Saltar ao contido

Heteroconger

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Heteroconger

Heteroconger hassi
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Actinopterygii
Subclase: Neopterygii
Infraclase: Teleostei
Superorde: Elopomorpha
Orde: Anguilliformes
Suborde: Congroidei
Familia: Congridae
Subfamilia: Heterocongrinae
Xénero: Heteroconger
Bleeker, 1868 [1]
Especies
  • Véxase o texto

Heteroconger é un xénero de peixes angüiliformes da familia dos cóngridos que comprende varias especies, coñecidas como heterocongros, e que, xunto coas do xénero Gorgasia, constitúen a subfamilia dos heterocongrinos.

Son peixes moi semellantes ás anguías, das que se diferencian sobre todo por viviren enterrados na area ou na lama do fondo, do que sobresae só a cabeza e a parte anterior do tronco, e que viven xeralmente agrupados en colonias, polo que tamén reciben os nomes de anguías de xardín ou anguías tubícolas. Aliméntanse de plancto.

O xénero foi descrito por Bleeker no ano 1868.

Características e bioloxía

[editar | editar a fonte]

Anatomía

[editar | editar a fonte]

Corpo moi alongado e comprimido (miden aproximadamente 40 cm e son moi delgados). Cola moito máis longa que a cabeza e o resto do corpo. Aletas dorsal e anal que, ás veces, conflúen coa aleta caudal. Aletas pectorais ausentes ou vestixiais. Cabeza curta. Fociño moi curto. Boca curta e oblicua. Ollos grandes en comparación co seu corpo e olfacto débil debido ao seu diminuto nariz.[2]

Comportamento

[editar | editar a fonte]

Viven enterrados na area do fondo, e xeralmente só é visíbel a cabeza e a metade dianteira do tronco, pero se se molestan retíranse enteiramente no seu agocho. As anguías de xardín son tímidas cos outros animais e cos humanos, pero os machos son agresivos cos outros machos da súa especie. Cando se senten ameazadas, retírase ao seu tobo, e péchano cun bloque de moco para que os depredadores non poidan penetrar no seu fogar.[3]

Distribución

[editar | editar a fonte]

A maior parte das especies habitan na rexión Indo-Pacífica, pero tamén hai outras que viven nas augas tropicais e subtropicais de todo o mundo, especialmente nas partes máis cálidas do océano Atlántico (incluíndo o mar Caribe) e do Pacífico oriental.[2]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Os científicos aínda non coñecen a lonxevidade dos heterocongros en estado salvaxe. Son carnívoros e aliméntanse de plancto. Para buscar a comida válense sobre todo na vista, debido aos seus grandes ollos. Permanecendo no seu tobo, e movendo a cabeza, atrapan o plancto que chega á deriva debido ás correntes. reprodúcense sexualmente e presentan dimorfismo sexual. Na época da reprodución, sen saír do tobo, acércanse entre si, e os machos entrelázanse coa femia coa que queren aparearse, á que defenden ferozmente, mordéndolles a cabeza, e mesmo os ollos, aos outros pretendentes. Liberan os gametos na auga, onde os ovos se fecundan e quedan flotantes reuníndose na zona epipeláxica. Cando os ovos eclosionan, os heterocongros desenvolven as súas larvas flotando na auga e, cando son o suficientemente grandes, nadan até o fondo e escavan na area cadanseu tobo na periferia da colonia, que así vai medrando.[4]

Clasificación

[editar | editar a fonte]

Xénero Heteroconger Bleeker, 1868

Sinónimos:[1]
  • Nystactes Böhlke, 1957
  • Taenioconger Herre, 1923
  • Xarifania Klausewitz e Eibl-Eibesfeldt, 1959
  • Nystactichthys Böhlke, 1958

Especies [5]

  1. 1,0 1,1 Heteroconger Bleeker, 1868 no ITIS.
  2. 2,0 2,1 Discover Life (en inglés)
  3. Castle, P. H. J. & Randall, J. E. (1999): "Revision of Indo-Pacific garden eels (Congridae: Heterocongrinae), with descriptions of five new species". 0Indo-Pacific Fishes Núm. 30: 1-52, Pls. I-III.
  4. Froese, Rainer, e Daniel Pauly, eds. (2012): "Species of Heteroconger" in FishBase.
  5. Taxonomicon.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Eichler, Dieter e Robert F. Myers (1997): Korallenfische Zentraler Indopazifik. Hambueg: Jahr Verlag. ISBN 3-86132-225-0.
  • Nelson, Joseph S. (2006): Fishes of the World. John Wiley & Sons, Inc. ISBN 0-471-25031-7.
  • Patzner, Robert A. e Horst Moosleitner (1999): Mergus Meerwasser-Atlas Band 6. Melle: Mergus-Verlag. ISBN 3-88244-116-X.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]