único comprobado é que os estratos arqueolóxicos en moitas espenucas (particularmente Mugharet et-Tabun e Amud) alternan industrias líticas mustero-levalloisienses de lascas (que se asocian aos Neandertais clásicos) canda outras ferramentas laminares auriñacoides máis adiantadas, sen que se poida afirmar cales son as máis antigas. Posiblemente conviviron durante miles de anos.
- Paleolítico superior. Ata hai uns vinte anos o coñecemento do Paleolítico superior do Mediterráneo oriental estaba principalmente fundamentado nos traballos de Neuville e Dorothy Garrod, realizados en palas e abrigos rochosos de Galilea, Monte Carmelo e a zona de Xudea. Esta clasificación de Neuville (1934) admitía unha única liñaxe evolutiva dividida en varias fases:
- Fase I de Neuville: Emirense (punta de El-Emireh), 50.000/38.000 a.C.
- Fase II de Neuville: Ahmariense (punta de El-Wad), 38.000/32.000 a.C.
- Fases III de Neuville: Auriñaciense levantino inicial ou Anteliense inferior, 32.000/27.000 a.C.
- Fases IV de Neuville: Auriñaciense levantino medio ou Anteliense superior, 27.000/22.000 a.C.
- Fase V de Neuville: Auriñaciense levantino final ou Atlitiense, 22.000/14.500 a.C.
- Non obstante, os estudos actuais prefiren referirse a dúas correntes culturais paralelas diferenciadamente, entre outras causas, pola tecnoloxía lítica aínda que as dúas inclúen a produción de microlitos. Ademais a cronoloxía foi revisada e corrixida:
- Como se sinalou anteriormente, a cultura Emiriense considérase a transición entre o Paleolítico medio e o Paleolítico superior. Esta transicións documéntase moi ben en Boker Tachtit, a partir de 44.000 a.C. (aínda que tamén, Ksar Akil, ambos no deserto do Neguev, Líbano). Paulatinamente o método Levallois evoluciona cara a técnicas modernas de extracción de longas follas de sílex, a partir das que se elaboran as típicas puntas do Emireh, burís e as denominadas lames à chanfrein. A cultura Emiriense parece desaparecer contra o 36.000 a.C.
- Ahmariense:[26] Esta cultura está datada entre 36.000 a.C. y 22.000 a.C. Aparentemente deriva da Emiriense e é posible que, ao tempo, xere un Kebariense temperán (ou Kebariense laminar, 22.000 a.C. - 13 000 000 a.C.). Caracterízase por unha tecnoloxía fortemente laminar: de follas e folliñas, cun instrumental no que abundan as pezas de dorso e os coitelos, pero o fósil director é a punta de base retocada ou punta de El-Wad. En troques, hai escaseza de burís, polo que as pezas óseas son de feitura moi diferente ás Auriñacienses, habitualmente realizadas con estes trebellos especializados.
- Auriñaciense Levantino.[27] Dáse entre o 32.000 a.C. e o 18.000 a.C. e adoita dividirse en tres fases: Anteliense inferior, Anteliense superior e Atlitiense. Deriva, quizais, do controvertido Amudiense ou, máis seguramente, procede do Auriñaciense europeo oriental (Bacho Kiro, Bulgaria).[28] Caracterízase pola riqueza de produtos carenados: núcleos carenados, raspadeiras carenadas e burís en fouciño, con varios levantamentos sucesivos. Os núcleos destínanse á obtención de grandes lascas e grosas follas que han servir de soporte para raspadeiras, burís e follas con retoque escamento. Estes utensilios reutilízanse e afíanse unha e outra vez, adquirindo un aspecto romo, en fouciño, con retoques escaleiriformes, ata que, finalmente, son desbotados polo seu excesivo desgaste. Entre os útiles líticos laminares, máis escasos, destacan as follas de sílex con retoque continuo xunto a microlitos semellantes ás folliñas de Dufour europeas, pero co dorso curvado. Tamén hai, naturalmente, industria ósea, destacando especialmente as azagaias biapuntadas e os punzóns de óso.
- Durante a transición entre o Paleolítico superior e o Epipaleolítico prodúcese un importante troco conceptual. As ferramentas líticas máis antigas obtéñense con procesos operativos especializados, co obxecto de obter microlitos laminares. Ao comezo do Epipaleolítico, pola contra, o método non se destinou á obtención de folliñas, senón follas para microlitos xeométricos, aparecendo a técnica do microburil e as primeiras puntas de frecha con retoques planos cubrintes (todos estes riscos apuntan a que é no Mesolítico cando xorde a invención do arco).
Mesolítico en Oriente Medio
[editar | editar a fonte]Comezou hai uns 15.000 anos en Mesopotamia e Exipto, ao finalizar a última glaciación. O cambio climático provocou na zona un proceso de desertización que, loxicamente, afectou aos costumes dos seus habitantes, aínda que dun xeito paulatino. Tamén é posible que o cambio climático non fose o único factor causante do proceso, senón só un elemento máis que estimulou ao ser humano no seu progreso. En calquera caso, ao principio, a caza e a recolección continuaron sendo fundamentais; pero, ao se reduciren as áreas ecoloxicamente produtivas nas ribeiras dos ríos, lagos e oasis, a relación entre especies animais e vexetais coas comunidades humanas fíxose máis íntima. Nesta zona medraban espontaneamente o trigo e a cebada, e abundaban as mandas de ovellas, cabras e touros salvaxes. O nomadismo transformouse, forzosamente, en semisedentarismo, a caza converteuse en simbiose (os humanos cazaban as súas pezas ao tempo que as protexían doutros competidores ecolóxicos, como reserva de comida) e a recolección volveuse forraxeo organizado. Esta fase chámase, no Oriente Medio, Kebariense. Neste período inventouse o arco e as frechas, con puntas que podían estar elaboradas cunha soa peza lítica foliácea (a típica punta de frecha), ou con varias incrustadas nun hastil (é dicir, microlitos laminares chamados puntas de Kebarah e microlitos xeométricos).
Posteriormente a recolección adquire maior importancia, xurdindo a cultura máis significativa do Mesolítico medio-oriental, o Natufiense, localizada nas proximidades de Wadi-en-Natuf (un regato en Palestina), caracterizada polo sedentarismo (existen pequenos poboados con casas circulares de adobe e silos para o grao), o forraxeo sistemático e especializado en cereais, asociado a microlitos de tipo dentes de fouce, xunto a morteiros, pedras de moer etc. No Natufiense case calquera pequena lasca alongada é aproveitada para obter trebellos de diversas clases; é dicir, aumenta a economía de xestos, pero, aparentemente, a técnica lítica se degrada. Non obstante, isto podería interpretarse como unha flexibilización da economía, xa que os produtos obtidos son menos especializados, poden usarse con diversos propósitos, non só como ferramentas de caza, ou por se elaborar in situ, para unha necesidade puntual.
Neolítico en Oriente Medio
[editar | editar a fonte]Hai algo máis de 10.000 anos as innovacións que se deron chegaron a ser tan notables que se fala da Revolución do Neolítico no Oriente Medio, é dicir, os territorios de Mesopotamia (actualmente, Iraq) e Canaán (actualmente, Israel e Palestina), e accesoriamente poderíanse incluír tamén o val do Nilo (Exipto), Líbano, o norte de Siria e o Sueste de Anatolia (Turquía). Debido á morfoloxía da rexión orixinaria, esta foi denominada Crecente Fértil.
Os habitantes de Oriente Medio foron os primeiros en domesticar animais (gandaría: sobre todo, ovellas, cabras e vacas; a caza non se abandona de todo, pero agora vai ser algo secundario), así como en cultivar plantas: (agricultura: sobre todo, centeo —Secale cereale—, orxo —Hordeum hexastichum—, trigo —Triticum dicoccum— e outros cereais). A evidencia máis antiga de traballo agrícola dáse en Tell Abu Hureyra (Siria) hai 11.000 anos; entrementres os primeiros animais domésticos foron os ovicápridos en Zawi Chemi Shanidar (Iraq), hai uns 10.500 anos.
Dende o Crecente Fértil, o Neolítico foise estendendo por Asia (cara á India e a China), África (sobre todo, en Exipto) e por Europa a través do Mediterráneo; as consecuencias do Neolítico afectaron a todas as rexións habitadas:
- Invéntanse novos utensilios: o arco e as frechas, fouces de pedra, aixadas, machados puídos, muíños, morteiros, culleres... Pero fundamentalmente, se orixinou a cerámica e o tecido.
A cerámica aparece nunha fase avanzada do Neolítico, de xeito que hai un longo período chamado «precerámico». As primeiras cerámicas coñecidas son as de Kalat Jarmo (Kurdistán), que datan do 6750 a.C. Previamente se empregarían cestos impermeabilizados con barro ou pasta de betume.
- Ao se converter en agricultores, os grupos humanos aséntanse en lugares fixos para viviren todo o ano, é dicir, fúndanse os primeiros poboados estables: aparece a sedentarización. Ademais da aldea protoneolítica de Xericó (datada polo método do carbono-14 en 9551 a.C.), como outros exemplos pódense citar Eynan (Israel), Zawi Chemi Shanidar (Iraq) e Tepe Asiab (Irán).
- A agricultura e a gandaría supuxeron un aumento na produción de alimentos e a cerámica permitiu almacenalos e transportalos doadamente. Por vez primeira sobraban alimentos e outros produtos necesarios, denominados excedentes.
- A posibilidade de que todos os membros da comunidade puidesen participar en diferentes labores produtivas así como a existencia de excedentes favoreceu o grande aumento demográfico; a poboación multiplicouse por dez (o mundo pasou de ter ao redor de dez millóns de habitantes a cen millóns)
- A sedentarización e maila medra demográfica fan que as primeiras aldeas, ás veces, xeren o nacemento de auténticas cidades: Xericó (Cisxordania) ten a honra de ser considerada a primeira cidade do mundo (cuns 2.000 habitantes en 8000 a.C., aproximadamente), pero se poden citar outras coma Çatal Hüyük e Haçilar (Anatolia), Kalat Jarmo (Kurdistán), Hassuna e Samarra en Iraq, Ras Shamra e Tell Halaf (Siria) etc. Este proceso desembocará no nacemento das primeiras civilizacións urbanas (civitas = cidade).
- Comezou a división do traballo, é dicir, aparecen os oficios especializados: agricultores, gandeiros, artesáns (panadeiros, ceramistas, carpinteiros, albaneis etc.) Os que tiñan excedentes comezaron a intercambialos cos que tiñan traballos distintos e produtos diferentes: nace o comercio (troco). Nesta zona comerciábase sobre todo con xofre, sal e betume do mar Morto, cunchas do mar Vermello, obsidiana de Anatolia ou malaquita do mar Caspio.
- Estes intercambios non eran soamente locais, senón tamén rexionais. Así xermolaron as primeiras rutas comerciais estables que comunicaban os novos poboados entre eles, resultando unha nova profesión, o mercador. O mellor exemplo áchase no sitio arqueolóxico de Al Beidha (Xordania) e Ba'ja, onde as escavacións exhumaron un auténtico bazar do sétimo milenio.
- Todos estes cambios orixinaron diferenzas sociais (ricos e pobres); tamén apareceron os primeiros personaxes con autoridade que organizaban a vida do poboado: xorden os gobernantes e sacerdotes (autoridade moral). Os máis ambiciosos acaban acaparando as riquezas e establecendo relacións de dominación local e posteriormente rexional.
- Aparecen tamén diferenzas entre poboados. Uns son máis prósperos que outros, e os seus gobernantes loitan, ás veces, por se apropiar das terras lindantes, do acceso á auga, por controlar as rutas principais e o comercio etc. Os conflitos entre poboados veciños convértense en auténticas guerras; con elas xorden os primeiros exércitos e os seus líderes militares que se enriquecen en cada vitoria, nacendo así a nobreza e a monarquía.
No Próximo Oriente a Idade dos Metais coincide coa aparición de documentos escritos e co nacemento das primeiras civilizacións, polo que estas deberían incluírse, falando propiamente, na Historia. Pero, como as fases iniciais do Calcolítico son previas ás primeiras taboíñas incisas e non hai rotura cultural, soamente se inclúen nela procesos que se deron en tempos plenamente históricos.
América
[editar | editar a fonte]A Idade de Pedra en América é moito máis serodia e ten a súa propia idiosincrasia. A teoría máis aceptada é que existe unha relación con Asia dada polo feito de que o poboamento humano de América se produciu dende Siberia a través do estreito de Bering. A cuestión máis discutida é: cando? A Glaciación de Würm provocou un descenso do nivel mariño que, xunto á existencia de placas de xeo proporcionou un paso transitable sobre o estreito de Bering entre ambos os dous continentes denominado ponte de Berinxia. Non sempre era posible atravesalo; estímase que os humanos puideron pasar polo menos en dúas ocasións nas que había unha ruta libre de xeo: a primeira durou uns 4.000 anos e a segunda uns 15.000; logo desapareceu a "ponte" co que a migración non tivo retorno. Esta ponte, segundo os científicos, formárase hai uns 50.000 anos. Consonte estes datos xurdiron dúas teorías sobre cando foi poboada América por vez primeira polo ser humano:
- Teoría do poboamento temperá: sostén que os seres humanos chegaron hai uns 50.000 anos.
- Teoría do poboamento serodio: sostén que os seres humanos chegaron hai uns 15.000 anos ou pouco máis; é a máis clásica e a que ten datos máis contrastados, pero que non contradín a outra teoría.
Os amerindios viviron illados do resto da humanidade durante 40.000 anos; estes grupos humanos tiveron que adaptarse a oito tipos de clima distintos, diversificáronse en máis de 300 tribos, con máis de dúas mil linguas diferentes e desenvolveron, polo menos, unha ducia de civilizacións excepcionais. Non é, daquela, axeitado empregar a mesma terminoloxía nin a mesma periodización en América que no Vello Mundo. Non se trata dun antollo chauvinista, é a resposta á realidade arqueolóxica:
Norteamérica e Mesoamérica
[editar | editar a fonte]En 1958 os arqueólogos Gordon Willey e Philip Phillips propuxeron as seguintes etapas para Norteamérica e Mesoamérica:
- Período Lítico, equivalente ao Paleolítico superior do Vello Mundo. Comprende desde a chegada dos primeiros americanos ata hai uns 10.000 ou 12.000 anos (segundo o paradigma teórico defendido). Dentro deste período hai dúas fases:
- Unha fase inicial de cazadores-colectores indiferenciados, con restos moi escasos, caracterizada por unha industria lítica similar á do Vello Continente (croios tallados, lascas musteroides, bifaces...) e sen puntas de lanza; os exemplos máis seguros de grande antigüidade son os asentamentos estadounidenses de Topper, Lewisville e American Falls, por unha banda, e en México El Cedral e Tlapacoya, pola outra.
- A segunda fase, de cazadores avanzados, é de hai uns 13.000 anos, cando xorden as culturas con raspadeiras, follas de sílex, burís e elaboradísimas puntas de lanza: por exemplo, en Norteamérica adoita destacarse a cultura clovis, Folsom e El Plano (Novo México), aínda que, por suposto, hai moitas máis. Estas culturas con puntas foliáceas interprétanse como pobos eminentemente cazadores, ao principio de presas grandes, pero que a evolución a puntas cada vez máis pequenas indica que esta paleofauna se foi extinguindo e que os grupos de cazadores se foron adaptando a unha fauna que era tamén menor.
- Período Arcaico, que sería equivalente, pero non exactamente igual, ao Mesolítico do Vello Mundo.¨É un período complexo no que se produciría a transición á agricultura do millo a partir da recolección intensiva de vexetais. Esta fase abrangue zonas xeográficas máis amplas, case toda Norteamérica e Mesoamérica (onde, ás veces, se usa o termo pre-mexicano), como motor esencial da evolución posterior. No norte, en zonas circumpolares, sobreviven pobos cazadores-colectores (forraxeadores) que se coñecen baixo a denominación de Arctic tradition ("tradición ártica"), mentres que as grandes praderías do centro adoitan inserirse na denominación Cultura cochise, coas súas tres fases: Sulphur Springs, Chiricahua e San Pedro, entre o 5000 a.C. e o 200 a.C.). Para estes pobos a caza segue a ser fundamental e documéntase a invención do arco cara ao ano 1000 a.C.
- Período Formativo (que sería o equivalente ao Neolítico típico). Destaca por novidades coma a agricultura, a gandaría ou a cerámica. Entre o 5000 a.C. e o 1000 a.C. aparecen xa os poboados estables gobernados por unha poderosa caste sacerdotal. A cerámica máis antiga do continente data do ano 3500 a.C. aproximadamente. Os Olmecas serían a cultura evolucionada deste período. Posto que as fases posteriores se inclúen no chamado período Clásico das culturas precolombianas (no que xa aparecen as grandes civilizacións mesoamericanas e andinas), a miúdo se lle ten chamado «pre-Clásico». É, polo tanto, o último período da Prehistoria desta zona de América, pois a partir de entón aparecen documentos escritos e podería falarse xa de culturas protohistóricas.
- As culturas de Oasisamérica: Parece ser que antes do 3000 a.C. varios pobos mesoamericanos de economía baseada no cultivo do millo, feixóns e cabaza, emigraron cara ao centro-sur do oeste americano (Oasisamérica), constituíndo un rico núcleo cultural que, séculos despois, deu lugar á Cultura dos Cesteiros ("Basket makers") que, á súa vez, deu paso ás culturas dos anasazi e os seus similares hohokam e mogollón que actualmente se coñecen coma Indios Pueblo.
- Os construtores de montículos de Norteamérica: Nas boscosas terras orientais de Norteamérica (Ohio) apareceron por estas datas os primeiros construtores de túmulos chamados Cultura Adena (1000 a.C.-200 a.C.), dos que o monumento máis coñecido é o "Túmulo da Serpe" (Cincinnati). Tras Adena iníciase unha dinastía de civilizacións que delimitan unha ampla zona do centro-leste de Estados Unidos (concas dos ríos Mississippi-Missouri-Ohio), destacando a cultura Hopewell (200 a.C.-500 d.C.), e os Construtores de montículos do Mississippi (900-1500 d.C.), que crearon numerosas cidades, coma a de Cahokia, que estaba protexida por unha muralla e con monumentos públicos e relixiosos levantados sobre túmulos.
- Os Olmecas son a civilización máis avanzada do momento; xorden pouco antes do 1500 a.C. e desaparecen algo antes do comezo da nosa era, aínda que a súa influencia perdura en pobos olmecoides posteriores. Practicaban a agricultura, coñecían a cerámica, eran sedentarios e contaban cunha organización moi avanzada e con claras diferenzas sociais. Os seus restos esténdense por toda Mesoamérica, probablemente porque o seu comercio era moi activo. Porén, agás excepcións, apenas desenvolveron vida urbana, aínda que teñen grandes santuarios relixiosos coma os de San Lorenzo ou La Venta, e un tipo de escultura monumental moi característica: as cabezas xigantes. Non hai datos de se crearon un imperio nin probas da existencia dun exército olmeca ou de batallas; só de que os poucos centros urbanos que se coñecen estaban protexidos por murallas e situados en outeiros de defensa doada. Os Olmecas deixaron aos seus sucesores o calendario solar e un conxunto de símbolos que xa se poden considerar escritura arcaica.
- Período Maia Pre-Clásico: Hai unha relación moi estreita entre os olmecas e o nacemento da civilización Maia. Os seus períodos iniciais (os dous milenios anteriores á nosa era) aínda poden considerarse prehistóricos. Xorden grandes centros urbanos con monumentos elevados sobre pirámides e plataformas de pedra, existen importantes diferenzas sociais e o comercio exterior é moi intenso. Aparecen importantes innovacións no traballo da obsidiana e do xade, así como da cerámica (aparece a cerámica pintada).
De feito, toda Mesoamérica pode considerarse unha "área cultural con intensa profundidade temporal": as súas civilizacións comparten riscos étnicos e lingüísticos, plantas cultivadas, calendario ritual de 260 días e conceptos relixiosos parecidos. Porén, o mellor xeito de as distinguir son as manifestacións artísticas, a cerámica, a artesanía, a relixión e a organización política. Aconséllase, para máis información, a lectura do artigo específico sobre Mesoamérica.
Suramérica
[editar | editar a fonte]Ao falar das primeiras civilizacións suramericanas coexisten dous puntos de vista verbo da orixe das grandes culturas andinas. Por unha banda, o que sostén que a conca do Amazonas constituíu un ente illado e independente das costas do Pacífico e que as culturas andinas evolucionaron de xeito autónomo. Pola outra banda, descubríronse intensas relacións comerciais e movementos migratorios de grande amplitude entre a Amazonia e os Andes; incluso algúns historiadores sosteñen que os fundadores das grandes civilizacións andinas eran pobos amazónicos cultivadores de mandioca e batata, así como pescadores fluviais que ocuparon a Puna e os vales. En Suramérica a periodización resulta máis complexa; a miúdo se fala dun gran período denominado «precerámico» que vai do 20.000 a.C. ao 2000 a.C. e que engloba o «período Lítico», o «Paleoindio» e o «período Arcaico». Pero a disparidade de denominacións é moi grande, polo que aquí se simplificará.
- O Paleoindio adoita ser o termo preferido, antes que período Lítico, pero parece responder á mesma dinámica: unha primeira fase de industrias peor coñecidas e máis rudimentarias, propias de culturas pouco diferenciadas, e unha segunda fase, co fósil director das puntas de proxectil, é dicir, puntas de lanza foliáceas traballadas maxistralmente.
- A primeira fase, o período Protolítico, ten asentamentos de antigüidade moi discutida (coma no caso de Pedra Furada, no Brasil, de preto dos 50.000 anos, e Monte Verde II, en Chile, cuns 33.000 anos). Non obstante está moi ben documentada en espenucas algo máis recentes, coma as de Taima-Taima en Venezuela, Garzón en Colombia, Pikimachay no Perú... En Pikimachay documéntanse restos de ocupación humana de máis de 17.000 anos, perdurando ata preto de 14.000 anos de antigüidade. A pala de El Guitarrero (Perú), escavada polo norteamericano Thomas Lynch, da Universidade de Cornell, nos anos 70 do século XX, completaría coa súa estratigrafía todas as etapas de ocupación desta fase da Idade de Pedra.
- A segunda fase (cazadores avanzados) parece coincidir cunha expansión humana cara ao sur. As puntas de lanza foliáceas, especializadas para a caza de grandes presas, en Suramérica adoitan ser do tipo cola de peixe, aínda que se asemellan moito ás norteamericanas do tipo clovis. Estas ferramentas cinexéticas aínda non aparecen na pala de Ghachi, situada preto de San Pedro de Atacama (Chile), do 13.000 a.C.; pero xa están presentes na fase de Guitarrero I (Perú), con 15.000 anos de antigüidade.
Máis ao sur, tamén en Chile, acháronse restos de vivendas e artefactos duns 12.500 anos de antigüidade en Monte Verde I», na veciñanza de Puerto Montt. Tamén destacan Jobo, en Venezuela, e El Inga, en Ecuador. Desde Chile parece que foi poboada a zona de Santa Cruz (Arxentina), onde se atoparon restos líticos que se remontan a 11.000 a.C., e por fin se chega á Terra do Fogo no 7000 a.C. (Cueva Fell, Chile).
- O período Precerámico. Hai uns 7.000 anos aparecen indicios de agricultura, gandaría e, incluso, os primeiros poboados estables nos que se desenvolve a primeira arquitectura e a arte, e algúns se converterán en centros relixiosos de peregrinación, destacando entre eles a cidade de El Caral (Perú), cunha data inicial superior ao 2600 a.C. Durante este período completouse a colonización humana de Suramérica e comezaron a consumirse máis intensamente os recursos do mar. Un feito particular da agricultura americana é a inmensa variedade de especies agrícolas cultivadas, en número superior ás do Vello Mundo; amais, moitas destas plantas son tan difíciles de cultivar que nalgúns casos non se sabe como puido ocorrer. Á parte do millo, tamén se cultivou algodón, mandioca, batata, feixón, tomate, coca, quina, quinoa, pataca, tabaco, cacao, chumbeira, sendo a lista interminable. Só dúas carencias provocaron o estancamento agrícola de América con relación ao Vello Mundo: non posuían o arado nin a roda. A gandaría, ao contrario que a agricultura, aplicouse a moi poucas especies: o can, o pavo, o coello de Indias e, como animais de carga, os camélidos, é dicir, a llama, a alpaca, a vicuña e o guanaco, animais exclusivos de Suramérica, cuxa potencia non abonda para traballar con arados. No Vello Mundo a domesticación de animais é moito máis rica e variada, e o arado permitiu avances impensables en América.
- O período Agro-oleiro e metalúrxico: As culturas de Suramérica teñen ricos exemplos no período chamado Cerámico ou Agro-oleiro:
- Os Chibchas serían os máis antigos poboadores de Panamá e Colombia, con máis de 5.000 anos de antigüidade e unha persistencia cultural notable, pois os españois puideron coñecelos, aínda que xa nunha fase de decadencia. Foron grandes construtores e agricultores, aínda que a soa venlles pola súa habelencia para traballar o ouro, xa no primeiro milenio a.C. Máis ao sur atópase a cultura de Norte Chico, no Perú, dende 3000 a.C. a 2000 a.C., que constituiría o antecedente máis directo da Cultura Chavín, coetánea dos Olmecas en Mesoamérica. En realidade, a Cultura Chavín é o máximo referente preincaico de Suramérica, cun desenvolvemento entre 900 a.C. e 300 a.C. O centro desta cultura é o santuario andino de Chavín de Huántar, aínda que esta cultura dominou todo o territorio peruano. O tamaño das construcións chavín indica unha complexa diferenciación social, eficaz administración, activo comercio e unha alta tecnoloxía agrícola e cerámica. A cultura Chavín foi substituída cara ao ano 300 d.C. pola Cultura mochica ou Moche, destacada polos seus labores de irrigación e as súas huacas, ou pirámides de chanzos de adobe. Porén, os mochicas non formaron un estado, aínda que a súa sociedade estaba fortemente xerarquizada. En realidade, o primeiro estado andino é o Imperio Huari, fundado cara ao ano 700. Os Huari dominaron os Andes ata que foron substituídos polos Chimú, con capital en Chanchán, unha inmensa cidadela de adobe e tapias situada no Perú. Os Chimú foron conquistados polos Incas ao redor do ano 1470.
- Como último exemplo da prehistoria americana cítase aos Construtores de Cerritos (Uruguai), que cuns 4.800 anos de antigüidade crearon unha cultura menos espectacular, pero moi interesante. As súas aldeas eran circulares, cunha praza central arrodeada de choupanas de madeira, construídas sobre montículos ("cerritos"); había tamén montículos de refugallos detrás do circo de cabanas que, probablemente, estiveran protexidas por un valado (ao xeito das aldeas circulares amazónicas). Seica as aldeas formaban grandes conglomerados que poderían constituír auténticas cidades.
Os Andes centrais e do sur son outra das grandes áreas nucleares americanas: as expresións culturais e políticas máis logradas da súa evolución son a cidade e o estado. A sucesión de culturas e lugares é moi extensa, pero todas elas manifestan un desenvolvemento moi complexo, produto dun longo proceso autóctono de experimentación e descubrimento. Aconséllase a lectura do artigo específico sobre Épocas preincaicas para ampliar información.
Europa
[editar | editar a fonte]A Idade de pedra europea adoita dividirse en tres etapas, seguindo as propostas de John Lubbock en 1865:
- Paleolítico, a primeira fase, ou Idade antiga da Pedra: É o período máis antigo e longo da historia europea; comezaría hai case un millón de anos coa chegada dos primeiros humanos (ben Homo ergaster, ben Homo antecessor). Durante o Paleolítico europeo sucédense despois outros tipos: Homo heidelbergensis, Homo neanderthalensis e Homo sapiens sapiens; este último veu a través doutra migración, provocando a extinción dos neandertais hai 50.000 anos. Paralelamente á evolución humana prodúcese unha evolución cultural: durante o Paleolítico inferior a cultura dominante en Europa é a Achelense; no Paleolítico Medio está a Musteriana (propia do home de Neandertal, quizais a Châtelperroniense sexa un epígono deste tipo humano. Coa chegada do home moderno[29] sucédense unha serie de culturas coma a Auriñaciense, a Gravetiense, a Solutreana e a Magdaleniana. Outros elementos importantes para comprender o Paleolítico son as continuas oscilacións climáticas, chamadas glaciacións, o predominio da economía cazadora-colectora e a aparición da arte paleolítica ao mesmo tempo que chega o home moderno.
- Epipaleolítico/Mesolítico, a fase intermedia, ou Idade Media da Pedra: Refírese ao período que transcorre dende a retirada do último glaciar, hai uns 12.000 anos, ata a chegada do Neolítico, hai preto de 5000 anos. Actualmente distínguese entre culturas epipaleolíticas (aquelas que manteñen o xeito de vida propio do Paleolítico, sen cambios substanciais, como ocorre co Aziliense, por exemplo), das denominadas culturas mesolíticas (aqueloutras que amosan unha tendencia a evolucionar cara a sedentarización e outros riscos propios do que logo será o Neolítico, como é o caso do Tardenoisiense).
- Neolítico, a última fase ou Idade Moderna da Pedra: o Neolítico chega a Europa dende o Próximo Oriente a través da conca do Mediterráneo no sexto milenio. Aínda que se sospeita a existencia dun neolítico precerámico, fundamentalmente gandeiro, a primeira gran civilización mediterránea plenamente neolítica é a das Cerámicas impresas Cardiais (no mapa, cor verde clara). O seu fósil director é unha serie de cerámicas decoradas con impresións de cunchas de berberecho (Cerastoderma echinatum) que aparecen tanto na beira africana coma na europea, dende Dalmacia á Península Ibérica. No quinto milenio esta civilización é substituída por outra orixinada no Danubio chamada da Cerámica de bandas (cor verde escura no mapa), que estende a súa influencia polo Rin ata a costa atlántica (amarelo no mapa). É daquela cando se produce un cambio fundamental nas culturas europeas. Preto do ano 4000 a.C. aparece no sur de Portugal a civilización dos Construtores de megálitos. Esta civilización supera os lindes da Idade de Pedra, xa que sobrevive durante o Calcolítico (nunha fase que se ten denominado Neo-Eneolítico, pola dificultade de establecer unha división clara). Dende Portugal e outros puntos da costa atlántica, o fenómeno megalítico esténdese por toda Europa occidental, evolucionando ata o 2500 a.C., xa que, como se dixo, perdura durante a Idade dos Metais). Os construtores de megálitos vivían en poboados fortificados, situados en lugares coma outeiros, de defensa doada.
Un monumento megalítico é unha construción formada por pedras rudimentariamente traballadas e de tamaño xigantesco (de varias toneladas), velaí o seu nome: megas: xigante e lithos: pedra. Hai varias clases de monumentos megalíticos:
- Menhir: Un menhir é unha gran pedra posta en pé que sinalaría un lugar simbólico, posiblemente sagrado.
- Aliñamento: É un conxunto de menhires dispostos en fileira.
- Crómlech: O crómlech é un conxunto de menhires colocados en circo. Suponse que o aliñamento e mais o crómlech eran templos ao ar libre, con posibles referencias astronómicas.
- Milladoiro: Un milladoiro é un amoreamento de pedras e bloques de distintos tamaños que sinalaría un lugar sagrado.
- Dolmen: O dolmen é o monumento máis complexo. Trátase dun lugar para enterrar os mortos da tribo; constaba dun corredor de entrada e dunha cámara funeraria, ambos os dous construídos con grandes laxes de pedra, todo cuberto por un montículo de terra e cascallo chamado túmulo. O dolmen é coma unha pequena montaña artificial, cunha cova no seu interior, tamén artificial. Todos os defuntos eran depositados na mesma cámara funeraria, xa que se trataba dun lugar de enterramento colectivo; canda os defuntos depositábanse ofrendas funerarias coma armas, comida, xoias etc.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para idade.
- ↑ Huzayyin, S. A. (1936). Revista «Man», número 36, ed. Glacial and Pluvial Episodes of the Diluvium of the Old World: A Review and Tentative Correlation. ISSN: 0025-1496.
- ↑ Gragueb, Abdelrrazak y Mtimet, Alí (1989). Les Guides Alif Editions de la Mediterranée, Tunis, ed. La Préhistoire de Tunisie et au Maghreb. ISBN 9973-716-10-8.
- ↑ Tarradell, Miquel (1979). "Prehistoria del Sáhara". En editor Montaner, Barcelona. La Prehistoria, nacimiento y primeras fases de la civilización. pp. 110–121. ISBN 84-7368-022-7.
- ↑ Arambourg, Camille (1957). "Récentes découvertes de paléontologie humaine réalisées en Afrique du Nord française (L'Atlanthropus de Ternifine - L'Hominien de Casablanca)". Third Panafrican Congress on Prehistory, Livingstone 1955. London, Chatto & Windus (Clark, J.D. et Cole, S., Eds.): 186–194. }}
- ↑ Alimen, Marie-Henriette, avec la collaboration de José Zuate y Zuber (1978). CNRS, Meudon, Francia, ed. L'Evolution de l'Achuléen au Sahara Nord-Occidental (Saoura - Ougarta - Tabelbala).
- ↑ En moitos dos restos tense comprobado que os incisivos eran extirpados voluntariamente (como ocorre con algunhas tribos primitivas actuais; é o que se denomina avulsión de incisivos).
- ↑ Tixier, Jacques (1976). Paris, Éditions du CREP, ed. Le campement préhistorique de Bordj Mellala, Ouargla, Algérie.
- ↑ Chapa Brunet, Teresa y Delibes de Castro, Germán (1983). "El Neolítico". En editor Nájera, Madrid. Manual de Historia Universal. Tomo I. Prehistoria. pp. 272–274. ISBN 84-85432-06-1.
- ↑ As primeiras escavacións permitiron estudar as características raciais dos esqueletos badarienses exipcios, chegando á conclusión de que se trataba dun pobo mestizo, medio africano, medio asiático, o que levou a pensar nunha neolitización causada pola chegada de inmigrantes. Pola contra, os recentes estudos do profesor Eugen Strouhal transformaron por completo a visión do asunto; este antropólogo mantén que os badarienses son negros auténticos, procedentes do corazón de África, de xeito que a orixe do neolítico exipcio segue a ser tema de controversia: Strouhal, Eugen (1992). University of Oklahoma Press, ed. Life of the Ancient Egyptans. ISBN 0-8061-2475-X.
- ↑ Roche, Hélène (1982). "Hadar et les industries préacheuléennes d'Afrique orientale". Bulletin de la Société Préhistorique Française. Tomo 79 (número 6). ISSN 0249-7638.
- ↑ 12,0 12,1 Leakey, Richard (1981). Ediciones Orbis, S.A., Barcelona., ed. La formación de la humanidade (volumen I). ISBN 84-7634-174-1.
- ↑ Smith, Tanya M.; Tafforeau, Paul; Reid, Donald J.; Grün, Rainer; Eggins, Stephen; Boutakiout, Mohamed y Hublin, Jean-Jacques (2007). "Earliest evidence of modern human life history in North African early Homo sapiens". Proceedings of the National Academy of Sciences. PNAS (Marzo). doi 10.1073/pnas.0700747104.
- ↑ Leroi-Gourhan, André (1980). "El Paleolítico Medio: África oriental y del sur". En editor Labor S.A., Barcelona. La Prehistoria. ISBN 84-335-9309-9.
- ↑ Tarradell, Miquel, et alter (1979). "Culturas paleolíticas y Mesolíticas en el África subsahariana". En editor Montaner, Barcelona. La Prehistoria, nacimiento y primeras fases de la Civilización. ISBN 84-7368-022-7.
- ↑ Thackeray, Anne I. (1992). "The Middle Stone Age South of the Limpopo River". Journal or World Prehistory. Vol. 6 (No. 4). doi 10.1007/BF00975633.
- ↑ Mitchell, Peter (1988). "The Late Pleistocene Early Microlithic Assemblages of Southern Africa". World Archaeology. Vol. 20 (No. 1). ISSN 0043-8243.
- ↑ Estas datas marcan o evento paleomagnético de Olduvai-Gisla, xa que baixo dos fósiles máis antigos, xacía unha colada basáltica (chamada superficie de Mashavera, de polaridade normal con 1 850 000 anos de antigüidade, sobre a que descansaba o estrato cos restos humanos, líticos e paleontolóxicos. Por riba dos estratos fosilíferos a polaridade xa era negativa, o que indica o fin do evento: Geología de Dmanisi Arquivado 13 de outubro de 2006 en Wayback Machine.
- ↑ "La industria lítica de Dmanisi". Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2006. Consultado o 12 de maio de 2013.
- ↑ Leroi-Gourhan, André (1980). "El Paleolítico Medio". En editor Labor SA (Barcelona). La Prehistoria. ISBN 84-335-9309-9 (páxinas 27-34).
- ↑ de la Torre Sáinz, Ignacio y Domínguez-Rodrigo, Manuel (2000). "El Paleolítico Medio en el Próximo Oriente. Una síntesis regional.". En Universidad Complutense. Complutum 11. Madrid. pp. 9–27. ISSN 1131-6993. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de decembro de 2005. Consultado o 12 de maio de 2013.
- ↑ Orígenes de los Humanos Modernos: ¿Multiregional o Fuera de África? Arquivado 05 de febreiro de 2008 en Wayback Machine., por Donald Johanson
- ↑ Holton, Nathan E. (2002). "Tabun C2, The late migration hypothesis and Circum-Mediterranean Gene flow". En Department of Anthropology of the Northern Illinois University. The Tabun C2 mandible: an assessment of mandibular ramus and retromolar space morphology. Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2008. Consultado o 12 de maio de 2013.
- ↑ Nazareth y Palestina hace 100.000 anos Arquivado 17 de agosto de 2011 en Wayback Machine., por Juan Luis Arsuaga
- ↑ Neanderthals and Modern Humans in Western Asia
- ↑ Lithic Use-Wear Analysis of Early Ahmarian el-Wad Points: an Example from Southern Jordan Arquivado 11 de outubro de 2007 en Wayback Machine., por John K. Williams
- ↑ Levantine Aurignacian Technology and Subsistence Arquivado 01 de decembro de 2005 en Wayback Machine., por John K. Williams
- ↑ Tradicionalmente considérase que Europa occidental é o núcleo orixinario do Auriñaciense, pero ultimamente este aspecto estase a cuestionar. O certo é que non se sabe onde xurdiu o Auriñaciense, nin como se estendeu cara a Oriente Medio. Belfer-Cohen, Anna y Bar-Yosef, Ofer (2006). "The geography and chronology of carinated core chaîne opératoire". En 71° Annual Meeting of the Society for American Archaeology, San Xoán, Porto Rico. Core Reduction, Chaîne Opératoire, and Other Methods: The Epistemologies of Different Approaches to Lithic Analysisst. Páxinas 3 y 4.
- ↑ Se hace camino al andar Arquivado 15 de agosto de 2011 en Wayback Machine. (sobre a expansión dos seres humanos modernos) por Juan Luis Arsuaga
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Historia |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Idade da Pedra |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bailloud, Gérard (1980). "El Neolítico". En editor Labor SA (Barcelona). La Prehistoria, André Leroi-Gourhan coordinador. ISBN 84-335-9309-9 (páxinas 81-121).
- Blanco Freijeiro, Antonio (1981). Universidad de Sevilla, ed. Arte antiguo del Asia Anterior. ISBN 84-7405-205-X.
- Hamblin, Dora Jane (1975). Brepols Fabrieken (Bélxica), ed. Las primeras ciudades. Libros TIME-LIFE.
- Godelier, Maurice (1974). Miguel Castellote editor (Madrid), ed. Esquemas de evolución de las sociedades. ISBN 84-7259-006-2.
- Gordon Childe, Vere (1979, décima reimpresión de la primera edición espanola de 1954). Fondo de Cultura Económica (México DF), ed. Los orígenes de la Civilización. ISBN 84-375-0015-X.
- Varios Autores (1994). "El Neolítico, una revolución". En Larousse Planeta S.A., Barcelona. Crónica Visual larousse, de los orígenes del Mundo hasta nuestros días. ISBN 84-395-2118-9.
- Bernal, Ignacio (1984). "Los Olmecas". En editor Crítica (Barcelona). Historia de las Civilizaciones antigas (II): Europa, América, China, India. Arthur Cotterell, ed. ISBN 84-7423-252-X.
- Clairborne, Robert (1977). Lito Offset Latina SA (México DF), ed. Los primeros americanos. Libros TIME-LIFE.
- Clark, John E., coordinador (1994). Ediciones del Equilibrista SA (México DF), ed. Los Olmecas en Mesoamérica. ISBN 968-7318-22-8.
- Conrad, Geoffrey W. (1984). "Los Incas". En editor Crítica (Barcelona). Historia de las Civilizaciones antigas (II): Europa, América, China, India. Arthur Cotterell, ed. ISBN 84-7423-252-X.
- Vitale, Luis (1991). Centro de Estudios Latinoamericanos, Santiago de Chile: Ediciones CELA, ed. Historia de nuestra América. Los pueblos originarios. ISBN 9567172012 - Versión en PDF.
- Vives, Pedro A. coordinador (1990). Talleres Gráficos Peñalara SA (Madrid), ed. América entre nosoutros (catálogo de la exposición). ISBN 84-86956-07-2.
- Willey, Gordon R. (1984). "Los Mayas". En editor Crítica (Barcelona). Historia de las Civilizaciones antigas (II): Europa, América, China, India. Arthur Cotterell, ed. ISBN 84-7423-252-X.
- Brézillon, Michel (1969). París: Librairie Larousse, ed. Dictionnaire de la Préhistoire. ISBN 2-03-075437-4.
- Clairborne, Robert (1976). Brepols Fabrieken (Bélxica), ed. El nacimiento de la escritura. Libros TIME-LIFE.
- Hamblin, Dora Jane (1975). Brepols Fabrieken (Bélxica), ed. Las primeras ciudades. Libros TIME-LIFE.
- Menéndez, Mario; Jimeno, Alfredo y Fernández, Víctor (1997). Alianza editor, Madrid, ed. Diccionario de Prehistoria. ISBN 84-206-2888-3.
- Pericot García, Luis y Maluquer de Motes, Juan (1970). Salvat editores, Estella (Navarra), ed. La humanidad Prehistórica. Depósito Legal: NA 997-1970.
- Varios Autores (1996). Grandes Obras Larousse SA (Barcelona), ed. Historia de las Civilizaciones, Tomo I: El Amanecer de la civilización. ISBN 84-89049-21-1.
- Wernick, Robert (1975). Brepols Fabrieken (Bélxica), ed. Los constructores de megalitos. Libros TIME-LIFE.
- Wikibooks (2006). wikibooks.org, ed. Introduction to Paleoanthropology. Free lisense.
- Barham, Lawrence; Mitchell, Peter (2008). The First Africans: African Archaeology from the Earliest Toolmakers to Most Recent Foragers. Cambridge World Archaeology. Oxford: Oxford University Press.
- Belmaker, Miriam (2006). Community Structure through Time: 'Ubeidiya, a Lower Pleistocene Site as a Case Study (Thesis) (PDF). Paleoanthropology Society. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 30 de abril de 2011. Consultado o 12 de maio de 2013.
- Clark, J. Desmond (1970). The Prehistory of Africa. Ancient People and Places, Volume 72. New York; Washington: Praeger Publishers.
- Deacon, Hilary John; Deacon, Janette (1999). Human beginnings in South Africa: uncovering the secrets of the Stone Age. Walnut Creek, Calif. [u.a.]: Altamira Press.
- Rogers, Michael J.; Semaw, Sileshi (2009). "From Nothing to Something: The Appearance and Context of the Earliest Archaeological Record". En Camps i Calbet, Marta; Chauhan, Parth R. Sourcebook of paleolithic transitions: methods, theories, and interpretations. New York: Springer.
- Schick, Kathy D.; Nicholas Toth (1993). Making Silent Stones Speak: Human Evolution and the Dawn of Technology. New York: Simon & Schuster. ISBN 0-671-69371-9.
- Shea, John J. (2010). "Stone Age Visiting Cards Revisited: a Strategic Perspective on the Lithic Technology of Early Hominin Dispersal". En Fleagle, John G.; Shea, John J.; Grine, Frederick E.; Boden, Andrea L.; Leakey, Richard E,. Out of Africa I: the First Hominin Colonization of Eurasia. Dordrecht; Heidelberg; London; New York: Springer. pp. 47–64.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Middle Paleolithic (Mousterian) in Eurasia
- North Pacific Prehistory é unha revista académica especializada en arqueoloxía do nordeste asiático e América do Norte.
- Sex in the Stone Age en National Geographic. (en inglés)
- La Edad de Piedra (en castelán)
- África IV. Etnología y Prehistoria (en castelán)
- Badarian Culture (en inglés)
- La cultura Merimdé (en castelán)
- Estado actual de la investigación paleolítica en el África negra Arquivado 19 de xullo de 2011 en Wayback Machine., antigo texto (1948) do profesor Martín Almagro Basch. (en castelán)
- A Idade de Pedra (en portugués)