George Grove
George Grove, nado en Clapham no sur de Londres o 13 de agosto de 1820 e finado en Sydenham o 28 de maio de 1900, foi un enxeñeiro e músico inglés.
Escribiu libros sobre compositores clásicos e é particularmente famoso polo seu gran dicionario musical Grove's Dictionary of Music and Musicians. Este dicionario continuou actualizándose e publicándose despois da súa morte. Xa pasou por sete edicións. A última edición está dispoñible en liña.
A vida
[editar | editar a fonte]Sir George Grove naceu en Clapham, o seu pai vendía peixe. A súa nai adicábase aos musicais. Formouse como enxeñeiro e foi enviado a Xamaica para axudar a construír un faro.
Traballou na construción da ponte tubular Britannia sobre o estreito de Menai, xunto a Robert Stephenson. Casou coa filla dun crego e chegou a ser secretario da Society of Arts e pasou sete anos escribindo artigos para un dicionario da Biblia. Tivo a idea de facer algo semellante para a música. Foi membro tamén da American Philosophical Society [1]
Grove foi a moitos concertos, mercou partituras e estudounas; fixo notas de programas para concertos, escribindo sobre a música que se tocaba, por exemplo de Beethoven, Schubert, Mendelssohn e Schumann.
Carreira
[editar | editar a fonte]Escribiu ensaios detallados sobre as sinfonías de Beethoven e foi un bo amigo de Clara Schumann. Viaxou co compositor Arthur Sullivan a Viena onde coñeceu a grandes músicos, entre eles Brahms, e descubriu algunha música de Schubert que fora esquecida. Pasou varios anos escribindo o seu Dicionario da música, publicado en catro volumes.
Grove aforrou para fundar o Royal College of Music, inaugurado en 1883 polo Príncipe de Gales. Conseguiu que moitos músicos fosen ensinar alí, incluíndo a famosa cantante Jenny Lind, que estaba xubilada, Hubert Parry, Charles Villiers Stanford e outros.
O primeiro ministro William Gladstone deulle o título de cabaleiro polo seu labor na música.
A súa muller non estaba moi interesada no seu traballo, pero el chamaba aos alumnos os seus "fillos" e convenceunos para que tivesen unha educación ampla, animándoos a ler moito. Entre os seus estudantes estiveron Hamish MacCunn, Charles Wood e Edith Oldham, coa que tivo un apego emocional durante o resto da súa vida.
Foi director da RCM durante once anos, xubilándose en 1894, xusto despois de que a RCM se mudase a un novo edificio no Royal Albert Hall. A RCM, que segue aí hoxe, creou a bolsa George Grove Memorial na súa honra.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "APS Member History". search.amphilsoc.org. Consultado o 2022-02-12.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: George Grove |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- The New Grove Dictionary of Music and Musicians ed. Stanley Sadie, 1980; ISBN 1-56159-174-2