Gacela
Gazella Gacelas | |||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Gazella gazella | |||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||
Especie tipo | |||||||||||||||||||
Capra dorcas Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||||
|
Gazella é un xénero de mamíferos artiodáctilos da familia dos bóvidos e subfamilia dos antilopinos, que comprende varias especies de antílopes de tamaño pequeno, elegantes, áxiles e de patas longas, que viven en África e no suroeste de Asia (península Arábiga, Irán, India e Paquistán).
Moi rápidas na carreira, algunhas gacelas poden alcanzar unha velocidade de 100 km/h nunha distancia de varios centos de metros, ou correr a unha velocidade de 50 km/h en distancias máis longas. Tamén son capaces de cambiar bruscamente a súa traxectoria mediante grandes saltos.
Aliméntanse de gramíneas e outras herbas, e de follas de arbustos. Algunhas poden vivir sen auga durante un tempo considerábel.
Para sobreviviren en campo aberto, deben estaren atentas todo o tempo. Aínda que a miúdo se deitan, non dormen máis dunha hora ao día, en curtos períodos de cinco minutos ou menos.
Características
[editar | editar a fonte]O tamaño e o peso das gacelas varían dependendo da especie. Miden de 80 a 150 cm de lonxitude, a súa altura na cruz oscila entre 50 e 110 cm, e o peso é de 12 a 60 kg. Esveltas e elegantes, teñen longas patas, finas e lixeiras e unha musculatura enxoita, concentrada. Os seus ósos son lixeiros, e a súa columna vertebral é moi flexíbel.
A cabeza é pequena e leva un par de cornos anelados, en forma de lira, en retortos en espiral ou rectos bien, sempre máis curtos, e máis finos nas femias. Presentan unha franxa lonxitudinal parda (ou negra nalgunhas especies), desde a base dos cornos e que, atravesando os bordos dos ollos, chegan até as fosas nasais e a boca.
As gacelas teñen pezuños pequenos, fráxiles e moi agudos, apropiados para a carreira. O sus pulmóns están moi desenvolvidos para favorecer o intercambio de gases. Posúen un VO2 max (volume de oxíxeno inspirado no esforzo) de máis de 380 ml/(kg·min).
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Hábitat. Resistencia aos ambientes áridos
[editar | editar a fonte]As gacelas habitan nas rexións cálidas e secas de África e de parte do Oriente Medio e o suroeste de Asia, en sabanas, estepas ou desertos. Non súan, e a súa pelaxe (de cor crema, abrancazada ou leonada) reflicte os raios do sol. A súa urina está moi concentrada, e os seus excrementos moi secos.
Están dotadas dun impresionante sistema de arrefriamento, con centos de pequenos vasos sanguíneos a carón das paredes respiratorias; o aire inspirado arrefría no nariz e, por tanto, o sangue que levan estes por pequenos vasos, que se fusionan despois nos que irrigan directamente o cerebro, chega alí frío.
Comportamento
[editar | editar a fonte]Espelidas, as gacelas teñen moi boa vista (abarcan até os 360º grazas aos seus grandes e avultados ollos), e poden detectar un depredador a 300 m de distancia. Tamén o olfacto é agudo, e teñen bo oído. Cando están excitadas ou preocupadas, ou para disuadiren aos depredadores potenciais, efectúan uns característicos saltos, denominados en inglés stotting ou spronking, coa cabeza e as patas ríxidas, como se tiveran o corpo entalado.[1] Estes espectaculares saltos, duns 2 m en vertical, só son superados polos de Antidorcas marsupialis, que poden chegar até os 3 ou 4 m.[2]
As gacelas son máis activas á mañanciña e ao atardecer, cando vai máis fresco. Nas horas máis cálidas do día, déitanse á sombra das árbores. Dependendo da especie, viven en pequenos grupos ou en mandas (de entre 5 até máis de 60 individuos), formados por femias e crías e un só macho adulto; estes rabaños-harén son, porén, de organización flutuante, e o seu tamaño pode variar de hora en hora. Xeralmente é unha femia vella a que dirixe o grupo, actuando como sentinela. Os machos vellos adoitan seren solitarios e presentan un forte comportamento territorial. En tempos pasados, as gacelas de Thopmson congregábanse en enormes mandas, de até miles de individuos, migrando segundo as estacións, formando rabaños mixtos con impalas e gacelas de Grant.[1]
Alimentación
[editar | editar a fonte]As gacelas son fitófagas, fundamentalmente herbívoras; as herbas curtas que consomen nos seus pasteiros constitúen até o 90 % da súa dieta, e tamén comen follas e ramiñas de varias árbores e arbustos. Adoitan beberen diariamente pero, cando as condicións dos pasteiros son secas, poden prescindir da auga durante longos períodos de tempo, se dispoñen de herbas frescas e sucosas.[1]
Reprodución
[editar | editar a fonte]Os machos reúnense coas femias na época da reprodución. Fóra deste período formaron grupos de solteiros. Os machos adultos loitan entre eles, e o vencedor reina sobre un grupo de femias. Daquela marca os límites do seu territorio, ouriñando e defecando no solo espido, e fregando as herbas e os arbustos coas olorosas secrecións das súas glándulas preorbitais. A pesar da súa aparencia fráxil, as gacelas son bastante pendenceiras e os combates entre os machos poden seren violentos.
A xestación dura de cinco a seis meses, parindo unha única cría, ás veces dúas. Estas, fráxiles e trementes sobre as súas longas patas, permanecen agochadas entre arbustos ou herbas altas durante varios días; carentes de cheiros que as protexan dos depredadores, a súa nai vai aleitalas varias veces ao día. As femias entran novamente en celo dúas ou tres semanas despois do parto. É posíbel que algunhas teñan dúas camadas ao ano.
A lonxevidade das gacelas é duns 12 anos na natureza, chegando aos 20 en catividade.
Inimigos e defensa
[editar | editar a fonte]As gacelas adultas en bo estado de saúde son moi rápidas na carreira e poden deixar atrás aos depredadores, a excepción do guepardo, o seu principal inimigo. As crías poden ser presa de numerosos cazadores, como aguias, babuínos, caracais etc., porque aínda non son capaces de correr rápido xa que son bastante torpes nas súas patas longas e finas.
Pero as gacelas enfermas, feridas ou moi vellas poden ser cazadas por leóns, leopardos, hienas pintas, licaóns, pitóns, crocodilos e até chacais.
Nalgunhas zonas concretas de África a hiena pinta é o principal depredador das gacelas.[1]
Catividade
[editar | editar a fonte]A presenza de gacelas non é moi frecuente nos zoolóxicos europeos, pero é habitual nos zoos árabes e americanos. Por exemplo, no Zoo de San Diego (San Diego) está a maior colección de gacelas en cativerio do mundo.
En Europa hai sobre todo grupos reprodutores de Antidorcas marsupialis e de impalas, que teñen a vantaxe de que, pertencentes a xéneros diferentes e monoespecíficos, non poden hibridar con outras especies de gacelas e antílopes.
As especies de gacelas que viven en medios desérticos do norte de África están extremadamente ameazadas de extinción e pouco representadas nos zoolóxicos europeos.
Nalgúns zoos europeos que albergan gacelas de Thomson e gacelas dorcas, incluíndo os parques zoolóxicos alemáns de Hannover e Leipzig, entre outros, as máis pequenas especies do xénero Gazella (en sentido amplo), comprobouse que son máis temerosas e máis agresivas en catividade e a súa aclimatación é por tanto máis delicada. A gazela dama mhorr, a chamada gacela xirafa (Litocranius walleri) e o impala (estas últimas non verdadeiras gacelas) son menos agresivas, quizais porque as femias destas especies están desprovistas de cornos.
Clasificación
[editar | editar a fonte]O xénero foi establecido 1816 polo zoólogo francés Henri Marie Ducrotay de Blainville.
A especie tipo é Gazella dorecas, que fora descrita por Linneo en 1758 como Capra dorcas.
O nome científico do xénero, ao igual que nos idiomas modernos, parece que entrou a través do italiano gazelle, que provén do árabe clásico gazāl (feminino gazāla) ou do árabe magerbí gazēl.[3][4] que, á súa vez, a omou do persa ghazâl, que significa "elegante e rápida".
Especies e subespecies
[editar | editar a fonte]A taxonomía deste xénero é confusa, e a clasificación de especies e subespecies é un problema aínda sen resolver. Chegaron a considerarse até 13 especies. Estas diferenzas taxonómicas débense á discrepancias na consideración da composición dos xéneros Gazella, Eudorcas e Nanger, estes dous últimos (con tres especies cada un) antigamente foron considerados como subxéneros de Gazella.
Das especies descritas, catro extinguíronse recentemente (Gazella rufina, G. arabica, G. bilkis e G. saudiya). A maioría das sobreviventes están consideradas como ameazada en diversos graos.
A gacela máis abundante na actualidade é a gacela de Thomson (Gacela thomsoni Günther = Eudorcas thomsonii Günther), de África Oriental, onde se coñece popularmente por thommie.[1]
Por outra parte, algúns autores tamén consideraron ao xénero Procapra como subxénero de Gazella e, por tanto, tamén denominan gacelas ás súas tres especies, as chamadas por algúns gacelas de Asia Central: P. gutturosa (gacela mongol), P. picticaudata (gacela tibetana) e P. przewalskii (gacela de Przewalski).[5]
Estreitamente relacionada coas gacelas verdadeiras, ademais das especies de Procapra, son Antilope cervicapra e Antidorcas marsupialis e Arepyceros melampus, africanas.
Segundo Wilson & Reeder, o xénero Gazella está integrado actualmente polas seguintes especies e subespecies:[6]
- Xénero Gazella
- Gazella arabica
- G. a. arabica
- G. a. bilkis
- Gazella bennettii
- G. b. bennettii
- G. b. christii
- G. b. fuscifrons
- G. b. karamii
- G. b. salinarum
- G. b. shikarii
- Gazella cuvieri
- Gazella dorcas
- G. d. dorcas
- G. d. beccarii
- G. d. isabella
- G. d. massaesyla
- G. d. osiris
- G. d. pelzelnii
- Gazella erlangeri
- Gazella gazella
- G. g. gazella
- G. g. acaciae
- G. g. cora
- G. g. darehshourii
- G. g. farasani
- G. g. muscatensis
- Gazella leptoceros
- G. l. leptoceros
- G. l. loderi
- Gazella saudiya
- Gazella spekei
- Gazella subgutturosa
- G. s. subgutturosa
- G. s. hillieriana
- G. s. marica
- G. s. yarkandensis
Porén, outros autores consideran as especies:[7]
- Gazella arabica - gacela arábiga
- Gazella bennettii - gacela da India
- Gazella bilkis - gacela da raíña de Saba
- Gazella cuvieri - gacela de Cuvier
- Gazella dama - gacela dama (Nager dama)
- Gazella dorcas - gacela dorcas
- Gazella gazella - gacela índica
- Gazella granti - gacela de Grant (Nanger granti)
- Gazella leptoceros - gacela de Loder ou gacela de area
- Gazella rufifrons - gacela de fronte rubia (Eudorcas rufifrons)
- Gazella rufina - gacela vermella (Eudorcas rufina)
- Gazella saudiya - gacela de Arabia Saudita
- Gazella soemmerringii - gacela de Sömmerring (Nanger soemmerringii)
- Gazella spekei - gacela de Speke
- Gazella subgutturosa - gacela persa
- Gazella thomsonii - gacela de Thomson (Eudorcas thomsonii)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 250-251.
- ↑ Gazelle- Encyclopédie Larousse
- ↑ gazelle en Le trésor de la langue française informatisé.
- ↑ Ferreira, A. B. H. (1986): Novo Dicionário da Língua Portuguesa. Segunda edição. Rio de Janeiro: Nova Fronteira, p.842.
- ↑ Procapra Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Tree of Life.
- ↑ Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005):Mammal Species of the World. Third edition# The Johns Hopkins University Press# Baltimore, Maryland, USA# ISBN 0-8018-8221-4.
- ↑ Gazella Arquivado 11 de setembro de 2013 en Wayback Machine. en Tree of Life.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gacela |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Gacela |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
- Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
- Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
- Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal Species of the World: a taxonomic and geographic reference. Third edition. The Johns Hopkins University Press# Baltimore, Maryland, USA. ISBN 0-8018-8221-4.