Iago Fernández
Iago Fernández sexteto tocando no Filloa Jazz en abril de 2014. | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1987 (36/37 anos) Cangas, España |
Actividade | |
Ocupación | percusionista |
Iago Fernández, nado en Cangas en 1987, é un batería e compositor de jazz establecido en Suíza.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Fillo do músico cangués Moncho Fernández[1], comezou a estudar Matemáticas en Santiago de Compostela[2]; estudou percusión clásica no conservatorio profesional de Cangas[1] e jazz no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra[1][3] (2002-2006). Co grupo Mr. Chacho quedou finalista no Concurso Internacional do Festival de Getxo (2007)[4].
En 2011 graduouse no Centro Superior de Música do País Vasco (Musikene), na especialidade de batería de jazz: alí, en Donostia, recibiu clases de Jorge Rossy, Perico Sambeat, Jo Krause, Albert Sanz e Guillermo Klein, entre outros.
Foi membro do cuarteto de Jesús Santandreu (2007-2010), co que gravou un disco e que lle abriu contactos no mundo do jazz de Valencia, Madrid e Lisboa. Ten tocado en moitos dos festivais e ciclos de jazz máis importantes da Península Ibérica (Barcelona, Vigo, Madrid, San Sebastián, Lisboa, Braga..), e ocasionalmente tamén noutras partes do mundo (Ecuador, Alemaña e outros países).
Como músico de acompañamento tamén colaborou con Avishai Cohen[2] (na súa xira europea de 2013[3]), Omer Avital[2], Perico Sambeat, Marcus Strickland, Lage Lund, Masa Kamaguchi, Javier Colina, Albert Sanz, Chris Kase, Jesse van Ruller, Steve Nelson[5], Demian Cabaud, Jeff Williams[2] ou Andrzej Olejniczak, entre outros.
A partir de 2008 combinou a súa traxectoria como líder de grupo coa participación estable en distintas formacións, coma o trío de Xan Campos, o sexteto de Virxilio Da Silva, o quinteto de Wilfried Wilde e mais o quinteto do guitarrista lisboeta André Fernandes (tamén con Perico Sambeat).
O seu primeiro disco como líder foi Agromando[6] (Free Code, 2011). En 2013 asumiu a coorganización do Canjazz, o Festival de jazz de Cangas, a canda Xan Campos, collendo a testemuña do tamén músico cangués Luis Carballo. Estivo á fronte da codirección do festival cangués un lustro.
Á fronte do Iago Fernández Quintet, con André Fernandes, Demian Cabaud, Xan Campos e mais Zé Pedro Coelho, nese tempo tamén produciu dous álbums, Acougo (Free Code, 2015) e Brisa (Fresh Sound, 2016). Con Brisa obtivo o Premio Martín Códax da Música na categoría de jazz e improvisación na súa edición de 2017.
Ademais, nese tempo tamén gravou cinco álbums co trío de Xan Campos entre 2007 e 2020, e acumulou máis dunha ducia de rexistros como instrumentista noutros conxuntos. Ao longo da súa carreira gravou en máis de 40 álbums[7].
En 2018 marchou a estudar a Basilea (Suíza), na Jazz Campus[2], onde vive dende aquela. Ao longo de tres anos compuso a música para o seu cuarto álbum, Luzada, publicado en 2022. En Luzada incluíu dous poemas da súa autoría, en lingua galega, e interpretadas pola vocalista polaco-xaponesa Yumi Ito[5], coa que tamén colabora noutros proxectos[8]. Ademais de tocar a batería, en Luzada tamén interpreta nos teclados[9].
Discografía
[editar | editar a fonte]- Agromando (Free Code Jazz Records, 2011), con Xan Campos, Demian Cabaud, André Fernandes, Virxilio da Silva, Zé Pedro Coelho, João Mortágua e Baptiste Techer.
- Acougo (Free Code, 2015)
- Brisa (Fresh Sound, 2016)
- Luzada (Fresh Sound, 2022), a canda Mark Turner (saxo tenor), Joris Roelofs (clarinete baixo), David Virelles (piano) e Ben Street (contrabaixo)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Santos, J. (2011-11-25). "Iago Fernández, jazz de Cangas con denominación de origen". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2023-02-05.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Leyenda, Alberto. "Iago Fernández, la felicidad tiene ritmo de jazz". Más - Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2023-02-05.
- ↑ 3,0 3,1 Lourido, Anxo. "Iago Fernández, un batería do Seminario Permanente de Jazz que marca o ritmo do mellor trompetista do mundo". Pontevedra Viva. Consultado o 2023-02-05.
- ↑ "Iago Fernández Quintet - Artistas de Cervezas 1906". Cervezas 1906 (en castelán). Consultado o 2023-02-05.
- ↑ 5,0 5,1 "Iago Fernández: Luzada". distritojazz.com (en castelán). 2022. Consultado o 2023-02-05.
- ↑ Ortega, I. "Iago Fernández inicia su carrera de líder con Agromando". distritojazz.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 05 de febreiro de 2023. Consultado o 2023-02-05.
- ↑ "Bio". iagofernandezz.com (en inglés). Consultado o 2023-02-05.
- ↑ "concertos". iagofernandezz.com (en inglés). Consultado o 2023-02-05.
- ↑ "Iago Fernández - Luzada". Blue Sounds (en inglés). Consultado o 2023-02-05.