Harvey Milk
(1978) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (en) Harvey Bernard Milk 22 de maio de 1930 Woodmere, Estados Unidos de América (pt) |
Morte | 27 de novembro de 1978 (48 anos) San Francisco, Estados Unidos de América |
Causa da morte | homicidio, ferida por arma de fogo |
Lugar de sepultura | San Francisco Columbarium & Funeral Home (pt) |
Residencia | San Francisco |
Relixión | Xudaísmo |
Educación | Universidade do Estado de Nova York en Albany Bay Shore High School (en) |
Actividade | |
Ocupación | oficial da armada (1962–1964), Activista polos dereitos humanos, político, activista LGBT |
Período de actividade | 1951 - 1978 |
Partido político | Partido Demócrata |
Carreira militar | |
Rama militar | Armada dos Estados Unidos de América |
Rango militar | tenente junior |
Conflito | Guerra de Corea |
Cronoloxía | |
Moscone–Milk assassinations (en) | |
Premios | |
Descrito pola fonte | 40 LGBT qui ont changé le monde (en) |
Páxina web | harveymilk.com |
|
Harvey Bernard Milk, nado en Nova York o 22 de maio de 1930 e finado en San Francisco o 27 de novembro de 1978, foi un político e activista norteamericano, o primeiro político abertamente gai elixido para un cargo público en California. Milk trasladouse dende Nova York ata San Francisco no ano 1972, coincidindo cun aumento do colectivo gai no Distrito Castro. Axudouse do crecemento político e do poder adquisitivo deste distrito para promocionar os seus intereses, presentandose a un cargo público en tres ocasións. As súas campañas "teátricas" aumentaron a súa popularidade, sendo elixido para o posto de supervisor de distrito no ano 1977. Milk serviu case 11 meses neste posto e foi responsable da aprobación dunha rigorosa ordenanza municipal a prol dos dereitos dos gais. O 27 de novembro de 1978 Milk e o alcalde George Moscone foron asasinados por Dan White, outro supervisor que dimitira recentemente pero quería recuperar o seu posto de traballo.
Malia a súa curta carreira política Milk converteuse nunha icona en San Francisco e nun mártir para a comunidade gai. No ano 2002, Milk foi cualificado como o "funcionario LGBT máis famoso e significativamente aberto nunca elixido nos Estados Unidos".[1] Anne Kronenberg escribiu del: "O que diferenciaba a a Harvey de ti ou de min é que el era un visionario. Imaxinaba un mundo xusto na súa cabeza e entón dispoñíase a crealo na realidade, para todos nos".[2] Sobre a súa vida téñense escrito distintas obras, un extenso documental de televisión (The Times of Harvey Milk) e un filme (Milk) dirixido por Gus Van Sant, con Sean Penn no papel de Milk, estreado en 2008. O presidente Barack Obama impúxolle a título póstumo a medalla presidencial da liberdade o 12 de agosto de 2009.[3]
Xuventude
[editar | editar a fonte]Harvey Bernard Milk naceu en Woodmere, Long Island, o 22 de maio de 1930. Era o fillo máis novo de William e Minerva Karns Milk, xudeus de Europa Oriental, e neto de Morris Milk, un vendedor lituano propietario duns almacéns. A súa familia foi unha das que axudaron a organizar a primeira sinagoga na área.[4][5][6] De pequeno, mofábanse de Milk polas súas orellas prominentes, gran nariz e pés excesivamente grandes, e destacaba como burla da clase. Xogou ao fútbol americano na escola, onde tamén adquiriu paixón pola ópera. Descubriu a súa homosexualidade durante a adolescencia, aínda que a mantivo en segredo. Debaixo do seu nome, no anuario escolar lese: «Glimpy Milk —e din que as MULLERES nunca quedan sen palabras».[nota 1][7]
Milk estudou no Bay Shore High School de Bay Shore até 1947. Dende ese ano ata 1951 asistiu ao New York State College for Teachers en Albany (posteriormente Universidade de Albany) e especializouse en matemáticas. Escribiu para o periódico universitario e obtivo reputación de estudante simpático e sociable. Ningún dos seus amigos durante os seus estudos secundarios ou na universidade sospeitaron da súa homosexualidade. Un compañeiro de clase lembra: «Nunca se pensou del como un posible marica —así os chamábamos daquelas—, era un machote». Tras graduarse, Milk alistouse na Mariña dos Estados Unidos durante a Guerra de Corea. Serviu a bordo do barco de rescate submarino USS Kittiwake como oficial de mergullo. Máis tarde foi transferido á Base Naval de San Diego para traballar como instrutor de submarinismo.[6] En 1955 foi licenciado co rango de tenente con grao júnior.[nota 2]
Primeiros traballos
[editar | editar a fonte]Os primeiros anos da carreira profesional de Milk estiveron marcados por constantes cambios. Comezou dando clases na George W. Hewlett High School de Long Island. En 1956 coñeceu a Joe Campbell na praia Jacob Riis Park, un lugar popular entre os homes gais de Queens. Aínda que Campbell era sete anos máis novo, Milk perseguiuno con loucura. Mesmo despois de que se fosen vivir xuntos, escribíalle a Campbell notiñas e poemas románticos.[8] Ao pouco tempo fóronse da cidade e decidiron trasladarse a Texas; pero sentíronse infelices alí e decidiron regresar a Nova York, onde Milk conseguiu un traballo como actuario estatístico nunha compañía de seguros. Campbell e Milk separáronse logo de tras case seis anos xuntos, finalizando a que sería a súa relación máis duradeira.
Inicialmente, Milk intentou separar a súa vida amorosa do seu traballo e da súa familia. Aburrido de novo e solteiro en Nova York, pensou en trasladarse a Miami e casar cunha amiga lesbiana para «gardar as aparencias, sen que ningún dos dous se interpuxese no camiño do outro».[nota 3]. Mais permaneceu en Nova York e seguiu tendo relacións homosexuais en segredo. En 1962 relacionouse con Craig Rodwell, dez anos máis novo que el. A pesar de que Milk andou detrás de Rodwell con paixón, despertándoo cada mañá cunha chamada e mandándolle notiñas, viuse desanimado pola participación deste na Mattachine Society de Nova York, unha organización activista gai. Rodwell foi arrestado por andar por Riis Park, acusado de incitar a disturbios e por exhibición indecente (a lei obrigaba a que os bañadores masculinos cubrisen desde por encima do embigo até por debaixo do papo da perna) e pasou tres días no cárcere. A relación rematou cando Milk se mostrou alarmado ante a tendencia de Rodwell a perturbar a policía.[9]
De repente Milk deixou de traballar como vendedor de seguros e fíxose investigador na compañía Bache & Company de Wall Street. Foi ascendido varias veces, a pesar da súa tendencia a ofender os membros máis vellos da compañía, ignorando as súas recomendacións e facendo ostentación do seu éxito. Aínda que era bo no que facía, os seus compañeiros sentían que o seu corazón non estaba no traballo.[5]
Daquelas comezou unha relación sentimental con Jack Galen McKinley, a quen recrutou para participar na loita contra a crecente presenza do Estado na economía e animouno para que traballase na campaña presidencial de 1964 do republicano conservador Barry Goldwater.[10] A súa relación foi problemática, pois McKinley tiña tendencia á depresión e ameazaba a miúdo con suicidarse se Milk non lle prestaba suficiente atención.[11] Para ensinarlle as consecuencias do que pretendía, Milk levouno ao hospital onde o seu ex amante, Joe Campbell, se estaba recuperando dun intento de suicidio. Campbell intentara quitarase a vida despois de que a súa parella —un home chamado Billy Sipple— o abandonase. Milk mantivera a amizade con Campbell, que agora pertencía á escena artística e vangardista do Greenwich Village, e non entendía como o seu desalento fora razón suficiente para considerar o suicido como opción.[12]
Traslado a San Francisco
[editar | editar a fonte]A rúa Castro
[editar | editar a fonte]O val de Eureka en San Francisco, na intersección das rúas Castro e Market, fora durante décadas unha veciñanza de católicos irlandeses de clase traballadora, ligados á parroquia Most Holy Redeemer que se encontraba na área. Mais a comezos da década do 1960, os arrabaldes de Berkeley e Oakland (cidades as dúas do condado de Alameda, en California) atraeron a familias novas con fillos a medida que se erosionaba a base económica da cidade debido a que as fábricas se ían desprazando a lugares máis baratos. O alcalde Joseph Alioto, orgulloso de provir da clase traballadora ao igual que os seus seguidores, baseou a súa carreira política en atraer promotores inmobiliarios e a un cardeal á cidade. Moitos dos traballadores de fábricas —a miúdo partidarios de Alioto— perderon o seu traballo conforme as grandes compañías de servizos substituían as fábricas e os diques secos. San Francisco fora «unha cidade de aldeas»: unha cidade descentralizada con enclaves étnicos, cada un arredor da súa propia rúa principal.[13] Segundo se desenvolvía o centro, os barrios sufrían, incluíndo a rúa Castro.[14] As tendas da parroquia Most Holy Redeemer cerraron e as casas foron abandonadas.[15] En 1963 os prezos da vivenda caeron en picado cando a maioría das familias de clase traballadora intentaron vender rapidamente as súas casas, logo de que un bar gai abrira no barrio. Algúns hippies, atraídos desde a área Haight-Ashbury polos ideais do amor libre, pero que fuxían da alta criminalidade, compraron baratas algunhas das casas vitorianas.
Desde finais da segunda guerra mundial, San Francisco, un dos maiores portos de EUA, era lar dun número considerable de homes homosexuais expulsados do exército e que decidiran morar alí, en vez de retornar ás súas casas e enfrontarse ao ostracismo.[16] En 1969 San Francisco tiña máis gais per cápita que calquera outra cidade norteamericana. Cando o National Institute of Mental Health lle pediu ao Kinsey Institute que fixese un estudo sobre os homosexuais, o Kinsey Institute escolleu San Francisco como foco.[17] Milk e McKinley estaban entre os miles de homosexuais atraídos a San Francisco. McKinley era director de escena de Tom O'Horgan, un produtor que empezara a súa carreira no teatro experimental, pero que logo pasou a realizar producións moito maiores en Broadway. Milk e McKinley chegaron en 1969 coa compañía que estaba facendo unha xira co musical Hair. A súa tempestuosa relación rematou cando a McKinley lle ofreceron traballo na cidade de Nova York para traballar na produción de Xesucristo Superstar. Milk, pola súa parte, decidiu quedar, atraído grandemente pola cidade e traballando nunha empresa de investimento. En 1970, cada vez máis frustrado co clima político trala invasión de Camboxa polos Estados Unidos, empezou a deixar o pelo longo. Cando se lle indicou que tiña que cortalo, negouse e foi despedido.[18]
Milk desprazouse á deriva desde California a Texas e Nova York, sen traballo estable nin plan. En Nova York traballou para a compañía de teatro de O'Horgan como «axudante xeral», asinando como socio produtor nas obras Lenny e Inner City de Eve Merriam.[19][20] O tempo que pasou cos actores hippies, os «fillos das flores», borrou gran parte do seu conservadorismo. Un artigo do New York Times sobre O'Horgan describíao como «un home de ollos tristes —outro hippie envellecendo co pelo longo, vaqueiros desgastados e bonitos abelorios—».[20] Craig Rodwell leu a descrición do home que anteriormente era tan pudoroso, e preguntouse se podía ser a mesma persoa.[21] Un dos amigos de Wall Street de Milk preocupouse por el porque parecía perdido, sen futuro, pero recordaba a súa actitude: «Creo que era máis feliz que en calquera outra ocasión na que o vira durante a súa vida».[21]
Milk coñeceu a Scott Smith, 18 anos máis novo que el, e empezou outra relación sentimental. Smith e el, indistinguibles doutros hippies de cabelos longos e barbas, volveron a San Francisco e viviron do diñeiro que tiñan aforrado.[21] Cos seus últimos 1.000 dólares abriu unha tenda de cámaras de fotos na rúa Castro, chamada Castro Camera.[22]
Cambios políticos
[editar | editar a fonte]A finais da década de 1960, a Society for Individual Rights (SIR; Sociedade polos dereitos individuais) e a Daughters of Bilitis (DOB) comezaron a traballar contra a persecución policial en bares gais e as «trampas»[nota 4] policiais en San Francisco. O sexo oral aínda era un delito e en 1940 case noventa persoas foran arrestadas na cidade por facelo. Algúns homes, que non querían ser arrestados nun bar gai e vendo que serían desafiuzados se eran atrapados tendo sexo nun apartamento alugado, recorreron ao sexo en parques, de noite. O alcalde Alioto pediulle á policía que se encargase dos parques, esperando que a súa decisión agradara á arquidiocese e aos seus seguidores católicos. En 1971, 2.800 homes gais foran arrestados en San Francisco por ter sexo en público. En comparación, na cidade de Nova York só se rexistraran 63 detencións polo mesmo delito.[23] Calquera arresto por un delito moral requiría o rexistro como un delincuente sexual.[24]
O deputado Phillip Burton, o congresista Willie Brown e outros políticos de California, recoñecían a crecente influencia e número de organizacións de homosexuais da cidade e pedían os seus votos asistindo ás reunións que estas organizaban. Brown meteu presión para a legalización do sexo voluntario entre adultos en 1969, pero fracasou.[25] A SIR tamén foi cortexada pola supervisora moderada Dianne Feinstein, no seu intento de converterse en alcaldesa fronte a Alioto. O expolicía Richard Hongisto traballou dez anos para cambiar o punto de vista conservador do departamento de policía de San Francisco e tamén apelou activamente á comunidade gai, que respondeu reunindo unha cantidade significativa de diñeiro para a súa campaña para sheriff. A pesar de que Feinstein non obtivo éxito, a vitoria de Hongisto en 1971 mostrou o poder político da comunidade gai.[26]
A SIR convertérase no suficientemente poderosa como para manobrar politicamente. En 1971 os membros da SIR, Jim Foster, Rick Stokes, e o editor de The Advocate David Goodstein, formaron o Alice B. Toklas LGBT Democratic Club, coñecido simplemente como Alice. Alice ligou lazos con políticos liberais para persuadilos de patrocinar proxectos de lei, obtendo éxito en 1972 cando Del Martin e Phyllis Lyon obtiveron o apoio de Feinstein para unha ordenanza que prohibía a discriminación no ámbito laboral con base na orientación sexual. Alice elixiu a Stokes para presentarse por un posto de relativamente pouca importancia no consello universitario da comunidade. A pesar de que Stokes recibiu 45.000 votos, mantívose tranquilo, sen pretensións e non gañou.[27] Foster, non obstante, chegou á fama no ámbito federal ao ser o primeiro home abertamente gai en dirixirse a unha convención política. O seu discurso na Convención Nacional Demócrata de 1972 garantiu que a súa voz, de acordo cos políticos de San Francisco, fora escoitada cando se requirían opinións e especialmente os votos da comunidade gai.[28]
Un día de 1973 un burócrata do estado entrou na tenda de Milk, Castro Camera, informándoo de que debía cen dólares como depósito polo imposto de venda estatal. Milk amosouse desconfiado e acabou a berros co home defendendo os dereitos dos comerciantes. Despois de queixarse durante semanas nas oficinas do estado, o depósito reduciuse a 30 dólares. Milk estaba indignado polas prioridades que parecía ter o goberno, cando un profesor entrara na súa tenda para pedir prestado un proxector porque o equipamento da escola non funcionaba. Algúns amigos recordan que pola mesma época tiveron que evitar que Milk lle dese unha patada ao televisor, mentres o Fiscal Xeral dos Estados Unidos, John N. Mitchell, respondía de forma consistente un «non me lembro» durante o interrogatorio do comité do senado da investigación do escándalo Watergate.[29] Milk decidiu entón que chegara o momento de presentarse a supervisor da cidade.[nota 5] Máis tarde comentou: «Finalmente chegou o punto no que sabía que tiña que implicarme ou calar».[30]
Campañas
[editar | editar a fonte]A recepción de Milk na orde política gai establecida en San Francisco foi xélida. Jim Foster, que nesa época xa levaba activo na política gai dez anos, tomou a mal que un acabado de chegar lle pedise apoio para unha posición tan prestixiosa como a de supervisor da cidade. Foster díxolle a Milk: «Hai un antigo dito no Partido Demócrata. Non bailas, a non ser que coloques as cadeiras. Eu a ti nunca te vin colocar as cadeiras».[32] Milk anoxouse por este desaire condescendente e a conversación marcou o inicio dunha relación antagónica entre Alice e Milk. Algúns donos de bares, aínda loitando contra o acoso policial e descontentos co que consideraban unha estratexia tímida de Alice para establecer a súa autoridade na cidade, decidiron apoiar a Milk.[33]
A pesar de ter levado unha vida á deriva até ese momento, Milk encontrou a súa vocación: segundo a xornalista Frances FitzGerald, era un «político nato».[13] Ao principio notábase a súa inexperiencia. Intentou facelo sen diñeiro, nin apoio nin persoal, e no seu lugar confiou na súa mensaxe de xestión financeira conservadora, apoiando aos individuos fronte ás grandes corporacións e ao goberno.[13] Apoiou a reorganización das eleccións a supervisor, mudar unha única votación para toda a cidade a votacións por diferentes distritos, o que reduciría a influencia do diñeiro e daría aos barrios máis control sobre os seus representantes no goberno local. A súa plataforma tamén era liberal en temas sociais, pois opoñíase á interferencia gobernamental en asuntos referentes á vida sexual privada, como tamén apoiaba a legalización da marihuana.
Os ardentes e extravagantes discursos de Milk e o seu intelixente manexo dos medios de comunicación valéronlle unha boa cobertura na prensa durante as eleccións de 1973. Milk obtivo 16.900 votos, arrasando no distrito do Castro e outros barrios liberais, conseguindo o décimo posto de 32 candidatos.[34] Se se tivesen reorganizado as eleccións para permitir aos distritos escoller os seus propios representantes, tería sido supervisor.[35]
«Alcalde da rúa Castro»
[editar | editar a fonte]Milk mostrou afinidade en facer coalicións desde o principio da súa carreira política. A Irmandade Internacional de Camioneiros quería facer folga contra os distribuidores de cervexa, que rexeitaban a sinatura dun acordo. Un dos organizadores pediulle a Milk axuda nos bares gais; a cambio, Milk pediulle á Irmandade que contratase máis condutores homosexuais. Uns días máis tarde, Milk fixo campaña nos bares do distrito de Castro e dos arredores, animándoos a que se negasen a vender cervexa. Coa axuda dunha coalición de tendeiros árabes e chineses, que os camioneiros tamén lograran convencer, o boicot tivo un éxito inmenso.[36] Milk conseguiu un aliado político forte e foi máis ou menos nesta época cando empezou a chamarse «o alcalde da rúa Castro».[37] Á vez que ía medrando a rúa Castro, facíao tamén a reputación de Milk. Tom O'Horgan comentou: «Harvey pasou a maior parte da súa vida buscando un escenario. Na rúa Castro finalmente atopouno».[22]
As tensións entre os cidadáns de máis idade da parroquia Most Holy Redeemer e a inmigración de gais cara ao distrito de Castro chegaron ao seu máximo en 1973, cando dous homosexuais intentaron abrir unha tenda de antigüidades e a Eureka Valley Merchants Association (EVMA; «Asociación de comerciantes do val de Eureka») intentou impedir que conseguisen a licenza de apertura. Milk e outros poucos donos de comercios fundaron entón a Castro Village Association («Asociación do Pobo do Castro»), con Milk como presidente. Milk repetía a miúdo o seu lema de que os gais debían mercar en tendas gais. Tamén organizou a Feira da rúa Castro en 1974 para atraer máis clientes á área.[38] Máis de 5.000 persoas asistiron e algúns dos membros do EVMA quedaron atónitos: vendérase máis na Feira da rúa Castro que en calquera outro día.[39]
Candidato firme
[editar | editar a fonte]Aínda que facía pouco que vivía no distrito de Castro, Milk demostrou o seu liderado na pequena comunidade. Estaba empezando a ser tomado en serio como candidato e decidiu volver a presentarse para supervisor en 1975. Reconsiderou a súa proposta e cortou o cabelo, abandonou a marihuana e xurou non volver a pisar outra sauna gai.[40] A campaña de Milk obtivo o apoio dos camioneiros, dos bombeiros e dos sindicatos da construción. Castro Camera converteuse en centro de actividade do barrio. Milk tomaba a miúdo persoas da rúa para que traballasen na súa campaña. Moitos souberon despois de que simplemente foran escolleitos porque eran o tipo de home que el consideraba atractivo.[41]
Milk favorecía o pequeno comercio e o crecemento dos barrios.[42] Desde 1968, o alcalde Alioto estivera atraendo a grandes corporacións á cidade, o que os críticos chamaban a «Manhatanización de San Francisco».[43] Conforme os traballos nas fábricas ían sendo substituídos pola industria de servizos, a debilitada base electoral de Alioto permitiu a entrada por votación dunha nova alcaldía na cidade: George Moscone foi elixido alcalde. Moscone tivera un papel decisivo na derrogación da lei de sodomía na Lexislatura Estatal de California a principios dese ano, e recoñeceu a influencia de Milk na súa elección visitando a oficina electoral deste a noite das eleccións, dándolle as grazas persoalmente e ofrecéndolle un posto como comisionado da cidade. Milk conseguiu o sétimo posto nas eleccións de 1975, a só unha posición de obter o posto de supervisor.[44] Políticos liberais conseguiron os postos de alcalde, fiscal do distrito e sheriff.
A pesar do novo goberno da cidade, aínda existían baluartes conservadores. Un dos primeiros actos de Moscone como alcalde foi nomear un novo xefe do Departamento de policía de San Francisco. Elixiu a Charles Gain, en contra dos desexos do corpo policial. Á maioría dos membros do departamento non lle gustaba Gain por ter criticado a policía na prensa, acusándoa de ser pouco sensible aos asuntos raciais e por abusar do alcol durante o servizo, no canto de traballar desde as estruturas de mando para cambiar as actitudes.[nota 6] A petición do alcalde, Gain deixou claro que os oficiais de policía gais serían benvidos no departamento; isto converteuse en noticia no ámbito nacional. Os policías baixo as súas ordes expresaron o seu odio por el e polo alcalde por telos traizoado.[45]
«Cousas heroicas»
[editar | editar a fonte]O papel de Milk como representante da comunidade gai de San Francisco medrou en importancia durante este período. O 22 de setembro de 1975 o presidente Gerald Ford, nunha visita a San Francisco, ía da entrada dun hotel ao seu coche. Desde a multitude, unha muller chamada Sara Jane Moore sacou unha pistola e dispúxose a dispararlle. Un ex marine que camiñaba por alí agarrouna polo brazo mentres se descargaban as balas da arma no chan.[46][47] O transeúnte era Oliver «Bill» Sipple, o home que abandonara anos antes ao ex mozo de Milk, Joe Campbell. Sipple, de baixa psiquiátrica no exército e que vivía no sórdido barrio de Tenderloin,[48] inmediatamente converteuse en personaxe da prensa nacional. Sipple rexeitaba considerarse un heroe e non quería que se divulgase a súa sexualidade. Milk viuno como unha oportunidade para fortalecer o seu argumento de que a percepción pública acerca dos homosexuais melloraría se estes saísen do armario. Comentoulle a un amigo sobre o asunto: «É unha oportunidade demasiado boa. Por unha vez podemos demostrar que os gais fan cousas heroicas, non só toda esa merda de abusar de nenos e pasar o tempo en saunas»;[49] e púxose en contacto cun xornal.[50]
Varios días máis tarde, Herb Caen, un columnista do San Francisco Chronicle, revelou a homosexualidade de Sipple, ademais da súa relación con Milk. O anuncio foi recollido polos periódicos no ámbito federal e o nome de Milk foi incluído en moitos artigos. A revista Time referiuse a el como un líder da comunidade gai de San Francisco.[48] Sipple foi asediado polos xornalistas, ao igual que a súa familia. Súa nai, unha acérrima baptista de Detroit, negouse a falar co seu fillo. A pesar de que estivera involucrado na comunidade homosexual durante anos, participando incluso na marcha do orgullo gai, Sipple denunciou o Chronicle por invasión da súa privacidade.[51] Máis tarde, o presidente Ford mandoulle unha nota de agradecemento por terlle salvado a vida.[50] Milk afirmou que a orientación sexual de Sipple foi a razón pola que só recibira unha nota, e non unha invitación á Casa Branca.[50][nota 7]
Carreira para a asemblea estatal
[editar | editar a fonte]Cumprindo a promesa que lle fixera a Milk, o novo alcalde George Moscone nomeouno parte do Board of Permit Appeals («Consello de apelación de permisos») en 1976, converténdoo no primeiro comisionado municipal abertamente gai de Estados Unidos. Mais Milk aspiraba a obter un posto na Asemblea Estatal de California. O distrito estaba fortemente ao seu favor, xa que se compoñía principalmente polas veciñanzas que arrodeaban a rúa Castro, onde votaban os seus simpatizantes. No seu anterior intento por conseguir o posto de supervisor, Milk recibira máis votos que o daquelas asembleas. Pero Moscone fixera un trato co presidente da Asemblea para que se presentase outro candidato, Art Agnos.[52] Ademais, por orde do alcalde, non se lle permitía nin aos funcionarios electos nin aos nomeados, realizar unha campaña mentres estivesen no posto.[53]
Milk estivo cinco semanas no Board of Permit Appeals antes de que Moscone se vise obrigado a despedilo cando anunciou que se presentaba á Asemblea Estatal de California. Rick Stokes substituíuno. O despedimento de Milk e o acordo ás agachadas entre Moscone, o presidente da Asemblea e Agnos, impulsaron a súa campaña mentres adoptaba a identidade dun político desamparado.[54] Queixouse amargamente dicindo que os altos funcionarios da cidade e o goberno estatal estaban na súa contra. Queixouse de que os grupos gais politicamente dominantes, en particular o Alice B. Toklas Memorial Democratic Club, excluíano; referíndose a Jim Foster e a Rick Stokes como gais «Tíos Tom»,[13] e adoptou de forma entusiasta o titular dunha revista semanal independente: «Harvey Milk contra A Máquina».[6]
A súa campaña, dirixida desde a Castro Camera, foi un estudo de desorganización, sen falta de voluntarios dispostos a enviar correspondencia ás masas; as notas de Milk e as súas listas de voluntarios eran levadas en anacos de papel. Cando a campaña necesitaba fondos, o diñeiro proviña da caixa rexistradora sen consideración pola contabilidade.[54] Unha rapaza de once anos pedíalle alegremente aos homes gais e ás avoas irlandesas que traballasen na campaña, a pesar da oposición de súa nai. O mesmo Milk mostrábase hiperactivo e propenso a impresionantes arroutadas de temperamento, recuperándose rapidamente para logo saltar excitado por calquera outra cousa. Despotricaba moitas veces contra o seu amante, Scott Smith, quen comezaba a desilusionarse do home que xa non era, aquel tranquilo e relaxado hippie do que se namorara.[54]
Se Milk era un maníaco, tamén estaba entregado, cheo de bo humor, e posuía un talento particular para captar a atención dos medios.[55] Pasaba longas horas na rúa rexistrando votantes e estreitando mans nas paradas de autobús e nas colas do cine. Aproveitaba calquera oportunidade que se lle presentase para promocionarse. Gozaba a fondo coa campaña e o seu éxito era evidente.[13] Co gran número de voluntarios, tiña varias ducias postos á vez como anuncios humanos ao longo da transitada rúa Market, con carteis que repetían «Milk para a Asemblea», para que a xente os vise nos seus coches cando se dirixían ao centro da cidade para traballar.[56] Distribuía os seus panfletos publicitarios en todos os lugares que podía, incluíndo un dos grupos de maior influencia política da cidade: o Templo do Pobo. Os voluntarios de Milk levaron alí miles de panfletos, pero volveron cun sentimento de aprehensión. Debido a que o líder do Templo do Pobo, Jim Jones, era politicamente poderoso en San Francisco —e apoiaba a ambos os candidatos—, Milk permitiu relacionarse cos membros do Templo e máis tarde falou no Templo defendendo a Jones.[nota 8] Aínda que aos seus voluntarios lles dixo: «Asegúrense de ser amables co Templo do Pobo. Se vos piden que fagades algo, facédeo; e despois mandádelle unha nota agradecéndolles que vos pidan favores. Son raros e perigosos e non quereredes estar de malas con eles».[57]
A campaña estivo disputada e Milk perdeu por menos de 4.000 votos.[58] Non obstante, Agnos ensinoulle a Milk unha valiosa lección, cando o criticou polos seus discursos de campaña dicindo que eran «un narcótico... Falas de como vas botar fóra aos folgazáns, pero, como vas arranxar as cousas, á parte de gañándome? Non deberías deixar a túa audiencia narcotizada».[nota 9][59] Como consecuencia da súa derrota e dándose conta de que o Alice nunca o apoiaría politicamente, Milk axudou a formar o San Francisco Gay Democratic Club, «para liberar a comunidade gai de gardiáns unxidos e da maquinaria política».[60]
Ambiente político xeral
[editar | editar a fonte]O movemento LGBT, abrollando aínda, tivo que enfrontarse a unha oposición organizada nos Estados Unidos. En 1977 uns poucos activistas gais de Miami, grazas aos seus bos contactos, conseguiron que se aprobase unha ordenanza que convertía en ilegal a discriminación por orientación sexual no condado de Miami-Dade. Un grupo ben organizado de cristiáns fundamentalistas encabezados por Anita Bryant, respondeu. A súa campaña denominouse Save Our Children («Salven os Nosos Fillos»); Bryant afirmaba que a ordenanza infrinxía o seu dereito a ensinarlles aos seus fillos a moralidade bíblica.[61] Bryant reuniu 64.000 firmas para realizar un referendo no condado. Con fondos xuntados en parte pola Comisión de Críticos de Florida —da que ela era portavoz— produciron produtos para a televisión local que mostraban o «san entretemento» ofrecido polo desfile da Orange Bowl, con Bryant como anfitrioa, contrastándoo coa alta sexualidade presente na Marcha do orgullo LGBT de San Francisco, que incluía homes con arneses de coiro bicándose con luxuria, drag queens bailando e mulleres cos peitos ao aire na rúa. A voz destes produtos televisivos afirmaba que o condado de Dade se convertería nun «niño de homosexualidade» onde «homes [...] se deitan con nenos pequenos».[62][nota 10]
Jim Foster, por aquel entón o organizador político máis poderoso de San Francisco, foi a Miami para axudarlles aos activistas gais segundo se ía aproximando o día das eleccións e se organizaba un boicot federal. A mensaxe da campaña de Save Our Children tivo a súa influencia e o resultado foi o dunha gran derrota para os activistas gais. Coa maior participación nunhas eleccións especiais na historia do condado de Dade, o 70% votou a favor de retirar a ordenanza.[63]
«Só política»
[editar | editar a fonte]Os conservadores cristiáns animáronse pola vitoria e viron tallada nunha nova e efectiva causa política. Pola outra banda, os activistas gais estaban asombrados polo pouco apoio recibido. Produciuse unha manifestación improvisada de máis de 3.000 residentes do Castro a noite do referendo do condado de Dade. Os homosexuais puxéronse furiosos, berrando: «Fóra dos bares e á rúa!», e eufóricos pola súa potente resposta. O San Francisco Examiner informou de que membros da multitude sacaban a outros de bares das rúas Castro e Polk, animados por berros «enxordecedores».[64] Milk liderou esa noite os manifestantes nunha marcha de oito quilómetros pola cidade, movéndose constantemente, consciente de que se se detiñan demasiado tempo poderían darse disturbios. Declarou: «Este é o poder da comunidade gai. Anita vai crear unha forza nacional gai».[64][65] Non obstante, os activistas tiveron pouco tempo para recuperarse cando o escenario se repetiu con ordenanzas retiradas en Saint Paul, Minnesota, Wichita, Kansas e Eugen, Oregón durante 1977 e principios de 1978.
O senador polo estado de California, John Briggs, viu á súa vez unha oportunidade na campaña dos cristiáns fundamentalistas. Agardaba ser elixido gobernador de California en 1978 e estaba impresionado pola participación de votantes que se vira en Miami. Cando Briggs volveu a Sacramento, redactou unha lei que lles prohibiría aos gais e lesbianas ensinar nas escolas públicas de California. Briggs afirmaba en privado que non tiña nada en contra dos gais; como lle comentou ao xornalista Randy Shilts: «É política. Só política».[66] Mentres tanto, os ataques sobre residentes gais aumentaban no distrito de Castro. Cando a resposta policial se considerou inadecuada, grupos de homosexuais patrullaron por si mesmos o barrio en alerta por se chegaban atacantes.[67] O 21 de xuño de 1977, un homosexual chamado Robert Hillsborough morreu de 15 feridas de puñal mentres os seus atacantes o rodeaban e lle berraban «Maricón!» Tanto o alcalde Moscone como a nai de Hillsborough acusaron a Anita Bryant e a John Briggs do feito.[68][69] Unha semana antes do incidente, Briggs tivera unha conferencia de prensa no concello de San Francisco onde definiu a cidade como un «monte de lixo sexual» por culpa dos homosexuais.[70] Semanas despois, 250.000 persoas participaron na Marcha do orgullo gai de San Francisco de 1977, a maior participación nun evento deste tipo até entón.[71]
En novembro de 1976, os votantes de San Francisco decidiron reorganizar as eleccións a supervisor, elixíndoos por barrio en vez de facelo mediante unha única votación para toda a cidade. Harvey Milk converteuse no candidato favorito e principal do distrito n.° 5, onde estaba a rúa Castro.[72]
Última campaña
[editar | editar a fonte]“ | A maior parte da comunidade heterosexual aceptouno. O que San Francisco é actualmente e no que se está convertendo, amosa tanto a enerxía e a organización da comunidade gai, como o esforzo cara á integración no proceso político da cidade estadounidense ben coñecida pola súa innovación en estilos de vida | ” |
— The New York Times, novembro de 1977[73] |
A campaña opositora de Anita Bryant e as moitas derrotas de dereitos dos gais en ordenanzas por todo Estados Unidos, animaron os políticos homosexuais de San Francisco. Dezasete candidatos do distrito de Castro presentáronse ao posto de supervisor; e máis da metade eran gais. The New York Times realizou unha reportaxe espectacular sobre a auténtica invasión de San Francisco por gais, estimando que a poboación homosexual da cidade oscilaba entre as 100.000 e 200.000 persoas dun total de 750.000 habitantes.[73] Por outra parte, a Castro Village Association crecera até as 90 tendas, á vez que o banco local, antigamente a sucursal máis pequena da cidade, converteuse na máis grande e tivo que construír unha ampliación para recibir os clientes.[74] O biógrafo de Milk, Randy Shilts, sinalou que «amplas forzas históricas» estaban impulsando a súa campaña.[75]
O adversario de Milk máis exitoso era o silencioso e pensativo avogado Rick Stokes, quen tiña o apoio do Alice B. Toklas Memorial Democratic Club. Stokes dera a coñecer abertamente a súa homosexualidade moito antes que Milk, e sufrira un trato peor, sendo hospitalizado nunha ocasión e forzado a recibir terapia por electroshock.[76] Pero Milk era máis expresivo sobre o papel dos gais e dos asuntos que lles concernían dentro da política de San Francisco. Stokes foi citado dicindo: «Eu só son un home de negocios que casualmente é gai» e expresando o seu parecer de que calquera persoa normal tamén podía ser homosexual. A filosofía populista e diferente de Milk foi exposta no New York Times:
“ | Non queremos liberais comprensivos, queremos gais que representen a gais [...] eu represento á xente gai da rúa, ao rapaz de 14 anos que escapou de San Antonio. Debemos compensar os centos de anos de persecución. Debemos darlle esperanza a ese pobre neno escapado de San Antonio. Van aos bares porque as igrexas son hostís. Necesitan esperanza! Necesitan un cacho da torta! | ” |
— Harvey Milk[73] |
Outras causas tamén eran importantes para Milk: apoio á creación de instalacións máis grandes e máis económicas para o coidado dos nenos, o transporte público gratuíto e a creación dun consello de cidadáns para vixiar a policía.[5] Trataba asuntos importantes para o barrio sempre que podía. Milk empregou as mesmas tácticas frenéticas que nas anteriores ocasións: anuncios humanos, horas de estreitamento de mans e decenas de discursos pedíndolles aos gais que tivesen esperanza. Nesta ocasión, incluso o San Francisco Chronicle apoiouno para o posto de supervisor.[77] Gañou por unha marxe dun 30% sobre os outros dezaseis candidatos e, despois de que a súa vitoria fose evidente, chegou á rúa Castro sentado na parte traseira da moto da súa directora de campaña —e escoltado polo sheriff Richard Hongisto—, o que un periódico describiu como unha «tumultuosa e emocionante benvida».[78]
Milk tiña desde había pouco tempo un novo amante, un mozo chamado Jack Lira, que se emborrachaba frecuentemente en público e que pola mesma razón tiña que ser escoltado a miúdo fóra dos eventos políticos polos axudantes de Milk.[79] Desde a súa campaña para a Asemblea Estatal de California, Milk estivera recibindo ameazas de morte cada vez máis violentas.[80] Preocupado porque a súa crecente popularidade o fixese parte dun asasinato, gravou nunha fita o nome de quen quería que o sucedese,[81] agregando: «Se unha bala atravesa o meu cerebro, deixen que esa bala destrúa todas as portas de todos os armarios».[82]
Supervisor
[editar | editar a fonte]A toma de posesión de Milk provocou titulares no ámbito federal, xa que se convertía no primeiro home sabidamente homosexual en chegar a un cargo público por elección nos Estados Unidos,[83][nota 11] comparándose co pioneiro xogador negro de béisbol Jackie Robinson.[84] Milk dirixiuse cara ao concello do brazo de Jack Lira, afirmando: «Podes quedarte aí e tirarlle pedras ao «condenado concello»[nota 12] ou podes conquistalo. Ben, aquí estamos».[85] O distrito de Castro non fora o único barrio en levar a alguén novo á política da cidade. Unha nai solteira, Carol Ruth Silver; un americano de orixe chinesa, Gordon Lau; e unha muller negra, Ella Hill Hutch, foron todos novidades para a cidade e ocuparon os seus postos xunto con Dan White, un antigo bombeiro e oficial da policía que falou do orgullosa que estaba súa avoa de poder velo xurar o seu cargo.[83][86]
A enerxía de Milk, o seu gusto por facer bromas e a súa imprevisibilidade exasperaban ás veces a presidenta da Xunta de Supervisores, Dianne Feinstein. No seu primeiro encontro co alcalde Moscone, Milk referiuse a si mesmo como a «raíña número un» e aseguroulle que se quería os votos dos gais da cidade —un cuarto da poboación con dereito a voto en San Francisco— tiña que estar con el e non co Alice B. Toklas Memorial Democratic Club.[87] Non obstante, converteuse no aliado máis próximo de Moscone na Xunta de Supervisores.[88]
Os principais obxectivos da ira de Milk eran as grandes corporacións e os promotores inmobiliarios. Enfadouse moito cando un aparcadoiro foi programado para tomar o lugar dalgunhas vivendas preto do centro, e intentou introducir un imposto sobre os traballadores que vivían fóra da cidade e se desprazaban en coche a traballar en San Francisco, para que así tivesen que pagar polos servizos que usaban.[89] Milk estaba moitas veces disposto a votar en contra de Feinstein e doutros membros máis antigos da Xunta. Inicialmente coincidiu co seu compañeiro supervisor Dan White, cuxo distrito estaba a dúas millas ao sur de Castro, onde unha institución para adolescentes con problemas non debía ser instalada nun antigo convento. Tras coñecer máis sobre a institución decidiu cambiar o seu voto, facendo entón que White perdese unha causa que estivera defendendo durante a súa campaña. White non o esqueceu. Opúxose a todas as iniciativas e asuntos que Milk apoiaba.[90]
Milk comezou o seu exercicio impulsando unha lei de dereitos civís que prohibía a discriminación baseada na orientación sexual. A ordenanza foi denominada como a «máis rigorosa e ampla da nación» e a súa aprobación demostrou «o crecente poder político dos gais», segundo o New York Times.[91] Só o supervisor White votou en contra; o alcalde Moscone asinouna entusiasmado, cunha pluma estilográfica azul clara que Milk lle regalara para a ocasión, converténdoa nese instante en lei.[92]
O seguinte proxecto de lei no que Milk se concentrou foi deseñado para resolver o maior problema dos cidadáns, segundo expresaba unha enquisa: os excrementos de can. Ao mes de tomar posesión, comezou a traballar nunha ordenanza municipal que obrigaba os donos dos cans a recoller as feces dos seus animais. Co sobrenome de «pooper scooper law»,[nota 13] a súa aprobación pola Xunta de Supervisores foi amplamente comentada na televisión e nos periódicos de San Francisco. Anne Kronenberg, directora de campaña de Milk, definiuno como «un mestre en descubrir o que o faría aparecer nos periódicos».[93] Invitou a prensa ao parque Duboce para explicarlles a necesidade da ordenanza e, mentres as cámaras estaban gravando, pisou un excremento aparentemente por casualidade. Mais os seus colaboradores sabían que estivera unha hora antes no parque buscando un lugar axeitado para pisalo cando chegaran as cámaras.[94] Conseguiu o maior número de correos de seguidores do seu exercicio e formou parte das novas no ámbito federal.
Milk e Lira separáronse ao pouco tempo, pero Lira chamouno unhas semanas despois e pediulle que o fose ver ao seu apartamento. Cando Milk chegou, encontrouse con que Lira se matara, aforcándose.[95]
A Iniciativa Briggs
[editar | editar a fonte]John Briggs viuse forzado a abandonar a carreira polo posto de gobernador de California, pero recibiu un entusiasta apoio pola Proposición 6, tamén chamada a Iniciativa Briggs. O proxecto de lei convertería en obrigatorio despedir os profesores gais e a todo empregado público das escolas que defendese os dereitos dos homosexuais. As mensaxes de Briggs a favor da Proposición 6 foron difundidas en toda California. Milk asistía a todas as actividades organizadas por Briggs e tamén fixo campaña en contra da lei por todo o estado.[96] Xurou incluso que se Briggs gañaba en California, non gañaría en San Francisco.[97] Nos seus numerosos debates, que cara ao final se aguzaron até converterse nunha tirapuxa de provocacións mutuas,[nota 14] Briggs sostiña que os profesores homosexuais querían abusar dos cativos e recrutalos. Milk respondía que as estatísticas feitas pola policía indicaban evidencias de que os pedófilos eran principalmente heterosexuais e atacaba os argumentos de Briggs con retranca: «Se fose verdade que os nenos imitan os seus profesores, podes estar seguro de que habería moitas máis monxas por aí».[98]
A participación nas marchas do orgullo gai dos Ánxeles e de San Francisco aumentou considerablemente no verán de 1978. Estímase que entre 250.000 e 375.000 persoas asistiron á Marcha do orgullo LGBT de San Francisco; os xornais afirmaban que estes números eran debidos a John Briggs.[99] Os organizadores pedíronlles aos participantes que levasen carteis que indicasen os seus lugares de orixe, para amosar nas cámaras a distancia desde a que viña a xente para vivir no distrito de Castro. Milk participou nun coche convertible que levaba o cartel «Son de Woodmere, N.Y».[100] Leu unha versión do chamado Hope Speech («Discurso da esperanza»), que se convertería no seu discurso máis famoso e que segundo o San Francisco Examiner «acendeu a multitude»:[99]
“ | Neste aniversario de Stonewall, pídolles aos meus irmáns e irmás gais un compromiso para loitar. Por eles mesmos, pola súa liberdade, polo seu país [...] Non conseguiremos os nosos dereitos quedándonos calados nos nosos armarios [...] Sairemos do armario para loitar contra as mentiras, os mitos, as distorsións. Saímos para dicir a verdade sobre os gais, porque estou cansado da conspiración do silencio, así que vou falar sobre isto. E quero que vós faledes sobre isto. Tedes que saír do armario. Decídello a vosos pais, á vosa familia. | ” |
— Harvey Milk (1978)[101] |
A pesar de perder varias batallas polos dereitos dos gais nos Estados Unidos durante ese ano, Milk permaneceu optimista, dicindo: «Incluso se os gais perden estas iniciativas, a xente está aínda empezando a aprender. Debido a Anita Bryant e ao condado de Dade, todo o país aprendeu sobre a homosexualidade en maior medida do que nunca antes. O primeiro paso é sempre a hostilidade e logo podes sentarte e falar sobre o tema».[81]
Citando a posible violación dos dereitos individuais, o antigo gobernador de California Ronald Reagan opúxose á proposición, ao igual que o gobernador Jerry Brown e o presidente Jimmy Carter despois dun discurso en Sacramento.[93][102] A proposición perdeu por máis dun millón de votos, asombrando os activistas gais na noite da elección. En San Francisco, o 75% votou en contra.[102]
Luns negro
[editar | editar a fonte]O 10 de novembro de 1978, dez meses despois de tomar posesión do cargo, o supervisor White dimitiu do seu posto no goberno de San Francisco, afirmando que o seu salario anual de 9.600 dólares non lle era suficiente para manter a súa familia.[103] Milk tamén experimentou unha diminución de ingresos, cando Scott Smith e el se viron forzados a cerrar Castro Camera un mes antes.[nota 15] Aos poucos días, White solicitou de novo o seu posto e o alcalde Moscone inicialmente aceptou.[104][105] Aínda que tras cavilalo, e coa intervención doutros supervisores, convenceuse de que había que nomear alguén máis na liña da diversidade étnica do distrito de White e das tendencias liberais da Xunta de Supervisores.[106] O 18 de novembro produciuse o asasinato do representante de California, Leo Ryan, que se encontraba en Jonestown, na Güiana para inspeccionar unha remota comunidade construída polos membros do Templo do Pobo, que se trasladaran alí desde San Francisco. Ao día seguinte produciuse o suicidio colectivo dos membros do Templo do Pobo. O espanto foi en aumento cando se soubo que máis de catrocentos residentes de Jonestown estaban mortos.[107] Dan White comentoulles aos axudantes que estaban traballando para a súa reincorporación: «Veno? Un día estou en primeira plana e ao seguinte desaparecín».[108] Pouco despois o número de mortos na Güiana chegaba aos 900.[109]
Moscone planeara anunciar o substituto de White uns días despois, o 27 de novembro de 1978.[110] Media hora antes da conferencia de prensa, Dan White entrou no concello por unha ventá do nivel da rúa, para evitar o detector de metais, e dirixiuse á oficina do alcalde Moscone. A xente oíu gritos entre White e Moscone e logo disparos. White disparoulle ao alcalde unha vez no brazo e logo tres veces na cabeza, despois de que Moscone caese no chan.[111] White rapidamente camiñou até a súa antiga oficina, recargando o seu revólver de fabricación exclusiva para policías con balas de punta oca no traxecto; interceptou a Harvey Milk e pediulle que o acompañase un momento. Dianne Feinstein oíu os disparos e chamou a policía. Achou a Milk tirado boca abaixo no chan, con cinco disparos, incluíndo dous na cabeza a curta distancia. Feinstein tremía de tal xeito que acabou apoiándose no xefe da policía tras identificar ambos os cadáveres.[110][nota 16] Foi ela quen llelo anunciou aos medios: «Hoxe San Francisco sufriu unha dobre traxedia de inmensas proporcións [...] É o meu deber informalos que lle dispararon ao alcalde Moscone e ao supervisor Milk, e foron asasinados», e engadiu tras ser interrompida por un barullo de incredulidade, «e o sospeitoso é o supervisor Dan White».[93][110] Milk tiña 48 anos, e Moscone 49.
En menos dunha hora, White chamou a súa esposa desde un restaurante próximo; reuníronse nunha igrexa e ela acompañouno a entregarse logo á policía. Moitos dos residentes deixaron flores nas escaleiras do concello. Esa noite, unha multitude reuniuse de forma espontánea na rúa Castro e dirixiuse ao concello nunha procesión de candeas. O seu número estimouse entre 25.000 e 40.000 persoas. Ao día seguinte, os corpos de Moscone e Milk foron levados á Rotonda do concello, onde se lles deu o último adeus.[105] Seis mil persoas asistiron á misa ofrecida para o alcalde Moscone na Catedral de St. Mary. Para Milk realizáronse dúas cerimonias: unha máis íntima no templo Emmanu-El e outra máis popular na Ópera House.[112]
«Unha cidade en agonía»
[editar | editar a fonte]O alcalde Moscone aumentara a seguridade no concello pouco antes, como consecuencia dos suicidios de Jonestown. Despois de que os superviventes da Güiana relatasen os exercicios de preparación para o suicidio, denominados por Jones White Nights («Noites brancas»),[113] rumores sobre o asasinato de Moscone e Milk foron impulsados pola coincidencia do apelido de Dan White co nome dado aos preparativos. Un asombrado fiscal de distrito referiuse aos asasinatos, tan próximos aos acontecementos de Jonestown, como «incomprensibles», pero negou calquera relación.[105] O gobernador Jerry Brown ordenou colocar as bandeiras a media hasta e definiu a Milk como un «supervisor traballador e dedicado, un líder da comunidade gai de San Francisco, que cumpriu a promesa de representar a todos os seus constituíntes».[114] O presidente Jimmy Carter expresou a súa conmoción por ambos os asasinatos e enviou as súas condolencias. O portavoz da asemblea de California, Leo McCarthy, definiu o suceso como «unha traxedia demente».[114] «Unha cidade en agonía» daba como titular o San Francisco Examiner o día despois dos crimes; dentro do xornal os artigos sobre os asasinatos, baixo o titular «Luns negro», foron publicados xunto ás últimas noticias dos corpos que estaban sendo traídos desde a Güiana. Un editorial describía a San Francisco como «unha cidade con máis tristeza e desesperación no seu corazón do que calquera cidade debería soportar» e seguía preguntándose como podían ocorrer tales traxedias, particularmente a «homes de tal calidez humana, visión e grandes enerxías». Unha análise dos meses que seguiron aos asasinatos consideraron 1978 e 1979 como «os anos emocionalmente máis devastadores na fabulosamente rica historia de San Francisco».[115][116]
“ | Sobre a placa que cobre as cinzas de Milk pode lerse: A tenda de fotos e sede central da campaña de Milk no número 575 da rúa Castro e o seu apartamento no piso de arriba eran centros de activismo comunitario para unha ampla gama de asuntos de dereitos humanos, de medio ambiente, laborais e do barrio. O duro traballo de Harvey Milk e os seus logros a favor de todos os habitantes de San Francisco cedéronlle un gran respecto e apoio. A súa vida foi unha inspiración para todas as persoas comprometidas coa igualdade de oportunidades e co fin da intolerancia. | ” |
— Placa en memoria de Harvey Milk[117] |
Dan White foi acusado de dous homicidios e detido sen fianza, con posibilidade de ser castigado coa pena de morte debido a que se aprobara recentemente unha proposición que permitía a pena de morte ou cadea perpetua aos asasinos de funcionarios públicos.[118] White, de 32 anos e que estivera no exército durante a Guerra de Vietnam, defendera unha ríxida plataforma anticrime no seu distrito. Os seus colegas falaban del como un home tipicamente estadounidense de alto rendemento, un all-American boy.[106] Recibiría a semana seguinte un premio por ter rescatado unha muller e un neno dun edificio de dezasete plantas en chamas cando era bombeiro en 1977. A pesar de que foi o único supervisor que votou en contra da ordenanza polos dereitos dos homosexuais, dixo: «Respecto os dereitos de todas as persoas, incluíndo os dos gais».[106] Milk e White levábanse ben nun inicio. Un dos axudantes políticos de White —que era gai— recorda que «Dan tiña máis en común con Harvey do que tiña con calquera outro da Xunta».[119]
White votou a favor do centro para gais maiores e de honrar o 25 aniversario de Phyllis Lyon e Del Martin e o seu traballo pioneiro.[119] Trala votación a favor da institución para a saúde mental no seu distrito, negouse a falar con Milk e só se comunicaba con el a través dun dos seus axudantes. Outros dos seus coñecidos recórdano como moi apaixonado. «Era impulsivo [...] Era extremadamente competitivo, de forma obsesiva [...] Creo que non podía aceptar a derrota», comentoulle o asistente do xefe de bombeiros aos periodistas.[120] O seu primeiro director de campaña abandonouno na metade desta e dixo del que era un egoísta e que estaba claro que era antigai, a pesar de negalo fronte á prensa.[121] Os compañeiros e partidarios de White describíano como «un home cun temperamento puxilístico e unha impresionante capacidade para alimentar o rancor».[121] O axudante que realizaba a comunicación entre el e Milk comentou: «Falando con el deime conta de que vía a Harvey Milk e George Moscone como representantes de todo aquilo que estaba mal no mundo».[122]
Cando os amigos de Milk foron buscar un traxe para o seu sepelio no seu armario, viron canto lle afectara a diminución de ingresos como supervisor. Toda a súa roupa estaba desfacéndose a cachos; todos os seus calcetíns tiñan buratos.[123] Milk foi incinerado e as súas cinzas foron esparexidas, a maioría na baía de San Francisco, polos seus máis íntimos amigos. Algunhas foron soterradas na beirarúa fronte ao número 575 da rúa Castro, onde estivera a Castro Camera. Harry Britt, unha das catro persoas que Milk nomeara na súa fita como un substituto aceptable no caso de ser asasinado, foi escolleito pola alcaldesa en funcións, Dianne Feinstein.[124]
Xuízo
[editar | editar a fonte]O arresto de Dan White e o seu xuízo causaron sensación e ilustraron as fortes tensións existentes entre a poboación liberal e a policía local. Os policías de San Francisco eran na súa maioría descendentes de irlandeses de clase traballadora aos que lles desgustaba a crecente cantidade de gais inmigrantes, así como a dirección liberal do goberno da cidade. Despois de que White se entregase e confesase, estivo sentado na súa cela, mentres os seus antigos colegas contaban chistes sobre Harvey Milk; algúns policías levaron en público camisetas con «Liberen a Dan White» o día despois dos asasinatos.[125] Un policía de San Francisco comentou máis tarde: «Canto máis observaba o que estaba pasando no cárcere, menos vía o que fixo Dan White como un acto dun individuo, e comezaba a velo como un acto político dun movemento político»[126] White non amosou ningún remordemento polas súas accións e só exhibiu vulnerabilidade durante unha chamada de oito minutos a súa nai desde o cárcere.[127]
O xurado reunido para o xuízo de White eran persoas brancas de clase media de San Francisco, na súa maioría católicos; os gais e as minorías étnicas non foron tomados en conta.[128] O xurado tiña claras simpatías polo acusado; algúns dos membros choraron cando oíron a gravación da confesión de White, ao final da cal o interrogador lle dá as grazas pola súa sinceridade.[129] O avogado defensor de White, Doug Schmidt, argumentou que este non fora responsable das súas accións, empregando a defensa coñecida como responsabilidade diminuída: «Boa xente, xente de ben, con antecedentes limpos, simplemente non matan a persoas a sangue frío».[130] Schmidt intentou probar que o estado mental angustiado de White era resultado da manipulación dos políticos do concello, os cales o decepcionaran e frustraran de forma consistente, prometéndolle finalmente volver ao seu posto para negarllo despois. Schmidt argumentou que o estado de deterioración mental foi manifestado e agravado pola enchenta de comida lixo que White se dera a noite anterior aos asasinatos, pois era ben coñecido que era coidadoso coa alimentación sa.[131] Os xornais da área de San Francisco enseguida denominaron o feito como a «defensa twinkie».[nota 17] White foi declarado inocente dos asasinatos o 21 de maio de 1979, pero culpable de homicidio sen premeditación das dúas vítimas e sentenciado a sete anos e dous terzos. Coa sentenza reducida por boa conduta e o desconto pola prisión preventiva, sería liberado aos cinco anos.[132] Bagullou cando oíu o veredicto.[133]
White Night Riots
[editar | editar a fonte]A alcaldesa en funcións Dianne Feinstein, a supervisora Carol Ruth Silver e o sucesor de Milk, Harry Britt, condenaron a decisión do xurado. Cando se fixo o anuncio a través da radio da policía local, alguén cantou "Danny Boy".[134] Unha masa de persoas dirixiuse desde o distrito de Castro cara ao concello, berrando «vinguen a Harvey Milk» e «saíuse coa súa a pesar do asasinato».[93][135] Os disturbios intensificáronse rapidamente cando os manifestantes empezaron a lanzar pedras sobre as portas principais do edificio. Os amigos de Milk e os seus axudantes intentaron parar a destrución, pero a turba de máis de 3.000 persoas ignorábaos e incendiou coches de policía. Introduciuse un dispensador de periódicos ardendo polas portas rebentadas do concello e logo oíanse aplausos mentres as lapas ían en crecemento.[136] Un dos manifestantes contestoulle a un xornalista que lle preguntaba por que estaban destruíndo parte da cidade: «Só dígalle á xente que papamos demasiados twinkies. Esa é a razón polo que isto está pasando».[67] O xefe da policía ordenou aos seus oficiais non tomar represalias, pero si manterse nos seus postos.[135] Os White Night Riots («disturbios da noite de White» ou «da noite branca»), como se chegaron a coñecer, duraron varias horas.
Máis tarde, esa noite, varios coches de policía cheos de oficiais con armadura antidisturbios chegaron ao bar Elephant Walk da Rúa Castro. O protexido de Milk, Cleve Jones, e un periodista do San Francisco Chronicle, Warren Hinckle, observaron como os policías tomaron por asalto o bar e comezaron a maltratar a clientes ao chou. Tras quince minutos de tumulto, abandonaron o bar batendo nos viandantes.[16][137] O xefe da policía finalmente ordenoulles aos oficiais que saísen do barrio. Pola mañá, 61 policías e 100 manifestantes e residentes gai do Castro foran hospitalizados.[138] Os danos ao concello, coches de policía e o bar Elephant Walk superaron o millón de dólares.
Tras o veredicto, o fiscal do distrito tívose que enfrontar a unha anoxada comunidade gai para explicar a súa decisión. O avogado acusador admitiu sentir pena por White antes do xuízo e cometer a neglixencia de non lle preguntar ao interrogador quen gravara a confesión do acusado —que de feito foi un amigo de infancia de White e adestrador do seu equipo de sóftbol na policía—, nin sobre a súa posición e o apoio que White obtivo no departamento policial porque, segundo afirmou, non quería avergonzar o detective diante da súa familia no xulgado.[129][139] O avogado acusador tampouco preguntou sobre o estado de ánimo de White, a falta dun historial de desequilibrio mental, nin trouxo a colación a política municipal para suxerir que a vinganza podía ser un motivo. A supervisora Carol Ruth Silver testificou no último día do xuízo que White e Milk non estaban en bos termos. Mais fora ela quen se puxo en contacto co avogado de acusación e insistiu en testificar. Foi o único testemuño que o xurado escoitou sobre a tensa relación entre Milk e White.[140] O fiscal do distrito botoulle a culpa ao xurado, cuxos membros declararon que «se viran arrebatados polo aspecto emocional do xuízo».[132]
Repercusións
[editar | editar a fonte]Os asasinatos de Milk e Moscone e o xuízo de White modificou a política na cidade de San Francisco e o sistema legal de California. En 1980 San Francisco eliminou as eleccións de supervisores por distritos, temendo que unha Xunta de Supervisores dividida a tal punto era prexudicial para a cidade e que isto fose un factor nos asasinatos. Un movemento de base dos barrios tivo éxito a mediados da década de 1990 e a cidade volveu ao sistema de representación por barrios no 2000.[141] Como resultado do xuízo de White, os votantes de California cambiaron a lei para reducir a probabilidade de absolucións de acusados que sabían o que estaba facendo, pero afirmaban que a súa capacidade estaba diminuída.[131] A capacidade diminuída foi abolida como defensa ante unha acusación, aínda que as cortes permiten a evidencia dela para tomar decisións sobre o encarceramento, internamento nun hospital psiquiátrico ou outro tipo de castigo para un condenado.[142] A «defensa twinkie» entrou na mitoloxía dos Estados Unidos, popularmente descrita como o caso no que un asasino escapa da xustiza por darse unha enchenta de comida lixo, simplificando a falta de saber político de White, a súa relación con George Moscone e Harvey Milk e o que o columnista do San Francisco Chronicle, Herb Caen, describiu como o pandémico «desencanto —e quedo curto— dos homosexuais» pola policía.[143]
Dan White estivo no cárcere pouco máis de cinco anos polo asasinato dobre de Moscone e Milk. O 22 de outubro de 1985, un ano e medio despois da súa liberación, foi encontrado morto dentro dun coche aceso no garaxe da súa ex muller. Tiña 39 anos. O seu avogado defensor comentoulle aos xornalistas que White estaba abatido pola perda da súa familia e a situación que causara, engadindo: «Este era un home enfermo».[144]
Legado
[editar | editar a fonte]Política
[editar | editar a fonte]A carreira política de Milk centrouse en facer que o goberno fora máis sensible aos individuos, na liberación gai e na importancia dos barrios para a cidade. Ao principio de cada campaña, un asunto diferente era engadido á súa filosofía política.[145] A súa campaña de 1973 centrouse no primeiro punto, xa que como dono dun pequeno negocio en San Francisco, unha cidade dominada por grandes corporacións que o goberno municipal trouxera, os seus intereses estaban ignorados ao non ser representados por ningunha grande institución financeira. A pesar de que non escondía o feito de que era gai, iso non se convertería no seu tema de campaña até as eleccións para a Asemblea Estatal de California en 1976, e non foi empregado de forma ampla até a carreira polo posto de supervisor contra Rick Stokes, posto que era unha extensión das súas ideas sobre a liberdade individual.[145]
Milk cría firmemente que os barrios promocionaban a unidade e a experiencia do pobo, e que Castro debía proverlle servizos a todos os seus residentes. Nesta orde, opúxose ao peche da escola primaria. A pesar de que a maioría da xente do Castro non tiña fillos, Milk consideraba que o seu barrio tiña que ter o potencial de dar a benvida a calquera. Tamén lles dixo aos seus axudantes que se concentrasen en amañar as fochancas das estradas e alardeaba de que se colocaran 50 sinais de stop no Distrito 5.[145] En resposta á maior queixa dos residentes da cidade sobre vivir en San Francisco, os excrementos de can, Milk considerou unha prioridade emitir unha ordenanza que obrigase os donos dos cans a encargarse dos restos das súas mascotas. Randy Shilts comentou: «Poderíase afirmar que Harvey era un socialista ou de moitas outras ideoloxías, mais, realmente, a filosofía política de Harvey nunca foi máis complexa que o asunto das cagadas dos cans: o goberno debería resolver os problemas básicos da xente».[146]
A estudosa Karen Foss atribuíu o impacto de Milk sobre a política de San Francisco ao feito de que fora distinto a todos os demais que tiveran un cargo público na cidade. Escribiu: «Milk resultaba unha figura altamente enerxética e carismática, cun gusto polo teatro e nada que perder [...] Empregando a risa, a transcendencia, dándolle a volta aos argumentos e a súa posición de dentro/fóra da orde establecida, Milk axudou a crear un clima no que o diálogo sobre os temas era posible. Tamén promoveu os medios para integrar as voces dispares dos seus diversos electores».[147] Milk fora un orador entusiasta desde que comezara a facer campañas en 1973 e a súa habelencia como orador mellorou despois de converterse en supervisor.[16] O seu discurso máis famoso é o coñecido como o Hope Speech («Discurso da Esperanza»), que se converteu nun elemento básico durante a súa carreira. Comezaba coa acusación de que os homosexuais recrutan a nenos para ser gais: «O meu nome é Harvey Milk e quero recrutarvos». Unha versión do Hope Speech que deu pouco antes da súa morte foi considerado por moitos dos que o escoitaban habitualmente como o mellor e co peche máis efectivo:
“ | E os mozos gais das Altoonas (Pensilvania) e Richmond (Minnesota), que están saíndo do armario e oen a Anita Bryant na televisión e a súa historia, o único que teñen é esperanza. E tédeslle que dar esperanza. Esperanza por un mundo mellor, esperanza por un mañá mellor, esperanza por un lugar mellor ao que ir se a presión na casa é demasiado grande. Esperanza de que todo irá ben. Sen esperanza, non só os gais, senón os negros, os anciáns, os discapacitados, os nosos, todos os nosos abandonarán. E se axudas a escoller para o comité central e outros postos máis persoas gais, iso dá luz verde a todos aqueles que se senten privados de dereitos, unha luz verde para seguir adiante. Significa esperanza para unha nación que se rendeu, porque se unha persoa gai o fai, as portas están abertas para todos. | ” |
Durante o último ano da súa vida, Milk recalcou a importancia de que os homosexuais debían ser máis visibles para axudar contra a discriminación e a violencia contra eles. A pesar de que Milk non lle dixera a súa nai que era homosexual antes de que ela morrese moitos anos antes, na súa gravación final, na que predicía o seu asasinato, instaba aos demais a que o fixeran:
“ | Non podo evitar que ninguén se enfade, ou se enrabie, ou se frustre. Só podo esperar que converterán esa ira, frustración e furia en algo positivo, de forma que dous, tres, catrocentos, cincocentos dean un paso adiante, de forma que os médicos gais o confesen, os avogados gais, os xuíces gais, os arquitectos gais [...] Espero que todo profesional gai diga «basta», dea un paso adiante e llo diga a todo o mundo, leve un cartel, deixe que o mundo o saiba. Quizais iso axude. | ” |
— Harvey Milk[81] |
Mais o asasinato de Milk uniuse inseparablemente coa súa eficacia política, en parte porque foi asasinado no cénit da súa popularidade. O historiador Neil Miller escribiu: «Ningún líder gai americano contemporáneo acadou en vida a estatura que Milk conseguiu na súa morte».[124] O seu legado foi ambiguo. Randy Shilts conclúe a súa biografía dicindo que o éxito de Milk, o seu asasinato e a inevitable inxustiza do veredicto sobre White representaban a experiencia de todos os gays. A vida de Milk era «unha metáfora das experiencias homosexuais en Estados Unidos».[149] Segundo Frances FitzGerald, a lenda de Milk non puido manterse, xa que ninguén parece ter podido chegar á súa altura nos anos despois da súa morte: «Castro víao como un mártir, pero entendían o seu martirio como un fin máis que como un principio. El morrera e con el gran parte do optimismo, o idealismo e a ambición de Castro tamén pereceu. Castro non puido encontrar a ninguén que o substituíse, e posiblemente non quería a ninguén».[150]
No vixésimo aniversario da morte de Milk, o historiador John D'Emilio dixo: «O legado polo que creo que quería que o recordásemos é pola imperativa de vivir a súa propia vida en todo momento con integridade».[151] Pola súa carreira política tan curta, Cleve Jones atribúelle a fama máis polo seu asasinato que pola súa vida: «O seu asasinato e a resposta a este, converteron en permanente e incuestionable a plena participación de gais e lesbianas no proceso político».[151]
Tributos
[editar | editar a fonte]A cidade de San Francisco homenaxeou a Milk dándolle o seu nome a diversos espazos.[nota 19] No punto onde se cruzan as rúas Market e Castro en San Francisco, ondea unha enorme bandeira gai, situada na praza Harvey Milk.[152] O San Francisco Gay Democratic Club cambiou o nome polo de Harvey Milk Memorial Gay Democratic Club en 1978 e fan alarde de ser a maior organización demócrata de San Francisco.[60] Na cidade de Nova York, a Harvey Milk High School ten un programa escolar para mozos en risco que se centra nas necesidades de estudantes gais, lesbianas, bisexuais e transexuais. Comezou a funcionar baixo os auspicios do Hetrick-Martin Institute con só dúas aulas en 1984, pero medrou considerablemente desde entón.[153]
O periodista independente Randy Shilts completou unha biografía de Milk en 1982 titulada The Mayor of Castro Street («O alcalde da rúa Castro»). Shilts escribiu o libro mentres non atopaba traballo estable por ser un periodista abertamente homosexual.[154] Un documental, co título The Times of Harvey Milk, foi filmado tomando como base o libro en 1984, e gañou o Óscar ó mellor documental ao ano seguinte. O director Rob Epstein comentou máis tarde por que escollera a vida de Milk como tema: «Nesa época, para aqueles de nós que vivíamos en San Francisco, sentiuse como se a vida estivese cambiando, que todos os ollos do mundo nos miraban, pero de feito, a maioría do mundo fóra de San Francisco non tiña nin idea. Realmente non foi máis que unha breve, provincial e localizada corrente de acontecementos na historia, que o alcalde e un supervisor fosen asasinados en San Francisco. Non houbo moita reverberación».[155]
Unha produción musical titulada The Harvey Milk Show estreouse en 1991.[156] Harvey Milk, unha ópera escrita por Stewart Wallace que «mitoloxiza a Milk como un símbolo do nacemento do movemento gai moderno», presentouse por primeira vez en 1996.[157] O 28 de outubro de 2008 estreouse nos Estados Unidos a película Milk, un biopic que conta os últimos oito anos da vida do político e activista gai. A función de estrea tivo lugar no Castro Theater.[158] Baixo a dirección de Gus Van Sant, con Sean Penn no papel de Harvey Milk e Josh Brolin como Dan White, rodouse durante oito semanas integramente en San Francisco, empregando habitualmente extras que estiveron nos momentos dos feitos.[159] Obtivo o Oscar ó mellor guión orixinal e o Oscar ó mellor actor -pola interpretación de Sean Penn- e foi candidato a mellor filme.
Milk foi incluído nos «100 heroes e iconas do século XX» da revista Time como «un símbolo do que poden conseguir os gais e dos perigos aos que se enfrontan por facelo». A pesar das súas travesuras e dos seus trucos publicitarios «ninguén entendía como a súa actuación pública podía afectar ás vidas privadas mellor que o mesmo Milk [...] sabía que a raíz da situación dos gais era a súa invisibilidade».[160] The Advocate listou a Milk na posición tres entre os «40 heroes» do século XX, citando a Dianne Feinstein: «A súa homosexualidade dáballe unha comprensión das cicatrices que levan todas as persoas oprimidas. Cría que ningún sacrificio era demasiado grande pola causa dos dereitos humanos». Harry Britt resumiu o impacto de Milk á tarde na que foi asasinado en 1978: «Non importa o que o mundo nos ensinase sobre nos mesmos, podemos ser fermosos e podemos arranxar a nosa vida [...] Harvey era un profeta [...] viviu por unha visión [...] Algo moi especial pasará nesta cidade e levará o nome de Harvey Milk posto.[161]
O presidente dos Estados Unidos, Barack H. Obama, outorgoulle a título póstumo, a Medalla Presidencial da Liberdade, a máxima honra civil no país, o 12 de agosto de 2009,[162] pola súa contribución ao movemento dos dereitos civís dos homosexuais, afirmando que Milk "loitou contra a discriminación cunha coraxe e cunha convicción visionarias". O sobriño de Milk, Stuart Milk, aceptou o premio en nome de seu tío.[163] O 25 de agosto de 2009, o gobernador Arnold Schwarzenegger e Maria Shriver anunciaron que Milk sería unha das trece novas admisións no Salón da Fama de California, na exhibición permanente do Museo de California. Incorporárono o 1 de decembro de 2009, en Sacramento. O 12 de outubro de 2009, o gobernador Schwarzenegger aprobou a designación do 22 de maio como o "Día de Harvey Milk", tras diversos intentos previos do congresista Mark Leno para conseguilo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ No orixinal: «Glimpy Milk —and they say WOMEN are never at a loss for words». Glimpy (que en argot significa «parvo», «idiota» ou «zoupón») era o alcume de infancia de Milk, tamén chamado Glympy Milch («leiteiro») (Harvey Milk, NNDB.com Biography. Visitado o 8 de setembro de 2011).
- ↑ Milk dixo en numerosas ocasións que foi licenciado da armada por ser gai, pero Randy Shilts mostrouse escéptico ante esta afirmación, comentando: «O Harvey Milk de aquelas non era un activista político e, de acordo coas evidencias dispoñibles, realizou un perfecto acto de equilibrio entre a discreción e o seu impulso sexual». (p. 16) A estudosa Karen Foss confirmou que o seu licenciamento da armada non tiña ningunha relación coa súa sexualidade e afirmou: «Mentres que a esaxeración era unha táctica frecuente nas campañas, no caso de Milk este tipo de engadidos servían para demostrar a súa vontade de ser parte do sistema político mentres mantiña a súa distancia del». (Véxase a lista de citas de Queer Words, Queer Images, p. 21).
- ↑ No orixinal: «a front & each would not be in the way of the other»
- ↑ Entrapment: acto no que un axente da policía induce a unha persoa a cometer un delito que a persoa non cometería normalmente.
- ↑ Un supervisor é un posto similar ao de concelleiro.
- ↑ Gain criticaba ao Departamento de policía de San Francisco ademais por ter tomado parte nun baile escandaloso en 1977 chamado Hooker's Ball («Baile das prostitutas»). A festa descontrolouse e Gain tivo que pedir reforzos para controlar os excesos, pero publicouse unha foto nos diarios na que tiña unha botella de champaña na man e estaba ao lado da activista polos dereitos das prostitutas Margo St. James e a drag queen chamada «Wonder Whore» («Puta Marabilla») (Weiss 1984, pp. 137–138).
- ↑ O caso de Sipple foi finalmente rexeitado en 1984 na corte de apelación de California. Sipple, que fora ferido na cabeza en Vietnam, e diagnosticado con paranoia esquizofrénica. Mais non lle gardaba rancor a Milk e permaneceu en contacto con el. O incidente atraeu tanta atención cara a el e abafouno tanto que máis tarde, bebido, arrepentiríase de ter collido a pistola de Moore. Finalmente, Sipple volveu establecer contacto con súa nai e seu irmán, aínda que non con seu pai. Conservou a carta de Gerald Ford enmarcada no seu apartamento até que morreu de pneumonía en 1989 ("Sorrow Trailed a Veteran Who Saved a President's Life", The Los Angeles Times [13 de febreiro de 1989], p. 1).
- ↑ A relación de Milk co Templo era similar á doutros políticos do norte de California. Segundo o San Francisco Examiner, Jones e os seus feligreses eran una «potente forza política», que axudou na elección de Moscone —sendo nomeado por isto parte da Housing Authority—, do fiscal do distrito Jose Frietas e do sheriff Richard Hongisto (Jacobs, John [20 de novembro de 1978]. "S.F.'s Leaders Recall Jones the Politician", The San Francisco Examiner, p. C). Aínda que Milk falou no Templo ("Another Day of Death", Time [11 de decembro de 1978]) e defendeu a Jones nunha misiva ao presidente Jimmy Carter en 1978, (Coleman, Loren, 2004. The Copycat Effect, Simon & Schuster, p. 68), el e os seus axudantes desconfiaban profundamente de Jones. Cando Milk se enterou de que Jones apoiaba indiferentemente tanto a Art Agnos como a el en 1976, comentoulle ao seu amigo Michael Wong: «Tomarei os seus traballadores, aínda ese é o xogo que practica Jim Jones» (Shilts 1982, p. 139)
- ↑ No orixinal: «a downer... You talk about how you're gonna throw the bums out, but how are you gonna fix things —other than beat me? You shouldn't leave your audience on a down».
- ↑ Bryant aceptou unha entrevista coa revista Playboy, na que era citada dicindo que a ordenanza «convertería en obrigatorio que homosexuais ostentosos fosen contratados tanto nas escolas públicas como nas parroquiais [...] Se son unha minoría lexítima, tamén o son os que roen as unllas, os que fan dietas, os gordos, os baixos e os asasinos» ("Playboy Interview: Anita Bryant", Playboy [maio de 1978], p. 73–96, 232–250). Bryant habitualmente cantaba “The battle hymn of the republic” («O himno de batalla da República») cando discursaba durante a campaña, denominaba aos homosexuais «lixo humano» e atribuía a seca en California aos pecados dos gais (Clendinen & Nagourney 1999, p. 306). Segundo se ía achegando o referéndum, un senador estatal de Florida leu o Levítico fronte ao senado e o gobernador expresouse en contra da ordenanza (Duberman, p. 320).
- ↑ Dous políticos homosexuais xa ocupaban postos electos: a lesbiana representante do estado de Massachusetts Elaine Noble e o senador por Minnesota Allan Spear, mais revelaran a súa homosexualidade despois de ter sido elixidos, aínda que gañaron reeleccións posteriormente.
- ↑ Harvey falou do Silly Hall, xogo de palabras entre City Hall («casa do concello») e silly («bobo»), de pronunciación similar a city.
- ↑ Pooper, «cagón»; scooper, «recolledor».
- ↑ No orixinal: In their numerous debates, which toward the end had been honed to quick back-and-forth banter [...].
- ↑ A pesar dos esforzos económicos de White, este votara pouco antes en contra de subir o soldo dos supervisores, o que lle tería dado un soldo de 24.000 dólares anuais (Cone, Russ [14 de novembro de 1978]. "Increase in City Supervisors' Pay Is Proposed Again", The San Francisco Examiner, p. 4). Feinstein notou as necesidades económicas de White e recomendoulle uns promotores comerciais do Pier 39, cerca de Fisherman's Wharf, onde el e súa muller abriron un restaurante chamado The Hot Potato (Weiss 1984, pp. 143–146). O aburguesamento do distrito de Castro era evidente a finais da década de 1970. Nas súas queixas públicas sobre os «samesugas» promotores inmobiliarios, Milk empregaba ao seu caseiro —que era gai— como exemplo. Sen sentido do humor, o caseiro triplicou o aluguer da tenda e do apartamento de arriba, no que vivía Milk (Shilts 1982, p. 227–228)
- ↑ A pesar de que era sabido que Feinstein levaba unha pistola no seu bolso, converteuse nunha defensora do control de armas. En 1994, a senadora Feinstein intercambiou algunhas palabras co senador por Idaho e membro da Asociación Nacional do Rifle Larry Craig, o cal dixera nun debate sobre a prohibición de armas de asalto que «a xentil dama de California» debería ter «un pouco máis de familiaridade coas armas de fogo e as súas características mortais». Feinstein recordoulle a Craig que de si tiña experiencia cos resultados das armas de fogo, conseguida cando meteu un dedo nun burato de bala no pescozo de Milk mentres procuraba o seu pulso (Faye, Fiore [24 de abril de 1995]. "Rematch on Weapons Ban Takes Shape in Congress Arms: Feinstein prepares to defend the prohibition on assault guns as GOP musters forces to repeal it", The Los Angeles Times, pg. 3).
- ↑ Un twinkie é un doce elaborado dunha masa esponxosa rechea de crema no seu interior.
- ↑ No orixinal en inglés: «And the young gay people in the Altoona, Pennsylvanias and the Richmond, Minnesotas who are coming out and hear Anita Bryant in television and her story. The only thing they have to look forward to is hope. And you have to give them hope. Hope for a better world, hope for a better tomorrow, hope for a better place to come to if the pressures at home are too great. Hope that all will be all right. Without hope, not only gays, but the blacks, the seniors, the handicapped, the us'es, the us'es will give up. And if you help elect to the central committee and other offices, more gay people, that gives a green light to all who feel disenfranchised, a green light to move forward. It means hope to a nation that has given up, because if a gay person makes it, the doors are open to everyone».
- ↑ O centro de artes recreativas Harvey Milk Recreational Arts Center é a central dos programas de teatro e actuación para a xuventude local. A escola primaria Douglass no distrito de Castro foi rebautizada como Harvey Milk Civil Rights Academy en 1996 (Harvey Milk Civil Rights Academy: Our History Arquivado 18 de decembro de 2008 en Wayback Machine., páxina web da Harvey Milk Civil Rights Academy. Visitado o 8 de setembro de 2011) e a sección no val de Eureka da Biblioteca pública de San Francisco tamén leva o seu nome desde 1981. Está situada no número 1 da praza José Sarria, que leva o nome do primeiro home abertamente homosexual que se presentou a unhas eleccións nos Estados Unidos. No que tería sido o 78º aniversario de Milk, un busto seu foi descuberto no concello de San Francisco, na parte superior da escalinata (Buchanan, Wyatt (22 de maio de 2008) "S.F. prepares to unveil bust of Harvey Milk" Arquivado 16 de setembro de 2011 en Wayback Machine., San Francisco Chronicle. Visitado o 8 de setembro de 2011). En maio de 2008, a Asemblea Estatal de California votou a favor de marcar o aniversario de Milk nun xesto proposto por Mark Leno, que dixo «espero que a data recorde a Milk e motive a que as persoas aprendan sobre el e celebren o seu legado». Mais o gobernador, Arnold Schwarzenegger, vetou a moción, afirmando que «as contribucións de Milk deben seguir sendo recoñecidas a nivel local».
- Referencias
- ↑ Smith & Haider-Markel, p. 204
- ↑ Leyland, p. 37
- ↑ Casa Branca, ed. (30 de xullo de 2009). "President Obama Names Medal of Freedom Recipients; 16 Agents of Change to Receive Top Civilian Honor". Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2015. Consultado o 24 de novembro de 2011.
- ↑ (Shilts 1982, p. 4)
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "Harvey Bernard Milk." Dictionary of American Biography, Suplemento 10: 1976–1980. Charles Scribner's Sons, 1995.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "Harvey Bernard Milk". Encyclopedia of World Biography, 2nd ed. 17 Vols. Gale Research, 1998.
- ↑ (Shilts 1982, p. 9)
- ↑ (Shilts 1982, p. 20)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 24–29)
- ↑ (Shilts 1982, p. 33)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 35–36)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 36–37)
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 FitzGerald, Frances (21 de xullo de 1986). "A Reporter at Large: The Castro — I", The New Yorker, p. 34–70.
- ↑ (Weiss 1984, pp. 28–29)
- ↑ (de Jim 2003, p. 36)
- ↑ 16,0 16,1 16,2 D'Emilio, John. "Gay Politics and Community in San Francisco since World War II", en Hidden From History: Reclaiming the Gay and Lesbian Past, New American Library (1989). ISBN 0-453-00689-2
- ↑ (Clendinen & Nagourney 1999, p. 151)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 38–41)
- ↑ Barnes, Clive (20 de decembro de 1971). "Theater: The York of 'Inner City'", The New York Times, p. 48.
- ↑ 20,0 20,1 Gruen, John (2 de xaneiro de 1972). "Do You Mind Critics Calling You Cheap, Decadent, Sensationalistic, Gimmicky—", The New York Times, p. SM14.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 (Shilts 1982, p. 44)
- ↑ 22,0 22,1 (Shilts 1982, p. 65)
- ↑ (Shilts 1982, p. 62)
- ↑ (Clendinen & Nagourney 1999, p. 154)
- ↑ (Clendinen & Nagourney 1999, pp. 150–151)
- ↑ (Clendinen & Nagourney 1999, pp. 156–159)
- ↑ (Clendinen & Nagourney 1999, pp. 161–163)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 61–65)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 65–72)
- ↑ "Milk Entered Politics Because 'I Knew I Had To Become Involved' ", The San Francisco Examiner (28 de novembro de 1978), p. 2.
- ↑ (Shilts 1982, p. 76)
- ↑ (Shilts 1982, p. 73)
- ↑ (Shilts 1982, p. 75)
- ↑ "S.F. Vote Tally: Supervisors", The San Francisco Chronicle (7 de novembro de 1973), p. 3.
- ↑ (Shilts 1982, pp. 78–80)
- ↑ (Shilts 1982, p. 83)
- ↑ "Harvey Bernard Milk". Biography Resource Center Online. Gale Group, 1999. Reproducido en Biography Resource Center, Farmington Hills, Mich. Gale, 2008. Subscrición necesaria.
- ↑ "Harvey Bernard Milk". Encyclopedia of World Biography, 2° ed. 17 vols. Gale Research, 1998.
- ↑ (Shilts 1982, p. 90)
- ↑ (Shilts 1982, p. 80)
- ↑ (Shilts 1982, p. 138)
- ↑ (Shilts 1982, p. 96)
- ↑ "Joseph Lawrence Alioto." The Scribner Encyclopedia of American Lives, volumen 5: 1997-1999. Charles Scribner's Sons, 2002.
- ↑ (Shilts 1982, pp. 107–108)
- ↑ (Weiss 1984, pp. 130–133)
- ↑ Shabecoff, Philip (23 de setembro de 1975). "Ford Escapes Harm as Shot is Deflected; Woman Seized with Gun in San Francisco", The New York Times, p. 77.
- ↑ Melnick, Norman (23 de setembro de 1975). "I was right behind her ... I saw a gun", The San Francisco Examiner, p. 2.
- ↑ 48,0 48,1 "The Man Who Grabbed the Gun" Arquivado 26 de agosto de 2013 en Wayback Machine., Time (6 de outubro 1975). Visitado o 8 de setembro de 2011.
- ↑ (Shilts 1982, p. 122)
- ↑ 50,0 50,1 50,2 Morain, Dan (13 de febreiro de 1989). "Sorrow Trailed a Veteran Who Saved a President and Then Was Cast in an Unwanted Spotlight", The Los Angeles Times, p. 1.
- ↑ Duke, Lynne (31 de decembro de 2006). "Caught in Fate's Trajectory, Along With Gerald Ford", The Washington Post, p. D01.
- ↑ (Shilts 1982, pp. 130–133)
- ↑ "Milk Will Run—Loses Permit Board Seat", The San Francisco Chronicle, 10 de marzo de 1976.
- ↑ 54,0 54,1 54,2 (Shilts 1982, pp. 133–137)
- ↑ (de Jim 2003, p. 43)
- ↑ (de Jim 2003, p. 44)
- ↑ (Shilts 1982, p. 139)
- ↑ (Shilts 1982, p. 149)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 142–143)
- ↑ 60,0 60,1 The Harvey Milk Lesbian, Gay, Bisexual, Transgender Democratic Club (agosto de 2008). Páxina web do Harvey Milk Lesbian, Gay, Bisexual, Transgender Democratic Club. Visitado o 8 de setembro de 2011.
- ↑ Fetner, Tina (agosto de 2001). "Working Anita Bryant: The Impact of Christian Anti-Gay Activism on Lesbian and Gay Movement Claims", Social Problems, 48 (3), p. 411–428. ISSN 0037-7791
- ↑ (Clendinen & Nagourney 1999, p. 303)
- ↑ "Miami Anti-gays Win in Landslide", The San Francisco Examiner, (8 de xuño de 1977), p. 1.
- ↑ 64,0 64,1 Sharpe, Ivan (8 de xuño de 1977). "Angry Gays March Through S.F.", The San Francisco Examiner, p. 1.
- ↑ (Weiss 1984, p. 105)
- ↑ (Shilts 1982, p. 158)
- ↑ 67,0 67,1 (Hinckle 1985, p. 15)
- ↑ "Police Press Hunt for Slayers of Gay", The San Francisco Examiner, (23 de xuño de 1977), p. 3.
- ↑ (Clendinen & Nagourney 1999, p. 319)
- ↑ (Hinckle 1985, p. 28)
- ↑ (Miller 1994, p. 403)
- ↑ (Shilts 1982, p. 166)
- ↑ 73,0 73,1 73,2 Gold, Herbert (6 de novembro de 1977), "A Walk on San Francisco's Gay Side", The New York Times, p. SM17.
- ↑ (Shilts 1982, p. 174)
- ↑ (Shilts 1982, p. 173)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 169–170)
- ↑ (Shilts 1982, p. 182)
- ↑ Pogash, Carol (9 de novembro de 1977). "The Night Neighborhoods Came to City Hall", The San Francisco Examiner, p. 3.
- ↑ (Shilts 1982, p. 180)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 184, 204, 223)
- ↑ 81,0 81,1 81,2 Giteck, Lenny (28 de novembro de 1978). "Milk Knew He Would Be Assassinated", The San Francisco Examiner, p. 2.
- ↑ (Hinckle 1985, pp. 13–14)
- ↑ 83,0 83,1 Cone, Russ (8 de xaneiro de 1978). "Feinstein Board President", The San Francisco Examiner, p. 1.
- ↑ "Homosexual on Board Cites Role as Pioneer", New York Times, (10 de novembro de 1977), p. 24.
- ↑ (Shilts 1982, p. 190)
- ↑ Ledbetter, Les (12 de xaneiro de 1978). "San Francisco Legislators Meet in Diversity", The New York Times, p. A14.
- ↑ (Weiss 1984, p. 107)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 192–193)
- ↑ (Shilts 1982, p. 194)
- ↑ (Hinckle 1985, p. 48)
- ↑ Ledbetter, Les (22 de marzo de 1978). "Bill on Homosexual Rights Advances in San Francisco", The New York Times, p. A21.
- ↑ (Shilts 1982, p. 199)
- ↑ 93,0 93,1 93,2 93,3 The Times of Harvey Milk. Dir. Rob Epstein. DVD, Pacific Arts, 1984.
- ↑ (Shilts 1982, pp. 203–204)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 228, 233)
- ↑ VanDeCarr, Paul (23 de novembro de 2003). "Death of dreams: in November 1978, Harvey Milk's murder and the mass suicides at Jonestown nearly broke San Francisco's spirit.", The Advocate, p. 32.
- ↑ (Clendinen & Nagourney 1999, pp. 380–381)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 230–231)
- ↑ 99,0 99,1 Jacobs, John (26 de xuño de 1978). "An Ecumenical Alliance on the Serious Side of 'Gay' ", The San Francisco Examiner, p. 3.
- ↑ (Shilts 1982, p. 224)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 224–225)
- ↑ 102,0 102,1 (Clendinen & Nagourney 1999, pp. 388–389)
- ↑ "Mayor Hunts a Successor for White", The San Francisco Examiner, (11 de novembro de 1978), p. 1.
- ↑ Cone, Russ (16 de novembro de 1978). "White Changes Mind—Wants Job Back", The San Francisco Examiner, p. 1.
- ↑ 105,0 105,1 105,2 Ledbetter, Les (29 de novembro de 1978). "2 Deaths Mourned by San Franciscans", The New York Times, p. 1.
- ↑ 106,0 106,1 106,2 "Another Day of Death" Arquivado 23 de agosto de 2013 en Wayback Machine., Time, 11 de decembro de 1978. Visitado o 8 de setembro de 2011.
- ↑ Downie Jr., Leonard (22 de novembro de 1978). "Bodies in Guyana Cause Confusion; Confusion Mounts Over Bodies at Guyana Cult Site; Many Missing in Jungle", The Washington Post, p. A1.
- ↑ (Weiss 1984, p. 218)
- ↑ Barbash, Fred (25 de novembro de 1978). "Tragedy Numbs Survivors' Emotions; 370 More Bodies found at Cult Camp in Guyana; A Week of Tragedy in Guyana Dulls Survivors' Emotions", The Washington Post, p. A1.
- ↑ 110,0 110,1 110,2 Flintwick, James (28 de novembro de 1978). "Aide: White 'A Wild Man'", The San Francisco Examiner, p. 1.
- ↑ Turner, Wallace (28 de novembro de 1978). "Suspect Sought Job", The New York Times, p. 1.
- ↑ Ledbetter, Les (1 de decembro de 1978)."Thousands Attend Funeral Mass For Slain San Francisco Mayor; Former Supervisor Charged Looking to the Mayor's Job", The New York Times, p. A20.
- ↑ Ulman, Richard, and Abse, D. Wilfred (decembro de 1983). "The Group Psychology of Mass Madness: Jonestown", Political Psychology, 4 (4), p. 637–661.
- ↑ 114,0 114,1 "Reaction: World Coming Apart", The San Francisco Examiner, (28 de novembro de 1978), p. 2.
- ↑ (Hinckle 1985, p. 14)
- ↑ "A Mourning City Asks Why", The San Francisco Examiner, (28 de novembro de 1978), p. 20.
- ↑ Harvey Milk Memorial Plaque, 575 Castro Street, San Francisco (California).
- ↑ "No Bail as D.A. Cites New Law", The San Francisco Examiner (28 de novembro de 1978), p. 1.
- ↑ 119,0 119,1 Geluardi, John (30 de xaneiro de 2008). "Dan White's Motive More About Betrayal Than Homophobia". SF Weekly. Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2012. Consultado o 8 de setembro de 2011.
- ↑ Carlsen, William (29 de novembro de 1978). "Ex-aide Held in Moscone Killing Ran as a Crusader Against Crime", The New York Times, p. A22.
- ↑ 121,0 121,1 (Hinckle 1985, p. 30)
- ↑ (Hinckle 1985, p. 40)
- ↑ (Shilts 1982, p. 283)
- ↑ 124,0 124,1 (Miller 1994, p. 408)
- ↑ (Hinckle 1985, p. 17)
- ↑ (Hinckle 1985, p. 27)
- ↑ (Weiss 1984, p. 273)
- ↑ (Shilts 1982, p. 308)
- ↑ 129,0 129,1 (Hinckle 1985, p. 49)
- ↑ (Shilts 1982, p. 310)
- ↑ 131,0 131,1 Mounts, Suzanne (Spring 1999). "Malice Aforethought in California: A History of Legislative Abdication and Judicial Vacillation", University of San Francisco Law Review (33 U.S.F. L. Rev. 313).
- ↑ 132,0 132,1 (Weiss 1984, p. 403)
- ↑ (Shilts 1982, pp. 324–325)
- ↑ (Weiss 1984, p. 405)
- ↑ 135,0 135,1 (Weiss 1984, pp. 406–409)
- ↑ Turner, Wallace (22 de maio de 1979). "Ex-Official Guilty of Manslaughter In Slayings on Coast; 3,000 Protest; Protesters Beat on Doors Ex-Official Guilty of Manslaughter in Coast Slayings Lifelong San Franciscan", The New York Times, p. A1.
- ↑ (Weiss 1984, p. 414)
- ↑ (Weiss 1984, p. 410)
- ↑ (Weiss 1984, pp. 80–81)
- ↑ (Weiss 1984, p. 377)
- ↑ Hubbard, Lee (7 de novembro de 1999). "Real Elections Up Next for S.F.", The San Francisco Chronicle, p. SC1.
- ↑ California Penal Code Section 25-29, FindLaw (2008). Visitado o 8 de setembro de 2011.
- ↑ Pogash, Carol (23 de novembro de 2003). "Myth of the 'Twinkie defense'", The San Francisco Chronicle, p. D1.
- ↑ Lindsey, Robert (22 de outubro de 1985). "Dan White, Killer of San Francisco Mayor, a suicide", The New York Times, p. A18.
- ↑ 145,0 145,1 145,2 Foss, Karen (1988). "You Have to Give Them Hope", Journal of the West, 27 p. 75–81. ISSN 0022-5169
- ↑ (Shilts 1982, p. 203)
- ↑ Foss, Karen. "The Logic of Folly in the Political Campaigns of Harvey Milk", in Queer Words, Queer Images, Jeffrey Ringer, ed. (1994), New York University Press. ISBN 0-8147-7441-5.
- ↑ (Shilts 1982, p. 363)
- ↑ (Shilts 1982, p. 348)
- ↑ FitzGerald, Frances (28 de xullo de 1986). "A Reporter at Large: The Castro—II", The New Yorker, p. 44–63.
- ↑ 151,0 151,1 Cloud, John (10 de novembro de 1998). "Why Milk is Still Fresh: Twenty Years After his Assassination, Harvey Milk Still Has a Lot to Offer the Gay Life", The Advocate, (772) p. 29.
- ↑ Levy, Dan (6 de setembro de 2000). "Harvey Milk Plaza Proposals Up for Judging", The San Francisco Chronicle, p. A-16.
- ↑ "First public gay high school to open in NYC". CNN.com. 29 de xullo de 2003. Archived from the original on 03 de xaneiro de 2004. Consultado o 8 de setembro de 2011.
- ↑ (Marcus 2002, pp. 228–229)
- ↑ Quartini, Joelle (20 de xuño de 2008). "Harvey Milk Returns", The New York Blade, 12 (25), p. 18.
- ↑ Winn, Steven (27 de febreiro de 1999). "`Milk' Too Wholesome For the Man", The San Francisco Chronicle, p. E1.
- ↑ Swed, Mark (20 de novembro de 1996). "Opera Review: A Revised 'Harvey Milk,' Finds Heart in San Francisco", The Los Angeles Times, p. F3.
- ↑ Winn, Steven (28 de outubro de 2008)."Milk world premiere benefit at Castro Theatre" Arquivado 14 de abril de 2012 en Wayback Machine., San Francisco Chronicle. Visitado o 8 de setembro de 2011.
- ↑ Stein, Ruthe (18 de marzo de 2008). "It's a wrap - 'Milk' filming ends in S.F.", The San Francisco Chronicle, p. E1.
- ↑ Cloud, John (14 de xuño de 1999). "Harvey Milk" Arquivado 10 de outubro de 2009 en Wayback Machine., Time. Visitado o 8 de setembro de 2011.
- ↑ (Shilts 1982, p. 281)
- ↑ "President Obama grants medals to Milk, King" Politico. Visitado o 8 de setembro de 2011.
- ↑ 2009 Medal of Freedom Ceremony Arquivado 12 de agosto de 2009 en Wayback Machine., The White House (12 de agosto de 2009). Consultado o 8 de setembro de 2011.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Diversidade sexual |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Harvey Milk |
A Galicitas posúe citas sobre: Harvey Milk |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Clendinen, Dudley; Nagourney, Adam (1999). Out for Good: The Struggle to Build a Gay Rights Movement in America (en inglés). Simon & Schuster. ISBN 0-684-81091-3.
- de Jim, Strange (2003). San Francisco's Castro (en inglés). Arcadia Publishing. ISBN 978-0-7385-2866-3.
- Duberman, Martin (1999). Left Out: the Politics of Exclusion: Essays, 1964-1999 (en inglés). Basic Books. ISBN 0-465-01744-4.
- Hinckle, Warren (1985). Gayslayer! The Story of How Dan White Killed Harvey Milk and George Moscone & Got Away With Murder (en inglés). Silver Dollar Books. ISBN 0-933839-01-4.
- Leyland, Winston, ed. (2002). Out In the Castro: Desire, Promise, Activism (en inglés). Leyland Publications. ISBN 978-0-943595-87-0.
- Marcus, Eric (2002). Making Gay History (en inglés). HarperCollins Publishers. ISBN 0-06-093391-7.
- Miller, Neil (1994). Out of the Past: Gay and Lesbian History from 1869 to the Present (en inglés). Vintage Books. ISBN 0-679-74988-8.
- Shilts, Randy (1982). The Mayor of Castro Street: The Life and Times of Harvey Milk (en inglés). St. Martin's Press. ISBN 0-312-52330-0.
- Smith, Raymond; Haider-Markel, Donald, eds. (2002). Gay and Lesbian Americans and Political Participation (en inglés). ABC-CLIO. ISBN 1-57607-256-8.
- Weiss, Mike (1984). Double Play: The San Francisco City Hall Killings (en inglés). Addison Wesley Publishing Company. ISBN 0-201-09595-5.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Harvey Milk Pages". Uncle Donald'S Castro Street (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2008. Consultado o 08 de setembro de 2011.
- "Harvey Milk - Opera in Three Acts". stewartwallace.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de decembro de 2008. Consultado o 08 de setembro de 2011.
- Milk na IMDb (en inglés).
- The Times of Harvey Milk na IMDb (en inglés).
- "Harvey Milk Civil Rights Academy" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2015. Consultado o 29 de xuño de 2015.
- Got Hope? Harvey Milk. (Youtube) (en inglés).