Historia de Escocia
Historia de Escocia | |
Mapa do Reino de Escocia de c. 1894 | |
Historia | de Escocia |
Categoría | Historia de Escocia |
Relacionados | |
Historia | Historia do Reino Unido |
A historia de Escocia abrangue a historia de Escocia e a dos seus estados predecesores. A do Reino de Escocia e posteriormente a do país escocés, un dos países que integrou e integra o Reino Unido. Así pois, e aínda que a data inicial do que pode considerarse Escocia cunha continuidade histórica está en disputa, podería remontarse ata os séculos IX ou X, e de aí ata os nosos días.
Historia do territorio
[editar | editar a fonte]A maior parte do territorio de Escocia ocupa terreos ermos e improdutivos. Isto débese a varios factores, pero fundamentalmente de relevo e climáticos. Só o 40% da superficie de Escocia se atopa por baixo dos 150 metros de altitude, e ata un 30% está por riba dos 300 metros[1]. A altitude, sumada á súa latitude próxima do círculo polar, dificulta a presenza de cultivos agrícolas. Ademais, o solo é formado maioritariamente por arxila e xisto, de maneira que as terras baixas son ermos pantanosos e ácidos. Climaticamente, aínda que se beneficia do impacto benévolo da Corrente do Golfo, particularmente no oeste da illa, os seus invernos son fríos, as nevaradas comúns, e os veráns curtos e chuviosos.
Estes factores fixeron que o territorio e a poboación que o ocupaba no Reino de Escocia estivese ao longo da historia no límite da sostibilidade. Isto é especialmente así entre o século XIII e o XIXI, durante a Pequena Idade de Xeo: neses séculos a temperatura de Europa arrefriou considerablemente, moveuse cara ao sur a liña de xeos perpetuos, aumentaron as nevaradas e os veráns acurtáronse aínda máis. Ademais, por volta de 1500 o proceso de deforestación que se iniciara no Neolítico foi substancialmente consumado e en paralelo, o da extinción de especies que vivían nese ecosistema: os alces extinguíronse na Idade de Ferro, os uros na Idade de Bronce, o oso a principios da Idade Media, o xabaril e o lince ata o século XIII e o castor ata o XVI. A finais do XVII os humanos acabaron cos últimos exemplares de lobo e un século máis sobreviviu a pita do monte.
Con todo, ese período de seis séculos denominado Pequena Idade de Xeo non foi uniforme para Escocia. O século XIV e o XV viviron décadas de fame en Escocia, pero a primeira metade do século XVI foi tan tépeda como a primeira metade do século XX. O apoxeo da friaxe acadouse no resto do XVI e no XVII, con períodos especialmente terríbeis nas décadas de 1560, 1590 e 1620. E aínda que houberon anos máis benignos nas décadas de 1650 e 1660, os anos definidos polo Mínimo de Maunder (escasa actividade solar e arrefriamento entre (1645 e 1715) causou efectos devastadores[2]. No século XVII, a temperatura do Atlántico Norte era uns 5º máis baixa cá actual, mentres que a temperatura en terra era 1.5 ou 2º menos de media cá actual. A época de cultivo agrícola puido chegar a ser ata cinco semanas máis curta do que é agora.[3]. Ese período de friaxe veu acompañada de importantes treboadas e temporais, con treboadas de area que modificaron o perímetro costeiro de Escocia en numerosos puntos. O impacto da friaxe foi maior na Terra Alta escocesa do que na Baixa. Particularmente nesas zonas a poboación sufría crises que a desmaban.
A partir de 1760 a vida dos humanos empeza a mellorar: as condicións climáticas que permiten aumentar a produción de avea e de orxo nas zonas de pouca altitude, a introdución da pataca e o aproveitamento dos recursos mineiros, fai posible que a poboación medre de forma constante. Con todo, ese crecemento non é homoxéneo en todo o territorio, e grandes áreas rurais comezan a despoboarse, ben polo proceso político das clearances, ben porque as condicións comparadas da vida se fan máis insostibles. É o caso da illa de Santa Kilda, que foi evacuada pola súa miseria en 1930, logo de dous milleiros de anos de ocupación humana.
O crecemento da poboación, e sobre todo a súa concentración nas cidades de Edimburgo, Glasgow e Dundee provocou grandes alteracións ecolóxicas. Os detritos afectaron severamente os cultivos pesqueiros e marisqueiros, e acabaron coa ostra do estuario do Forth; pero tamén o fume das fábricas foi o responsable da morte, só en 1909 de 1603 persoas en Glasgow[4]. En 1750 xa só o 10% do territorio escocés conservaba bosques, pero a partir deses anos ademais intensifícase a práctica da queima de monte baixo para a súa transformación en prado co que alimentar o gando, especialmente as novas razas de ovella: a cheviot e a cabecinegra escocesa. Só a caza, que empeza a desenvolverse como actividade deportiva no século XIX frea a conversión do terreo en prado, e mantén a existencia de bosque e de monte baixo nalgunhas áreas setentrionais de Escocia; ao mesmo tempo, condena á extinción algunhas especies particularmente de aves de rapina e de mustélidos. Con todo a grande extinción non se produce en terra, senón no océano, onde a mellora das técnicas de pesca e a incorporación dos motores de vapor levou a que a produtividade, por exemplo, no Mar do Norte sexa na actualidade a décima parte da que podía ser en 1883[5], ou a que na década de 1970 comezasen as paradas biolóxicas con peches das pesquerías de arenque ás veces durante anos enteiros.
Ao longo do século XX, porén, algunhas destas tendencias mudaron: dende a reintrodución de especies, como a pita do monte, ata a reforestación contribuíron ao desenvolvemento da industria turística en Escocia: en 1960 só o 6% do territorio escocés era bosque, pero corenta anos máis tarde esa porcentaxe triplicárase (17%), en particular con coníferas alóctonas, como a picea e o alerce.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ B.M.S.Campbell, 'Benchmarking Medieval Economic Development:England, Wales, Scotland and Ireland c 1290'. Economic History Review, 61 (2008), 921.
- ↑ TC Smout, 'Land and Sea: The Environment', in Devine & Wormald The Oxford Handbook of Scotish Modern History, OUP, 2012, p. 21-22.
- ↑ TC Smout, 'Land and Sea: The Environment', in Devine & Wormald The Oxford Handbook of Scotish Modern History, OUP, 2012, p. 22.
- ↑ John Robert McNeill, Something New Under the Sun: An Environmental History of the Twentieth Century World, Norton&Co, Nova York, 2000, 63, 66, 70-1.
- ↑ Charles Clover, The End of the Line, Ebury Press, Londres, 2004, 54.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Escocia |