Saltar ao contido

Helvecios

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Helvecio»)
Un mapa da Galia do século I d.C. mostrando a localización no norte alpino dos helvecios.

Os helvecios (Helvetii en latín) foron unha tribo celta, ou probablemente unha confederación de tribos celtas,[1] que vivían na zona comprendida entre o alto Rin, o Xura suízo, o lago de Xenebra e os Alpes. A finais do século II a.C. dominaban o territorio que se estendía desde o alto Rin e a Selva Negra até o río Main. Xulio César describiu a súa confrontación cos helvecios no seu De Bello Gallico.

Ao estar baixo presión das tribos xermánicas na súa terra natal, os helvecios cruzaron a Galia e procuraron unha nova terra ao norte do río Garona, coa tribo enteira baixo o mando de Orxetórix. Xulio César foi chamado polos galos da provincia da Galia Narbonense, que foran conquistados e organizados, para defenderse dos helvecios.

Xulio César entón mandou seis lexións que comprendían case 29 000 homes. Os helvecios, segundo Xulio César, tiñan preto de 370 000 persoas (incluíndo mulleres e nenos), pero só 110 000 homes capaces de loitar. Xulio César rapidamente recrutou dúas lexións máis descansadas.

Cando a tribo iniciou a súa marcha, Orxetórix morrera. Antes da partida, os helvecios queimaron os seus pobos e destruíron as plantacións e outros xéneros que non podían levar, para forzarse a non retroceder.

Atraídos por unha posición desvantaxosa cos romanos ocupando o terreo elevado próximo a Bibracte, os helvecios foron atacados polas forzas superiores romanas, que conseguiron matar aproximadamente un 60 % da tribo e capturar o outro 20 % como escravos. O que quedou dos helvecios foi empurrado de volta ás súas antigas terras de Helvecia.

No 52 a. C., 10 000 helvecios uníronse ás forzas de Vercinxetórix na súa tentativa de liberar a Galia dos romanos.

  1. Freeman, Philip. John T. Koch, ABC-CLIO, 2006, ed. Celtic Culture: A Historical Encyclopedia I. p. 901. ISBN 1-85109-440-7.