Germaine Dulac
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (fr) Charlotte Élisabeth Germaine Saisset-Schneider 17 de novembro de 1882 Amiens, Francia |
Morte | 20 de xullo de 1942 (59 anos) París, Francia |
Lugar de sepultura | Cemiterio do Père-Lachaise, 74 |
Actividade | |
Campo de traballo | Produción de cinema |
Ocupación | directora de cinema, guionista, escritora, xornalista, dramaturga, teórica do cinema, crítica de cinema, realizadora |
Período de actividade | 1915 - 1934 |
Membro de | |
Movemento | French Impressionist Cinema (en) |
Representante | Light Cone |
Obra | |
Obras destacables
| |
Arquivos en | |
Familia | |
Cónxuxe | Marie-Anne Colson-Malleville (–1942) Albert Dulac (1905–1920) |
Descrito pola fonte | UbuWeb Women film directors : an international bio-critical dictionary (en) The St. James women filmmakers encyclopedia (en) |
|
Charlotte Elisabeth Germaine Saisset-Schneider, nada en Amiens (Somme) o 17 de novembro de 1882 e finada en París o 20 de xullo de 1942[1] foi unha cineasta, crítica e xornalista francesa, coñecida como Germaine Dulac. Tralo seu matrimonio comezou a súa carreira xornalística nunha revista feminista e máis tarde interesouse polo cinema. Coa axuda do seu home e dunha amiga fundou unha compañía cinematográfica e dirixiu varios filmes comerciais antes de tornar cara ao impresionismo e ao surrealismo. Os seus traballos máis coñecidos son o filme impresionista La Souriante Madame Beudet (1922/23) e o experimento surrealista La Coquille et le Clergyman (1928). A súa carreira sufriu a chegada do cinema sonoro e pasou a última década da súa vida traballando en noticiarios para Pathé e Gaumont.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Dulac naceu en Amiens, na familia de clase media alta dun oficial da carreira militar. Como o traballo do seu pai levaba á familia a mudarse frecuentemente a pequenas gornicións militares, Dulac foi enviada a vivir coa súa avoa a París. Alí comezou a interesarse na arte e estudou música, pintura e teatro. Trala morte dos seus pais estableceuse definitivamente en París e combinou os seus nacentes intereses no socialismo e no feminismo coa carreira de xornalismo.[1] En 1905 casou con Louis-Albert Dulac, un enxeñeiro agrícola tamén de clase alta. Catro anos despois comezou a escribir para La Française, unha revista feminista onde tamén comezou a escribir crítica teatral.[2] Ademais atopou tempo para traballar no equipo editorial de La Fronde, un xornal feminista radical do seu tempo.[1] Tamén se interesou na fotografía, precedente da súa entrada no mundo do cinema.
Dulac comezou a interesarse no cinema en 1914 a través da súa amiga a actriz Stacia Napierkowska. As dúas mulleres viaxaron xuntas a Italia pouco antes da segunda guerra mundial. Napierkowska ía actuar nun filme e Dulac aprendeu as ideas básicas do medio durante aquela viaxe. A principios da década de 1900 e ata finais da de 1920, Dulac enfrontou á modernidade da capital francesa coa natureza provincial da Francia rural, dicotomía habitual nos seus filmes.[3] Pouco despois da súa volta a Francia decidiu crear unha compañía cinematográfica. Dulac e a escritora Irène Hillel-Erlanger fundou D.H. Films, con apoio financeiro do marido de Dulac, do que se divorciou en 1920.[4]. A compañía produciu varios filmes entre 1915 e 1920, todos dirixidos por ela e escritos por Hillel-Erlanger. Entre eles estaban o seu primeiro filme Les soeurs ennemies (1915/16), Vénus Victrix, ou Dans l'ouragan de la vie (1917) e Géo, le mystérieux (La vraie richesse, 1916).[5][6]
O maior éxito de Dulac foi Âmes des fous (1918), melodrama escrito por ela mesma e no que aparece a actriz Ève Francis, que presentou a Dulac o seu amigo (logo marido) o cineasta e crítico Louis Delluc. Pouco despois Dulac e Delluc colaboraron en La fête espagnole (1920), protagonizado por Francis e que declarado un dos máis influentes da década. Porén, só se conservan algúns fragmentos. A súa colaboración continuou noutros filmes.[5]
En 1921 Dulac reflexionou sobre o seu encontro con D.W. Griffith nun artigo titulado "Chez D.W. Griffith." No artigo presentaba dous temas populares que aparecen no seu cinema,[1] a autonomía do cinema como forma artística independente libre da influencia da pintura e a literatura e a importancia do cineasta como forza creativa e artística individual.
Continuou a súa carreira producindo tantos filmes comerciais como traballos presurrealistas, como La Souriante Madame Beudet (1922/23) e La Coquille et le Clergyman (1928).[5] Ambos os dous filmes foron estreados antes de Un chien andalou (1929) de Luis Buñuel e Salvador Dalí, e en ocasións La Coquille et le Clergyman aparece recoñecido como o primeiro filme surrealista. A busca do “cinema puro” por parte de Dulac inspirou o movemento cinematográfico francés Cinema pur. Tamén creou varias curtametraxes baseadas en música: Disque(s) 957 (1928/29; baseado en Chopin) e Thème et variations (1928/29).
Coa chegada do cinema sonoro, a carreira de Dulac cambiou. Desde 1930 volveu ao traballo comercial e produciu noticiarios para Pathé e para Gaumont. Despois da súa longa e influente carreira cinematográfica, Dulac converteuse na presidenta da Fédération des ciné-clubs, un grupo que promovía e presentaba o traballo de cineastas novos, como Joris Ivens e Jean Vigo. Tamén deu clases de cinema na École Technique de Photographie et de Cinématographie na rue de Vaugirard.[1] Faleceu en París o 20 de xullo e 1942. Charles Ford chamou a atención da dificultade que tivo a prensa francesa para imprimir o seu obituario:
"Molestos polas ideas inconformistas de Dulac, inquietos polas súas orixes impuras, os censores rexeitaron o artigo que, só tras intensas protestas do editor xefe da revista, apareceu tres semanas despois. Incluso morta, Germaine Dulac semellaba aínda perigosa…" [7]
Filmografía
[editar | editar a fonte]Ano | Filme | Acreditada |
---|---|---|
1915 | Les soeurs ennemies | Directora |
1917 | Venus Victrix ou Dans l'ouragan de la vie | Directora |
1917 | Géo, le mystérieux | Directora |
1918 | La jeune fille la plus méritante de France | Directora |
1919 | Le bonheur des autres | Directora |
1919 | La cigarette | Directora |
1920 | Malencontre | Directora |
1920 | La fête espagnole | Directora |
1920 | La belle dame sans merci | Directora |
1920 | Âmes de fous | Directora |
1922 | Werther | Directora |
1923 | La mort du soleil | Directora |
1923 | La souriante Madame Beudet | Directora, guionista |
1923 | Gossette | Directora |
1924 | Le diable dans la ville | Directora |
1924 | Âme d'artiste | Directora, guionista |
1926 | La folie des vaillants | Directora |
1927 | Le cinéma au service de l'histoire | Directora |
1927 | Antoinette Sabrier | Directora, guionista |
1927 | L'invitation au voyage | Directora, guionista |
1928 | Thèmes et variations | Directora |
1928 | La germination d'un haricot | Directora |
1928 | Disque 957 | Directora |
1928 | Danses espagnoles | Directora |
1928 | Celles qui s'en font | Directora |
1928 | Mon Paris | Supervisora |
1928 | La coquille et le clergyman | Directora, guionista, produtora |
1928 | Princesse Mandane | Directora |
1929 | Étude cinégraphique sur une arabesque | Directora |
1932 | Le picador | Supervisora |
1934 | Je n'ai plus rien | Directora |
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Flitterman-Lewis, Sandy (1996). Columbia University Press, ed. To Desire Differently: Feminism and the French Cinema. ISBN 978-0-231-10497-5.
- Pallister, Janis L. (1997). Fairleigh Dickinson University Press, ed. French-Speaking Women Film Directors: A Guide. ISBN 978-0-8386-3736-4.
- Williams, Alan Larson (1992). Harvard University Press, ed. Republic of Images: A History of French Filmmaking. ISBN 978-0-674-76268-8.
- Williams, Tami Michelle (2007). University of California Los Angeles, ed. "Beyond Impressions: The Life and Films of Germaine Dulac from Aesthetics to Politics". p. 366.
- Dozoretz, Wendy. 1982. Germaine Dulac : Filmmaker, Polemicist, Theoretician. Diss., New York University, 362 pp.
- Flitterman-Lewis, Sandy. 1996. To Desire Differently: Feminism and the French Cinema. Columbia University Press. ISBN 978-0-231-10497-5
- Ford, Charles. Germaine Dulac : 1882 - 1942, París : Avant-Scène du Cinéma, 1968, 48 p. (Serie: Anthologie du cinéma ; 31)
- Katz, Ephraim; Fred Klein, Ronald Dean Nolan (2005). The Film Encyclopedia (5th Edition ed.). Nova York: HarperPerennial. ISBN 0-06-074214-3.