Foedus
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Foedus é o nome que recibe o pacto que estabelecía o Imperio Romano con diversos pobos e con diferentes fins. Normalmente eran de tipo político e militar dándose axuda mutua a cambio dalgunha garantía.
No caso concreto dos vándalos, alanos e suevos, que cruzaran os pasos pirenaicos no outono do 409 e se dedicaran á depredación sistemática dos territorios, observándose a fraxilidade do Imperio tan profundo que deixaba campo aberto á libre actuación dos pobos xermánicos. Progresaba así o proceso que os convertería na forza de facto no marco dos territorios que ocupaban.
Parece bastante seguro que o foedus se estableceu co momentáneo dominador da situación naquel momento na Hispania, Flavio Constancio e para ambas as partes o tratado era do máis conveniente. Desde o punto de vista xermánico porque o bandoleirismo non era forma de vida posíbel a longo prazo, a non ser que trocasen de territorio continuamente coma até agora fixeran e continuarían a facer os vándalos. E desde o punto de vista de Flavio Constancio porque garantía a estabilidade, aínda que fora dun xeito provisional, na Hispania e podería atender os asuntos que reclamaban a súa presenza na Italia e facer fronte á sublevación da Galia que estaba o ocorrer naqueles intres.
Estas circunstancias explican o porque o representante romano non se amosase excesivamente esixente á hora de repartir as terras dos seus asentamentos e non obrigándoos á contrapartida habitual nos foedus, que era a axuda militar ao Imperio en caso de guerra. A única esixencia foi que deixasen libre a provincia Tarraconense, que se debe entender como un intento de afastar os xermánicos do Mediterráneo, derradeiro reduto a unidade romana. A cambio disto e, como base do seu asentamento, concedíaselle aos bárbaros o territorio da restante provincia da Hispania.
Por mutuo acordo procederon estes ao repartimento, mediante sorteo, de tres lotes equivalentes entre tres grupos de poboación numericamente equilibrados. Aos alanos correspondeu a Cartaxinense e a Lusitania, a rexión máis ampla, pero tamén a máis pobre. Os vándalos silingos asentáronse na Bética, territorio máis reducido pero máis rico. Por fin, ao conxunto formado por vándalos asdingos e suevos foilles adxudicada a provincia da Gallaecia.
Suevos e vándalos asdingos repartíronse a provincia, que tras a reorganización de Diocleciano, comprendía a actual Galiza até o Douro, e, cara ao leste, boa parte da meseta norte. A división faise seguindo os meridianos actuais, correspondéndolles aos vándalos a meseta e terras chás, mentres que os suevos ocuparon os límites do Macizo Galaico até o mar, pero non ocuparon toda a súa extensión, xa que eran un pobo cun número moi limitado de individuos, e, segundo as fontes, estabelecéronse na súa maior parte no Convento Xurídico Bracarense, isto é, centrándose en Braga, as terras que abranguen entre o Miño e o Douro cara ao océano.