Golpe de Tordesillas
O Golpe de Tordesillas, tamén chamado atraco de Tordesillas, é como se coñece na historia o golpe de Estado dado nesta cidade castelá polo infante de Aragón Henrique de Trastámara, primo do rei Xoán II de Castela, aínda moi mozo, contando co apoio de altos personaxes da corte, fíxose co poder do reino, nun conflito que enfrontaba aos membros da Casa de Trastámara.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]No ano 1420, o goberno da Coroa de Castela era disputado polos Infantes de Aragón (os fillos do matrimonio do rei Fernando I de Aragón coa súa tía Leonor de Alburquerque) e a nobreza, que pugnaban por controlar o poder do xove rei Xoán II de Castela. Henrique de Trastámara era o terceiro fillo do entón infante castelán Fernando de Antequera, futuro rei de Aragón tras o Compromiso de Caspe. Pese a iso, e mercede ás posesións legadas pola súa familia, o seu principal campo de acción estivo en Castela, onde, segundo os plans de seu pai, debía ser a cabeza visíbel da familia, dado que o seu irmán primoxénito Afonso herdaría o trono de Aragón (Afonso V), e o segundo irmán, Xoán, terminaría sendo rei de Navarra co nomee de Xoán II de Navarra.
A evolución política de Castela entre finais de 1406, cando Xoán II de Castela accede ao trono á morte de seu pai Henrique III e se produce o inicio da rexencia conxunta entre a raíña nai Catarina de Lancaster e o infante Fernando de Castela, e finais de 1420 pode dividirse grosso modo en dúas etapas atendendo á estabilidade gobernamental. Unha primeira, que comprende o período da rexencia de Xoán II e que esencialmente abarcou até a morte do rei Fernando I de Aragón en 1416, con momentos de maior ou menor influencia dun dos dous co-rexentes, pero en xeral con predominio do infante-rei Fernando, e unha segunda parte, que se estendeu desde entón até finais de 1420, na que se ensaian diferentes sistemas de goberno e todos fracasan propiciando a conseguiente inestabilidade. En efecto, tras a morte de Fernando, Catarina converteuse en rexente única, aínda que se viu condicionada polo triunvirato formado por Diego López de Stúñiga, xustiza maior; Xoán Fernández de Velasco, camariero maior, e Sancho de Rojas, arcebispo de Toledo, do que son boa mostra a expulsión dos partidarios que a raíña tiña na corte. Este sistema de goberno durou aproximadamente dous anos e as súas consecuencias a curto e medio prazo poden resumirse nun maior control do monarca e da súa nai, na ruptura da "unidade" entre os grandes, na acentuación dos bandos na corte e no protagonismo do arcebispo de Toledo.[1]
A morte dos dous primeiros e máis tarde a da raíña, en xuño de 1418, deu paso a un goberno personalista dirixido polo arcebispo de Toledo, que mantivo a súa influencia até as Cortes de Madrid de 1419. A partir de entón ensaiouse un goberno integrado por cinco grandes, e que só durou até o verano dese mesmo ano. O infante Henrique foi o principal beneficiario do goberno que se formou, en detrimento do seu irmán o infante Xoán, pois o primeiro, a través dos seus fieis Ruy López Dávalos, Pedro Manrique e Gutierre de Toledo pasaba a controlar, en gran medida, o goberno do reino. Isto deu orixe a rivalidades e desavinzas entre os dous infantes, que ameazaban con derribar a estrutura política deseñada polo seu pai e que provocaron a intervención da súa nai, a raíña viúva Leonor. A reconciliación entre os infantes e as diferenzas existentes entre os grandes deron paso a unha nova modificación na estrutura de goberno que pretendía unha maior integración nobiliaria que se mantivo até o «golpe» do infante Henrique.[1]
Seguindo as disposicións paternas, Henrique entrara moi novo na corte castelá, colaborando co seu primo irmán o rei Xoán II de Castela en cuxo Consello Real tiña un posto asegurado polo testamento do seu tío Henrique III o Doente. Morta a raíña nai Catarina de Lancaster e apenas xurado Xoán II nas Cortes de Madrid, a ambición de Henrique e o seu convencemento de que a debilidade do seu primo para o cargo era insuperábel, fixo que aspirara a controlar o poder castelán de forma case completa. Para iso non dubidou en opoñerse ao rei mesmo coas armas, en forzar a política por medio de alianzas con poderosos nobres e en protagonizar o golpe de Tordesillas, por medio do cal exerceu o poder.
O Golpe de Estado
[editar | editar a fonte]O 14 de xullo de 1420, o infante Henrique decidiu dar un golpe de man, contando co apoio de altos personaxes da Corte, como o bispo de Segovia Xoán de Tordesillas, o condestábel de Castela Ruy López Dávalos ou o señor de Hita e Buitrago, Íñigo López de Mendoza.[2] Estando a Corte en Tordesillas, o día 7 de xullo, o infante Henrique fixo aparentar que deixaba a vila co seu séquito armado. Porén, deu a volta e dirixiuse rapidamente ao palacio real, onde aliados seus abríronlle as portas entregándolle a posesión do castelo. Herique arrestou aos nobres que se lle opoñían e non dubidou en entrar na cámara do rei, que durmía, para informalo da nova situación.
Desde ese momento o poder efectivo do reino caeu en mans de Henrique e os seus irmáns, os Infantes de Aragón, que tomaron a "tutela" efectiva sobre o rei. Non pasara un mes, cando o 4 de agosto de 1420, en Ávila, contraeron matrimonio Xoán II de Castela e María de Aragón, irmá de Henrique.
Final
[editar | editar a fonte]Estes matrimonios estreitaron o cerco de poder de Henrique sobre o rei, que continuou até que este fuxiu, xunto con Álvaro de Luna, a noite do 29 de novembro de 1420, ao castelo de La Puebla de Montalbán. O posterior fracaso do seu cerco polas tropas do condestábel Dávalos supuxo o comezo do poder do valido de Luna sobre Xoán II.
O apoio de Afonso V de Aragón aos seus irmáns, os Infantes, provocaría unha guerra entre Castela e Aragón (1429-1430), que se resolvería coa vitoria de Álvaro de Luna e a expulsión dos Infantes. En 1445 faleceu María de Aragón e Xoán, casou en segundas nupcias con Isabel de Portugal en Madrigal de las Altas Torres o 17 de agosto de 1447. A raíña infundiu en Xoán II unha inimizade crecente co condestábel Álvaro de Luna, que foi arrestado, xulgado e executado o 3 de xuño de 1453. O rei falecería un ano despois.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 González Sánchez, Santiago (2013): "Un «golpe de estado» y sus consecuencias: el gobierno del infante don Enrique en Castilla (julio-diciembre de 1420)" En la España Medieval, vol. 36, pp. 155-181.
- ↑ Golpe de Tordesillas Arquivado 23 de setembro de 2017 en Wayback Machine. en Historify.net (en castelán).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- González Sánchez, Santiago (2013): "Un «golpe de estado» y sus consecuencias: el gobierno del infante don Enrique en Castilla (julio-diciembre de 1420)" En la España Medieval, vol. 36, pp. 155–181.
- Suárez Fernández, L. (1964): "Los Trastámaras de Castilla y Aragón en el siglo XV (1410-1474), en Ramón Menéndez Pidal, Historia de España. Tomo XV. Madrid: Espasa-Calpe, S. A.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- El atraco de Tordesillas y las luchas nobiliarias (1419-1430), en Juan II. Rey de Castilla y León (1405-1454) (Fonte: texto extraído de www.mcn.mcnbiografias.com).