Saltar ao contido

Gaivota rosada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gaivota rosada
Rhodostethia rosea

Debuxo da especie,
por Johann Friedrich Naumann (1903)
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Superclase: Tetrapoda
Clase: Aves
Orde: Charadriiformes
Suborde: Lari
Familia: Laridae
Xénero: Rhodostethia
MacGillivray, 1842
Especie: R. rosea
Nome binomial
Rhodostethia rosea
(MacGillivray, 1824)
Área de distribución de Rhodostethia rosea. En cor alaranxada, área de nidificación; en azul, área de invernada.
Área de distribución de Rhodostethia rosea.
En cor alaranxada, área de nidificación;
en azul, área de invernada.

Área de distribución de Rhodostethia rosea.
En cor alaranxada, área de nidificación;
en azul, área de invernada.
Sinonimia
Véxase o texto
Adulto en inverno.
Rhodostethia rosea en Manitoba, Canadá.

A gaivota rosada,[2][3] Rhodostethia rosea, é unha especie de ave da orde dos caradriformes, suborde dos laros e familia dos láridos, a única integrante do xénero Rhodostethia.

Esta ave distribúese polas rexiónes árticas de América do Norte e Asia. Serguéi Aleksándrovich Buturlín descubriu a súa área de reprodución por primeira vez en 1905 cerca da aldea de Pokhodsk, no noroeste de Iakutia, mentres visitaba a zona como xuíz.[4]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O xénero foi descrito en 1842 polo naturalista e ornitólogo escocés William MacGillivray.

A especie describiuna o mesmo autor dous anos máis tarde, baixo o nome de Larus rosea, nun traballo publicado en Memoirs of the Wernerian Natural History Society.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome do xénero, Rhodostethia, deriva das voces do grego antigo ῥόδον rhodon, "rosa", e στήθος stḗthos, "peito".[5]

O epíteto específico, rosea, é o nominativo feminino singular do adxectivo do latín clásico roseus, -a, -um, "de cor rosa".[5]

Sinónimos

[editar | editar a fonte]

Ademais de polo nome actual, a especie coñeceuse cos nomes de:

  • Hydrocoloeus roseus (MacGillivray, 1824).[6]
  • Larus rosea MacGillivray, 1824 (protónimo).[7]
  • Larus rossii Richardson, 1825.[7]

Características

[editar | editar a fonte]

Esta pequena ave é similar en tamaño e nalgunhas características da súa plumaxe a Hydrocoloeus minutus, a gaivota pequena. É un pouco máis grande ca ela e coas ás máis longas e aguzadas que nesa especie, e a cola en forma de cuña. As súas patas son vermellas. Os adultos en verán son de cor gris pálida polas partes superiores, e branca polas inferiores, cun rubor rosado no peito e un anel negro no pescozo. En inverno, as coloracións do peito e o pescozo pérdense, aparecendo unha pequena media lúa escura detrás do ollo. O peteiro é negro.[3][8]

Os individuos xoves parécense aos adultos en inverno, pero teñen un patrón cunha W escura nas ás, visíbel en voo, como nas gaivotas pequenas inmaturas. Os xuvenís tardan dous anos en acadaren a plumaxe completa dos adultos.[3]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]

Esta especie cría no verán no alto Ártico, en tundras con xuncos, matas de herbas, salgueiros ananos, arbustos, liques e lagoas, no extremo norte de América do Norte e o nordeste de Siberia.[8][9]

Migra só a curtas distancias cara ao sur en outono, e a maioría da poboación pasa o inverno en latitudes ao norte do bordo do xeo, no norte dos mares de Bering e de Okhotsk, aínda que algunhas aves poden chegar a zonas máis temperadas, como o noroeste de Europa; en febreiro de 2016 foron vistas en Cornualla e Irlanda. En América do Norte, unha destas gaviotas viuse tan ao sur como no lago Salton, en California, aínda que os avistamentos neste extremo sur son extremadamente raros.[8][9]

Así a todo, hai rexistros na Península Ibérica e outros países mediterráneos e mesmo máis ao sur aínda. En abril de 1994 viuse un espécime no estuario do Bidasoa e en Zumaia, e outro en 2009 en Alcázar de San Juan e, en 2014, foi fotografado en Pontevedra outro individuo. Houbo tamén avistamentos en Francia e en Italia (Sardeña, Campania) nas illas da Macaronesia e en Marrocos.[10]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

En verán, a especie é principalmente insectívora. A súa dieta inclúe dípteros e coleópteros. Na época da migración e en inverno a súa alimentación consiste en pequenos peixes e invertebrados mariños que viven na superficie (incluídos o plancto, crustáceos, moluscos e vermes priapúlidos).[9][11]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Rhodostethia rosea reprodúcese en pequenas colonias case invisíbeis en tundras e estuarios pantanosos do Ártico, a miúdo aniñando canda outras aves mariñas como os carráns árticos, cunha distancia media entre niños veciños de 43 m.[8][9] As femias poñen de dous a tres ovos nun niño escavado no solo tapizado con algas, herbas secas ou musgos, adoito nunha illa nun pequeno lago. Os ovos son de cor verde oliva con pequenñas manchas de cor parda avermellada. A incubación leva unhas tres semanas, e os poliños permanece nel outras tres semanas. Non todas as parellas crían con éxito os seus pitos, xa que os depredadores e o mal tempo adoitan faceren estragos.[8]

A especie está fortemente asociada con áreas de xeo mariño, especialmente no período posterior á reprodución,[12] e a alteración da distribución do xeo e, de feito, a perda de xeo en curso pode ter provocado xa un cambio en polo menos unha parte dos movementos anuais da especie,[13] aínda que son necesarias máis investigacións, especialmente porque o éxito na reprodución parece ser moi baixo (normalmente menos do 33 %); a especie tamén se enfronta a unha serie de ameazas humanas máis directas, como o fracasos das niñadas como consecuencia da perturbación humana no Canadá, e a morte a tiros por parte de pobos nativos de Alasca para a súa alimentación. Porén, estas ameazas parece que non provocan un descenso significativo da pñoboación.[14]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) tendo en conta que esta especie ten unha área de distribución moi grande e que, polo tanto, non se achega aos limiares de vulnerábel baixo o criterio do tamaño de rango, e aínda que non se coñece a tendencia de poboación, pero non se cre que a poboación estea diminuíndo o suficientemente rápido como para aproximarse aos limiares baixo o criterio de tendencia de poboación, e aínda que o tamaño da súa poboación pode que sexa de moderadamente pequeno a grande, non se cre que se achegue aos limiares de vulnerábel, polo que avalía o status da especie como LC (pouco prreocupante).[1]

  1. 1,0 1,1 BirdLife International (2018): Rhodostethia rosea na Lista vermella de especies ameazadas da UICN. Versión 2019-2. Consultada o 9 de decembro de 2019.
  2. Conde Teira, M.A. (1999): "Nomes galegos para as aves ibéricas: Lista completa e comentada", en Chioglossa, 1, 121-138.
  3. 3,0 3,1 3,2 Svensson, Lars (2010). Ediciones Omega, ed. Guía de aves: España, Europa y región mediterránea. ISBN 978-84-282-1533-6. 
  4. E. Potapov (1990): "Birds and brave man in the Arctic (Explorers of Polar deserts, Russo-Japanize war and ever mysterious Ross's Gull)". Birds International, v.2 N°3, p. 72-83. [1].
  5. 5,0 5,1 Jobling, James A (2010). The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. Londres: Christopher Helm. pp. 335, 337. ISBN 978-1-4081-2501-4. 
  6. Ross's Gull. Rhodostethia rosea (MacGillivray, 1824) en BioLib.
  7. 7,0 7,1 Rhodostethia rosea (MacGillivray, 1824) no WoRMS.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 "Rhodostethia rosea: Ross's Gull". Oiseaux.net. Consultado o 9 de decembro de 2019. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 del Hoyo, J., et al. 1996.
  10. Eduardo de Juana & Ernest García (2015): Thr Birds of the Iberian Peninsula. London: Cristopher Helm. ISBN 978-12-4081-248-2, p. 363. Consultado o 10 de decembro de 2019.
  11. Richards, Alan (1990): Seabirds of the Northern Hemisphere. Londres: Dragons World. ISBN 978-1-8502-8112-2.
  12. Gilg, O., et al & 2016.
  13. Joiris, C. R. (2017): "Drastic decrease in high Arctic gulls-ivory Pagophila eburnea and Ross's Rhodostethia rosea-density in the northern Greenland Sea and Fram Strait between 1988 and 2014". Polar Biol. 40 (5): 1029-1034.
  14. Burger, Gochfeld & Garcia 2016.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Burger, J., Gochfeld, M. & Garcia, E. F. J. (2016): "Ross's Gull (Rhodostethia rosea)". En: del Hoyo, J., Elliott, A., Sargatal, J., Christie, D. A. & de Juana, E. (eds), Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions.
  • del Hoyo, J., Elliott, A. & Sargatal, J. (1996): Handbook of the Birds of the World, vol. 3: Hoatzin to Auks. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-8733-420-7.
  • del Hoyo, J., Collar, N. J., Christie, D. A., Elliott, A. & Fishpool, L. D. C. (2014): HBW and BirdLife International Illustrated Checklist of the Birds of the World. Volume 1: Non-passerines. Barcelona, España / Cambridge, UK: BirdLife International / Lynx Edicions. ISBN 978-84-9655-394-1.
  • Gilg, O.; Andreev, A.; Aebischer, A.; Kondratyev, A.; Sokolov, A. & Dixon, A. (2016): "Satellite tracking of Ross’s gull Rhodostethia rosea in the Arctic Ocean". Journal of Ornithology 157 (1): 249-253.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]