Historia de Madrid
Historia de Madrid | |
Mapa de 1888 | |
Historia | Madrid, Comunidade de Madrid |
Relacionados | |
Historia | Historia de España |
Os socalcos do río Manzanares foron habitados dende o paleolítico. En época romana o lugar era un cruceiro de camiños da Hispania peninsular e seica en época visigoda puido ter sido asento dun poboado, Matrice, no Arroio de San Pedro (hoxe Rúa Segovia).
Magerit
[editar | editar a fonte]Pero a fundación certa da futura capital foi musulmá, polo emir do califato de Córdoba Muhamed I entre 853 e 886. Como avanzada defensa de Toledo e base das razzias que os árabes facían en territorio cristián (a de Almanzor no 977 que saqueou Compostela), o emir mandou erixir enriba do barranco que domina o Manzanares (hoxe Pazo Real) unha almudayna (cidadela) cun Alcázar e recinto amurallado con tres portas que protexía a parte habitada ao sur, centrada arredor dunha mesquita. Foi nomeada Magerit [1].
No século X creceron arrabaldes polo sur (mozárabe) e leste (musulmán que constituía a medina, e que probablemente foi arrodeado dunha segunda muralla [2]). A rúa principal era a que transitaba, pasando xunto a mesquita, entre as portas da Vega e de Santa María e continuando na medina un eixo que co tempo será vertebral (Calle Mayor e Calle de Alcalá).
A vila medieval cristiá
[editar | editar a fonte]En 1085 Afonso VI conquista Toledo e Magerit pasa a ser unha vila cristiá. A mesquita conságrase coma Igrexa de Santa María (derrubada no século XIX para facer a Calle Mayor), e comézase a construír unha nova muralla con catro portas que englobe todo o casarío. Rematarase no século XIII cando novos arrabaldes arredor de parroquias creceron fóra das murallas xunto coas edificacións das ordes mendicantes [3]. Arrodeados dunha cerca, a comezos do século XVI o crecemento da vila fainos tan extensos coma o recollido dentro das murallas [4]. A Porta do Sol aparece xa no límite da Calle Mayor coma comezo dos camiños do leste (sinaladamente Alcalá).
Capital dos Austrias
[editar | editar a fonte]A importancia de Madrid foi crecendo dende o século XIV: situación nas vías pecuarias entre as dúas mesetas, representante nas Cortes de Castela que se reúnen tres veces na vila, independencia eclesiástica de Alcalá de Henares, coto de caza dos monarcas Trastámara.
Mesmo Carlos I comezou a remodelación e ampliación do vello Alcázar árabe en 1537. Pero a data decisiva da historia de Madrid foi 1561, cando Filipe II decide traslada-la corte dende Toledo (quizais por afastarse da influencia do poderoso arcebispo).
As consecuencias para a vila son espectaculares e inmediatas: de apenas 20.000h e 72Ha, a finais de século supéranse os 100.000h en 282Ha (179.000h en 1791). Inda que houbo plans para ordenar todo ese crecemento non se levaron adiante senón cativamente e a expansión, principalmente cara ó leste, fíxose de maneira un tanto anárquica e deslavazada [5].
O Alcázar convértese na residencia real e foco da corte e por extensión da cidade. Filipe II segue a remodelalo pero será cos seus sucesores cando rematen as obras máis significativas: no xa chamado Real Alcázar, a fachada sur renacentista (1610-36 [6]); a antiga praza do Arrabalde convertese na praza Maior da capital (1580-1619 [7]); derrúbase a muralla medieval e, en 1566, constrúese unha cerca que pronto queda superada polo que en 1625 se erixe unha nova que vai marcar os límites de Madrid ata o s.XIX. Fóra do recinto soamente fiscal aparecen residencias de lecer dos monarcas: Casa de Campo de Filipe II no oeste do río coa Ponte de Segovia e a rúa homónima polo medio; Palacio del Buen Retiro (1629-40, destruído na meirande parte na Guerra da Independencia, excepto o Casón del Buen Retiro e o Salón de Reinos) e xardíns xunto ao Monasterio de los Jerónimos no límite oriental da cerca, o futuro Paseo del Prado [8]. Esta foi a cidade que albergou o Siglo de Oro de Velázquez, Quevedo, Lope de Vega ou Góngora.
Carlos III e o Salón do Prado
[editar | editar a fonte]En 1734 un incendio destrúe o Real Alcázar. O primeiro monarca da nova dinastía Borbón, Filipe V, quere aproveitar o desastre para construír un novo pazo, e de paso facer de Madrid unha capital homologable ás das outras monarquías europeas (sinaladamente París). Entre 1738 e 1764 eríxese no miradoiro do Manzanares o Pazo Real. Respecto á cidade tratábase sobor de todo de adecuala coa ordenación de rúas e fachadas e dotala de servizos (pavimentado, rede de sumidoiros, alumeado, hospitais, cemiterios) e ornamento (paseos e parques, estatuas, fontes e monumentos). Con Carlos III, "o mellor alcalde de Madrid", o labor acada o seu cénit [9].
O seu proxecto fundamental dende o punto de vista urbano para a capital vai seres o chamado Salón del Prado (1767-84). Tratábase de converter a bagoada que marcaba o límite leste da cidade (Buen Retiro) nun paseo arborado (gran bulevar), ornado con fontes e edificios científicos públicos [10].
Dividido en tres seccións por glorietas con grandes grupos escultóricos (Cibeles, Neptuno), ao seu carón eríxense o Museo do Prado (de comezo Gabinete de Ciencias Naturais, 1786), o Xardín Botánico e o Observatorio Astronómico, todas obras do grande arquitecto neoclásico Juan de Villanueva. En perpendicular a este eixo, e no menos importante, a Calle de Alcalá [11], onde en 1769-78 levántase a Porta de Alcalá coma monumental entrada da cidade. A máis, en 1761 o rei mandara abrir ao público o Parque do Retiro, conformando así un conxunto que constituirá o corazón cívico, burgués e ilustrado da urbe ata hoxe.
Século XIX: Ensanche
[editar | editar a fonte]Na breve ocupación francesa Xosé I Bonaparte leva a cabo un programa de melloras que, na forma urbana, implican clarear o tecido histórico con novas prazas; a máis relevante, a Praza de Oriente ao leste do Pazo Real (deseño definitivo en 1844 co Teatro Real [12]). O ferrocarril chegou en 1851 con estacións en Atocha-Delicias e Norte.
Pero o pulo decisivo deste século vai ser o derrubamento da cerca que dende o século XVII constrinxía o crecemento da cidade. A presión da burguesía o logra en 1860, a vez que apróbase o Plan Castro de ensanche da capital. Inspirado no de Cerdà para Barcelona, soamente se aplicara con certo rigor no barrio de Salamanca (norte do Retiro) [13]. Coma arteria central cara ó norte estende o Salón do Prado (Paseo do Prado e Recoletos) co apuntamento do que será o Paseo da Castellana, configurando así a columna vertebral, o eixo norte-sur, da actual metrópole [14].
Onde o urbanismo madrileño levou a cabo unha experiencia innovadora foi no conxunto da Ciudad Lineal de Arturo Soria (1882-92). Como alternativa a cidade tradicional nuclear radioconcéntrica, propuña unha nova, articulada en lonxitude nun corredor central coas infraestruturas básicas, fundamentalmente o transporte público, e bandas residenciais aos lados estendéndose sen fin polo medio do territorio [15][16].
Século XX
[editar | editar a fonte]Unir os ensanches ao leste e oeste (Argüelles-Salamanca) cunha grande arteria que atravesara o centro histórico, alternativa á Calle Mayor e á Puerta del Sol, era unha preocupación da cidade levada a cabo no primeiro terzo do século XX. Abriuse así, cunha operación de cirurxía urbana no tecido existente, a Gran Vía, que pasou a se converteres na rúa principal de Madrid [17].
Neste contexto, o mapa de Madrid de 1930 [18] proporciona unha visión detallada da cidade durante este período de transformación. Xusto na zona noroeste máis aló de Argüelles, o rei Afonso XIII cedeu terreos da coroa (Moncloa) para o desenvolvemento da Cidade Universitaria (1927)[19].
A inmigración comezaba a asentárense na periferia dos ensanches, en barriadas populares sen planificación, case que duplicando a poboación da capital ata acadar o millón de habitantes antes da guerra civil española. Xa en 1919 inaugurouse a primeira liña do metro dando cobertura de transporte de masas a todo ese crecemento.
Nos seguintes plans de extensión, coa contenda española polo medio, insistiuse no desenvolvemento de Madrid cara ao norte continuando o Paseo da Castellana [20]. Primeiro demolendo o hipódromo que o atrancaba (onde levantáronse os Nuevos Ministerios republicanos [21]), e despois con actuacións que o enriquecían (complexo Azca de oficinas [22]) e prolongaban (Porta de Europa ou as Catro Torres recentemente terminadas [23][24]). Mesmo está en marcha un ambicioso plan arredor da estación de Chamartín e que inclúe un novo alongamento da Castellana [25].
Fora da cidade burguesa, nos anos do desarrollismo franquista a inmigración do rural continuou a ser dramática e desorganizada, encamiñada novamente a poboados de infravivenda ou chabolistas periféricos ata que comezou a construción de barriadas de vivendas sociais e o desenvolvemento dunha coroa de municipios (cidades-dormitorio) que foron conformando a área metropolitana da urbe actual.
Na democracia Madrid ten axeitado sobor de todo as súas grandes infraestruturas (autovías e autoestradas de circunvalación e radiais; trens de proximidades, metropolitano e de alta velocidade; aeroporto).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Planta de Magerit no século X
- ↑ Probable traza dunha segunda muralla musulmá na medina[Ligazón morta]
- ↑ Planta de Magerit na muralla cristiá dos s.XII-XIII cos novos arrabaldes [1]
- ↑ "Plano de Madrid na primeira metade do s.XVI". Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2002. Consultado o 10 de marzo de 2002.
- ↑ Esquema do crecemento urbano ata 1600 coas rúas principais
- ↑ Detalle do Plano de Texeira entre o Real Alcázar e a Ponte de Segovia sobor do Manzanares [2] Arquivado 21 de xuño de 2008 en Wayback Machine.
- ↑ "Idem centrado na Praza Maior". Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2010. Consultado o 03 de decembro de 2009.
- ↑ "Idem co borde leste da cidade". Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2010. Consultado o 03 de decembro de 2009.
- ↑ Plano das actuacións urbanas no século XVIII
- ↑ Detalle dun plano de 1785 coa zona do Salón do Prado e Retiro
- ↑ Vista da Rúa de Alcalá en 1750, antes do proxecto do Salón do Prado [3]
- ↑ Planta da Praza de Oriente nun plano de 1872
- ↑ Plan Castro para o ensanche de Madrid, 1860
- ↑ Plano de Madrid, 1901
- ↑ "Páxina cun resumo do proxecto da Cidade Lineal". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2014. Consultado o 07 de decembro de 2009.
- ↑ Situación do proxecto da Cidade Lineal respecto ao Retiro-Castellana [4]
- ↑ Vista satelital da zona da Gran Vía entre a Rúa de Alcalá e a futura Praza de Eapaña (1950) [5]
- ↑ Madrid Mapa de Madrid de 1930
- ↑ Plano coa Cidade Universitaria e o Parque do Oeste no sector noroccidental de Madrid [6]
- ↑ Mapa de madrid, 1944
- ↑ Vista de conxunto da ampliación da Castellana cos Novos Ministerios en construción, a continuación o soar do complexo Azca, o Bernabeu a dereita e ao fondo a futura Plaza de Castilla [7]
- ↑ Vista xeral do complexo Azca
- ↑ "Os últimos rañaceos de Madrid". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2014. Consultado o 09 de decembro de 2009.
- ↑ "Idem". Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2014. Consultado o 09 de decembro de 2009.
- ↑ Perspectiva de futuro da Operación Chamartín