Saltar ao contido

Hernán Núñez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaHernán Núñez

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1475 Editar o valor en Wikidata
Illescas, España Editar o valor en Wikidata
Morte1553 Editar o valor en Wikidata (77/78 anos)
Salamanca, España Editar o valor en Wikidata
Catedrático
Catedrático de universidade
Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor, tradutor da Biblia Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade de Alcalá (histórica) (pt) Traducir
Universidade de Salamanca Editar o valor en Wikidata
Membro de
AlumnosJerónimo Zurita y Castro Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1053003


Hernán Núñez de Toledo y Guzmán, nado en Valladolid en 1475 e finado en Salamanca en 1553, foi un latinista, helenista, paremiólogo e humanista español, tamén coñecido como o Comendador Griego, o Comendador Hernán Núñez, El Pinciano ou Fredenandus Nunius Pincianus.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Patriarca dos helenistas españois, aos quince anos entrou na Orde de Santiago. En 1490 logrou unha bolsa de estudos no Colexio Español de San Clemente de Boloña. De regreso a España en 1498, entrou como preceptor en casa dos Mendoza, en Granada. Antes terminou a súa glosa do Laberinto de Fortuna de Juan de Mena, que tivo dúas redaccións, a primeira en Sevilla (1499) e a definitiva, editada por Juan Varela, en Granada (1505), dedicada ao conde de Tendilla e da que houbo máis de quince edicións en poucos anos. Estudou en Granada linguas clásicas e semíticas (hebreo e árabe).

En 1508 recolleu e glosou en romance un bo número de refráns e adaxios, repertorio paremiolóxico que apareceu publicado por primeira vez en Sevilla, e posteriormente como Refranes o proverbios en romance (Salamanca, 1555), obra monumental non só pola súa extensión, xa que recolle non menos de oito mil quiñentos cincuenta e sete, senón tamén por comentalos sucintamente e por incluíren comparativamente refráns doutras linguas, na maioría romances: cataláns, galegos, portugueses, franceses, italianos, asturianos, latinos e máis gregos. Os refráns aparecen por orde alfabética todos xuntos con indicación da lingua, cando se trata dos refráns non casteláns. A obra estaba xa en imprenta cando morreu o seu autor en 1553; faltaba o prólogo, que foi redactado polo seu discípulo León de Castro, que non era partidario de escribilo en lingua vulgar. Parece que Juan Páez de Castro interveu na confección do refraneiro, pero a morte de Hernán Núñez non permitiu saber con certeza se foi coautor. A obra deixou pegada, foi reimpresa varias veces (con deturpacións debidas á censura dos refráns anticlericais e obscenos e con omisión de refráns estranxeiros); exerceu grande influencia nos paremiólogos posteriores, como Juan de Mal Lara, Gabriel Meurier, César Oudin, Gonzalo Correas e Lorenzo Palmireno. Os máis abundantes entre os refráns estranxeiros son os portugueses e italianos; para os franceses inspiraríase na obra de Caroli Bovili, Proverbiorum Vulgarium Libri Tres (1531) e para os italianos, na anónima Opera quale contiene le Dieci Tavole de proverbi (Torino, 1535). Entre as linguas peninsulares, hai 131 galegos, 104 cataláns, 53 asturianos, 25 aragoneses, e un vasco. A once dáselles forma ou orixe declarada grega ou latina.

En 1509 traduciu ao castelán a Historia de Bohemia de Enea Silvio Piccolomini. Con finalidade didáctica apareceu en 1519 a edición, con texto grego e latino, da epístola Aos mozos cristiáns de San Basilio, por el preparada. Reclamouno o Cardeal Gonzalo Ximénez de Cisneros como censor da súa imprenta de Alcalá de Henares e alí traballou na versión latina do texto grego dos Setenta para a famosa Biblia Políglota, sendo nomeado moi logo catedrático de Retórica da Universidade Complutense recentemente fundada. Sucedeu a Demetrio Ducas na cátedra de grego da mesma universidade a partir de 1519. Desde entón asinou como "Hernán Núñez" e "Comendador Grego" ou, en latín, "Fredenandus Nunius Pincianus". Durante a Guerra das Comunidades de Castela púxose do lado dos comuneiros salvándose milagrosamente da lista de proscrición publicada despois da batalla de Villalar. Pasou tamén por dificultades a causa da súa filiación ideolóxica erasmista, de forma que houbo de deixar a Universidade de Alcalá e marchar a Salamanca, onde, ao irse Antonio de Nebrija, foi nomeado catedrático de grego en 1523.

En 1527 engadiu a Retórica ao ensino do grego e explicou maxistralmente a Plinio o Vello. Destacou polos seus traballos de crítica textual sobre pasaxes de Teócrito e Séneca, e especialmente polas súas notas a Pomponio Mela e Plinio o Vello, sobre os cales redactou unhas Castigationes in Pomponium Melam e unhas Observationes in C. Plinii Historiae Naturalis libros, aparecidas entre 1543 e 1545, declarándose, no prólogo das súas anotacións a Plinio, debedor dos traballos do humanista veneciano Ermolao Barbaro. Estudou taménlas obras de San Xerome. Ao cumprir os cincuenta anos de idade abandonou o ensino para se dedicar ao estudo.

Era xa famoso en Europa polas súas edicións de Séneca, Plinio e Pomponio Mela; vir diligentissimus et accuratissimus le llamó Rossbach. "Príncipe da filosofía peripatética, a ninguén inferior na máis recóndita noticia das letras gregas e latinas", dixo de el Gaspar Scioppio; "o can dos gramáticos, que non perdoou ninguén", chamouno Justo Lipsio. "Ombre nascido para las letras y el saber", comentou sobre o valisoletano Hernando Alonso de Herrera. Xubilouse en 1548, mais parece que xa xubilado aínda ensinou hebreo na mesma universidade. Doou os seus libros á biblioteca da Universidade de Salamanca.

Hernán Núñez e a paremioloxía galega

[editar | editar a fonte]

A colección de refráns e proverbios do Comendador ten o interese de ser a primeira que aparece de refráns galegos, pois Núñez anotou cada un como tal, constituíndo un pedaciño, pola data, da tradición baixo-medieval de Galiza; mesmo para o portugués é a colección máis antiga. Foron de novo publicados a parte por Manuel Murguía en 1865, no tomo I da súa Historia de Galicia, aínda que usou unha pésima reedición feita en 1625. Con todo incluso no orixinal hai deficiencias. En 1955, don Fermín Bouza-Brey volveu sobre eles e fixo un pequeno estudo usando exemplares da edición príncipe, tentando restaurar os considerados como deturpados e glosándoos; esta selección contén só 118 refráns. Bouza infire, polas citas de lugares citados nos mesmos refráns (Cualedro, Nocedo, Monterrei, Castro Caldelas, Torbeo, A Cigarrosa, Cacabelos), que os informantes galegos de Núñez procedían basicamente de terras ourensáns.

  • Glosa sobre las Trezientas de Juan de Mena, Sevilla (1499) e Granada (1505).
  • L. Annaei Senecae Opera, Basilea, 1529. Con dez edicións ata 1627.
  • Observationes Fredenandi Pintiani in loca obscura et depravata Hist. Natur. C. Plinii, Salamanca, 1544.
  • Refranes o proverbios en romance que nuevamente colligió y glossó e comendador Hernán Núñez, professor eminentíssimo de Rhetórica y Griego en Salamanca. Vn puestos por la orden del A, b.c., Salamanca. Juan de Canova. 1555. Ha edición crítica moderna: Refranes o proverbios en romance (1555) de Hernán Núñez. Edición crítica. Madrid, Ediciones Guillermo Blázquez, 2001; 2 vols.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Juan Signes Codoñer, Carmen Codoñer Merino, Arantxa Domingo Malvadi, Biblioteca y epistolario de Hernán Núñez de Guzmán (El Pinciano). Una aproximación al humanismo español del siglo XVI, Madrid, CSIC, 2001.
  • Bouza-Brey Trillo, Fermín, El refranero gallego del comendador Hernán Núñez, primera colección paremiológica de Galicia (siglo XVI), in Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, t. XI, Madrid. 1955. Hai reedición deste traballo en Bouza-Brey, Fermín, Etnografía y Folklore de Galicia, II. Vigo. Edicións Xerais de Galicia. 1982 - ISBN 84-7507-090-6