Saltar ao contido

Hayasa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Hukkana»)

Hayasa foi un reino situado na rexión ao sur de Trebisonda, que algúns ven como o antecedente inmediato de Armenia (Hayastan). O reino era veciño de Azzi, na zona do lago Van (ver Urartu) e mesmo algúns pensan que Azzi e Hayasa eran o mesmo reino ou que Azzi só era unha parte del, que acadou a hexemonía na segunda metade do século –XIV. Ao sur tiña a Ishuwa ou Isuwa.

Tudhaliyas III estableceu a súa capital en Samuha, preto da fronteira de Hayasa sobre o -1370. Contra este país enviou ao seu fillo Suppiluliumas pero os habitantes refusaron o combate e, ao final, o príncipe foi contra as terras dos kaskas. Neste tempo o rei de Hayasa é mencionado como Karanni ou Lanni. Despois as fontes hititas mencionan como reis a Mariya (casado cunha princesa hitita e condenado a morte para romper o contrato matrimonial) e a Huqqana (casado cunha irmá de Suppiluliumas).

Sobre o último terzo do século -XIV "o señor de Azzi, Anniya, crese que creou unha confederación política dos pobos (prearmenios) da fronteira oriental dos hititas, e creara un reino que ía do río Iris (Ysehil Irmak) ao lago Van.

Mursilis II despois de derrotar a Pihhuniya, unificador dos kaskas, decidiu atacar a Anniya, señor de Azzi e Hayasa, pois aos seus dominios acolléranse algúns refuxiados hititas inimigos de Suppiluliumas I. Isto foi probabelmente o -1315 (segundo unha eclipse que puido ser datada). Mursilis esixiu a entrega dos exiliados e o retorno dos prisioneiros, e o rei Anniya, que non pensaba acceder, respondeu, sen esperar o inicio de hostilidades por parte dos hititas, cun ataque a Dankuwa, castelo raiano da Terra Alta Hitita e pediu o mesmo para Azzi (retorno de exiliados e prisioneiros). Na súa oitava campaña (noveno ano de reinado) Mursilis pasou por Ingaluwa (armenio Ankl) e atacou Ura, unha fortaleza de fronteira que pertencía a Anniya, seguramente na zona do lago Van. Este accedeu entón a retornar aos exiliados e prometeuno nunha carta, pero non puido cumprir coa promesa xa que seguramente os exiliados xa se puxeran a salvo noutros lugares ou morreran. Cando o incumprimento lle foi lembrado a Anniya, este alegou que tampouco Hatti cumprira coa entrega dos exiliados de Azzi ao reino hitita. Entón o rei hitita foi solicitado en Kizzuwatna polo "hepat" (sacerdote) de Kummani para celebrar un festival relixioso e deixou as operacións do norte a seu Xefe de Viños (un cargo da corte) Nuwanza e foise ao sur. Ao decatarse diso, Anniya aproveitou para atacar Istitina e Kannuwara; a primeira foi destruída pero a segunda resistiu o ataque e expulsou os atacantes que tiveron que cercala. O rei ordenou unha saída, pero Nuwanza, que pedira os augurios, non fixo o ataque porque os presaxios non serían favorábeis e informou disto ao rei. Para resolver as cousas o rei pediu novos auspicios sobre que facer en Kannuwara, e loxicamente estes serían agora favorábeis, e enviou ao príncipe Anana-ziti a Nuwanza para lle comunicar os novos augurios; Nuwana fíxo entón a saída e os asediantes serían derrotados, e un gran número morreu. Desde Karkemish Mursilis pasou ao norte, a Tegarama, pero xa a estación estaba avanzada e decidiu non atacar Azzi-Hayasa senón que retornou ao sur, a Harran, onde recolleu provisións, e despois pasou outra vez ao norte, máis ao leste, onde fixo algúns ataques antes de retornar a Hattusa.

Ao ano seguinte, na décima campaña, Mursilis volveu a Azzi-Hayasa; Anniya non quería facer fronte aos hititas en campo aberto e puxo á súa xente nas fortalezas máis inaccesíbeis: Mursilis só puido conquistar dúas fortalezas: Aripsa e Duskamma. Aripsa era a un promontorio rochoso no Mar Negro, e Duskamma non debía de estar moi lonxe, e cando coñeceu a conquista de Aripsa rendeuse voluntariamente. A campaña acabou sen unha vitoria decisiva.

Finalmente os anais abreviados de Mursilis din que na undécima campaña retornou a Azzi e "organizouno". Esta expresión significa que dominou o país e estruturouno administrativamente ou estableceu nel un novo rei vasalo. O nome de Hayasa non volve a aparecer.

Lista de reis

[editar | editar a fonte]