Guerra de Flandres
Guerra de Flandres Guerra dos oitenta anos | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Mapa das Provincias Unidas en 1658, anos despois de acadaren a independencia de Castela. | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Países Baixos Provincias Unidas Reino Unido Inglaterra Francia |
Monarquía Hispánica | ||||||
Baixas | |||||||
230.000-2.000.000 mortos en total entre civís e militares. |
A guerra dos oitenta anos ou guerra de Flandres foi unha guerra de secesión, entre os actuais estados dos Países Baixos e España, iniciada en 1568 e que finalizou en 1648, co recoñecemento da independencia das sete Provincias Unidas, hoxe coñecidas como Países Baixos (ou "Holanda").
Os países que hoxe se coñecen como Bélxica e Luxemburgo formaron parte das dezasete provincias que permaneceron leais aos Habsburgo hispanos. As Provincias Unidas emerxeron da guerra como unha potencia mundial grazas á súa poderosa armada e frota mercante, e experimentaron un importante auxe económico e cultural.
Para a coroa castelá a independencia das Provincias Unidas representou unha gran perda de prestixio e o mantemento económico da guerra contribuíu en gran parte a provocar as sucesivas bancarrotas da coroa castelá ao longo dos séculos XVI e XVII, e o afundimento da súa economía.
Antecedentes da guerra
[editar | editar a fonte]Os intereses españois
[editar | editar a fonte]Carlos V naceu en Gante en 1500 e creceu no condado de Flandres do cal era o titular polo que era visto polos seus súbditos neerlandeses como un rei da súa terra. Carlos V abdicou en 1556 no seu fillo Filipe II, criado en Castela e cuxos intereses sempre estiveron máis na liña dos intereses da coroa de Castela, era visto como un rei estraño e estranxeiro. Esta impresión púxose de manifesto o día da abdicación de Carlos V en Bruxelas, onde en contraposición ao emperador, flamengo, cosmopolita e políglota, o novo rei era incapaz de dirixirse aos seus súbditos flamengos na súa lingua.
A situación de Flandres, a un paso de Inglaterra, Francia e Alemaña, tiña unha grande importancia estratéxica para a coroa española. Ameazaba a Inglaterra cunha invasión, pechaba o cerco de Francia xunto con Castela e Italia, e era a porta de entrada a Alemaña desde o norte, sacudida polas guerras de relixión.
A relixión
[editar | editar a fonte]Xa durante o reinado de Carlos V, o calvinismo fixera acto de presenza nos Países Baixos e fora reprimido polo emperador, intentado ata implantar un tribunal da Inquisición. Esta política foi continuada polo seu fillo Filipe II que, en 1565, implantou os decretos tridentinos, causando un gran malestar xa que impedían a liberdade de culto á que aspiraban os nobres e os calvinistas.
Doutra banda, a reorganización dos tres grandes bispados existentes nos Países Baixos en dezasete máis pequenos, topou coa oposición da alta nobreza, xa que os segundóns das familias nobres aspiraban usualmente ao cargo de bispo, e non tiña o mesmo prestixio (nin ingresos) unha grande diocese, que unha das dezasete pequenas dioceses previstas. Finalmente a énfase posta polo calvinismo na honestidade, a modestia, a frugalidade e o traballo duro encaixaban moi ben coa mentalidade dos industriosos holandeses, o máis emprendedor dos reinos de Filipe II, e chocaban fortemente co luxo da nobreza católica. As comparacións eran demoledoras para o prestixio do catolicismo.
A incapacidade de Filipe II para aceptar gobernar sobre herexes calvinistas e a crenza de que a súa misión nos seus reinos era ser o gardián do catolicismo en Europa, facían imposíbel unha solución de compromiso.
A economía
[editar | editar a fonte]A economía xogou un papel importante no estalido da rebelión nos Países Baixos. A guerra entre Suecia e Dinamarca pechou o comercio e as importacións de trigo procedentes do mar Báltico, provocando unha queda do comercio e dos salarios, unha carestía de alimentos e a suba do prezo destes, o que facilitaba a tarefa dos calvinistas de criticaren a riqueza e o luxo da Igrexa cando a poboación comezaba a sentir a fame. Esta situación acadou o seu cénit en agosto de 1566 cunha brusca suba do prezo dos alimentos.
Cómpre facer notar a coincidencia no tempo entre a suba dos prezos e o estalido das desordes iconoclastas dese mesmo mes que provocaron o envío do III duque de Alba. A perda dos subsidios enviados pola coroa en 1568 para pagar o exército, a mans de corsarios ingleses, obrigaron o duque a impoñer impostos para pagar o exército (alcabala). Isto foi demasiado para os holandeses, obrigados a manteren un exército estranxeiro empregado para reprimilos, en época de recesión económica, e en contra dos usos e costumes da súa terra.
A rebelión
[editar | editar a fonte]O 5 de abril de 1566 a pequena nobreza maniféstase ás portas do palacio de Margarida de Parma, gobernadora dos Países Baixos e irmá de Filipe II. Posteriormente o 15 de agosto, día da Asunción un incidente deriva en disturbios provocados polos calvinistas no que asaltan as igrexas para destruíren imaxes de santos que eles consideran heréticas.
Ante a clara rebeldía de parte da poboación e a nobreza, Filipe II decide enviar a Fernando Álvarez de Toledo, terceiro duque de Alba, á fronte dun exército para reprimir os rebeldes, como primeira medida dun plan de pacificación, que prevé a viaxe de Filipe II aos Países Baixos. Durante o ano que tarda o duque de Alba en chegar aos Países Baixos, a través do Camiño Español, a princesa Margarida conseguiu facerse co control da situación dominando a insurrección e informado ao seu irmán, polo que a chegada do duque de Alba á fronte dun exército provocan a súa dimisión en desacordo coa política do rei. O duque chega a Bruxelas o 28 de agosto de 1567, o 5 de setembro crea o Tribunal dos Tumultos, coñecido polos neerlandeses coma o tribunal do sangue, e que condenará a morte a centenares de flamengos e confiscará as súas propiedades, o 8 de setembro cita os nobres neerlandeses coa escusa de informalos sobre as ordes do rei. É unha trampa na que se detén aos condes de Egmont e Horn, dous dos principais nobres flamengos que prestaran importantes servizos ao rei, e que serán decapitados na Gran Praza de Bruxelas o 5 de xuño de 1568.
O príncipe Guillerme de Orange, outro dos principais nobres flamengos e moi prezado polo pai de Filipe II, refuxiárase nas propiedades da súa familia materna en Alemaña. Desde alí financia aos esmoleiros do mar e alza un exército de mercenarios alemáns do seu propio peto e pono ao mando dos seus irmáns.
A guerra
[editar | editar a fonte]O duque de Alba
[editar | editar a fonte]O inicio oficial das operacións bélicas deuse na batalla de Heiligerlee o 23 de maio de 1568 coa vitoria das tropas de Luís de Nassau sobre as castelás, que sería posteriormente derrotado polo duque de Alba na batalla de Jemmingen onde esnaquizaría o exército holandés a cambio dun centenar de mortos no seu exército, obrigando a Guillerme de Orange a refuxiarse de novo en Alemaña.
Con Guillerme fóra de Holanda e sen moitos apoios e os principais líderes decapitados parecía que o duque de Alba terminara coa rebelión e urxiu o rei a poñer en práctica a segunda parte do plan, a viaxe do rei a Flandres exercendo o papel de rei clemente cos seus súbditos. O rei non puido, ou non quixo, viaxar a Flandres deixando o duque de Alba só no seu papel de represor. A falta de diñeiro para pagar os seus exércitos levou o duque a impoñer un imposto (alcabala) do dez por cento sobre todas as compravendas, medida que foi vista como un castigo colectivo, e que volveu poñer na súa contra á poboación.
En 1572 o duque de Alba debe facer fronte a varios intentos de invasión. Os esmoleiros do mar capturan en abril a cidade portuaria de Brielle e desde alí os portos de Vlissingen e Enkhuizen, pechando a saída ao mar co fin de evitaren o comercio das cidades de Brabante e Holanda, as provincias máis ricas dos Países Baixos. O éxito dos esmoleiros do mar foi a mecha que volveu acender a rebelión pola rexión. As cidades das provincias de Holanda, Zelandia, Frisia, Güeldres e Utrecht reclamaban a presenza de Guillerme que volve polo norte á fronte dun exército e o seu irmán Luís que ataca desde o sur á fronte doutro.
O duque de Alba reacciona e pacifica o sur vencendo as tropas dos rebeldes que cercaban Mons, mentres no norte o seu fillo Don Fadrique asalta e saquea as cidades de Malinas, Zutphen e Naarden matando os seus habitantes. Após o asedio de Haarlem que finaliza o 11 de xullo de 1573, os seus habitantes pagan 250.000 floríns para fuxiren do saqueo. Posteriormente o duque decide poñer en sitio a cidade de Alkmaar que ante a disxuntiva de se render, e seren saqueados e asasinados, ou resistiren e seren saqueados e asasinados igualmente, os habitantes deciden romper os diques que protexen os seus campos do mar, provocando a ruína da cidade, pero obrigando o duque de Alba a levantar o sitio.
Namentres, Filipe II optara por substituír o duque de Alba como gobernador para intentar unha solución negociada ao conflito.
Luís de Requesens
[editar | editar a fonte]Luís de Requesens foi nomeado gobernador dos Países baixos en 1573 co obxectivo de buscar unha saída negociada ao conflito cos sectores máis moderados dos rebeldes. Suprimiu o Tribunal dos Tumultos e iniciou conversacións cos rebeldes en Breda sen resultado ningún, xa que Filipe II pretendía a volta á situación anterior ao estalido da rebelión sen aceptar tipo ningún de liberdade relixiosa nin de autonomía política nos seus dominios, algo inaceptable para os rebeldes como demostraba a resistencia de cidades como Alkmaar e Leiden.
Paralelamente, a falta de recursos económicos facían inviable a vitoria militar pese a algúns éxitos conseguidos neste campo, como a batalla de Mook na que perderon a vida outros dous irmáns de Guillerme de Orange. A falta de pagas levaba os terzos a amotinárense, impedindo que tras esta batalla, despois da cal non ficaba ningún exército rebelde que puidese opoñerse aos españois, Luís de Requesens puidese aproveitarse diso para ocupar o territorio rebelde. A morte de Luís de Requesens o 5 de maio de 1576 foi aproveitada por Guillerme de Orange para que as provincias de Holanda e Zelandia formasen un estado federal do que foi nomeado gobernante.
Xoán de Austria
[editar | editar a fonte]Trala morte de Luís Requesens, Filipe II nomea o seu medio-irmán Xoán de Austria gobernador dos Países Baixos co mesmo obxectivo de negociar un acordo. Á súa chegada prodúcese o famoso saqueo de Anveres por tropas castelás amotinadas que puxo a todas as provincias en contra da coroa e que se comprometen mediante a pacificación de Gante a loitaren unidas para expulsaren as tropas castelás.
Para acougar a poboación, Xoán asina o 12 de febreiro de 1577 o Edito Perpetuo polo que se compromete a retirar os terzos vellos dos Países Baixos, eliminaba a Inquisición e recoñecía as liberdades flamengas a cambio do recoñecemento da soberanía da coroa castelá. Xoán insta entón ás provincias a que o recoñezan como gobernante. Guillerme de Orange non pode cumprir o asinado pola súa banda, o retorno ao catolicismo das provincias rebeldes e entra en Bruxelas onde o nomean gobernador da provincia de Brabante e aceptan, como gobernador dos Países Baixos, o arquiduque Matías de Austria. Xoán chama de regreso aos terzos que chegan a finais de 1577 ao mando de Alexandro Farnesio terceiro duque de Parma. A comezos de ano enfróntanse ao novo exército rebelde na batalla de Gembloux, ao que destrúen completamente.
Xoán de Austria morrerá en Namur ao contraer o tifo en outubro de 1578. Nomeará como gobernante dos Países Baixos a Alexandro Farnesio, decisión máis tarde confirmada por Filipe II.
A Unión de Arras e a Unión de Utrecht
[editar | editar a fonte]Coa maior parte dos Países Baixos ocupado polos rebeldes, os calvinistas lanzáronse á persecución dos católicos, co asasinato de relixiosos e encarceramento daqueles católicos partidarios do rei. A independencia dos Países Baixos identificábase cada vez máis co calvinismo, polo que as provincias católicas do sur se viron obrigadas a se reconciliaren co rei para contaren coa súa protección contra a intolerancia que agora mostraban os protestantes.
O 5 de xaneiro de 1579, Alexandre Farnesio asinaba coas provincias de Hainaut, Douai e Artois a Unión de Arras pola que recoñecían a autoridade do rei. En resposta, as provincias rebeldes de Holanda, Zelandia, Utrecht, Güeldres e Zutphen asinaron a Unión de Utrecht pola que rexeitaban calquera intromisión estranxeira nos seus asuntos. O 15 de marzo de 1581 Filipe II declaraba fóra da lei a Guillerme de Orange e poñía prezo á súa cabeza. Este, libre xa de toda atadura, abxurou publicamente da súa obediencia ao rei e conseguiu que os Estados Xerais reunidos na Haia fixesen o mesmo o 26 de xullo de 1581.
Mediante o acordo acadado, as provincias rebeldes proclamaban formalmente a súa independencia e nomearon gobernador a Francisco de Alençon, duque de Anjou e herdeiro do trono de Francia. O duque non é ben visto por un sector dos rebeldes e este con axuda de tropas francesas tenta tomar Anveres pero é rexeitado. Negociacións posteriores mantidas na cidade de Colonia entre os católicos e protestantes non obtiveron resultado ningún.
Alexandre Farnesio
[editar | editar a fonte]Entrementres, Alexandre Farnesio proseguía coa recuperación das provincias rebeldes. Captura as cidades de Tournai, conclúe o asedio de Maastricht en xullo de 1579, en 1583 reconquista os portos máis importantes da costa flamenga, Dunkerque e Nieuwpoort; en 1584 céntrase nas cidades do interior, captura Bruxas e Gante, e coincidindo coa morte do duque de Anjou e o asasinato de Guillerme de Orange, en xullo de 1584 pon en sitio a cidade de Anveres.
Este asedio, que mantivo en albas a toda Europa á espera do vencedor, representou unha desorde de medios e enxeño por ámbalas dúas partes durante os trece meses que foron necesarios para forzar a rendición da que probablemente era a cidade máis rica e máis populosa de Europa e cuxa toma representaba a determinación da coroa castelá en recuperar os territorios perdidos e no mantemento da Igrexa católica.
A intervención estranxeira e a intervención no estranxeiro
[editar | editar a fonte]A ininterrompida serie de éxitos militares do duque de Parma nos Países Baixos e a coincidencia da morte do duque de Anjou coa de Guillerme de Orange fixo pensar a Inglaterra de que a rebelión, falta de líderes e de axuda estaba a piques de ser derrotada.
Ao mesmo tempo coa formalización dunha alianza entre o líder dos católicos franceses (Francisco, duque de Guisa) e a coroa castelá para evitar a subida ao trono francés do protestante Henrique de Navarra e apoiar os católicos en caso dunha guerra civil, Filipe II obtiña a seguridade de que non sería atacado por Francia e que esta non se inmisciría nos asuntos dos Países Baixos. O rei francés Henrique III tras chegar, á súa vez, a un acordo co duque de Guisa, rexeitou ocupar o papel do duque de Anjou como soberano dos países Baixos e retirou a axuda que lles prestaba.
Os éxitos casteláns, tanto militares como diplomáticos, xunto á ocupación de Portugal nos inicios da década dos oitenta, fixo aumentar considerablemente a sensación de illamento de Inglaterra. Tras ter noticia dos acordos de Filipe II co duque de Guisa (en decembro de 1584) e a noticia da caída de Anveres (en xullo de 1585), Isabel I de Inglaterra decidiu intervir directamente a prol da rebelión, co obxectivo de desgastar a Castela.
Isabel proporcionou aos rebeldes holandeses 6000 soldados do seu exército e comprometeuse a sufragar unha cuarta parte dos gastos militares das provincias rebeldes. A axuda prestada por Isabel I aos rebeldes holandeses foi un dos motivos que decidiron o intento de invasión de Inglaterra coa Armada Invencible.
Durante 1586 e 1587, o duque de Parma dirixiu os seus esforzos á organización do exército e dos preparativos necesarios para embarcar o exército de Flandres nos buques da Armada Invencible que debían recollelos na canle tomando as cidades de Ostende e Sluist.
A continuación do fracaso da Armada Invencible en 1588, España entra en guerra con Francia en 1589, en apoio da Liga católica ata o ano 1598 que manterá ocupado en Francia a gran parte do exército de Flandres e que obrigará a seguir unha estratexia defensiva nos Países Baixos.
A recuperación holandesa
[editar | editar a fonte]A partir de 1590, trala marcha do duque de Parma a Francia, onde morrerá en 1592, os rebeldes holandeses, liberados da presión á que lles sometía o duque, poden tomar a iniciativa. Doutra banda, a falta de capital da coroa castelá, provocou un período de continuos motíns entre os anos 1589 e 1607, que limitaron a capacidade do exército. En 1590 os holandeses conquistan Breda por sorpresa, entre 1591 e 1592 conseguen ocupar gran parte das provincias de Güeldres e Overijssel, situadas ao norte dos ríos Rin e Mosa, e en xullo de 1863 completan a conquista da provincia de Groninga no norte, coa que se creaba unha fronte máis curta desde Sluist no mar, ata o ducado de Cléveris ao oeste de Nimega. En 1595 Filipe II nomeou gobernador dos Países Baixos o arquiduque Alberte para que á morte do rei en 1598 se convertese xunto á súa muller Isabel Clara Euxenia en soberanos do país ao herdar esta última a coroa.
A defensa e a política exterior do país quedaron de todos os xeitos en mans da coroa castelá. Trala morte de Guillerme de Orange, o mando do exército das provincias rebeldes pasou a mans do seu fillo Mauricio de Nassau-Orange que o reformou facendo del un perigoso opoñente ao exército de Flandres como demostrou na batalla de Nieuwpoort onde por primeira vez as tropas holandesas venceron as castelás en campo aberto.
A forma da guerra
[editar | editar a fonte]A estabilización da fronteira cambiou a forma de facer a guerra practicada en Flandres. Dunha continua e intensiva serie de escaramuzas, golpes de man, asaltos, tomas de vilas e cidades, salpicados con algunha batalla ao longo dunha fronteira irregular, pasouse a un pulso anual de resistencia en que cada exército cercaba unha ou varias cidades inimigas, que usualmente contaban con modernas fortificacións (en traza italiana), durante longos asedios nos que era necesario empregar a todo un exército para finalmente render por fame á cidade. O intento da parte contraria por levantar o cerco dunha cidade asediada enviando un exército na súa axuda, levou a un aumento das batallas en campo aberto.
A partir da década dos noventa e ata o final da guerra, a maior parte dos enfrontamentos entre casteláns e holandeses déronse polo control das cidades ribeiregas dos ríos Ijssel, Mosa e Waal, onde moitas das cidades cambiaron de mans máis dunha vez. Para evitaren os intentos do exército de Flandres de invadiren o territorio e tomaren as cidades rebeldes, os holandeses construíron un muro defensivo ao longo da beira dos ríos Ijssel e Mosa que enlazaba coas fortificacións das cidades e que atinxiu evitar o intento de invasión realizado polos Habsburgo hispanos en 1606.
A tregua dos doce anos
[editar | editar a fonte]Trala derrota en Francia da Liga católica e os seus aliados ibéricos, o novo rei de Francia, Henrique IV conseguirá estender a súa influencia polo sur de Alemaña, Suíza e o norte de Italia ata que en 1601 cae no seu poder todo o Camiño Español, cortando as comunicacións por terra entre Lombardía e Flandres. A morte da raíña Isabel en 1603 abre o camiño para unha paz con Inglaterra que acaba coa axuda que prestaban os ingleses aos holandeses.
O 29 de setembro de 1603 entrégase a Ambrosio Spinola o mando das tropas que levan dous anos cercando a cidade de Ostende coa promesa de reconquistala no prazo dun ano, o cal cumpre o 22 de setembro de 1604. Grazas á súa vitoria foi nomeado mestre de campo xeral e o ano seguinte superintendente de Facenda, co que se facía con todo o mando e os ingresos do exército.
Xa desde 1600, Filipe III quería unha tregua nos Países Baixos que os holandeses rexeitaban xa que a súa situación era moito mellor que en épocas anteriores, pero a toma de Ostende deixou libre o exército para iniciar de novo a ofensiva. Durante 1605 e 1606 o exército de Flandres flanquea a barreira defensiva construída polos holandeses e consegue tomar varias cidades pero sen poder penetrar profundamente no territorio rebelde. As falta de pagas para os soldados provocou que se producisen os maiores motíns de tropas ocorridos ata entón e que facían inviable continuar coa campaña.
O 14 de decembro o Consello de Estado aconsella o rei abandonar Flandres. Inesperadamente os holandeses fixeron unha oferta de cesamento de hostilidades e a loita finalizou o 24 de abril de 1607. As negociacións continuaron ata o 9 de abril de 1609 en que se asina a tregua dos doce anos.
A reanudación da Guerra
[editar | editar a fonte]En 1622 é repelido un ataque castelán sobre a praza de Bergen op Zoom. O ano 1625, Mauricio morre mentres se pon en cerco a cidade de Breda. O seu medio irmán Federico Henrique de Nassau toma o mando do exército. O comandante xenovés, a favor dos intereses de Castela, Ambrosio Spinola ten éxito e toma Breda. Porén, após esta gran vitoria a partida irase inclinando en prol dos holandeses. Federico Henrique conquista en 1629 a praza de 's-Hertogenbosch, considerada inexpugnable. Esta perda foi un serio revés para os intereses casteláns.
En 1632 Federico Henrique captura Venlo, Roermond e Maastricht durante a famosa marcha ao longo do Mosa. Porén, as posteriores tentativas de atacar Anveres e Bruxelas fallan. Os holandeses víronse decepcionados pola falta de apoio da poboación flamenga debido a que estes non tiñan grande aprecio aos holandeses pola diferenza relixiosa: mentres que os holandeses eran calvinistas, os flamengos eran católicos.
A guerra nas colonias
[editar | editar a fonte]Como as potencias europeas comezaran a construír os seus imperios, a guerra se estendeu ás colonias destes. As loitas aconteceron nas Indias Orientais: en Macau, en Ceilán, en Formosa e en Filipinas; e nas Indias Occidentais, sobre todo no Brasil. Parte destes conflitos acontecerían no marco da guerra luso-holandesa. Nas colonias occidentais existiron problemas por causa do corso holandés, que actuaba nas rutas mercantís do Caribe. Nesta fronte da guerra o acontecemento máis resaltado foi a captura de gran parte da frota castelá do tesouro.
Estancamento
[editar | editar a fonte]Tódolos bandos da guerra chegaron a comprender que España nunca acadaría restaurar o seu poder sobre os territorios ao norte do delta do Mosa e do Rin; e de que as Provincias Unidas do norte nunca lograrían conquistar as provincias do sur.
En 1639 unha armada castelá chega a Flandres, con 20 000 soldados para contribuír en operacións no norte. No entanto, a armada é vencida decisivamente na batalla das Dunas. Esta vitoria non só tivo consecuencias na Guerra de Flandres, senón que marcou tamén o final da coroa de Castela como a maior potencia marítima.
A paz
[editar | editar a fonte]O 30 de xaneiro de 1648 a guerra remata co tratado de Münster. Este tratado, entre España e as Provincias Unidas, é só unha parte a pequena escala da paz de Westfalia (de igual xeito que esta guerra rematou por ser un conflito a pequena escala da guerra dos trinta anos). A república das Provincias Unidas foi recoñecida como Estado independente e conservou moitos dos territorios que conquistara durante os últimos compases da guerra.
Principais operacións militares
[editar | editar a fonte]- Batalla de Heiligerlee, 23 de maio de 1568.
- Batalla de Jemmingen, 21 de xullo de 1568.
- Batalla de Jodoigne, 16 de outubro de 1568.
- Asedio de Mons.
- Asedio de Haarlem, de decembro de 1572 ata xullo de 1573.
- Asedio de Alkmaar, de agosto de 1573 ata 8 de outubro de 1573.
- Batlla de Delft, outubro de 1573.
- Batalla de Mook, 15 de abril de 1574.
- Asedio de Leiden, de maio de 1574 ao 3 de outubro de 1574.
- Batalla de Gembloux, 31 de xaneiro de 1578.
- Asedio de Maastricht.
- Asedio de Anveres.
- Batalla de Nieuwpoort, 2 de xullo de 1600.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Guerra de Flandres |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Geoffrey Parker (2002): La revolución militar: innovación militar y apogeo en Occidente, 1500-1800. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-6790-0
- Geoffrey Parker (1998): La gran estrategia de Felipe II. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-2902-2
- Geoffrey Parker (2006): El ejército de Flandes y el camino español, 1567-1659. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-2933-2
- Manuel Fernández Álvarez (1998): Felipe II y su tiempo. Madrid: Espasa Calpe. ISBN 84-239-9736-7
- Julio Albi de la Cuesta (2000): De Pavía a Rocroi. Las Rozas (Madrid): Balkan Editores, S. L. ISBN 84-930790-0-6