Guerra de Troia
A guerra de Troia é un acontecemento lendario, elemento esencial da cultura grega antiga. Deu lugar a numerosas obras artísticas, literarias en particular. Unha parte esta contada na Ilíada de Homero; o poema leva este nome xa que o nome grego da cidade de Troia é Ilion: trátase da primeira epopea escrita en grego e ten un valor fundador.
A guerra de Troia foi unha guerra contra a cidade de Troia en Asia Menor polos exércitos gregos, tras o rapto de Helena de Esparta por Paris de Troia. Esta guerra é a figura central da épica grecolatina e foi narrada nun ciclo de poemas épicos dos que só dous nos chegaron intactos, A Ilíada e A Odisea de Homero. A Ilíada describe un episodio desta guerra, e A Odisea narra a viaxe de volta á casa dun dos líderes gregos, Ulises. Outras partes da historia e versións diferentes foron elaboradas por poetas gregos e romanos posteriores.
Os antigos gregos crían que os feitos que Homero relatou eran certos. Crían que esta guerra tivera lugar no século -XIII ou -XII, e que Troia estaba situada cerca do estreito dos Dardanelos no noroeste da península de Anatolia (actual Turquía). En tempos modernos, tanto a guerra como a cidade eran consideradas mitolóxicas.
En 1870 o arqueólogo alemán Heinrich Schliemann escavou o outeiro de Hisarlik, onde cría que estaba a cidade de Troia, achando os restos da antiga cidade de Nova Ilión, que existiu ata o século século -I e baixo a cal achou outras ruínas, e debaixo destas, outras máis. Parecía unha inmensa cebola cuxas capas habería que ir esfollando unha tras outra e cada unha destas capas parecía ser habitada en épocas distintas. Schliemann fora para achar a Troia homérica; pero no curso dos anos, el e os seus colaboradores acharon sete cidades sepultas, e máis tarde outras dúas. Pero, cal destas dez cidades era a Troia de Homero? Estaba claro que a capa máis profunda, Troia I, era a prehistórica, a máis antiga, tan antiga que os seus habitantes aínda non coñecían o emprego do metal, e que a capa máis a flor de terra, Troia IX, tiña que ser a máis recente, gardando os restos da Nova Ilión, onde Xerxes e Alexandre Magno sacrificaran aos deuses. Algúns historiadores cren que a Troia VI ou a VII foron a cidade homérica, porque as anteriores son pequenas e as posteriores son asentamentos gregos. Outros historiadores cren que os relatos de Homero son unha fusión de historias de sitios e expedicións dos gregos da Idade de Bronce ou do período micénico, e non describe feitos reais. Os que pensan que as historias da guerra de Troia derivan dalgún conflito real, dátano entre -1100 e -1300 a.c.
O mito
[editar | editar a fonte]Antecedentes
[editar | editar a fonte]O Xuízo de Paris
[editar | editar a fonte]Zeus convértese en rei dos deuses tras destronar ao seu pai Crono; Crono á súa vez destronara ao seu pai Urano. Zeus escoita unha profecía en que el á súa vez será destronado por un dos seus fillos. Outra profecía di que un fillo da ninfa Tetis, coa que Zeus tivo unha relación, sería máis grande que o seu pai. Posiblemente por algunha destas razóns, Tetis casou por orde de Zeus cun mortal, o rei Peleo. Peleo e Tetis tiveron un fillo chamado Aquiles quen segundo outra profecía, morrería nova en Troia. Coa esperanza de protexerlle, cando era un neno a súa nai bañouno na lagoa Estixia, facéndoo invulnerable excepto no talón por onde o suxeitou. Creceu para ser o maior guerreiro de todos os mortais.
Todos os deuses foron invitados á voda de Peleo e Tetis, excepto Eris. Esta presentouse de improviso na voda e deixou sobre a mesa unha mazá de ouro na que estaba inscrita a palabra Kallisti (τῇ καλλίστῃ "para a máis fermosa"). A mazá foi reclamada por Hera, Atenea, e Afrodita. Pelexaron implacablemente por ela e ningún dos demais deuses ofreceu apoio a algunha das contendentes por temor a granxearse a inimizade das outras dúas. Finalmente, Zeus resolveu o asunto nomeando árbitro a Paris, un príncipe de Troia, que fora criado como pastor por mor dunha profecía, segundo a cal sería o causante da caída de Troia. As deusas quixeron subornar a Paris, e así, Atenea ofreceulle sabedoría, destreza na batalla e as habilidades dos grandes guerreiros; Hera ofreceulle poder político e o control de toda Asia, e Afrodita ofreceulle o amor da muller máis bela do mundo. Paris concedeu a mazá a Afrodita, e regresou a Troia.
O rapto de Helena
[editar | editar a fonte]A muller máis bela do mundo era Helena, filla de Leda, a cal estaba casada con Tíndaro, rei de Esparta, e foi seducida por Zeus en forma de cisne; os informes difiren sobre cal dos catro fillos de Leda o eran de Zeus e cales de Tíndaro, pero Homero fai a Helena filla de Zeus.
Helena tiña moitos pretendentes, e Tíndaro estaba pouco disposto a elixir un por medo a que os outros tomasen represalias. Finalmente, un dos pretendentes, Odiseo de Ítaca (Ulises na mitoloxía romana) propuxo un plan. Fixo prometer a todos defender o matrimonio de Helena con quen ela elixise. Ela elixiu a Menelao, quen humildemente non fixo a petición en por si, senón enviando ao seu irmán Agamenón no seu lugar. Os dous irmáns vivían na corte de Tíndaro desde que foran desterrados de Argos, tras que o seu pai, Atreo, fose asasinado e o seu trono usurpado polo seu irmán Tiestes e o seu fillo Existo. Menelao herdou o trono de Esparta de Tíndaro, con Helena como a súa raíña e Agamenón, casado coa irmá de Helena, Clitemnestra, recuperou o trono de Argos.
Enviado a facer tratos diplomáticos a Esparta, Paris namorouse de Helena e, coa axuda de Afrodita, raptouna ou seduciuna, e levouna de regreso a Troia como esposa. Todos os reis e príncipes de Grecia foron chamados a cumprir o seu xuramento e recuperala.
A xefatura das tropas
[editar | editar a fonte]Odiseo estaba casado con Penélope e tiña un fillo, Telémaco. Para evitar ir á guerra, finxiuse tolo e sementou os seus campos con sal. Palamedes foi máis listo que el e puxo o seu fillo diante do arado, e Odiseo incorporouse ao non estar disposto a matar o seu fillo, revelando a súa cordura e véndose obrigado a ir á guerra.
O adiviño Calcas augurou que nunca podería ser conquistada a cidade de Troia sen que Aquiles participase na batalla. A súa nai Tetis, sabendo que Aquiles morrería se ía a Troia, disfrazouno de muller na corte do rei Licomedes en Esciro. Alí tivo unha relación amorosa coa filla do rei Deidamia, da que tiveron un fillo, Neoptólemo. Odiseo descubriu a Aquiles entre as mulleres e conseguiu así que participase na expedición. Os gregos tamén levaron os ósos de Pélope, pai de Atreo e avó de Agamenón e Menelao para que os axudase a gañar a guerra. Outro oráculo augurou que sería necesario para conseguir a vitoria.
A guerra
[editar | editar a fonte]Cando os gregos partiron á guerra de Troia, equivocáronse de rumbo e foron parar a Misia, rexida por Télefo. Na batalla, Aquiles feriu a Télefo e a súa ferida non cicatrizaba. Télefo preguntou ao oráculo e este vaticinou "o mesmo deberá curarte". Télefo finxiu ser un esmoleiro e pediu a Aquiles que lle axudase a cicatrizar a súa ferida. Aquiles rexeitouno alegando non ter coñecementos médicos. Odiseo dixo que a lanza causara a ferida e a lanza podería cicatrizala. Puxéronlle anaquiños da lanza sobre a ferida e esta cicatrizou. Télefo indicoulles o camiño a Troia agradecido pola súa curación.
Ao pouco de partiren os ventos cesaron. O adiviño Calcas augurou que a deusa Artemisa estaba castigando a Agamenón por matar un cervo sacro (ou matar un cervo nun bosque sacro) e alardear que era mellor cazador ca ela. A única forma de tranquilizar a Artemisa, era sacrificar a filla de Agamenón, Ifixenia. No último momento Artemisa substituíu a moza por un cervo e levouna a Taurida onde foi sacerdotisa do seu culto, sacrificando a todo estranxeiro que alí chegaba para facer sacrificios na súa honra. Hesíodo di que se converteu na deusa Hécate.
Filoctetes era un amigo de Heracles (Hércules na mitoloxía romana) e, xa que acendeu a pira funeraria de Heracles cando ninguén máis quixo facelo, recibiu o seu arco e as súas frechas. Navegou con sete barcos repletos de homes á guerra de Troia, onde planeaba loitar no bando dos gregos. Detivéronse nunha illa para conseguiren subministracións e alí Filoctetes foi mordido por unha serpe. A ferida infectouse e desprendía un gran fedor; e os Atridas, por consello de Odiseo, ordenaron a Filoctetes permanecer en Lemnos.
Medonte tomou o mando dos homes de Filoctetes, quen permaneceu só en Lemnos durante dez anos.
A chegada
[editar | editar a fonte]O oráculo profetizou que o primeiro grego que pisase terra na guerra de Troia sería o primeiro en morrer. Protesilao, líder dos filaceos, satisfixo esta profecía, e a súa muller, Laodamía, seguiuno á morte: Protesilao resultou morto nada máis desembarcar[1] e Laodamía suicidouse a causa da dor. Tras a morte de Protesilao, o seu irmán máis novo, Podarces, asumiu o mando no seu lugar. Pouco despois Aquiles matou un dos principais heroes aliados de Troia, Cicno, fillo de Poseidón, e invulnerable ás armas, estrangulándoo. Os gregos cercaron Troia durante nove anos. Houbo algunhas escaramuzas con Troia e os seus aliados. As tropas gregas saquearon varias cidades próximas e, na repartición do botín, Agamenón tomou como escrava a Criseida, filla de Crises, sacerdote de Apolo. Cando Crises intentou pagar o seu rescate foi maltratado, así que pediu a Apolo que castigase aos gregos, e a armada foi azoutada por unha praga (epidemia).
Feitos da Ilíada
[editar | editar a fonte]O adiviño Calcante dixo a Agamenón que entregase a Criseida. Anoxado por isto, e con Aquiles que garantiu a protección do adiviño, Agamenón tomou á concubina de Aquiles, Briseida. Aquiles e Agamenón discutiron e Aquiles negouse a loitar. Aínda que os gregos estaban destinados a gañar a guerra, Aquiles pediu á súa nai Tetis que intercedese ante Zeus para asegurarse que aos gregos lles fose mal ata que Agamenón se desculpase ante el. Os seguintes días os gregos foron duramente castigados na batalla e os principais guerreiros salvo Áiax foron feridos gravemente. Os troianos, liderados por Heitor, avanzaban sen parar sobre as posicións gregas.
En vista do perigo, Aquiles deixou que o seu compañeiro Patroclo levara a súa armadura e liderase as tropas na batalla. Heitor deu morte a Patroclo e quedou coa armadura de Aquiles. Tolo de dor, Aquiles xurou vinganza, matou a Heitor e arrastrou o seu corpo atado ao seu carro rodeando Troia por tres veces. Negouse a devolvelo aos troianos para os ritos funerarios ata que Príamo en persoa foi a suplicarlle que o devolvese, co que se abrandou e declarou unha tregua de doce días mentres durasen os funerais de Heitor.
Morte de Aquiles
[editar | editar a fonte]Pouco despois da morte de Heitor, Aquiles venceu a Memnón de Etiopía e á amazona Pentesilea (con quen Aquiles tivo unha aventura segundo algunhas versións). Foi morto por Paris ben dunha frecha no seu talón dirixida por Apolo durante unha tregua ou, noutra versión, directamente polo deus Apolo. Os seus ósos foron mesturados cos de Patroclo, e houbo xogos funerarios. Como Áiax, represéntase vivindo tras a súa morte na illa de Leuce na desembocadura do Danubio.
Noutra versión bastante diferente das anteriores, Aquiles prometera a Príamo que se consentía o casamento coa súa filla Políxena pasaría a abandonar os seus e defender Troia, pero tras concertar unha cita no templo de Apolo Timbreo, foi asasinado por Paris cunha daga nas costas (ou unha frecha no calcaño).
A armadura de Aquiles/a morte de Áiax
[editar | editar a fonte]A armadura de Aquiles era motivo de disputa entre Odiseo e Áiax. Competiron por ela, resultando vencedor Odiseo. Áiax, encolerizado, xurou matar os seus compañeiros; comezou a matar gando (pensando que eran soldados gregos), e posteriormente a si mesmo. Os gregos capturaron a Héleno, fillo do rei Príamo, e adiviño e torturárono ata que dixo baixo que circunstancias poderían tomar Troia. Héleno dixo que gañarían se recuperaban as frechas de Heracles (que estaban en poder de Filoctetes); roubaron a estatua troiana de Palas Atenea (chamada Paladio) e convenceron ao fillo de Aquiles (Neoptólemo) de que fose á guerra. Neoptólemo estaba oculto da guerra en Esciro pero os gregos localizárono. Odiseo e Neoptólemo trouxeron a Filoctetes de Lemnos. A súa ferida foi curada por Macaón ou Asclepio. Filoctetes mataría a Paris e Diomedes case matou a Eneas na batalla, pero a súa nai Afrodita, salvouno. Diomedes feriu a Afrodita e ela deixou caer ao seu fillo fuxindo ao Monte Olimpo. Eneas foi ocultado nunha nube por Apolo, que o levou a Pérgamo, un lugar sacro en Troia. Artemisa curou a Eneas alí. Diomedes loitou con Heitor e viu a Ares, o deus da guerra, loitando ao lado dos troianos. Diomedes mandou aos seus soldados retirarse lentamente. Hera, a nai de Ares, viuno interferir e pediu permiso a Zeus, pai de Ares, para conducilo lonxe da batalla. Hera alentou a Diomedes a atacar a Ares e guindou a súa lanza ao deus. Atenea dirixiu a lanza cara ao corpo de Ares que gritou de dor e regresou ao Monte Olimpo obrigando aos troianos a retrocederen.
O cabalo de Troia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Cabalo de Troia.
O cerco de Troia durou dez anos. Os gregos idearon unha nova astucia- un gran cabalo de madeira oco. Foi construído por Epeo e ocupárono soldados gregos liderados por Odiseo. O resto da armada grega finxiu partir e os troianos aceptaron o cabalo como unha ofrenda de paz. Un espía grego, Sinón, convenceu aos troianos de que o cabalo era unha ofrenda a Atenea a pesar das advertencias de Laocoonte e Casandra. Os troianos fixeron unha gran celebración e cando os gregos saíron do cabalo, a cidade enteira estaba baixo o soño da bebida. Os guerreiros gregos abriron as portas da cidade para permitiren a entrada á cidade ao resto das tropas e a cidade foi saqueada sen piedade.
Consecuencias
[editar | editar a fonte]A pantasma de Aquiles apareceuse aos sobreviventes da guerra, pedindo que Políxena, a princesa troiana, fose sacrificada antes de que ningún deles puidese partir. Neoptólemo fíxoo.
Segundo a Odisea, a frota de Menelao foi empurrada por tormentas cara a Creta e Exipto de onde non puideron continuar a navegación pola ausencia de ventos. Menelao tivo que atrapar a Proteo, unha deidade mariña, para pescudar que sacrificios aos deuses debían facer para garantírense unha travesía segura. Proteo tamén dixo a Menelao que estaba destinado ao Elisio (ceo) tras a súa morte. Menelao regresou a Esparta con Helena. Tiveron unha filla, Hermione.
Tras a guerra, o barco de Idomeneo foi alcanzado por unha terrible tormenta. Idomeneo prometeu a Poseidón que sacrificaría o primeiro ser vivente que vise cando volvese a casa se salvaba o seu barco e a súa tripulación. O primeiro ser vivo ao que viu foi o seu fillo, así que o sacrificou. Os deuses estaban enfadados co asasinato do seu fillo e enviárono ao exilio a Calabria en Italia (Virxilio III, 400). Segundo outra versión, os seus propios súbditos en Creta enviárono ao exilio porque levou consigo unha praga desde Troia. Fuxiu a Calabria, e posteriormente a Colofón, en Asia Menor, onde morreu. Noutra versión, a praga azouta Creta como castigo polo acto de Idomeneo.
Casandra foi raptada por Áiax o Menor, e levada como concubina de Agamenón. Agamenón regresou ao seu fogar en Argos. A súa esposa Clitemnestra (irmá de Helena) tivo unha relación con Existo, fillo de Tiestes, primo de Agamenón que conquistou Argos antes que Agamenón o retomase. Posiblemente como vinganza pola morte de Ifixenia, Clitemnestra conxurouse co seu amante para matar a Agamenón. Casandra prognosticou este asasinato e avisou a Agamenón, pero ignorouna. Foi asasinado nun banquete ou no seu baño, segundo diferentes versións. Casandra tamén foi asasinada. O fillo de Agamenón, Orestes, que estivera lonxe, regresou e conspirou coa súa irmá Electra para vingar o seu pai. Mataron a Clitemnestra e a Existo. Orestes casou con Hermione e retomou Argos, converténdose en rei de todo o Peloponeso.
Neoptólemo tomou a Andrómaca e Héleno como escravos, casando con Andrómaca. Inimizouse con Orestes porque Menelao lle prometera a súa filla Hermione a el, pero despois quixo que casase con Neoptólemo. Loitaron, e Neoptólemo morreu. Héleno casou con Andrómaca e reinaron sobre unha colonia de troianos exiliados no que unha vez fora o reino de Aquiles. Alí atopouno Eneas na súa viaxe a Italia.
A raíña Hécuba de Troia foi escravizada polos Aqueos.
Licaón foi escravizado por Aquiles e vendido por este en Lemnos, pero conseguiu volver a Troia e morreu no campo de batalla, a mans de Aquiles.
Posto que Antenor, cuñado de Príamo, axudara a devolver a Helena aos gregos, perdoóuselle a vida.
Eneas liderou un grupo de sobreviventes lonxe da cidade, incluíndo ao seu fillo Ascanio, a súa trompeta Miseno, o seu pai Anquises e o médico Lápixe. A súa muller Creúsa desapareceu durante o saqueo da cidade. Fuxiron de Troia en varios barcos, buscando establecérense nun novo fogar. Arribaron a varios países próximos que non se mostraron hospitalarios, finalmente foilles profetizado que debían volver á terra dos seus antepasados. Primeiro intentárono en Creta, que Dárdano colonizara, pero atopárono arrasado pola mesma praga que expulsara a Idomeneo. Atoparon a colonia dirixida por Heleno e Andrómaca, pero rexeitaron permanecer aí. Tras sete anos chegaron a Cartago, onde Eneas tivo un romance con Dido. Finalmente os deuses ordenáronlles continuar (Dido suicidouse), e chegaron a Italia.
Aquí unha profetisa levouno ao inframundo e predixo a grandeza de Roma, que sería fundada pola súa xente. Negociou un asentamento co rei local Latino e casou coa súa filla Lavinia. Isto desencadeou unha guerra con outras tribos locais, pero finalmente fundouse o asentamento de Alba Longa, rexido por Eneas e o fillo de Lavinia, Silvio. Trescentos anos despois, segundo o mito romano, os seus descendentes Rómulo e Remo fundaron Roma.
Principais participantes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Guerra de Troia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Homero (1990). A Ilíada. versión galega de Evaristo de Sela. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. p. 777.
- Homero (1992). Odisea. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
- Lorenzo, Ramón (1985). Crónica Troiana. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza. p. 754.
- Parker, Kelvin M. (1975). Historia Troyana. Santiago de Compostela: C.S.I.C. - Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. p. 386.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- RODRÍGUEZ, Fernando G. (2015): A guerra de Troia. (Xoaquín Freixeiro, trad.). Madrid: Editorial Weeble. Versión infantil adaptada e ilustrada, con licenza Creative Commons.
- Aquiles e Ulises Arquivado 12 de setembro de 2019 en Wayback Machine.. Web do Museo de Belas Artes da Coruña.